7.31.2014

Imaxes de mal gusto (?)

Chris Gunness, voceiro da UNRWA, non pode conter as bágoas nunha entrevista a Al Jazeera árabe. 

Un voceiro da ONU chora durante unha entrevista a Al Jazeera ao falar dos dereitos dos nenos e nenas, agora mortos. Un barrio desaparece nunha hora baixo o lume de Israel. Que debemos facer? Seguir emitindo imaxes atroces? Deberíamos emitir máis? Todo o tempo? Na televisión, por exemplo? Ou xa non nos afectan? Irremediablemente teño que ir ao estante, e recoller un libro, varias veces visitado, Ante el dolor de los demás. Susan Sontag escribía no 2003:
«Na era da guerra teledirixida contra os incontables inimigos do poder estadounidense, as políticas sobre o que o público debe ver e non ver aínda se están a determinar. Os produtores de noticiarios televisados e os directores gráficos de periódicos e revistas toman todos os días decisións que fortalecen o vacilante consenso sobre os límites do que debe saber o público. Acotío as súas decisións adoptan a forma de xuízos sobre 'o bo gusto': un criterio sempre represivo cando o invocan as institucións. Non exceder os límites do bo gusto foi a razón fundamental que foi esgrimida para non mostrar ningunha das horrendas fotos dos mortos feitas no soar do World Trade Center durante as secuelas inmediatas aos atentados do 11 de setembro de 2001.»
Está xustificada a difusión das imaxes máis terríbeis das guerras actuais e pasadas, porque o público ten dereito a saber delas? Ou simplemente, estas imaxes responden a unha interese comercial? É dicir, usamos as imaxes como xornalistas para intentar rematar o ataque de Israel sobre Gaza (intentando emular o que ocorreu coa cobertura informativa de Vietnam, aínda que son realidades diferentes), ou son os empresarios, coñecedores do que o morbo vende, que queren subir os seus índices de audiencias e visitas?

Discusións que, por desgraza, se veñen repetindo dende hai décadas, cada vez que nos temos que enfrontar a un novo conflito armado televisado; pois sempre hai conflitos que non lle interesan a ninguén, e non se televisan, e fotoxornalistas como a compañeira Camille Lepage, acaban por ser asasinados no medio da nada, na República Centroafricana.

Dicía Roland Barthes nos 80 —La cámara lúcida—, que «a fotografía non di (forzosamente) o que xa non é, senón tan só e sen dúbida algunha o que xa foi», e cando un asiste a diario, dende a súa casa, dende o seu teléfono móbil (en calquera lugar) a reportes fotográficos continuos de xente morta, de loitas sagradas, e de regueiros de sangue, non pode evitar ter a sensación de que está a ver unha realidade que non é, senón que xa foi, e que pronto, será substituída por outra, máis novidosa, máis actual, máis brutal, máis inxusta.

167

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...