3.31.2014

194 días de secuestro e Soraya S. S.

045
Un director de cine nunca ve unha película da mesma forma que a ve un avogado. Estar no outro lado do espello fai máis difícil que a maxia da imaxe en movemento acompañada de son, faga efecto. Esta desmitificación, a perda da aura, ocorre na maioría das profesións, sexan de contido creativo ou non. Por iso un arquitecto ou un albanel non miran unha construción da mesma forma que un condutor de autobuses. A investigación e a labor que se realiza nun ámbito determinado tende á deconstrución dunha estrutura que para ollos alleos aparece completa e sen xunturas, pero que para os expertos ou traballadores semella unha amalgama ordenada de elementos analizables por separado.

Deste modo, cando un xornalista traballa na televisión, non volve a ver os telediarios da mesma forma que os vira toda a súa vida. Tende a fixarse en detalles ou aspectos que evidencian a liña editorial da canle en particular, os intereses políticos, a omisión deliberada de información, o formato da noticia, o tiro de cámara, a continuidade temática usada para encadear dúas noticias de temática distinta, a distribución das novas na grella informativa... Xa que logo, no meu caso en particular, ver os informativos de televisión é un enfado constante, pois non considero que o discurso televisivo des-informativo que se da nas televisións españolas e galegas formule contido algún máis aló do anecdótico. A súa función radica en crear a ilusión de que o home e a muller contemporáneos poden informase sobre do que está a acontecer no mundo glocal en corenta minutos, e sen boquexar.

Por outra banda, un non pode asistir aos tele-noticieiros sen deixar de pensar na precariedade laboral que impera no mundo do xornalismo, e en como a pesares de ser quen temos a capacidade de chegar á poboación (enténdase cando se traballa en medios grandes) non podemos máis que alimentar o modelo de comunicación de masas e axudar acotío na imposición da axenda política que toque; ambas as dúas realidades, paradoxalmente, causantes en primeiro lugar, da devandita precariedade.

194 días de secuestro
Premio Ortega y Gasset de Fotografía 2009. José Cendón ©
Hai un par de meses tiven a ocasión de compartir unhas horas de conversa con José Cendón, o reporteiro gráfico que fóra secuestrado en Somalia durante un mes en 2009, e ao que lle entregaron o Premio Ortega y Gasset de fotografía nese mesmo ano. A pesar de que en ningún momento falamos directamente sobre o secuestro (e sacar o tema, tomando unha cañas, non era o máis correcto) si puidemos intercambiar opinións sobre a situación actual do xornalista como profesional asalariado. Sobre todo, coñecín a través del, a situación dalgúns xornalistas que traballan en África, como correspondentes freelance para medios españois, e a desatención ou infra-valoración que poden sufrir por parte dos que están comodamente escribindo nunha redacción mentres toman un café —quizais, dos que unha compañeira xornalista chamaba ulcerosos, eses das máquinas expendedoras, pero en calquera caso, café—.

Debido a ambas experiencias (o traballo na televisión e a conversa con Cendón), e a respecto da precariedade e da perda da maxia da televisión, non puiden evitar horrorizarme co tratamento que se lle deu nas principais canles do Estado á liberación dos xornalistas Javier Espinosa e Ricardo García Vilanova. Primeiro, por que non podo aturar a presenza de Soraya Sáenz de Santamaría, quen se apunta un tanto na súa conta co éxito da misión de rescate. Segundo, porque este tipo de noticias son carne de espectáculo e sensacionalismo. E terceiro, por que ao perderse en apertas, fotografías e testemuños (sucintos, por razóns, supoño honestas) esquécense de valorar a situación na que se atopan os xornalistas que traballan no estranxeiro, aos que en casos particulares (off the record), non lle pagan nin as chamadas internacionais aos centros de mando. E logo, cando se presentan na redacción, nin os atenden; de non ser, claro, que acaben de rescatalos dun secuestro, veñan da man da Vicepresidenta, e estean dispostos a contar en cómodos fascículos, todos os detalles do seu cativerio.


3.30.2014

O opio do pobo

044 
Os produtos televisivos son o resultado dos obxectivos que o medio televisivo trazou, e tamén os instrumentos cos que conta para acadalos. A macrodivisión canónica dos xéneros televisivos en relación ás súas funcións (informar, educar e entreter) foi, por herdanza da radio dende os comezos da propia televisión, só unha pantalla sobre a que ostentar a distinción de servicio público, baixo o patrocinio do cal ían nacendo as primeiras canles televisivas dos países da Europa occidental. Por tras diso escondíase, segue a se esconde-la verdadeira vocación do medio: o espectáculo que supedita a función informativa e maila pedagóxica ao entretemento. Ó cabo, as tres funcións redúcense a unha soa, co fin de captura-la atención do espectador e de obte-lo seu consenso a calquera prezo: esaxerando, reducindo, transformando... mesmo banalizando. A vocación espectacular da información televisiva é tan forte que, por veces, remata por se impor mesmo ó valor de actualidade.
Este texto de María Rosario Lacalle Zalduendo (traducido por Manuel Outeiriño) foi publicado no Entre o real e espectacular. A súa pertinencia, pese ao paso dos anos, fíxose se cadra máis patente ante unha televisión de factura peninsular (atlántica e mediterránea) que en dúas décadas avanzou progresivamente cara a espectacularización da maior parte dos seus contidos informativos, prestando vital importancia á realización e ao que os franceses chaman mise en scène (literalmente pór en escena) nun esforzo único por manter enganchada á audiencia. Neste senso, arredan de mostrar planos longos, de discursos complexos ou dilatados, de información que requira a atención activa do espectador ou de ideas abstractas; no mellor dos casos, e nunca perdendo de vista o rating e o share, producen programas de pretensión informativa como poden ser Salvados ou emiten reportaxes de investigación; pero sen esquecer a introdución de elementos de suspense e enigma, risco ou perigo para os xornalistas, controversia, ou inclusive un hook (gancho) escollido do sistema de estrelas televisivas (star system) —como pode ser Mercedes Milá— por consideran ditos factores como fundamentais para captar e manter a atención do espectador (cada vez máis exposto a estímulos alleos á meta-realidade da televisión, fundamentalmente a través dos ordenadores portátiles e os smartphones).
número 16 d'A trabe de ouro, en 1993. No ensaio, o discurso artellábase arredor da reflexión sobre o rol do espectador no xénero informativo da televisión, baixo o título de

A función pública e pedagóxica da televisión hai tempo que non existe (se algunha vez o fixo), e se queda unha miga da mesma, será como atopar unha agulla nun palleiro. En aras do beneficio polo beneficio, e unha rendibilidade soportada pola ideoloxía neoliberal, desbótanse todo tipo de contidos que non busquen a inmediatez, a simpleza, e o entretemento. As conversas superficiais sobre rumores de produción propia que alimentan un discurso peripatético baseado no insulto e a descalificación enchen as tardes de moitos fogares, e aínda teñen a vontade de afirmar que están a axudar a moitas persoas acompañándoas no seu día a día, coma quen lle da droga ao can do veciño para que deixe de ladrar polas noites. Unha vez foi a Igrexa, pero hai anos que o opio do pobo é a televisión.

3.29.2014

Dous anos traballando polo tecido musical galego

043
Onte, venres 28 de marzo, celebramos o segundo aniversario do clube de música, ou pub, sito en Ogrove (ou en Ogrobe ou en O Grove, pero non en El Grove) chamada Twist & Shout. Levo con eles dende o principio, inclusive de antes. Pódese dicir que cando cambiou de administrador eu fun como parte do mobiliario, dentro da cabina do DJ.

Onte non viu moita xente. Pero seguimos coa programación, como se ven facendo dende hai dous anos. Non é que haxa sempre escaso público. É que programar e apostar por música ao vivo é complicado. Máxime nula vila pequena como Ogrove, un venres, e nestas datas.

Onte foi outro día calquera, no que un modesto bar financia por unha noite as actuacións de bandas que non entran dentro do circuito comercial nin institucional, pois lamentablemente a maior parte dos grupos de música feitos en Galicia (e non amplío o espectro pois falo do que coñezo) dependen do investimento tanto particular (auto-xestión) como privado, mentres os concellos dispendian o erario público en orquestras, triunfiños ou en nomes grandes das radios de consumo mainstream.

Deste modo atopámonos nunha situación onde os cartos pagados a través dos cauces impositivos rematan financiando, non ao tecido de creación musical de Galicia, mais ao tecido de reprodución musical, discográficas, e multinacionais. O diñeiro dun vecino meco non se usa para dinamizar (esa palabra que tanto lle gusta aos políticos) a creación artística (neste caso musical) da vila, mais para alimentar un conglomerado de empresas que non participa da creación (que só reproduce éxitos musicais) coma son as orquestras, ou a artistas famosos (tanto da radio ou da televisión) que satisfacen á audiencia ao pechar o círculo vicioso de hipervisibilización-asimilación-imitación-recoñecemento que os mass media poden executar.

Agoraphobia, dende Boiro. O 28 de marzo no Twist & Shout.
Nestes dous anos foron máis de ochenta os grupos que pasaron polo Twist & Shout, e de seguro que se me esquece algún:
I am dive, Gonzalo Arca, Santiago Campillo & The Electric Band, Putan Club, PL Girls, Maltine Band, Don the Tiger, Arizona Baby, Planeta Morriña, Djow Trece, Zone, Cookin' Soul, Shota, Palito, Andoni Arcos, Bruno T Ford, Músculo, Guerrera, Los Locos Hongos, Mano de Obra, Tora Tora Tora!, Beach Beach, Disco Las Palmeras, The Telephone Rouges, Aries, Alex Casanova, Los Thyssen, The Phantom Keys, The Allnight Workers, The Limboos, Familia Caamagno, Trampoline, El Puto Coke, Ángel Stanich, LED, Pedrito Diablo y los Cadáveras, The Railroad Band, Samesugas, Durarará, Puma Pumku, La Sombra, Andámonos Con Historias, The Body of the Lito, Cremasona, Colectivo Bomba, Watios, Seiurte, Recambios Tucho, Flip Corale y los Macabros, Rick Treffers, Gypsy Gang, Pi Graos, Unicornibot, Lendrone, Cró!, Eslay Zrï, The Last Minute Experience, Ricky C. Quartet, The Boas, Pájaro, Dulce Pájara de Juventud, Psychotic Acid Freek, Diadermine, Agoraphobia, Instrumental Querido Watson, Ataque Escampe, Los Chavales, Rollercoaster Kills, Munich, Lobishome, Sr. Anido, Metralletas Lecheras, Mullet, Fantasmage, The Grave Dolls, Poëm, Johnander, Haecceidad, The Soul Jacket, De la Ría Squad, Salvation Army... E aínda os que nos quedan. Saúde e música.


3.28.2014

María Casares, posicionamento e precariedade

Foto de familia dos gañadores dos Premios Maria Casares. 
042
Ás veces pregúntome senón sería máis doado adicarme a publicar receitas, horóscopos e fórmulas, tan máxicas coma inventadas, para chegar a ser rico, aumentar a líbido, curar a gripe ou perder peso en menos de dúas semanas.

Quizais debería preocuparme máis de que os contidos que aquí quedan cumprisen coas regras da optimización do posicionamento en buscadores (ou SEO) para poder aumentar as visitas e venderlle espazo publicitario ao panadeiro da esquina, ou se cadra a Novagalicia Banco. Podería entón gañar cartos falando sobre fume, e logo venderllo ao mellor postor. Quizais isto me permitiría sair da precariedade. Aínda que o dubido, pois quizais logo de pervertir e prostituir este medio só conseguiría sacar unhas perras escribindo sobre a última esmorga de Justin Bieber. 

En todas as profesións, persoas como un servidor, formúlanse se a súa precariedade se debe a un mal posicionamento. A inestabilidade laboral  consegue que moitxs abandonen formas de facer, producir e sentir, na busca de algo que venda, e moito. Outros quedamos atrás, encirrados nos nosos principios irracionais. 

A este respecto, onte, mentres traballaba nos Premios María Casares, puiden escoitar a algúns dos gañadores e entregadores de premios falar sobre esta precariedade e verbo da falta de apoio por parte da Xunta ao teatro, aos teatros e aos actores e actrices. En especial, unha boa amiga, Trini F. Silva, mostrou a súa disconformidade co actual sistema político, e animou aos seus colegas de profesión e asistentes á gala, a seguir loitando. Xa que, a pesares de que non gañen a guerra, poderán, chegado o día, volver a vista atrás e dicir "fixémolo cojonudamente". 

 Saúde e teatro. 

3.27.2014

Arterror

041 
—Pero, para que todo isto? A moza está morta. Para que mutilar o seu pobre corpo sen necesidade? Senón fai falla a autopsia, e non imos sacar nada, ningún beneficio para ela, nin para nós, nin para a ciencia ou o saber humano, para que realizala? Sería monstruoso. 
O fragmento, de tradución propia, corresponde a un capítulo do Drácula de Bram Stoker. Lucy, xace como durmida, pálida e aliviada ao ser liberada do demoníaco vínculo que o vampiro por antonomasia creara con ela. Deixouna ir, pero Van Helsing desconfiaba, e quería seccionarlle a cabeza e extraerlle o corazón, mentres o home que máis a quixera se mostraba reticente a deixar que tal atrocidade tivese lugar.

Lin a novela hai anos. Merqueina na desaparecida libraría de pontevedresa da Michelena, xunto cun ensaio titulado Filosofía del terror o paradojas del corazón do filósofo americano Noël Carroll, profesor (polo menos daquela) de Filosofía e Arte na Temple University de Pensilvania. O autor estuda a fascinación polo terror-arte, as súas implicacións psicolóxicas, creativas e socio-culturais. Verbo a noción de terro-arte e o plano emocional, formula unha interesante definición:
Tomando pé nesta explicación das emocións, estamos agora en posición para organizar estas observacións sobre a emoción do terror-arte. Asumindo que 'eu-en-tanto-que-parte-do-público' estou nun estado emocional análogo ao que se describe como o dos personaxes de ficción atacados por monstros, entón: estou eventualmente arte-aterrorizado por algún monstro X, poñamos Drácula, si e só si 1) estou en algún estado anormal de axitación sentida fisicamente (...) que 2) foi causado por a) o pensamento de que Drácula é un ser posible, e polos pensamentos avaliativos de que b) dito Drácula ten a propiedade de ser fisicamente (e tal vez moral e socialmente) ameazador nas formas descritas na ficción e que c) dito Drácula ten a propiedade de ser impuro, onde 3) tales pensamentos van normalmente acompañados polo desexo de evitar o contacto con cousas como Drácula.

3.26.2014

As pantasmas de Granell

040
En 1997 a Fundación Eugenio Granell creou A miña peza favorita, unha actividade na que unha persoa é convidada a escoller unha peza de entre as existentes na colección, e a realizar un comentario sobre a mesma, nun intento por ofrecer una perspectiva tanto actual como persoal e diferente de posibles consideracións anteriores.

O martes vintecinco de marzo foi a quenda de Ania González, crítica cultural e comisaria, co-directora do proxecto editorial Plétora, e unha das responsables de que o Furancho de Arte Contemporánea (tristemente agora desaparecido) fora posible. Ás oito horas congregámonos no segundo andar da Fundación sita na Praza do Toural, de Compostela, para atender a un comentario heterodoxo, pedagóxico e subxectivo, verbo dunha obra cinematográfica escollida pola comisaria, rodada por Eugenio Granell no verán de 1962, na campiña da Universidade de Middlebury, en Vermont.

A película dura arredor de catro minutos e segundo afirmaba o comisario Eduardo Valiña, no texto curatorial da exposición realizada no CGAC en 2012, Eugenio Granell e o cine: unha película de vinte minutos:
«...atopámonos cunha gravación en exteriores, onde diferentes personaxes, entre eles Laura de los Ríos, Claudio Guillén, Gloria, Isabel e Laura García de los Ríos, Francisco García Lorca e Amparo Segarra, son protagonistas dunha escena campestre. A improvisación xoga aquí un papel fundamental, e converte os personaxes en arte mediante unha gravación que simplemente quere reproducir a realidade do encontro.»
A crítica e comisaria cultural, Ania González, na Fundación E. Granell.
O gusto polo complexo 
Ania González non gusta das obras porque sexan "belas ou bonitas" senón porque son "difíciles e complexas". O seu comentario quixo modificar a forma na que interpretábamos a peza de Granell, mudando a percepción da mesma dende o primeiro visionado (non comentado), ata o último. Da súa explicación e da miña percepción xurde un comentario posterior, contaminado pero honesto. É dicir, en lugar de describir pormenorizadamente o relatado e escapando da crónica xornalística pretendidamente obxectiva, presento neste artigo a impresión dun comentario do que realicei unha gravación, pero do que na súa maior parte se presentan apuntes mentais cuxo contido total non é atribuíble á comisaria a modo de cita, pero do cal ela é irremediablemente culpable.

A cinefilia, as filiacións, as parafilias e as pantasmas. A saturación derivada dunha sobreexposición a imaxes lévanos a ser incapaces de interactuar coa obra de arte de forma directa e precisamos de actuacións paralelas que nos falen do contexto de creación, do proceso de creación, da interrelación con outras obras ou artistas, da situación dentro da historiografía da arte, do background e motivo de filmación. Resultoume realmente interesante esta idea, sobre todo cando a comisaria a comparou coa vida sexual; sendo o coito o elemento directo ao que non podemos chegar, ou que xa non nos satisface, de non ser que realicemos actividades paralelas; de como estas actividades son das que realmente disfrutamos ou de como se consideran estas estas actividades desviadas da norma, e de como a súa concepción pode variar do correcto ao incorrecto, se é que acaban por suplantar ao propio acto coital. É dicir, somos xa incapaces de relacionármonos directamente coa obra de arte? Precisamos sempre botar man da análise, das filiacións ou parafiliacións, para poder gozar dunha peza, neste caso, cinematográfica?

No meu caso a comprensión de Middlebury variou durante a charla, e inferín que todo dato contextualizador resulta relevante para poder comprender a obra, xa non só Eugenio Granell en concreto, máis de calquera creador. Un exemplo claro foi o apuntamento realizado por Ania González ao comezo da súa intervención, onde comentaba a anécdota de que Eugenio Granell recibiu a cámara por equivocación postal. Que intentou varias veces retornala ao seu correcto destinatario, mais nunca o conseguiu. Foille outorgada como imposición, e pode, considero, entenderse que a súa obra cinematográfica é froito da continxencia e non da necesidade ou vontade do propio artista. Neste senso (de como as circunstancias afectan inevitablemente á creación artística) non puiden evitar recordar, e sirva como exemplo, ao escritor estadounidense William Burroughs quen matou por accidente á súa segunda muller, Joan Vollmer, durante unha festa na cidade de México en 1951; ao parecer el levaba unha pistola, e quería demostrar a súa destreza atinándose a un vaso de gin-tonic que alegre, Joan, colocou na súa cabeza, apoiada nunha árbore, ao máis puro estilo de Guillermo Tell. Obviamente, e volvendo a Granell, o seu exilio, paso e escapada de dous campos de concentración, a súa estancia en Porto Rico, a súa amizade con Marcel Duchamp e André Bretton ou o seu troskismo afectou ás súas creacións. E estas pantasmas afectaron de forma determinante na súa obra.

Como apuntaba Eduardo Valiña, no devandito texto curatorial:
«Non é de estrañar que un creador, cuxa traxectoria vital influíu directamente na súa produción, se sinta atraído e engaiolado pola imaxe. Sen dúbida o contorno, non só e entendido como o conxunto dos lugares que habitamos, senón tamén como unha situación global que supón unha época de grandes fracturas no ámbito do pensamento e da creación, favorece a disolución dos límites.»
Durante os algo máis de catro minutos que dura a película podemos ver unha constante xustaposición de imaxes. O filme confúndese mediante unha opacidade pretendidamente alterada, e as figuras aparecen medio transparentes, nunca estáticas, como as pantasmas dunha familia creada no exilio, non regulada pola concepción tradicional e instuto-patriarcal da mesma. Considerou o a crítica cultural que o que se nos quere mostrar é que unha imaxe nunca é "unha imaxe fixa senón unha veladura constante". A realidade do exilio confúndese coa realidade de Nova Iorque, América e os anos 50. Mostra un momento "intermedio, entre o fantasmagórico, o recordo dun presente que xa non é presente, do futuro incipiente, dun home des-localizado e exiliado", comentou González, e engadía cara o final do comentario:
«Quizais a representación en si mesma, como dicía Baudrillard, xa non sexa posible. E todo foi tan acelerado que nos convertemos en pantasmas, e o que é arte é a vida propia; a nosa vida xa foi tan acelerada e posta dunha maneira en imaxes que é fantasmagórica.»
«Cando se mostra que se está a mostrar, estamos a tratar a imaxe coma un elemento de coñecemento e non coma unha ilusión. Estou a ensinar, como che estou a ensinar.»  


Corolario: A Cidade da Cultura nos anos 50
O punto e final do comentario realizouno a crítica cultural mediante a novela de Eugenio Granell, Lo que sucedió, (contextualizada en Santiago de Compostela, e con referencias á opresora atmosfera da ditadura franquista) cun fragmento que semella falar da Cidade da Cultura no monte Gaiás, mais cincuenta anos antes da súa construción:
«Damiana alcanzó a ver el distante manchón que dividía en dos aquel camino. Recordó. Debía tratarse del Gran Buraco Pío. Así se le llamaba a un descomunal bache abierto tiempo atrás por una bomba. Pero ya no era ni rastro de lo que había sido. Se le reconocía ser el hoyo más grande de toda la nación, con tantos tener y algunos bien ahondados. Se mantenía al cuido —y así aumentaba— de los píos hermanos simeones. La tropa frailera lo trabajaba día a día, como si se tratase de su huerto en progreso hacia la escondida entraña del planeta. Los hermanos, silentes, laboraban allá abajo, en la casi invisible profundidad de la socavadura, con noble tesón y humilde disciplina.  
Aquella hoya creciente interrumpía la continuidad del tráfico. Por eso se veían, invadiendo las eras a sus ambos lados apelotonados montones de gentes, con autos detrás, y carros, bicicletas, autobuses, motos, carretas y algunos patines de niños pequeños. Los viajeros que tenían que continuar, que solían ser todos, no podían, por allí. Antes de proseguir por otro camino, los hermanos Simeones les pedían 'echar una manita'. Lo cual era ritual: significaba que raspasen la tierra y tirasen hacia atrás un puñado para indicar su colaboración en la obra común. Luego, dejando su tracción, podrían irse a reanudar su marcha —después de navegar en balsa durante una hora o dos por la mansa laguna— hasta empalmar el viaje con nuevos vehículos, ya dispuestos para ello el lado contrario del zanjón.  
Al principio, la gente se había indignado por las interrupciones. Consideraba absurdo que, en vez de rellenarlo, se agrandase el embudo. Aquello semejaba un monte del revés, murmuraba el comento de las muchedumbres; o un molde para oteros. Sí que era inmenso, y a cada paso más. Era, cierto, el más vasto de todos los agujeros conocidos, el más formidable del mundo, hecho a pulso por la mano del hombre. Creció el interés por el buraco y la gente tomó a costumbre de acudir hasta él, siquiera para contemplar el afán con que se debatían, a picazos y chispas contra la roca viva, los contumaces fratres simeones.» 

3.25.2014

Procesos

039
Cando un se senta ante o ordenador —antes era a folla en branco— non sabe moitas veces do que vai a escribir. O proceso discursivo sérvenos para acadar conclusións particulares ás que doutra maneira non poderiamos ter chegado. O proceso é necesario, como a lectura. A cantidade de artigos que levo escritos dende o inicio do reto dos 365 días, son en gran parte leiras a monte. Cada día, cuestiónome se a profusión e dedicación na escrita, e a obriga de escribir acotío ten algún fin, ou se este fin está xustificado. Gustame pensar que é parte dun proceso inacabado, e que a única forma de saber como rematará é seguir publicando.

Enténdase por tanto que hoxe non escribín nada. Que isto, só e parte dun proceso e dunha necesidade escritora. Como quen fala durante horas, e espera que saia o Sol para deitarse, descansar, e ao día seguinte, seguir falando.


3.24.2014

"Es muy duro ser la cara de un hombre"

038
Por moitos esforzos que realicemos para arredármonos da exposición á publicidade, escapar á súa influenza é inevitable. Dende que a Internet se converteu nun non-lugar máis onde introducir a súa presenza, hoxe en día, inclusive podemos gozar de anuncios deseñados ex profeso para nós, en base a un perfil repleto de xeneralidades, buscas e gustos.

Neste ensaio atópase a refencia ao
Sistema Máxico da Publicidade.
Dentro do que Raymond Williams denominou como o sistema máxico da publicidade, os vendedores de fume, esfórzanse por encher de contido produtos innecesarios. Na súa labor de visibilización do que venden, precisan captar a audiencia apelando aos seus gustos e sentimentos primarios. O momento no que unha coñecida bebida refrescante se decatou de que levaba anos intentando marcar a diferencia coa competencia facendo referencia ás orixinais e únicas propiedades da súa beberaxe, en lugar de vender felicidade, foi un deses fitos na historia que pasan desapercibidos, mais que definen unha época.

A venta de xaropes para curar a dor de gorxa pode facer fincapé na eficacia (o tempo que tarde en actuar e o volume de dor que elimina), no sabor, no prezo, na ergonomía do frasco... é dicir, en aspectos tanxibles, ou, polo contrario, tratar de introducir no consumidor a idea de que, ao mercar determinado fármaco, este leva equiparado un satisfactorio sentimento de superioridade, de status social, de felicidade, de satisfacción persoal, de imitación do Outro, da aceptación do Outro (sentimento de pertenza) dentro do seu círculo, de estar actualizado, ou quizais de saber mercar (o saboir faire da nosa era baseado en coñecer cal é o produto que nos ofrece unha mellor relación entre a calidade e o prezo).

No seu intento por chegar ao máximo número de consumidores dentro do seu target ou público obxectivo —compréndase para os anuncios que sexan de consumo masivo, non de nicho de mercado— os publicistas botan man de estereotipos. Estes estereotipos, considérase que definen a unha ampla maioría dos compradores potenciais; velaí, ditas categorías presumen a conduta, aparencia, e necesidades dunha parte da poboación. Poderíamos discutir se esta categorización e a unha constante exposición dá forma á realidade social, ou, se pola contra, é a sociedade a que outorga unha forma aos estereotipos dos que se valen, por exemplo, nos spots televisivos. O que ao meu parecer, resulta máis evidente, é que nos mass media advertisement prodúcese un discurso que xa por imitación ou por creación ex nihilo mostra e condiciona o como se debería ser. Xa que logo, a publicidade (o anuncio) como produto auditivo ou visual, xoga un rol importante no moldeado do imaxinario colectivo dos homes e mulleres heterodirixidxs (no senso de Umberto Eco, de persoa que non precisa pensar que ser, mais escoller que consumir).

Seguindo este razoamento, e en relación ao anuncio que da título a este artigo, unha parte importante dos homes do Estado español son futboleiros e recibiron algún balonazo na cara, seguen ao Real Madrid, déitanse con mulleres e dúchanse con homes, fan barbacoas e cando teñen a cara cansada precisan dun produto que lles axude a combater os sinais de dito esgotamento, pero sempre e cando este elixir fora deseñado só, e para eles, the men. 

Supoño, entón, que terei que cambiar de crema.

3.23.2014

A arrogancia dos vasalos do poder

037
Achégase o medio día mentres unha ducia de homes traxeados, xefes de mini-estados, camiñan polas rúas empedradas dunha cidade repleta de fíos condutores do poder. A influenza do mestre dos monicreques desprázase por uns cabos tan fortes como invisíbeis e ameaza con facer caer ao chan a aqueles que, ignorantes da súa existencia, avanzan contra a corrente.

Do seu coñecemento gozan algúns satélites que se alimentan da atmosfera que desprenden os astros nai, que os droga e os convence de que a súa forza gravitatoria é equiparable á do Sol. Deste xeito esquecen a súa condición de vasalos, cren asumir o mando cando o capitán se retira ao camarote, e a súa arrogancia, unida a unha necesidade de non lle fallar aos superiores, convérteos en especimes dunha ralea da que é mellor arredar.

(Notas a unha xornada dominical na cidade das burgas, e os pseudo-burgueses)

3.22.2014

Curmá de risco e Alicerce Vermello

036
Esta fin de semana atópome traballando nunha Conferencia de Presidentes de Gobernos Provinciais, organizado pola Deputación de Ourense, e a Fundación Democracia y Gobierno Local. Velaí que non lle poda adicar demasiado tempo á publicación de hoxe.

En calquera caso, estaba a buscar información sobre as Marchas Pola Dignidade e atopeime cun subtítulo en El Correo Gallego que dicía: "Esquerda Unida lapa a que esta mobilización sexa o inicio da batalla". O erro, é evidentemente culpa dunha tradución automática, ás que estamos, lamentablemente acostumados. Xa sei que non é tan boa como o da curmá de risco ou Alicerce Vermello (Pilar Rojo, presidenta do Parlamento galego) pero é o máis que podo facer no tempo de desconto que non lle adico a Baltar Jr. 



3.21.2014

Raxoi, unha vendeta contra a cultura?

035
Beber cervexa nunha terraza, na solaina de Compostela, logo dunha mañá saturada; perder a noción do tempo, escapar do orballo tomando como refuxio un dos múltiples bares; sentarse e que comece sen querer un concerto de jazz, ou de flamenco, ou de rock psicodélico, é, agora mesmo, practicamente imposible.

A Asociación da Cidade Vella, á que pertencen quince locais de hostelería, cancelou este mércores pola noite, provisoriamente e sine die, toda a súa actividade cultural, á espera da sinatura dun convenio co concello que regula este tipo de eventos dende hai anos.

O documento xa tiña que estar asinado dende finais do ano pasado, para garantir tanto os deberes como os dereitos acordados no vinculado á programación de actos culturais. Dende Raxoi non se negan a renovar o acordo. E a Asociación reuniuse cos administradores de Cultura o mércores pola mañá, onde se produzo un diálogo positivo. Todos queren resolver a situación.

Porén, o papel aínda non leva a tinta precisa. Adúcense atrasos burocráticos. Contraditorios rumores circulan pola noite compostelá, que dende hai dous días luce máis escura e silenciosa. A Asociación ten pendente unha xuntanza co alcalde, Ángel Currás. O medo a ser multados, dada a actual alegalidade (un dos locais terá que recorrer ou pagar 1.500 euros pola realización dun concerto), levounos á paralización das actividades, sen saber cando volverán poder programar.

Se a demora ou escollos postos por parte do concello son deliberados e se deben a un intento recadatorio, mal imos. Se temen que a programación cultural dunha ducia de pequenos empresarios lles faga sombra aos actos institucionais, imos peor. Sobre todo entendendo que son as que enchen de vida e creatividade a nocturnidade da Zona Vella e fan posible que numerosos artistas (sobre)vivan do seu traballo.

E se esta falla responde a unha esperpéntica vendeta da dereita da cidade apostólica contra a (re)creación cultural, pois quizais non teñamos máis remedio que írmonos a Praza Galicia a (re)creármonos no fantástico parque alí construido.

Continuará...

3.20.2014

O Prestige e a Conta Atrás (Dous)

034
Para cando foi o verquido do Prestige contaba eu con catorce anos e cursaba terceiro da ESO. O meu instituto, o das Bizocas, na parroquia de San Vicente de O Grove, miraba ao mar, e cando as praias se tinguiron de negro, negámonos, na clase, a estudar; puxémonos en folga e demandamos ao director do centro que nos trouxeran capachos, roupa de augas e pas, para ir limpar.

Non se atenderon as nosas demandas —que daquela, nos parecían tan importantes como razoables— mais si puidemos, durante a fin de semana que veu de seguido, baixar ao numerosos areais da península meca que se viran afectados polo chapapote.

O acontecemento deixou marca, e a miña obsesión chegou ata tal punto, que durante o mes seguinte á catástrofe, me dediquei a compilar todas as noticias sobre o Prestige que atopaba. Sentaba todos os días no chan da sala de estar, cun caderno, logo de almorzar, e intentaba recoller os datos que botaban pola televisión; fotocopiaba xornais na conserxería do instituto (ás bedeis resultáballe tan riquiño que non mas cobraban), imprimía novas da Internet... Aínda conservo as máis de cen páxinas que entreguei como traballo extra á profesora de Historia. Con anotacións e comentarios en color marrón —para separar a información da opinión— e unha valoración final, que xa non lembro, e que non teño á man.

Foi o primeiro contacto co mundo da información, e formou parte determinante na miña decisión inamobible de estudar e (intentar) traballar como xornalista. E de momento aquí estamos.


Pero o motivo deste artigo é outro. É unha campaña de crowdfunding para levar adiante a edición da segunda parte da historia gráfica asinada por Carlos Portela e Sergi San Julián, chamada A Conta Atrás, que recrea o sucedido tras o accidente do Prestige. O primeiro dos libros foi publicado en 2008 e tivo moi boa acollida entre a crítica. Manolo Rivas dixo del:
«Unha obra artisticamente madura e valente, polo que consegue esa condición de 'golpear e esgazar' que Frank Kafka lle pedía ás creacións.» 
Clicade aquí para ir á páxina de Verkami e coñecer todos os detalles.

3.19.2014

Un community manager licenciado en historia da arte?

033
Onte, ás 19:30, acudín á Sala Nobre do Pazo de Fonseca, a unha conferencia do director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid, Guillermo Solana. Un dos motivos que fixo que me desprazase en tren dende Vigo ata a capital galega para asistir este acto, foi o de que tal vez, o seu relatorio, fose, dalgún modo, interesante. Xa non só pola súa procedencia como Doutor en Filosofía, senón por que a charla tiña como motivo, algo así, como a aplicación das redes sociais nun intento por parte do modelo de exposición museística por conectar coa súa audiencia; tamén por que tras ler algunha entrevista, considerei que quizais, o Doutor Solana, deixara escapar algunha idea interesante, reflexiva ou, quen sabe, subversiva; amais de falar sobre a iniciativa de #Thyssen140, unha guía esencial sobre o museo que dirixe, e que publicou en Twitter na primavera do ano pasado.

Ao final, xa dende o comezo, nada foi como eu o imaxinaba. As cadeiras deste lugar, son moi cómodas, pero non todas miran cara o atril, e ter que pasar unha hora e media co pescozo virado non é a mellor postura para atender, comprender e interpretar, calquera sexa o tema a expor. A punto estiven de sentarme no chan.

A especie de diálogo que se produciu no comezo entre o Director Artístico e a Licenciada en Filosofía pola USC, Marta Lorenzo, non formulou, ao meu respecto, nada novo. Para cando pasaran vinte minutos, xa non prestaba demasiada atención, pois, lamentablemente non me resultaba interesante. Por outra lado, non gustaba do formato, pero iso débese seguramente a que estou acostumado ás reunións informais, seminarios e conferencias de pequeno calibre, onde, polo menos, se pode producir unha rolda de preguntas e se da lugar a un debate alén a introdución de preguntas sucintas e incontextualizables nunha plataforma como Twitter.

Porén non todo foi fatídico. Amais de atopar a unhas colegas que, afortunadamente compartían, polo menos, parte da miña opinión (saber que non es o único en discordia é reconfortante), quedeime con algunhas preguntas sen resolver, que sempre me gusta. A primeira sería a respecto do que afirmou a licenciada en Historia da Arte community manager, Marta Lorenzo, quen veu, ao final da súa intervención, dicir algo así como que un xestor das redes sociais dun museo debería ser polo menos un licenciado en historia da arte. Na miña cabeza quedou pintada unha interrogante xunto a unha exclamación, ante unha afirmación que, en primeiro caso confirma a necesidade e existencia dunha denominación (community manager) que non ven máis que ser un relacións públicas das redes sociais virtuais. E, a pesares de que sería fabuloso que o encargado da conta de Twitter do Museo do Prado fose un experto en arte e a súa historia, o que é máis importante aquí é coñecer, ao meu parecer, o funcionamento das redes socias, do márketing, das web 2.0., dos fundamentos da publicidade... As redes sociais da Internet son un escaparate onde o contido substancial non cabe por aparatoso, ou non transcende por complexo. Como ben dixo o Doutor Solana son só parte dunha comunicación fática —por exemplo, a que realizamos cando dicimos ola, sexa verbal ou non— que pretende manter unha relación non-cara-a-cara entre individuos que, dentro da súa individualidade, forman parte dunha comunidade virtual cuxo único vínculo son construccións discursivas de, ao máximo, 140 caracteres (no caso do que estaban a falar).

Precisa un xornalista ser licenciado en historia da arte para falar dunha exposición de Dalí? Pois non necesariamente. A capacidade de reter coñecementos non vai sempre acompañada dunha capacidade de divulgación. Precisamos especializármonos en temas dos que logo vaiamos falar? Si, sería o ideal. Pero o actual sistema de contratación e formación das empresas, polo menos españolas, non permiten dita especialización e en numerosas ocasións un xornalista acaba sendo aprendiz de todo e mestre de nada, o que non é necesariamente negativo, dado que a maioría das materias gozan de se misturar e lucir capacidades interdisciplinarias.

A parte positiva
Non quero con todo isto dicir que a conferencia fose unha perda de tempo. A introdución do profesor Solana presentada por un ordenador de IBM de 1982, e La idea de principio de Leibniz de Ortega y Gasset, que tivera el que mapear, xunto a un equipo de Lóxica, para facer o que todos facemos hoxe en día pulsando control+f —para buscar determinadas palabras—; amais das súas referencias á sobre-información que se converte en des-información, e que remata sendo un mero ruído ou background noise; a idea da imaxe dentro dunha imaxe (do medio dentro do medio que diría McLuhan en The Rise and Fall of Nature) do mise-e-abyme; o medo dos museos por deixar fotografar as súas obras (como se fosen a perder a aura como a denominaba Walter Benjamin na era da reprodutibilidade) e o ulterior e cínico uso dos selfies para promover e visibilizar estes contedores institucionalizados, e sobre todo, o punto de atención ao narcisismo intrínseco tanto dos usuarios da redes socias como dos museos, fixeron, da última parte da conferencia, algo, un pouco máis reconfortante.

Comezo da conferencia de Guillermo Solana. Na esquerda, La idea de principio Leibniz, á dereita un ordenador de IBM
En calquera caso, todo pintaba mal para min dende un principio, xa que como xestor dun blogue, de catro contas de Twitter, tres contas de Tumblr, e catro contas activas de Facebook (amais do Linkedin profesional, e os newsletters e mailings necesarios para cada ocasión, InfoJobs, JobandTalent, Chuza, Menéame...), tiña demasiadas expectativas no referente a aprender algo que non soubese sobre iso ao que lle chaman community management (un vocábulo que se consideraría, outrora, moi stalinista). Se lle engaden que considero que o Museo, como lugar institucionalizado de exhibición, é un modelo en fase de obsolescencia, non é sorprendente que abandonase aquela Sala, como entrara, pero cunha leve dor de pescozo e gañas de tomar un par de cañas.

Quizais o futuro da exhibición estea na gran pantalla, da que falou o Doutro Solana, no Museo de Arte de Cleveland no EUA, o Gallery One. Quen sabe.



3.18.2014

Videocartas Galiza-Berlín: un diálogo da emigración

032
Dúas psicólogas, Ana Seijo e Sandra Martínez, e dúas realizadoras audiovisuais, Sabela Pernas e Adriana Pérez, xuntaron forzas, para, coa axuda económica do programa europeo Xuventude en Acción, crear un proxecto que conectará Galiza e Berlín nunha dialéctica audiovisual baseada na interacción á distancia entre emigrantes galegos retornados e mozos e mozas emigrantes, actuais residentes na capital de Alemaña.

As promotoras, sitas en Galiza, serán as encargadas de filmar as historias dos retornados, e unha vez conseguidas as testemuñas, pasará a quenda aos rapaces e rapazas que viaxaron a Berlín na procura dunha vida que, que quizais, non foron quen de atopar na súa terra natal. 

Será na capital alemá e mediante uns obradoiros, onde os emigrantes terán que, tendo en conta a videocarta do seus familiares retornados, crear a súa propia historia audiovisual, que inevitablemente se misturará cos relatos da xente que emigrou anos atrás; amosando diferentes perspectivas dunha realidade que se ben se distancia no tempo, conta con factores en comúns, como o do intento por buscar unha vida mellor.


En definitiva, e segundo contan as responsábeis do proxecto:
"A iniciativa está concibida para crear diálogos de emigración entre diferentes xeracións e distintas realidades, e inclúe unhas xornadas de presentación, tanto en Alemaña como en Galiza, para difundir os resultados e crear foros sobre o tema."
A participación é gratuíta e precisan de colaboradores. Non dubidedes en pórvos en contacto con elas a través do correo proxectoberlin@gmail.com, ou da súa páxina en Facebook

3.17.2014

Falemos de tecnoloxía, en galego

031
Demasiadas veces teño escoitado o de que "al niño le dan matemáticas en gallego", en boca de pais e nais preocupados por que os seus fillos, cando cheguen á universidade (se é que o fan) sufran dun déficit de coñecemento perante aos seus compañeiros, ou que non saiban defenderse en universidades españolas debido á barreira lingüística.

Porén, poucas nais se queixan de que, despois do famosos decreto do trilingüismo Feijóo, aos nenos de primaria, profesores de maxisterio na maioría dos casos, lles impartan materias en inglés, sen ter unha completa capacitación para facelo, atendendo entón a clases de ciencias naturais denominadas Science —o que na maioría dos casos trae de cabeza a nais e pais que non poden axudar a estudar ao seus fillos e precisan de clases particulares—. Aprender como funciona o sistema dixestivo en inglés, de boas a primeiras, é un pequeno escollo salvable, pois é un investimento no futuro do rapaz ou da rapaza, mais falar en galego da resolución do problema 'x', é unha abominación.

Por sorte, a idea abstracta, ás veces xeralizada, da in-competencia do galego como lingua vehicular no discurso tecnolóxico vai, pouco a pouco, sendo superada. En grande medida, grazas aos numerosos medios dixitais que falan sobre telecomunicación, bits, videoxogos e electrónica, e fano en galego.

Probablemente o medio máis coñecido e visitado é Código Cero, que leva máis dunha década informando verbo de noticias tecnolóxicas, que conta cun amplo número de seguidores no seu newsletter (máis de 3.000), e que ademais ten unha edición en papel. O seu traballo foi recoñecido en diferentes ocasións e foron un dos medios que asistiron ao I Encontros 2.0, organizado por Culturadeseu.

Recoñecementos outorgados a Código Cero.
Logo da web Memoria Pixelada. Por http://gonzalosardón.com/
Os amantes de videoxogos e plataformas dos mesmos poden pasarse por Memoria Pixelada, administrada por @DonSkaltum, @NetOverflow, @AmilGZ e @MouchoBranco que afirma na súa introdución persoal:
«Houbo dous comezos entre os videoxogos e mais eu. O primeiro remóntase a mediados-finais dos 80 e a un Amstrad, un monitor monocromo, e unhas cintas que tardaban o tempo xusto en cargar os xogos para facer a modiño un bocadillo de nocilla. Eran os tempos das quests deseperadas por moedas de 5 pesos co fin de rebentar algún arcade. Logo chegou a NES e a primeira era das consolas, que deixaría momentos gloriosos nos 8 e 16 bits. O segundo comezo foi coa era das tres dimensións e a chegada ás casas dos 32 bits. Foi entón cando comprendín que ao madurar non esquecería os videoxogos, senón que terían o bonito detalle de madurar comigo. E até hoxe seguimos madurando xuntos, (van gañando eles).»
Para información sobre o sistema Android temos Mallando no Android, iniciativa en galego que xurdiu tras a experiencia de Mallando na e-ira; para os usuarios ou amantes dos produtos de Apple, A Maceira é o seu sitio web, xestionada pola axencia Ganapán Comunicación, que quere dar voz na rede ás pequenas empresas e comercios da contorna:
«Ganapán está formada por un equipo multidisciplinar composto  por Agostiño Reigosa, Antía Paz e David Lamas. Aválanos a experiencia adquirida traballando en axencias de marketing dixital como Elogia ou Tuapli, clientes galegos coma R, Pizza Móvil ou a D. O. Rías Baixas e os espazos Mallando no Android, Galiloxía ou Vencello.»
Vencello.com defínese como a:
«Vencello é a primeira rede de blogues temáticos en lingua galega, nada a partir da unión dunha serie de blogues xa creados e doutros novos creados ex profeso, que tentan cubrir un abano amplo de temáticas co punto en común de estar escritos en lingua galega. 
Mais Vencello pretende ser ademais un ente impulsor de blogues de novas temáticas, que poña en relación a persoas con intereses comúns que buscan escribir sobre un tema e non poderían ou queren levar un blogue en solitario. Con esta vontade temos en marcha un proxecto de viveiro de blogues, A Incubadora.»
Na súa web podedes consultar todos os cadernos de bitácora electrónicos que formar parte do seu viveiro, aínda que non todos están en activo. Amais de medios especializados como Tecnoloxía.org, Praza Pública e Galicia Confidencial tamén publican información tecnolóxica, e medios dixitais como GCiencia que publica regularmente noticias relacionadas co ámbito científico.

De seguro que deixei moitas cousas no tinteiro, así que se sabedes ou consultades medios dixitais en galego, sodes libres de comentar e informarme deles.



3.16.2014

Onde está a Polonia non homófoba?

Fonte: Wikipedia.

030
Durante o Goberno de Lech Kaczyński (2005-2010) a liberdade socio-política das persoas que viven a súa sexualidade con naturalidade viuse debilitada. Nos últimos anos a noticias de contido homófobo dende o leste de Europa, son tan habituais, que o discurso verbo da súa aversión ao non heteronormativo está a alimentar unha imaxe de Polonia profundamente negativa. 

Non en van, o executivo actual composto polos conservadores de Lei e Xustiza, os ultra-católicos da Liga das Familias Polacas e os campesiños nacionalistas Autodefensa da República de Polonia, deixáronnos perlas tal que así:
«Se alguén trata de contaminar aos outros coa súa homosexualidade, o Estado debe intervir» 
Kazimierz Marcinkiewicz, ex-primeiro Ministro.
«Non confundamos a propaganda brutal da homosexualidade con chamamentos a favor da tolerancia. Trátase dun tipo de loucura, e en vista disto, para eles, o noso goberno será sen dúbida unha noite escura.» 
Kazimierz Michał Ujazdowski, ex-ministro de Cultura e membro de Lei e Xustiza. 
«A prácticas homosexuais conducen ao drama, ao baleiro, e á desesperación»  
Teresa Łecka, ex-directora do Centro Nacional de Formación do Profesorado.
Ás palabras, hai que engadirlle os feitos: como a proposta anunciada o 13 de marzo do 2007 para prohibir "a promoción da homosexualidade ou calquera outra desviación" nos centros educativos de Polonia. O propósito da medida, segundo anunciara o viceministro de Educación, Miroslaw Orzechowski, era "castigar a calquera que promova a homosexualidade" dentro dos centros educativos, con multas, despedidos, ou inclusive o cárcere.

Manifestantes anti-gay son separados pola policía da Parada Rownosci en Varsovia no 2006. Wikipedia Commons. 

Moitos lembrarán o caso de intento de investigación da serie infantil Os Teletubbies por parte de Ewa Sowinska, a voceira polaca dos Dereitos do Neno, ou a prohibición da marcha do Orgullo Gay en Varsovia entre o 2003 e o 2006, coas consecuentes manifestacións de partidarios e detractores.

En xaneiro de 2013 tiveron lugar varios intentos (fallidos) por legalizar o matrimonio homosexual, e unha enquisa realizada polo instituto Homo Homini, afirmaba que o 69% dos polacos se mostraba contrario á legalización do matrimonio homosexual e o 84% rexeitaba a posibilidade da adopción homoparental. Segundo considerou o blogger Higinio J. Paterna:
«Este debate non existe na rúa e si se formulou na vida política foi polos medios de comunicación, especialmente as canles de televisión.» 
No nome do...
Segundo aparece no sitio web colombiano www.protegeatushijos.org (que ao parecer loita contra a pederastia dentro da Igrexa católica pero que non dubida en culpar á homosexualidade de todos os males) o sacerdote polaco Dariusk Oko falou da importancia dun poderoso lobby gay dentro da Curia, nun artigo publicado orixinalmente na revista polaca Fronda (n. 63, 128-160), onde falaba da, homoherexía (!):
«A homoherexía é un rexeitamento do Maxisterio da Igrexa Católica sobre a homosexualidade. Os fanáticos da homoherexía non aceptan que a orientación homosexual é un desorde de personalidade. Dubida de que os actos homosexuais estean en contra da lei natural. Os defensores da homoherexía están a favor do sacerdocio dos homosexuais. A homoherexía e unha versión eclesiástica do homosexualismo.»

A Polonia non homófoba
Obviamente, todos estes datos reflicten que un segmento da poboación de Polonia é homófobo e profundamente intolerante, sobrentodo dentro das esferas de poder máis conservadoras. Mais esta situación propicia (desgraciadamente) que directoras de cinema como Małgorzata Szumowska, filmen historias como W imie (No nome de..., 2013), onde un sacerdote católico —mentres é trasladado de pobo en pobo para axudar a grupos de mozos conflitivos ou en risco de exclusión social— loita contra o seu propio desexo sexual e coa aversión da comunidade que o rodea, conceptualizando dita contenda na relación que mantén cun dos seus protexidos, ao que ademais tratan no lugar de incapacitado e pirómano.

O retrato dunha ruralidade machista e atrasada, debúllase na ignorancia dun pobo que se afasta dunha nena que está a ter un ataque epiléptico, como quen arreda do demo; perfílase con rapaces que maltratan a deficientes mentais como divertimento; e remáchase co relato coidado (demasiado elegante e implícito no plano sexual) dunha realidade que atenta contra a moralidade imperante; nunha sociedade que sufriu a mans dos nazis, dos soviéticos e da Igrexa Católica, e que non sabe se mirar cara a Europa, cara Rusia ou cara ao Vaticano.





3.15.2014

A comunicación como ben común e a fin dos media tradicionais

029
A Internet transformou para sempre a forma na que nos comunicamos. Paradoxalmente os medios de comunicación tradicionais foron á zaga dos usuarios das novas vías de intercambio de mensaxes, nun obvio e, quero pensar inútil, intento, por conversar un status quo favorecedor para eles, e baseado nas redes tecidas durante o século pasado e o actual entre o poder económico e o político; facendo, velaí, imposible a execución dun xornalismo independente, honesto, e ao servizo da cidadanía.

A imposibilidade da independencia vén determinada polas presións constantes (explícitas ou subrepticias) que se exercen na empresa xornalística por parte da Administración, que mediante a subvención e o subsidio deixan aos media subordinados nunha posición débil, pois estes non queren morder a man de quen lle dá de comer; facendo imposible, ou moi complicado, que se realice de forma libre una labor de investigación e vixía dos estamentos políticos que —aproveitando a conxuntura— usan os medios subalternos como meras correas de transmisión. A redacción xornalística convértese nunha mera cita de mensaxes cuxo contido semántico é nulo, e cuxo obxectivo serve en numerosas ocasións única e exclusivamente a alimentar o espectáculo do debate político diario. O xornalismo actual de alcance mainstream é o pao que suxeita a cenoria que axitan diante dos nosos fuciños, para que avancemos, pero sen saber moi ben a onde.

Se non podemos contar co Estado para re-fundar o xornalismo debido a súa incapacidade para ser parcial e honesto na medida do razoable, menos podemos confiar no mercado. A sorte de presións que se viven nunha redacción por parte dos Gobernos, tamén se viven por parte das entidades e empresas privadas que financian as empresas xornalísticas a través da publicidade. Dificilmente se mostrarán informacións negativas dos patrocinadores que pagan os salarios do cadro de persoal e os dos directivos. Se temos en conta os favores colaterais, as ceas pagadas e tratos de exclusividade cos que se pretenden subornar a xefes e xornaleiros de alto rango dentro da (in)comunicación xornalística, a capacidade dos traballadores e traballadoras do mundo periodístico para ser imparciais, contrastar información, investigar e ser, ante todo, honestos, semella moi nesgada.

Se non podemos facer uso dos poderes públicos, nin privados, un posíbel futuro para a comunicación ao servizo da cidadanía, sería que fora a propia sociedade do común quen sustentase (financiase) o chamado cuarto poder en aras de convertelo nun sistema de seguridade ante roubos, fraudes, corrupción, ocultación de información, competencia desleal, contaminación e destrución ambiental, etc... Mais para isto ter éxito, os sustentadores deberían ser cidadáns e non consumidores. É dicir, deberíamos re-inventar o concepto actual de comunicación de masas como parte enxertada nunha estrutura de economía capitalista; e asemade que poboación deixase de ser audiencia potencial e número presentado aos anunciantes na venda de publicidade, e convertérense nunha parte activa e fundamental dunha comunicación construtiva, libre de presións, voluble e cambiante, acorde cos tempos posmodernos que vivimos.

En definitiva estamos a tratar de pensar na conversión da comunicación, xa non en ben público, senón en ben común ou common. É máis, non o trataríamos coma un ben (cousa), senón que o entenderíamos como parte da comunidade, dunha relación social da que non é excluible, como afirmaba o profesor da Universitat Autònoma de Barcelona, Robert Tomás, nun seminario que tivo lugar na USC, no 2010:
«É importante salientar que unha diferenza esencial entre os ben públicos e os ben comúns reside en que os primeiros son efectivamente 'bens', quere dicir obxectos ou servizos apropiables e producibles susceptibles de satisfacer unha necesidade, mentres que os bens comúns forman parte inseparable da comunidade, non son logo individualizables, nin apropiables.»
Estamos, claramente, a falar dun cambio de raíz que levará tempo, pero cada vez, xa son máis as voces que falan e reflexionan verbo da importancia do ben común, como alternativa ao público e ao privado. Un exemplo que quedou rexistrado neste blog é o da Fundación de los Comunes, invitada a un seminario que tivo lugar na Facultade de Historia e Xeografía da USC, a finais do ano pasado, e que se deu en chamar Cara a unha saída democrática da crise cultural.

As observacións de Baudrillard, feitas en 1972, a respecto da necesidade de pensar unha nova comunicación, serven de corolario a este artigo:
«É logo unha ilusión estratéxica crer nunha desviación crítica dos media. Tal palabra pasa hoxe pola destrución dos media en canto tales, pola súa deconstrución a xeito de sistema de non comunicación. Isto non implica a liquidación, do mesmo xeito que a crítica radical do discurso non implica a negación da linguaxe a xeito de material significante. Porén, isto implica certamente a liquidación de toda a súa estrutura actual, funcional e técnica, da súa forma operativa, se é que se pode dicir así, que reflicte por todas partes a súa forma social. No límite, naturalmente, é o concepto mesmo de medio o que desaparece, e debe desaparecer: a palabra intercambiada, o intercambio recíproco e simbólico nega a noción e a función de medio, de intermediario.»
(Braudrillard, "Requiem por los media" en Crítica de la economía política del signo, 1997 [1972], 212-213, citado por Robert Tomás nun texto traducido polo profesor Manuel Outeiriño, verbo do seminario "A comunicación como ben común") 

3.14.2014

Un trol no tren

028
Trol é unha práctica (no inglés un tipo de pesca) que determinados usuarios da Internet, practican. A súa intención é comentar en blogs, foros ou temas de discusión, dun modo impertinente, groseiro ou intencionalmente terxiversante, para provocar reaccións de ira no resto de usuarios e desviar a atención do tema, e viralo nun ataque ad hominem que pouco ten que ver con acadar unha conclusión, mais crear conflito e estrés.

Por extensión a práctica acabou por denominar ao practicante, e hoxe en día, podemos falar de trols ou trolls na rede. Eles fan que unha ferramenta idónea que os media teñen para recibir información ou feedback instantáneo da súa audiencia, se converta nalgunhas ocasións (se hai unha falla de moderación por parte do administrador) nunha sarabiada de improperios que ben lle poden roubar a un parte do seu tempo, pois sen querer sentímonos airados ante certo de tipo de condutas que non buscan máis que o insulto fácil e gratuíto. Ás veces picamos e ante a impotencia de non poder ter unha discusión seria cara a cara, pretendemos refutar en poucos caracteres uns argumentos tan negativos como infundados. 

Ao respecto, recordo que nunha das cola boracións que realicei para o Galicia Confidencial, verbo da clausura do Furancho de Arte Contemporánea de A Peregrina, un usuario chamado galegoexiliado, comentara: "estos proiectos estanche ben pa unha noite de copas, pero o luns hai que volver ó mundo rea". Eu que non me quixen meter (por consello tamén do director do medio) simplemente peguei unha ligazón a unha entrevista que lle realizara a Ania González, chamada Os traballadores da Cultura, en clara reivindicación da consideración da labor de artistas, creadores, críticos e comisarios como un traballo máis, a pesares de que este particular trol viñese a insinuar o contrario. 

Non lle contestei, pero non puiden evitar pensar na resposta máis adecuada; esa que describise o esforzo e dedicación das persoas que traballaron arreo no FAC durante máis dun ano, con moi poucos cartos, tratando de facer realidade un proxecto que afectou, ao final e para ben, a unha comunidade necesitada de puntos de afinidade e encontro, sobretodo para combater certo de tipo de actitudes cainitas que non fan máis que furar un bote no que imos todos. É dicir, un traballo que, se ben, xurde como inciativa persoal e autorealizante, acaba por beneficiar de forma desinteresada ás persoas que o rodean.

Porén, os trols non son unha invención da Internet. Sempre estiveron entre nós. Hoxe no tren había un. Son deses que merecen un par de labadazas; son o motivo polo que sempre hai que ter uns bos auriculares. 

Tiña unha conversa cunha rapaza, na que desprestixiaba o traballo dos revisores, nunha linguaxe tan pobre que un pode evitar darlle unha resposta que posiblemente non chegaría a entender. 

Aínda así, un nunca deixa de sorprenderse do atrevida que se voleu a ignorancia. 

3.13.2014

Debemos pagar pola creación cultural?

027
Susan Sontag, escribía de forma auto-crítica, en 1996, nun prólogo titulado Trinta anos despois... —e incluído en Contra la Interpretación (1967) para a nova tradución ao castelán que publicara Alfaguara no mesmo ano— que:
«O mundo no que escribín eses ensaios xa non existe. En vez dun momento utópico, vivimos nunha época que se viva como a fin —máis precisamente, como xusto despois da fin— de todo ideal. (E por tanto da cultura: non hai posibilidade dunha verdadeira cultura sen altruísmo).»
A real academia da lingua describe o altruísmo como: "disposición que alguén ten para interesarse ou entregarse aos demais, mesmo sen ter en conta os propios intereses". Están pois a competencia, a rendibilidade económica e a empresa que busca beneficio constante en contra da Cultura? É compatible economía de mercado capitalista coa produción cultural? Debemos pagar pola creación cultural? Debemos promocionar a cultura ou subvencionar a construción de campos de fútbol? É a cultura gratis? Que ferramentas temos no século XXI que poidamos adaptar á creación e produción cultural para evitar e precarización e ulterior desaparición da profesión de Artista?

A empresa privada e a aristocracia da cultura evitan matinar nunha solución que integre a nova realidade socio-económica e a tecnolóxica, na procura dun sistema de financiamento actualizado e máis xusto. Da súa miopía provén a criminalización de actos tan humanos como é o compartir. As súas campañas de publicidade pretenden converter en lei moral a súa forma de entender a creación cultural. Se descargas música, es unha mala persoa. Semellan formar parte dun pensamento moderno no senso de:
«...o pensamento e a práctica moral da modernidade estaban animadas pola crenza na posibilidade dun 'código ético non ambivalente e non aporético'. (...) A
Añadir leyenda
incredulidade nesa posibilidade é xustamente o pos-moderno, 'pos' non no senso 'cronolóxico' (...) senón no senso de que a maneira de conclusión, de mera premonición, os esforzos que a modernidade realizou durante tanto tempo estaban desviados, erixidos sobre bases falsas e destinados, antes ou despois, a esgotarse. Noutras palabras, que sen lugar a dúbida, a propia modernidade demostrará (se aínda non o fixo) a súa imposibilidade, o van das súas esperanzas e o desperdicio dos seus esforzos. O código ético a proba de tontos —con fundamentos universais e inamovibles— nunca se atopará e, despois de termos queima os dedos con demasiada frecuencia, agora sabemos o que non sabíamos entón, cando nos embarcamos nesa viaxe de exploración: que unha moral non aporética, non ambivalente, unha ética universal e con 'fundamentos obxectivos' é unha imposibilidade práctica, quizais inclusive un oxímoron, unha contradición.» 
 
(Zygmunt Bauman, Ética Posmoderna, 2005)
Do anterior escrito, unha conferencia de Amanda Palmer nas TED, a culpa ten. Pagar ou non pagar, pedir ou non pedir, e un berro de "ponte a traballar!", motivaron este artigo vespertino.


)

3.12.2014

A Cidade da Cultura ataca de novo

026
A semana que vén vaise inaugurar na Cidade da Cultura unha exposición de carácter semi-permanente (temporal, pero de longo prazo), arredor da auga. Logo da pedra, supoño que virá o lume, o vento e o Capitán Planeta. O orzamento, segundo fontes non oficiais, ascenderá a un millón de euros pero na súa páxina web afirman que:
«A mostra non terá custo para a Xunta de Galicia xa que estará financiada polo patrocinio de empresas privadas, acordos que se darán a coñecer proximamente.»
Espero que alguén inclúa un deses fermosos cadros chineses que semellan moverse. 

Non sei aínda de quen patrocina esta exposición (publicouse información sobre acordos asinados coa Fundación Aquae, Gas Natural Fenosa, Finsa, e Balnearios de Galicia) pero non se preocupen que esta arriscada aposta do Elefante Branco Galego versará (sen detrimento irónico dos artistas participantes):
«...sobre a convivencia de ‘Home e Auga’: unha reflexión sobre o propio ciclo da auga a través da ollada de Chema Madoz, Hans Haacke, Nacho Criado ou Jorge Perianes; a loita titánica do ser humano por dominala e capturala a través da potencia visual de imaxes como ‘Vórtice’ de Daniel Canogar ou as fermosas fotografías en branco e negro de Ursula Schulz; ou as solucións domésticas e sociais para o seu maior aproveitamento, desde recipientes de auga ou cerámica da Real Fábrica de San Ildefonso ata a cristalería pasando pola arquitectura nazarí da Alhambra. »
Ao parecer o número de óperas é tal que a disposición das obras no Museo da Cidade da Cultura vai producir certo horror vacui. Pero eu non quero concluir nada ata que non as vexa.

3.11.2014

A exclusión dos subalternxs das reunións informais de toma de decisións

025
A posición da muller dentro das relacións de poder, en calidade desigual, no que ten que ver cas reunións de carácter informal onde, con normalidade, se toman decisións de carácter económico e político, é un problema de lenta resolución. A transformación, dende abaixo, dun sistema patriarcal é lenta; a consecución da igualdade legal (dende arriba) é difícil, amais de necesaria, pero a publicación dunha reforma, decreto ou lei non supón a conversión dunha sociedade, das súas costumes, prexuízos, estigmas, vicios e conviccións.

Por reunións informais refírome aos actos que debido a unha afinidade (suposta ou real) entre as partes —normalmente varóns, brancos e heterosexuais (ou, heteronormativos, é dicir, unha aparencia acorde ao que se considere como unha conduta normal e recta), amais de fundamentalmente conservadores nas formas e nos contidos— se realizan exentas de oficialidade, nunha contorna distendida, e que serven para afianzar e reforzar as relacións de poder existentes, comprobar afiliacións, e tomar decisións. É dicir, estamos acostumados a que se tomen decisións verbo o investimento de diñeiro, contratación de persoal e emprendemento empresarial, na sobremesa da terraza dun discreto restaurante.

A exclusión da muller deste tipo de citas informais é o que provoca un alto nivel de desigualdade nos postos de poder que esta ostenta. Lamentablemente en numerosas ocasións, vénse supeditadas ao macho ibérico e ou galaico, que as trata máis coma unha compañeira de camiño (por non usar palabras máis directas) que a como a guía do carro.

Na construción das estruturas que compoñen o tecido económico, social, político e cultural do mundo que nos rodea, tanto o xénero como a condición sexual xogan un papel fundamental. Se ben hai excepcións á regra, o home homosexual tamén é excluído de certos círculos onde os detentores do poder fan gala da súa heterosexualidade; as arquetípicas reunións de caza dos senadores, congresistas e empresarios estadounidenses, onde Dick Cheney lle disparou por accidente a un dos seus compañeiros, na cara, visita a bares de alterne, ou locais onde as mulleres bailan lixeiras de roupa. A excepción, nestes casos, pode cumprirse se o home homosexual (a pesares de que me gusta pouco a categoría, aceptemos polbo como animal de compañía, en aras da economía lingüística) aparenta non selo —de acordo coas convencións sociais do momento—, e aínda sen negar a súa condición sexual (outro vocábulo interesante...) non fala directamente das súas preferencias, intimidades ou experiencias de carácter homosexual. É dicir, non incomodar ao resto, por que unha cousa é ser marica, e outra moi diferente é ir por aí facendo gala do mariconismo. En definitiva, hai que ser, como escriben nos clasificados do xornais algúns anunciantes, discreto.

Captura de pantalla de www.realacademiagalega.org
Se chega o cambio, transformación ou conversión destes paradigmas de actuación, chegará dentro dun tempo imposible de estimar. Mais polo momento podemos comezar a decatarnos, e facer que a xente que nos rodea se decate, de que non hai conduta desviada e punible se esta non atenta contra a liberdade e integridade do Outro. Iso, dende abaixo. Dende arriba poderían dar exemplo e facer o que a Administración Obama, e equiparar a homofobia ao racismo. E a Putin mandalo a Madagascar. E xa de paso engadir ao diccionario electrónico da Real Academia da Lingua Galega a palabra homofobia. Grazas.

3.10.2014

Cando Wall Street é o teu caseiro

024
En xullo do ano pasado o fondo de capital risco Magic Real State Blackstone mercou 1.860 vivendas en aluguer á Empresa Municipal de la Vivienda y Suelo de Madrid (EMVS) por valor de 128,5 millóns de euros. Responde a unha tendencia iniciada nos EUA hai algo máis dous anos na que os maiores inversores institucionais do mundo (Goldman Sachs, JP Morgan, Citigroup ou Deutsche Bank) intentan sacar beneficio dos pagos mensuais de vivendas compradas en subastas de inmobles desafiuzados debido a impagos ou execucións hipotecarias (foreclosures).

A finais de 2012 Mark Alston, un broker inmobiliario de Los Angeles, segundo informan en Mother Jones, percatouse de que os prezos das casas comezaran a subir de forma anormal (non respondían a unha tendencia ascendente da demanda de compradores de casas) tan rápido como un 20 por cento anual. As vendas da maioría dos inmobles situados nos barrios do centro das cidades realizábanse a executivos traxeados, en pagos en efectivo.

A industria financeira defende que este tipo de compras non se realiza para reformar os inmobles e vendelos a un maior prezo (fliping), senón que pretenden revitalizar o mercado inmobiliario facendo máis accesibles a venda e aluguer destes inmobles a familias que doutro xeito non poderían asumir o custo da mesma. Ao respecto, o pasado mes de abril adquiriron nun só día 1.400 casas en Atlanta, e para cando xa estabamos en novembro, Blackstone, xa adquirira 40.000 deste tipo de vivendas.

O que, porén, están a conseguir, é, ao parecer, monopolizar o mercado de compra e aluguer de vivenda botando do mesmo ás familias e compradores individuais, que se ven incapaces de competir con estes grandes inversores.

O problema, e motivo do artigo, é ter a Wall Street como caseiro. Poñamos por caso que Blackstone, que xestiona un grupo de vivendas, arrenda unha casa a Mr. Porter, que paga relixiosamente o seu aluguer. Blackstone promete de forma moi optimista que todo o mundo vai a facer o propio e ingresar mensualmente esta cuota, que á súa vez, é a que nutre a un número de inversores que prestaron os cartos a Blackstone, con idea de sacar un beneficio.

Se todo o mundo paga, todo vai ben. Pero no momento no que un alto número de inquilinos deixa de pagar o seu aluguer, os inversores deixan de percibir líquido (é dicir, perden cartos) e un dos métodos que teñen para conseguir ese diñeiro e vender a vivenda, coa consecuente posta na rúa dos seus habitantes.
Extracto dun infográfico de Bloomberg realizado por Dave Merril.

Non entendo demasiado sobre economía, pero a situación, segundo expertos no tema, pode rematar nunha crise inmobiliaria, con moitas casas baleiras e xente na rúa. A historia volve repetirse? Non o sabemos pero como afirma Dean Baker —economista e director do Center for Economic e Policy Research— na Mother Jones:
«Podemos rematar perfectamente nunha situación con moita xente sendo desafiuzada, non porque os inquilinos deixaron de pagar, mais por que os caseiros o fixeron".  

3.09.2014

O retiro dos libertarios apocalípticos

023
Imaxínanse que Rodrigo Rato, Amancio Ortega e Julio Fernández Gayoso decidiran ir vivir para o norte de África, e mercar unhas parcelas de máis de 4.000 hectáreas, coa idea de vendelas a compradores, que como eles, entenderan que o euro e o sistema monetario europeo e internacional estivera a cinco ou dez anos vista de colapsar?

Que considerasen que o capitalismo como modelo de produción estaba a piques de se esgotar no mundo occidental e que por iso decidiran coller os seus cartos, pistolas e mel orgánica e xubilarse en terras non arrasadas polo neoliberalismo, pero con idea de sementar o terreo para que este poda xerminar en terras fértiles?

Pois cambien vostedes aos empresarios e políticos españois por apocalípticos libertarios estadounidenses, e o norte de África pola costa Chilena, e teñen unha imaxe do que está a ocorrer moi preto de Valparaíso, nun lugar que denominaron Galt's Gulch (A Barranca de Galt), en referencia ao reduto montañoso do protagonista da Rebelión de Atlas, o bestseller de Ayn Rand, biblia do soño neoliberal estadounidense. E non é o único. A idea ao parecer xurdiu da man dun misterioso escritor de newsletters chamado Simon Black. O seu refuxio ten por nome Sovereign Valley Farm (A Granxa do Val Soberano) e está situado no sur de Santiago de Chile; nunha conferencia que organizou o ano pasado na capital chilena afirmaba que "aínda queda por vir moito máis caos", "será un fenómeno a nivel mundial; os Estados Unidos non poderán escapar del".

Premonitorio
Todo isto e máis, vén moi ben relatado nas primeiras páxinas do último número da Mother Jones, que chegou a semana pasada á miña caixa de correo. Se hai algún motivo —amais de practicar a lectura en inglés—, polo cal pago relixiosamente cada ano a miña subscrición a esta revista estadounidense, é por que o seu xornalismo de investigación baseado nas achegas dos lectores, en publicidade non invasiva, e algunha que outra reportaxe financiada por universidades, é que tende a ser premonitorio. Moitos dos problemas que se evidencian nos EUA adoitan ser noticias que meses máis tarde ocorren (se evidencian, se contan) na nosa parte do mundo.

E non é que os problemas coas inxeccións a presión de residuos tóxicos na terra, a actividade sísmica derivada do fracking, a investigación e utilización de enerxías máis limpas no exército, as crises financeiras, a excesiva robotización das transaccións bursatís, as graxas trans, o maltrato de animais nas granxas de produción... ocorresen primeiro alá, e despois aquí. O que pasa é que a inversión que se adica á investigación xornalística nos EUA é maior que a que realizamos nesta parte do mundo; e por iso estamos sempre á zaga, e nos temos que conformar con ver o que están a facer os que van en primeira liña.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...