2.13.2014

Reto: 365 días, 365 posts

O tempo libre acumulado entre unhas poucas horas como profesor de inglés e disc-jockey, sumado a un episodio esperpéntico no que un experto na lingua galega considerou apropiado excluírme (cun cero de nota) dun posible posto de traballo como redactor na Radio Galega, por que ao parecer eu falaba en chino mandarín (viva a alienación lingüística!) resultou, ao final dunha viaxe en tren ata Vigo, en Culturadeseu, a idea.

O 8 de febreiro do 2012 publicouse a primeira reportaxe, e logo de dous anos, xa van unhas corenta. Non todas son fillas predilectas. Algunhas, non son coherentes. Pero, todas, as parín eu; e por iso, me sinto orgulloso.

Porén, hai máis dun mes, que entre a preguiza, o traballo remunerado e as resacas (algunhas en formas de catarro) non dou escrito nada. De aí que leve dende o comezo do 2014 matinando nunha idea. A que da título a este post: un reto.


Os que seguides a youtubers sabedes que esta xente se dedica, ás veces, a realizar retos (challanges) e a gravárense mentres os realizan. Normalmente non son accións transcendentais, e teñen máis que ver co esforzo físico, facer algo estúpido, beber alcol, ou ensinar cacha... Se ben, a min, me parece estupendo que o fagan, pensei que, xa que preciso combater a preguiza, buscar tempo para escribir, sacrificarme, e sentarme fronte ao ordenador para máis que para buscar gifs no tumblr, a idea de crear un reto, era perfecta. Se a isto lle sumamos a necesidade de publicar de forma regular que comportan os media dixitais para mantérense vivos e en conexión coa audiencia, máxime nunha modernidade líquida, onde as modas cambian con cada trending topic; 365 días, 365 posts, veume como unha luva.

Embárcome neste periplo aínda sabendo que, como veu dicir Xosé Manuel Beiras cando lle propuxeron publicar semanalmente no Galicia Hoxe (no 2005), vaia a publicar unha chea de sin-sentidos. Arríscome, pero a miña intención non é caer na enfermidade cuantitativa na que estamos inmersos (número de asistentes, número de mortos, número de votos...), aínda que obviamente ao escribires todos os días, dende aquí ata o ano 2015, e facelo ben, (xa mesmo facelo) non será doado.

Este reto é unha forma de me lembrar cada día daquel crédulo rapaz que con quince anos soñaba con publicar cada xoves na contraportada de El País, xunto a Maruja Torres. Agora, El País, dáme igual. Maruja, sempre será grande. E, así estea con 40 graos de febre, penso publicar todos os días.



2 comentarios:

  1. Xa dous anos? Cómo pasa o tempo Manu... Noraboa e a ver se es capaz de cumplir o reto ;)

    ResponderEliminar



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...