'JALISIA FANECAS' ten moito que ver coa filosofía e razón de ser do FAC pois do mesmo modo que este espazo-proxecto artístico auto-xestionado pretende hospedar o excedente cultural (como o viño no furancho) que semella non ter cabida nos circuítos institucionais e comerciais da arte, a exposición de Vites quere chamar a atención verbo da numerosa produción artística de Galicia que permanece invisible, nun símil coa pesca de fanecas nunha sorte de abundancia desvalorizada. A gheada e o seseo, centran o foco sobre as diferentes formas de expresarse, lingüística e artisticamente falando, e como poden ser exlcuidas de determinados ámbitos pola condición minoritaria.
A obra de Diego Vites presentada o pasado venres día 23 de novembro, que comprendía traballos realizados entre o 2008 e o 2012, e que estará exposta ata o 7 de decembro, non deixou impasible a ninguén. Entre as habilidades do autor atópase a de 'con-mover' ao espectador, ben polo abano cromático, ben pola pincelada, ou a agresividade que as figuras denotan en moitas ocasións.
Xogando cos significados e conceptos do que é ou non é arte, e interesado pola visibilidade e invisibilidade do autor nos lugares de (in)visibilización artística —un bo exemplo é a última creación denominada Ser Xesta, que cubrimos hai uns meses, e que tamén se pode atopar en Plétora— Vites creou unha obra para a ocasión, unha reminiscencia do efémero, onde parecía estar sentado nunha cadeira, nun recuncho da exposición, cuberto de follas secas de outono.
Formulada como un todo, nun percorrido pre-deseñado, a obra exposta desprende a personalidade do artista. Lenzos con debuxos de homes espidos dos que sae un terceiro brazo —detalle, o de modificar a naturalidade do corpo, por certo, presente en varias das obras—, cadros nos que se xoga co soporte, coa mobilidade da obra e o súa interacción co chan-parede, ou unha escada situada a carón dun palé sostido por barras de obra e atado á viga do propio edificio (para que o espectador puidese obter outra perspectiva da mostra), foron os elementos centrais situados no galpón. Ademais, na entrada ao galpón, nunha especie de túnel, tiñamos un televisor cun clip de video dun equipo de baseball amateur xaponés que, casualmente, se chama Vites.
NON TRABALLAR NUNCA
Eran as palabras que se lían nun cartaz que presidía o galpón, e que están relacionadas co Maio do 68 sobre unha pintada situacionista. Son, para o artista, un intento por reivindicar o traballo do creador, que se ben nalgúns círculos pode non ser considerado como traballo de verdade, se trata dunha tarefa continua de busca na expresión de ideas e emocións, que non comprende de horarios laborais, nin de necesidades fisiolóxicas. Xa non só ao falar do proceso interno de xestación da idea, mais tamén da propia execución da obra e posterior exposición e montaxe. Unha labor, que sen ironía, pode resultar esgotadora, debido a esixencia de abstracción, elaboración discursiva e posterior plasmación física e química.
Nese lugar místico que é o remolque do bosque, puidemos asistir a unha montaxe de ramas e madeiros que semellaban arder de cando en cando, xa que unha máquina deixaba escapar golpes de fume. Unha metáfora, para Vites, sobre esa arte que non quenta, que só é fume.
Corolario
Deixo fóra desta reportaxe máis reflexións sobre a exposición. Pero é que podería adicarlle horas á obra de Diego Vites. É que, cando un vai á exposición dun amigo, tende a deixarse levar. Admito pois a miña falta de imparcialidade. Pero non teño pretensións de ser obxectivo. Non podo. Pois non son obxecto, mais suxeito. O día que sexa obxectivo será —seguindo o razoamento— por que estou nunha caixa, no panteón familiar.
Si lles podo prometer, porén, que o dito (sic), desborda honestidade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario