8.31.2014

Os licenciados poñen copas

Cada vez queda menos para moitos. Chega setembro e os anuncios de La vuelta al cole rebordan do marco televisivo, para encher as nosas salas de estar de cadernos e lápis de cores Alpino. As rúas de Compostela volverán estar repletas de estudantes coma se o verán fora un simple simulacro de evacuación.

Os de primeiro ano pensarán sabelo todo, pois xa teñen —polo xeral— a maioría de idade. Xuntaranse nunha clase con ducias de persoas descoñecidas coas que acabarán por compartir horas e horas, forxando, sen querer, amizades para longo. Haberá quen deixe a carreira, e non volva ao ano seguinte. Haberá quen critique todas a as materias pero nunca suspenda unha. Haberá quen pase a tarde na biblioteca, e haberá quen chegue todos os días tarde e pida os apuntamentos cada semana.

Pasarán as xornadas e ninguén se decatará do rápido que o tempo se vai. No segundo ano haberá quen xa non está, haberá grupos definidos, amizades e inimigos. Preferencias, pisos compartidos, resacas e constipados. E virá o Ecuador. Haberá quen vai de viaxe, e quen non. Quen se molle e quen pase das ceas de grupo.

O terceiro ano, moitos irán de Erasmus, de Séneca, de Convenio Bilateral ou trasladarán o expediente a outra Comunidade. Coma antes, todo isto ocorrerá moi ás presas, sen a penas un segundo para pararse e decidir que facer coa vida persoal.

Nos anos que restan, todo depende de quen quede no tren. De quen se encargue da orla e o acto de licenciatura —agora graduado, claro, desculpen que eu son doutra xeración—, das materias pendentes, dos conflitos cos profesores, das iniciativas particulares, da posición monetaria, da familia, dos amigos, da vocación, da saúde...

Haberá quen quede na facultade coa intención de sacar o doutorado, realizando traballos de investigación; haberá quen estude outra carreira, ou quen realice un master; haberá quen atope traballo ou acabe de bolseiro durante catro anos, cobrando unha miseria e traballando coma o que máis; haberá quen deixe todo e volva á casa; haberá quen acabe poñendo copas para os estudantes de grao, escoitando as conversas sobre os exames, os traballos, as titorías, os compañeiros de piso, as borracheiras, os profesores tiranos, as prácticas... e mentres o faga, tras a barra, terá a impresión de vivir cada noite un déjà vu constante, e a reprimida necesidade de achegarse, botarlles un licor café, e dicirlles que aproveiten o momento, que todo se acaba e que non deixen nunca de darlle as grazas aos camareiros que lles poñen as cañas, pois Santiago é unha desas cidades onde non é estraño que quen nos trae o café sexa doutor en Física.

198

8.30.2014

O homosexual na pantalla (III)

Saíndo do armario

"Estaba enfermo de que a xente, e inclusive xente gay, me dixera que era máis fácil ser gay agora. Quizais é máis fácil ser gay unha vez estás fóra do armario. Pero non creo que sexa máis fácil saír, non máis do que algunha vez o foi."
(Wilde, en Fouz-Hernández, 2008, School is out: the British ‘Coming out’ Films of the 1990s)

Fotograma de Get Real
Patrick Wilde escribiu a finais dos noventa What’s Wrong with Angry, unha obra teatral na que se baseou Simon Shore para filmar Get Real (1999). Xunto con Beautiful Thing (McDonald:1996), este filme é un perfecto e clásico exemplo de “saír do armario” –comming out— dentro das películas británicas deste xénero, que conta cunha filmografía máis extensa e comprometida que a española.
Ambos filmes teñen basicamente o mesmo storyline: un mozo gay arredor dos 18 anos, que se atopa descubrindo a súa homosexualidade e que a recoñece, e outra personaxe que está confusa sobre o que realmente sinte e que ten un primeiro encontro sexual co protagonista. Ambas cintas están concibidas como en Priest con paralelismos entre luz/público e escuro/privado. Nas dúas películas a escola (especialmente os patios, onde teñen lugar a actividades deportivas) e a casa familiar (a excepción dos dormitorios dos protagonistas que funcionan como armarios onde a acción homosexual ten lugar) están gobernados pola lei heterosexual y en consecuencia se converten en espazos de masculinity performance. En contraposición, o espazo homosexual está construído en espazos pechados coma un bar, un baño público durante o día, ou, pola noite, o bosque.

Ambas cintas acadan o seu clímax cando a distinción entre estes territorios previamente delimitados se difumina, e se cruza a fronteira, inferindo un achegamento máis o menos asimilacionista onde a homosexualidade podía ser aceptada como un estilo de vida e non só como unha serie de actos illados, e o que é máis importante, onde é lícito cruzar os lindes daqueles espazos que reteñen os intereses estatais para o control da homosexualidade.

En relación aos mozos frustrados, inseridos nun mundo de “masculinidade”, en ambos filmes Get Real e Beautiful Thing, na escola “o fútbol dálle ao mozo a resposta o problema de como reconciliar o seu desexo erótico, o seu 'feminino' amor polo 'masculino', coa súa ansia de ser un 'macho'" (Simpson cit. en Fouz-Hernández, 2008:152). Os rapaces descobren que o fútbol os sitúa nun universo de homes, onde poden gozar da compaña doutros homes, e do espectáculo do seus corpos.

Por outro lado, indagando un pouco máis nos estereotipos representados, as materias na escola como Teatro ou Literatura, son vistas como algo relacionado co gay e o feminino. Isto atópase en conexión coa crenza de que un profesor afeminado pode “converter” aos seus estudantes en persoas afeminadas. Nos anos 20 en EE.UU, algúns profesores considerados como “amaneirados” eran determinados como non aptos para os postos de mestre, en parte, debido a que se cría que non servían como modelo a seguir para os rapaces. Un psicólogo explicaba a suposta ligazón entre afeminamento e homosexualidade cando escribiu isto, facendo fincapé na misticidade do mesmo:

«Estes homes [homosexuais] producen unha aura de afeminidade tan sutil que é difícil de describir. O feito de que exista demostra a sobrenatural facilidade que os homes homosexuais teñen para recoñecérense entre eles, normalmente de forma instantánea.»
(citado en Blount, J. M., 2000, Spinsters, Bachelors, and Other Gender Transgressors in School Employment, 1850-1990)

No coming out filme Story of a Bad Boy (Donaghy:1998),  esta realidade é palpable. O pai do protagonista e un adestrador de baloncesto que ve como o seu fillo “camiña raro levando botas”, e intenta “curalo” apuntándoo no seu equipo de baloncesto. Porén, o rapaz termina por unirse ao grupo de teatro en contra dos consellos dos seus compañeiros de clase que lle advirten que: “that’s for queers”.

Fotograma de Beautiful Thing.
Porén, McDonald intenta romper con estas dinámicas en Beautiful Thing,  onde a adestradora é unha muller, e onde unha nai solteira xoga o papel “masculino”, en vez de ser a perfecta ama de casa.
O que podemos denominar como “heterosexualidade compulsiva” está tamén presente nestes filmes. En Get Real, as diferenzas de xénero entre o protagonista Steven (Ben Silverstone) e John (Brad Gorton), estabelécense en relación co deporte e o grupo de amigos. John e a estrela do equipo da escola. A súa identidade masculina vese reforzada por seu grupo de colegas, ou, en termos angloxsaxóns, macho wannabies. El confésalle a Steven que comezou a fumar por la “presión de grupo”, o que suxire que esta mesma presión o forza a actuar de forma “normal”, e ter unha moza. A sensación de heterosexualidade compulsiva —compulsory heterosexuality— neste grupo de deportistas é tan grande que os colegas non cuestionan a condición sexual de John cando o atopan abrazando a Steven nos vestiarios.

O rexeitamento por parte de John da súa homosexualidade contrasta fortemente coa cómoda actitude de Steven sobre a súa sexualidade. Cando este lle fala a John sobre anteriores relacións, John cambia de tema e reafirma a súa heterosexualidade falando sobre os seus adestramentos e as súas preferencias futbolísticas.

Os tres filmes – Get Real, Beautiful Thing, Story of a Bad Boy— falan sobre o coming out process desde diferentes puntos de vista. En Get Real, Steven sae do armario durante un discurso na escola, pero John rexéitao e prefire non contar a verdade. En Beautiful Thing, o protagonista e o seu mozo (o veciño que vive ao lado), acaban xuntos bailando Mama Cass diante da veciñanza, desafiando tabús. E en, Story of a Bad Boy, o protagonista termina só, nunha estación de autobús, e decide coller un autocar destino Nova Iorque, buscando liberdade.

Sen estar libres de estereotipos facilmente identificables, estas películas, son intentos de contrarrestar a ausencia de imaxes positivas sobre a homosexualidade na etapa escolar e pre-universitaria. Ao ter a dous mozos da mesma idade mantendo relacións homosexuais, estes filmes elixen darlle á volta, como comentei antes, á lóxica inconsciente de que a homosexualidade só pode existir como resultado da sedución de menores por parte dun adulto pervertido.

Conclusións
Cos exemplos analizados anteriormente, intentei mostrar certos estereotipos do home homosexual presentes no cinema británico e americano, e aínda que non me detiven en valorar arquetipos negativos, presentes noutras películas de temática non-gay, podería ser perfectamente outro tema a analizar. Na miña pequena indagación achei que existen estereotipos positivos sobre o home homosexual, e que o cinema como discurso pode servir como ferramenta para achegar o mundo gay ao público xeral, lonxe de vagas representacións reflectidas e saturadas polos medios de comunicación de masas, como a prensa, a radio e a televisión.

Por suposto non existe unha fórmula instantánea para mudar os pre-conceptos da sociedade. Porén, xa que os prexuízos se asentan no descoñecemento, no mal entendemento e na ignorancia, o cinema pode ser un potente utensilio para previr á expansión e penetración desta ignorancia e practicar, unha anagnórise colectiva, ou algo polo estilo.

O poder dos estereotipos é maior do que a xente adoita pensar. A representación da sexualidade na pantalla pode ser vista como un reflexo especular do que a sociedade é, pero a maioría das veces é a sociedade a que imita á pantalla. Como xa advertín nalgún outro comentario, o problema non se atopa no medio en si, nin na audiencia. O foco deberíase por na mensaxe que se emite, e sobre todo nos promotores desa mensaxe.


197

8.29.2014

O homosexual na pantalla (II)

Analizando o estereotipo gay: o cinema como discurso

"O sodomita fora unha aberración temporal; o homosexual era agora unha especie."
(Foucault, History of Sexuality, Vol. 1)

A categoría médica, psicolóxica, e psiquiátrica da homosexualidade foi constituída por primeira vez cando foi determinada —o artigo de Westphal do ano 1870 onde menciona “sensacións sexuais contrarias” pode ser considerado como o punto de inflexión segundo Michel Foucault— menos como un tipo de relación sexual, e máis como unha certa calidade de sensibilidade sexual, un modo determinado de inverter a masculinidade e a feminidade de cada un. A homosexualidade apareceu como un tipo de forma de sexualidade cando foi trasladada desde unha práctica de sodomía, a un tipo de androxinia interna, un hermafroditismo da alma.
Atendendo a este último parágrafo e tendo en conta que os media teñen unha gran capacidade para imprimir significado sobre aquelo que non é familiar, nin habitual, e tendo en conta, por outro lado, que a homosexualidade foi e segue sendo reprimida e expulsada da vida pública e visible, paréceme interesante indagar na creación do estereotipo do home homosexual na pantalla, en particular no cinema.  

O rol definidor e representativo do cinema xoga un importante papel no proceso de propagación e caracterización de prácticas culturais, estereotipos, hábitos... como Richard Dyer xa ten comentado:
«Ningún grupo social pode permitirse ignorar a importancia do cinema...[este] actuou como un repertorio de imaxes de como é a xente e como debería ser, as imaxes son tanto producidas pola cultura como participantes activas na produción dun pensamento xeral e sentimento verbo da mesma.»
(Dyer, R., The Role of Stereotypes, 1993)

A continuación presento unha análise de diversos filmes (que será publicado en diferentes días) relacionados coa homosexualidade masculina, que me servirán de pretexto para citar outras cintas do queer cinema, e diversos estereotipos sobre o home homosexual presentes nas mesmas, co fin de acadar una conclusión satisfactoria:

The Priest
“A inclinación particular do homosexual constitúe unha tendencia, máis ou menos acentuada, cara a unha conduta intrinsecamente mala desde un punto de vista moral"  
(Ratzinger, J. citado en Nicole Muchnik, La Iglesia y la persecución, El País 02/03/09)
                
Unha das institucións que danou seriamente a imaxe dos homosexuais é, segundo o meu punto de vista, a Igrexa Católica. Difamou e perseguiu aos homosexuais no pasado, e hoxe en día continúan promocionando discursos anti-homosexuais, etiquetándoos como “desviados”, “confundidos” e “e enfermos mentais”, a pesares de que o Papa Francisco I, rebaixase o ton do seu antecesor, Bieito XVI.

O filme de Antonia Bird, Priest (1994) describe moi ben como o establishment católico lidia coas persoas homosexuais. Nesta cinta Father Greg (Linus Roache), é un mozo e atractivo sacerdote que acaba de chegar a unha pequena parroquia inglesa, onde terá que vivir con outro sacerdote, o Father Mathew (Tom Wilkinson). Greg e Mathew non se levan demasiado ben ao comezo debido a actitude do segundo, quen adoita dar un carácter político aos seus discursos a favor do Partido Laborista.

Durante o día o Padre Greg é un perfecto católico pero cando chega a noite cambia o hábito por unha cazadora de coiro. Este coñece a un home nun gay club, e déitanse. Ao principio a relación se representa como algo puramente sexual, unha necesidade física de Greg que evitar calquera tipo de contacto sentimental. Porén, nun destes encontros son atopados bicándose nun coche. Toda a parroquia se enteira de que o novo sacerdote é homosexual, polo que é rexeitado e intenta suicidarse cunha sobre dose de tranquilizantes. O Padre Mathew sálvao, pero o bispo ailla a Greg da Igrexa, e o persuade para que abandone o hábito.

No filme, escuro/privado e luz/público son binomios usados de forma metafórica. O primeiro significa: noite, gay, sexo, maldade, pecado; pero verdade. A luz e o público se relacionan co día, heterosexualidade, o celibato, o bo, e a mentira. Greg non recoñece a súa condición sexual ata o fin da película. 

Intentando “iluminar” a xente da parroquia, o Padre Mathew chama a Greg para que realice o seu último sermón. Cando chega á misa, os veciños comezan a murmurar. Logo, algúns deles érguense dicindo: “should I show respect for that thing?”, “leave my children with that monster?”. Son o exemplo perfecto da clase de imaxe que a Igrexa emite sobre as persoas homosexuais. O home gay convértese:

«nun obxecto imposible, un monstro que so pode ser procreado nun proceso de corrupción a través da sedución, que en si mesma inexplicable, dado que a familia tradicional non posúe ningunha teoría do desexo máis aló da supostas "necesidades" da reprodución.»
(Watney, S., 1993, The Spectacle of AIDS, in: The Lesbian and Gay Studies Reader)

Resulta interesante a idea que teñen os pais dos seus nenos sendo seducidos por esta “pervert abomination”.  Unha mostra, penso eu, de séculos de estigmatización e criminalización da xente gay, e todo aquelo que non se adapta á norma. Todo deviant é penalizado, discriminado, e posto fóra de vista. Esta película serve como un exemplo da capacidade de xerar discursos dunha institución como a Igrexa, pero tamén da capacidade do cinema de denunciar este tipo de estereotipos negativos. É sen dúbida, o cinema como discurso a prol da desestigmatización do homosexual.

[...]

196

8.28.2014

O homosexual na pantalla (I)

O terceiro ano da carreira de xornalismo paseino en Inglaterra; unha bolsa Erasmus permitiume estudar na Southampton Solent University e durante este tempo tiven a oportunidade de realizar varios ensaios sobre xornalismo, publicidade, guión e tamén sobre o cinema. Unha das investigacións tivo como foco a representación do home homosexual na pantalla; atopeime cos documentos escritos en inglés, e dada a súa pertinencia, decidín traducilos e re-escribilos para a súa publicación on-line en diferentes capítulos. 

A construción de estereotipos: mass media e establishment

A construción de estereotipos é un mecanismo usado polo ser humano para organizar e dar forma ao mundo que o rodea. Cada persoa é perfectamente identificada, inclusive aqueles non-clasificados carrexan o “stigma” do inclasificado. Se a memoria non me falla, de acordo con Aristóteles o home é eminentemente ‘zoon politikon’, é dicir, un animal social, que precisa vivir dentro dunha sociedade. A construción de estereotipos procede da interrelación entre persoas. En consecuencia, a creación de estereotipos, ou “categorías sociais”, é practicamente inherente ao ser humano, que vive dentro dunha sociedade. Se tomamos estas afirmacións como verdades, ou posibles certezas, tamén consensuaremos que as categorías non son negativas por si mesmas.  Os estereotipos son susceptibles de ser usados para fins negativos e prexudiciais. Aquí atoparemos aos media e a o establishment como creadores de significados, codificadores de estereotipos ou axentes de significación.

Por un lado, se pensamos nos medios de comunicación, sempre existen empresas patrocinadoras que os financian, editores e propietarios que precisan definir o mercado. Sempre se encargan de atopar o perfecto target para os seus produtos e teñen un gran interese en ter definido e etiquetado cada grupúsculo de potenciais consumidores.

O que pretendo facer neste ensaio e realizar un esbozo de como se representa ao home homosexual nos media e como aquelo que sae do normal, o deviant, é tratado por estes medios. Os media serven tanto como axentes de significación primaria, xerando descricións e explicacións de si mesmos, como de axentes de significación secundaria, apoiando e amplificando discursos provintes doutros axentes (políticos, sindicatos...).  Mediante esta función secundaria —e gracias á calidade dos media de “testemuña acreditada”, ás limitacións no accesos ás tribunas e axendas mediáticas e ás nocións de valor noticia— prensa, radio e televisión reproducen unha estrutura de dominación e subordinación dentro do discurso público, ou opinión pública.

Sobre todo, os media teñen poder para dar forma e definir a realidade política, en especial naquelas situacións que non son familiares para a audiencia, problemáticas, ameazadoras ou:
«Onde non hai "coñecemento tradicional" nin redes firmes ou influencia persoal, nin cultura cohesiva, nin precedentes para accións ou respotas relevantes, e non hai unha forma de comprobar ou valorar en primeira persoa as proposicións que están á nosa disposición, para facer fronte ou modificar o seu poder innovador.»
(Hall, S., 1993, Deviance, Politics, and the Media, in: The Lesbian and Gay Studies Reader)
[...]

195

8.27.2014

Marxe de erro

Se eu como un polo enteiro á semana, e o meu veciño come dous, a media estatística dirá que ambos comemos un polo e medio á semana. Un exemplo, unha simplificación que nos permite reflexionar sobre a veracidade que ofrecen os números de sondaxes realizados a nivel interno, externo, público, e privado. Un conto superficial que pon o interrogante na cuestión verbo do selo de autenticidade outorgado aos resultados de enquisas de carácter aleatorio, cuxo marxe de erro, pese a existir, non adoita encher os primeiros parágrafos das novas escritas, nin os minutos que as televisións e radios lle adican a falar sobre a percepción que ten a cidadanía sobre presidentes, candidatos, leis, administracións, guerras...

1936 Election Weekly Poll. Fonte: The Gallup Organization.
A estatística é o intento último por tomar o pulso á opinión pública coa intención última de marcar o seu ritmo. Mais non sempre foi así. A comezos do século XX non existían os medios precisos para levar a cabo miles de enquisas e sondaxes coa mesma frecuencia e rendibilidade que nos nosos días, e as empresas adicadas a dita labor non posuían a influencia e viralidade mediática da que poden facer gala agora. 

Unha das máis coñecidas e respectadas é Gallup. O seu salto ao recoñecemento —tanto do seu nome, como dos seus métodos— produciuse en 1936, nos EUA, como relata o profesor da Universidade de París-Dauphine, Michael Armatte, nun ensaio publicado en castelán como La introducción en Francia de los métodos de sondeo aleatorio:

«Como ha mostrado Blondiaux (1998), la técnica de los sondeos (llamados primero straw polls) no nace en el universo de la academia, sino en el del marketing y el periodismo. El célebre golpe de Gallup en las elecciones presidenciales americanas de 1936m traslada la cuestión de los sondeos del estado de la polémica al de la experimentación y de la predicción a la verdadera magnitud, es decir al estatus de método científico a los ojos de la mayoría. Previendo con la ayuda de una muestra por selección juiciosa de algunos miles de personas la victoria de Roosevelt, mientras que los 'votos de paja' de varios de millones de lectores de grandes diarios como el Literary Digest daban por vencedor a su adversario Landon, Gallup tuvo el conocimiento científico (¿y la suerte?) para hacer una predicción ajustada a bajo coste, lo que contribuirá de forma importante en la legitimidad de los sondeos y, desgraciadamente, a la asimilación entre sondeo y opinión, entre sampling y pooling, confundiendo por mucho tiempo la innovación debida al método (el juicio sobre la muestra representativa) con lo que revelaba del objeto (la opinión), y de su posible o imposible medición.» 

O uso de números, de entidades abstractas, para a toma de decisións adoita ser para nos unha forma maquiavélica de esquecer a calidade real sobre o que estamos decidindo. Tamén é parte da necesidade que a maioría compartimos (podería facer unha enquisa para probalo) por limitar a incerteza. Como se a mediante as accións e ideas executadas e mantidas polo universo muestral, polas persoas coas que cohabitamos, puidésemos aumentar as nosa probabilidades de éxito na vida. Calcular todas as variables posibles, dependentes e independentes, e limitar ao máximo a marxe de erro; para finalmente descubrir que por moitos cálculos que fagamos, nunca deixaremos de estar a mercé da continxencia real.

194

8.26.2014

Ghran achado

As discusións xa non son o que eran. Moitas veces o temos comentado en terrazadas de verán, bares de inverno, e salas de estar de primavera. "En que ano filmaron Psycho?", pregunta básica facilmente respostable. Un busca no seu teléfono intelixente e listo. Acabouse a conversa. Antes da chegada dos móbiles ás nosas chaquetas, pantalóns e bolsos, podían pasar horas antes de que alguén decidise ceder e admitir. E non crean que son eu dos nostálxicos, eu son dos que espera calado buscando en IMDB a data na que Hitchcock filmou dita película. É o m-learning, o coñecemento a través dos nosos móbiles. Ante os apocalípticos que renegan de todo o que veña a cambiar os seus hábitos supérfluos, esta nova faceta, permite que a conversa continúe, quizais cara a rumbos misteriosos, profundos, homéricos.

Se Virxilio guiou a Dante polos círculos de todo o Inferno, o noso guía é Internet. Somos escravos del, pero a nosa servidume é voluntaria. Ou iso quero pensar. Para chegares ao Zoo, para saberes que tempo fará mañá... Para escribir textos imprecisos e insubstanciais coma este... O perigo de ter acceso á información instantánea e en calquera lugar, é que acabemos por non precisar aprender dela. Aínda que tampouco pode ser tremendamente preciso saber en que ano foi rodada Psicose.

Ghran achado que dirían no meu pueblo.

193


8.25.2014

Non comas pan

Foi culpa de seu pai. Das luras da ría. Das cebolas e dos manxares da mesa boa e chea de viño. Uns larpeiros chegaron ás presas e entraron na tenda de Ultramarinos. "Un bacallao, unhas follas, ben boas". Claro, seguro que lle dixo Abel. Pero non lle deu as boas, eran os turistas de todos os anos, os pupilos que lle chaman na vila. "Galicia é un auténtico paraíso gastronómico", non lle fan ascos a nada. "Escuplo", que lle din en San Vicente.

"Me encanta Galicia, yo vengo de Miami, y allí no se come tan rico como acá". "Me encanta el pulpo a la Gaiega", "eghe el marishco está eshquisito". Mira que fan cartos na hostalería de Santiago. Teñen que facer unha pasta.

E continúa a conversa...

Saben de cando houbo xente que se tiraba polas fiestras nunha cidade dos Estados Unidos? Ao parecer comeran pan contanimando, con caruncho. "Mira que pratiño", "pimentos de Padrón".

"Non comas pan". Din.

Chove. Estou na casa. E non apaguei a televisión.

Tertium non datur.

192

8.24.2014

Oito, trece, catorce

— Vaia desfeita meu.
— Nin o menciones.
— Aínda non remataron?
— Non.
— Dasme un cigarro?
— Non.
— Vale.
— Imos ir logo ao cinema?
— Non sei.
— Como non sabes?
— Non sei. Pregunta logo, non ves que estou ocupado?
— Vale. Pero...
— Nin pero nin pera, cala, un segundo anda.
— Pe...
— Oito...
— É que...
— Trece, catorce...
— Catorce?
— E aínda non chegaron todos.
— Pero cantas balas tiñan.
— Poucas, pero apuntaron ben.

191

8.23.2014

Dous, tres, seis

— E non poderán entón dicir que foi a túa culpa. Será a miña. Miña. Única.
— Tes unha gran capacidade para ser unha vítima.
— Sempre usas iso.
— O que?
— O da capacidade... Deberías buscar outra palabra. Hai miles de palabras e sempre usas as mesmas.
— Merda.
— Non é por nada. Non é nada que non saibas xa.
— Sei, pero non me gusta que me digan o que xa sei.
— Poste de mala hostia?
— Si.
— De moi mala?
— Si. De moi mala. Así que deixa o tema. Anda.
— Pero se deixo o tema non imos falar de outra cousa.
— E logo? Porque non?
— Porque non.
— Non hai Dios que che entenda.
— Nin Dios nin home.
— Xa estás outra vez.
— Que?
— De vítima.
— Non podo evitalo. É pola educación católica.
— E volta. Ves. Outra vez. Coma se non puideses controlar o que che pasa, coma se todo fora culpa do teu destino. Ou sabe Deus que...
— Dous, tres, seis...
— Está todo?
— Si.
— Imos logo.
— Si.
— E chegarán?
— Se apunto ben... quizais. 

190

8.22.2014

Eva non quería ser violada

Eva non quería volver soa aquel día á casa. Pero non tivo outra opción. Preto das sete da mañá, mentres o día ía aparecendo no horizonte invisible tras os edificios da cidade, camiñaba con dificultade por culpa dos seus tacóns de agulla e os numerosos gintonics que bebera. Non quería volver soa para a casa porque sabía que unha muller coma ela, guapa, alta, cun mini short, e un top, era parte da estatística de mulleres que acaban por seren violadas ao volver soas á casa de madrugada, ou entrar nun ascensor cun home só (ou dous) ou cambiarse de roupa na súa habitación, a simple vista dos seus veciños.

Pero non quería preocuparse demasiado. Non vivía tan lonxe. Ía co móbil na man. Estaba apagado, pero ía co móbil na man, coma quen leva unha pistola. Collérao no momento no que viu a un mozo negro, que viña uns pasos máis atrás dela. Non é que fóra racista, tería feito o mesmo se fóra un pakistaní, un polaco, ou un de Betanzos. Así que colleu o móbil. Candos sentiu os pasos do home que viña detrás, máis preto aos seus, decidiu improvisar unha chamada. Falsa, pois non tiña batería.

Comezou a camiñar máis rápido, pois notaba que o rapaz a seguía. Craso erro. Eva non podía camiñar con aqueles tacóns, dificilmente podería camiñar rápido. Tropezou e caeu. Ergueuse asustada. Pensaba no hospital e nas cámaras de televisión. "Merda".

Sacou os tacóns. Comezou a correr. O home, berrou. Pero nada que ela puidese entender. Ela, corría máis. O home, correu tras dela. Seguía berrando. Eva non quería que a violasen aquela noite. Sen batería, sen esperanza, comezou a berrar ela. "Socorro!".

A rúa estaba limpa, pero foi Eva topar cun cristal na súa fuxida. A dor foi instantánea e intensa. Ficou no chan. Choraba e pensaba no peor. Flashes de desesperación. O rapaz achegouse, sen folgos. Ela xa non sabía como se defender.

"Estás ben?" Eva, xirou a cabeza. Atónita. "Si". "Caeuche o móbil". "Como?". "O móbil, antes caeuche, porque cres que berraba? Toma anda, non sabedes beber. Estás sangrando? Mimá, vaia corte fixeches. Tes que ir ao hospital. Lévote."

189

8.21.2014

Modo avión

Nunha ocasión, durante un acto social importante, tiven a sorte (?) de coñecer ao director dunha cadea de radio, de cuxo nome prescindirei, pois a conversa non foi on the record. No intercambio de palabras, o señor en particular, mencionou que, a pesares de seres o administrador dunha empresa xornalística, non era el tal, e de seguido mofouse dos seus súbditos, pois gañaba tres veces máis ca eles, e ás doce xa estaba a tomar o vermú.

Os medios queren ante todo rendibilizar o seu capital. Xornais baixo o mando do mercado. Isto non debera estrañar a ninguén, mais aínda queda quen, sen coñecer os tornecelos que moven as máquinas das redaccións, consideran que a satisfacción derivada da lectura rápida de un ou de dous xornais ao día (no mellor dos casos) xa o libra de se ter que preocupar por saber do mundo que o rodea. E así polas tardes os patios de luces dos edificios quedan asolagados polas voces castellanas dos asalariados de Berlusconi, e poucos lembran xa o telexornal da mañá, de cando mataran a un xornalista norteamericano, ou o alcalde de Valladolid afirmase que as mulleres non deben ir soas ás seis da mañá, e que el non entraría nun ascensor cunha rapaza dentro, que ao mellor dálle por finxir unha violación, a ela, claro.

Producimos máis información da que podemos dixerir. Pasamos dun tema a outro con gran axilidade. Con gran facilidade. Coma quen cambia de prato. Agora sopa, agora peixe, agora carne, agora un postre. Podemos decidir se ver unha decapitación, a unha rapaza que se mete con outra no outro lado do mundo falando de monogrillos, de telenovelas de lisiadas, de roldas de prensa na Casa Branca, de gatos, de cans, de memes, de praias, de fotos de fotos, de capturas de capturas, de nós, dos nosos amigos, dos nosos inimigos, e a única forma que temos para poder sobrevivir a tanta afluencia de datos e apagando o ordenador e poñendo o teléfono móbil en modo avión. Senón corremos o risco de acabar xogando ao Candy Crush, ata cando imos a cagar.

188

8.20.2014

Somos libres (?)

Dos exercicios dos que un bota man cando precisa temas sobre os que reflexionar, escoller notas marcadas en libros lidos hai tempo, é un dos favoritos. Salientar un parágrafo, e volver a el anos despois, ensínanos por un lado, cales eran as nosas intereses por aquel entón, e axúdanos por outro a reler e reinterpretar, o que unha vez xa pensamos ter comprendido. Neste proceso xorden dúbidas, alteracións, e debates internos difíciles de saldar nunha tarde de solipsismo, praia, e calor de verán; mais aquí estou, discutindo sen interlocutor, se somos ou non libres, ou se queremos ser realmente libres:
Creo -replicoulle Cipolla- que con iso só dificultará un pouco máis a miña tarefa, pero a súa resistencia non cambiará un ápice o resultado. Existe a liberdade, e tamén existe a vontade; pero a liberdade de querer non existe, porque unha vontade que pretende a liberdade absoluta contradícese e cae no baleiro. Libre é vostede de escoller ou non escoller unha carta. Pero ao facelo, escollerá a prescrita, con tanta maior seguridade canta maior sexa a obstinación coa que se opoña.

(Mario y el Mago, Thomas Mann)

187

8.19.2014

Virtude

A nosa capacidade para cambiar de contexto e reinventarnos só se ve superada pola nosa capacidade para nos queixar do contexto do que nos queremos arredar. Menos mal. Menos mal que somos incapaces algúns e algunhas de nos non conformar.

"Nunca debes usar o máximo", comentoume hoxe unha muller que se queixaba de todos os produtos que inclúen nas cremas, comidas e fármacos. Queixábase mentres avanzábamos xuntos na primeira liña de asentos dun autobús demasiado lento. Era unha especie, o dela, de afirmación aristotélica que quere loitar pola busca do equilibrio, da virtude, do in media stat res.

186

8.18.2014

«Croatán»

Se sostemos unha moeda moi preto dos ollos, mentres está borrosa, non podemos distinguir o seu valor, xa que a proximidade da mesa, pese a facela visible, non nos permite, debido á distancia, tan curta, vela ben. Se o exercicio é levado máis aló, e colocamos a moeda entre as cellas, conseguindo que non caia, podemos por un momento, querer crer, que a moeda non está, a pesar de que a sintamos, pegada á pel da nosa faciana.

De ir camiñando por unha rúa ateigada de xente, moitos quizais serían os que mirasen para a nosa estraña forma de levar a moeda, e nós pensariamos na curiosa maneira na que o resto, leva a súa. Esqueceríamos a nosa moeda, e envexaríamos a dos demais, pois a distancia que nos separa deles, si, nos permite comprender e identificar, o valor das mesmas.

Se durante a nosa excursión cotiá, un dos que pasan polo noso lado, se parase, nos parase, nos mirase, e quitase a nosa moeda, da nosa fronte, permitíndonos así, ver por primeira vez, nítida e claramente, o obxecto de metal redondeado, de seguro, protestaríamos, e reclamaríamos a propiedade daquela moeda; non deixaríamos que a levasen, aínda que ata o momento a súa existencia ben pouco nos importaba.

Semella que estamos condenados a infravalorar o que temos, ata que alguén vén e quere subtraelo, ou ata que decide marchar na procura doutros lares.

Tamén din, que as árbores non deixan ver o bosque, pero hai árbores paga a pena admirar.

Exposición do artista Diego Vites no concello de Ogrove.

8.17.2014

Out or order (XV)

«Resignado oiría las últimas oraciones, los últimos latinajos mal respondidos por los acólitos. El frío lleno de polvo y de huesos del cementerio penetrará hasta sus huesos y tal vez disipe un poco ese 'olor'. Tal vez —¡quién sabe!— la inminencia del momento le haga salir de ese letargo. Cuando se sienta nadando en su propio sudor, en un agua viscosa, espesa, como estuvo nadando antes de nacer en el útero de su madre. Tal vez entonces esté vivo.
 Pero estará ya tan resignado a morir, que acaso muera de resignación.»

(La tercera resignación, Gabriel García Márquez)

184

8.16.2014

Saber e Gañar

Probablemente un dos programas máis lonxevos da televisión desta parte do mundo (logo do Luar, claro), Saber y Ganar, non deixa moi claro, cal é o premio por saber. Fan puntos, e máis puntos, pero non existe nunca na boca de Jordi Hurtado a palabra euros, aínda que sabemos que eses números se traducen logo en cartos.

George Steiner falaba da cultura casino. Consideraba que a nosa vida estaba baseada no xogo rápido, nas luces, nas ovacións, e no pasar a outra cousa.

O concurso de La 2, propugna que o que sabe, gaña. Lúcida proposición nunha época onde os licenciados poñen copas nos bares aos estudantes de Grao.

Pendente de relectura está sempre un libro aberto no estante:
«Dale a la gente concursos que puedan ganar recordando la letra de las canciones más populares, o los nombres de las capitales de Estado o cuánto maíz produjo Iowa el año pasado. Atibórralo de datos no combustibles, lánzales encima tantos 'hechos' que se sientan abrumados, pero totalmente al día en cuanto a información. Entonces, tendrán la sensación de que piensan, tendrán la impresión de que se mueven sin moverse. Y serán felices, porque los hechos de esta naturaleza no cambian. No les des ninguna materia delicada como Filosofía o la Sociología para que empiecen a atar cabos.»
(Farenheit 451, Bradbury)

183

8.15.2014

«I don't think in those terms»

A importancia dos profesores reside na súa capacidade para pór o foco, para mostrarlle aos seus alumnos e alumnas, temas, autores, e discusións. Comprender esta facultade, esta relevancia, poder de influenza, resulta fundamental para entender a valorar a figura do mestre, do pedagogo.

Grazas a un profesor da Universidade cheguei a coñecer a Susan Sontag. Nunca llo agradecín, pero aquí queda.


182

8.14.2014

Nihil Obstat

Santiago Matamoros | Anónimo | Wiki
A comezos de agosto o estamento relixioso mostrou a súa desaprobación coa exposición de Ramón Conde, O Poder, distribuída entre a praza do Obradoiro e Praterías, de Compostela. O seu razoamento foi que fería a sensibilidade dos peregrinos, debe ser que hai unha caixa de queixas na porta da Catedral e eu nunca a vin. O único que ten forma de receptor de mensaxes son as furnas que recollen os cartos dos fieis; semella que as pantallas de televisión que publicitan os sms, para acender as candeas electrónicas, non molestan, pero os corpos espidos do artista ourensán, son un atentado contra a moral católica.

Semella que dende o Cabido teñen morriña polo pasado, cando os seus colegas queimaban libros, mataban herexes, e prohibían o avance do saber científico. Só aquelas obras que logo de pasar polo censor, non tiñan ningún erro de moral ou de doutrina, eran etiquetadas co nihil obstat, o de nada impide, nada no camiño, o que significaba que podían ser publicadas.

O seu tempo xa pasou, ou debería ter pasado. Non son xa os gardas da moral. Nunca o deberían ser, pois a moral non é obxecto que poida ser posuído por uns ou por outros, coma quen merca cirios para unha procesión.

181

8.13.2014

O branding como cultura?

"O branding é un anglicismo empregado na mercadotecnia que fai referencia ao proceso de facer e construír unha marca", así o definen na Wikipedia. Este proceso ten en conta todos os factores que de forma directa ou indirecta se vinculan ao nome ou símbolo en cuestión, que por extensión identifica á marca, cualificándoa, e outorgándolle un valor, sensible para a compañía e para o consumidor.

A súa referencia neste artigo vén motivada pola descrición do perfil dunha conta en Twitter, na que a usuaria afirma que "Fashion and Brands are culture". Se comprendemos que a cultura é a "xestión do pensamento e comportamento humanos", non podemos pasar por alto a inclusión da moda, e do deseño de marca dentro do noso comportamento. Ata aquí, ben.

O problema, neste tipo de reflexións adoita xurdir cando tratamos de categorizar, de aplicar unha escala de valores, ao considerado como cultural; coma se houbese unha cultura superior e outra inferior, e quizais, outra no medio. Todos o facemos, en moitas ocasións, sen decatarnos. Agora ben, como fillo da economía de mercado e consumo, inserido no mundo da publicidade e o mercadeo, o branding, en que parte da táboa o colocamos? Como estratexia de venda, precisa dun alto grao de creatividade, de coñecementos e decisións; non se trata dun proceso mecánico e estandarizado, mais dunha acción de experimentación, de ensaio e erro. Porén, a súa proximidade co pragmatismo propio do capitalismo semella restarlle o que Walter Benjamin chamaba aura da obra de arte. Non consideramos como cultura, o que non queremos considerar como arte, non porque non forme parte dunha acción de creación, mais porque a súa natureza ten unha fin puramente comercial. O branding ou o marketing nacen como resposta a unha necesidade por captar a atención do consumidor, coma unha acción perversa de persuasión na que nos queren convencer de que unha empresa determinada é, simplificando, boa ou mala para nós. É aquí, que entón, da mesma forma que Benjamin se preguntaba pola perda da aura da obra de arte na época da reprodutibilidade técnica —en referencia a que no momento en que podemos ver o Guernika, nunha fotografía, e reproducilo ad infinitum, perde a obra a súa orixinalidade e singularidade—, podemos nós botar ás mans á cabeza, cando alguén considera como cultura (querendo dicir, case sempre, arte) a imaxe de marca, e a moda.

Proceso de fagocitose de bacterias por un leucocito neutrófilo.
Acadamos, na discusión, a postura definida por Umberto Eco en 1965, como Apocalípticos e integrados, en referencia, naquel tempo, aos dous bandos ou opinións diverxentes de cando chegou a denominada cultura de masas. Agora, no tempo que nos cómpre analizar, de admitires que o capitalismo tecno nihilista nos ganou a batalla, teremos que volver definir o que é a contracultura; pois esta clase de capitalismo, o actual, tende a incorporar ás súas filas todo o que se crea, inclusive o das periferias; unha caste de vampiro que absorbe a enerxía de accións non institucionais e propias da modernidade líquida (cambiantes, rápidas, inesperadas) por radicais que sexan, e as baleira de contido, quedando coa forma; un acto de fagocitación que acaba por destruír —e volvemos a Benjamin—, a aura, a singularidade da obra de arte, da creación espontánea, para seres incluída nunha cadea de produción fordista, ata que chegue outro produto, quizais non mellor, pero si máis novo, e acabe no lixo nun par de meses.

Será o branding cultura? Pois será. O relevante é comprender a que fatal destino nos pode levar unha cultura baseada na coerción invisible, na persuasión subliminal, e na vampirización e fagocitación da creación. Aínda que tamén, é posible que sexa eu un reaccionario, e as vindeiras xeracións se mofen de comentarios coma este.

180

8.12.2014

O ovo ou a galiña?

Radiografía duns pés vendados. Fonte: Wikipedia.
Érgase pola mañá, e pense, a medida que fai o que sexa que faga, se o que está a facer o fai porque o precisa, ou se o acto está determinado pola súa vida en sociedade, e descubrirá que todas aquelas que non teñan que ver co coidado da saúde, da supervivencia mínima, ven determinado polo intento de agradar ou desagradar aos veciños. Facemos, o que facemos, dado que queremos impresionar, gustar, ser aceptados, formar parte de... etc. Dende o vendado dos pés das mulleres da aristocracia (e logo, da burguesía) china aló polo século X, ata os intentos desesperados de algúns e algunhas por se cinguir a unha talla moi pequena, ou por obter un corpo sen pelo, moreno e extra-forte, a Historia está inzada de exemplos extravagantes por intentar compracer ao Outro, por intentarse adaptar un ao canon de moda.

Se ben, hai mil anos, a tradición de transmisión oral era fundamental para que as nenas chinesas acabasen con pés de loto, hoxe en día, é indiscutible que a publicidade e a súa difusión diaria e compulsiva a través de todas as plataformas e medios de (in)comunicación, xoga un papel determinante nas tendencias estéticas —líquidas, posmodernas— que adoptan as masas dos adeptos ás mesmas. O que non sempre resulta tan doado comprender é se son os publicistas e publicitarios quen están a dar forma á sociedade de consumo, ou se é a sociedade quen marca o ritmo.

Nas reunións, nos brainstorming, da grandes compañías que ofertan servizos a marcas de todo tipo, sempre intentan saber a quen vai dirixido o seu anuncio (o público obxectivo ou target) e precisamente aquí é onde se dilúe a diferenza entre o que é realmente ou o que pensan que debe ser. Ata que punto é a publicidade responsable de xerar estereotipos que logo son transformados en estatísticas polo INE?

Temos que admitir que o mundo publicitario sempre aposta por demografías estáticas (cada vez menos, debido á internet) de corte tradicional —a familia comendo Tosta Rica, a ama de casa co Ariel, o home co Peugeot...—, polo que todos aqueles televidentes enganchados aos programas de serán acaban por adquirir de forma inconsciente a asunción de que as familias son perfectas, os homes italianos van con pequenos bañadores brancos e teñen un corpo de infarto, os rapaces van beber cervexa á praia mentres escoitan a The Vaccines, as rapazas están todo o día a tomar cereais para perder quilos polo retrete (se lle suman un iogur, xa non digamos...), as mulleres maiores precisan compresas para as perdas, e Actimel para ir dar un paseo, que senón cansan e así ad infinitum. A televisión é o medio máis persuasivo nestes casos, pois tamén é onde a exposición é máis continuada, a atención maior, e o grao de confianza cos produtos é alto —imos ao supermercado e acabamos por mercar o que sae na TV, claro—. Pero ata que punto afecta ás nosas formas de ser? Fan, coma din os produtores, programas de televisión para un grupo determinado, ou acaban por conformar un grupo para determinados programas de televisión? Que foi antes, o ovo ou a galiña? 

179

8.11.2014

Que Amancio nos financie!

Pantocrátor, na Igrexa de San Clemente de Tahull.
A cultura sen altruísmo non sería posible, comentaba Susan Sontag, nas últimas páxinas dos ensaios compilados en Contra la interpretación. Era unha pequena frase, entre guións, unha pequena reflexión, que parecía escrita sen querer chamar a atención, pero que irremediablemente ataca ao lector, obrigándoo a se cuestionar a veracidade e pertinencia de tal afirmación. É posible a cultura sen altruísmo? Me pregunto de cando en cando. En ocasións penso que si. Outros días, non o vexo claro. Agora mesmo penso que non debemos deixar que a Cultura dependa unicamente da boa vontade dunha sección minoritaria do mundo. Non podemos deixar que a creación cultural, esa revolución permanente —en constante busca de novas formas de pensar, de facer, de ser—, quede nas mans de mecenas e patróns, pois se ben co tempo, a figura dos Médici tornou un chisco romántica de máis, agora, nos nosos días a quen lle imos deixar, e outorgar, a batuta de mecenas?

Historicamente foron a Igrexa, o poder relixioso, xunto co poder político, quen en maior medida financiaron as actividades artísticas, dende o hierático Pantocrátor en 2D, ata ao Mestre Mateo. Ambas entidades son receptoras de grandes cantidades de cartos chegados do pobo administrado (uns polo fisco, outros polas taxas de Deus), e son quen deciden onde, como e cando se investirá, e en que. Ambas entidades, ademais, son particularmente propensas a salvagardar o seu statu quo, polo que as propostas que apoiarán serán sempre moderadas, inclusive reaccionarias, temendo perder a súa cátedra, ou darlle folgos a unha parte da sociedade a favor da destrución creativa do establishment. 

Por outra banda, hoxe en día, os empresarios (algúns) son considerados grandes altruístas. Ben sabemos que fan obras de caridade, e axudan ás ONGs en África, e moitos ricos do presente e do pasado, son quen manteñen a demanda de obras de arte, xa que, nós, o pobo de a pé, non nos podemos permitir a compra destes luxos, para penduralos na parede do salón. Mais, temos, aquí, que nos deter un momento, pois, que consideramos bo para manter a creación e revolución permanente da cultura? Poxas millonarias de cadros de Picasso? A Tita Cervera encadeada a unha árbore no paseo Padro-Recoletos? A protección da propiedade intelectual? A persecución dos piratas na rede? Macro-exposicións na Cidade da Cultura? Francisco de Asís? A restauración da Fachada do Obradoiro? O post-porno? O feminazismo? Mercar a Jot Down e a Luzes?...  Se cadra o pertinente, para acadar un consenso, non é centrarnos nas árbores, senón en manter o bosque vivo. Se cadra, o que precisa a cultura é unha actitude. Unha actitude de constante crítica, de inconformismo, de investigación, de cuestionamento do establecido... Pero tamén, unha actitude que impida que administradores e administrados vivan (viva, vivamos) cadanseu na súa torre de marfil, guindándose capachos de chapapote, na espera de que algún se canse, baixe, e diga "vale, pois facemos como ti queiras". 

Non obstante, isto, que é pura teoría, ten que facer fronte á realidade. E a realidade é que vivimos nun mundo onde Amancio Ortega, hai pouco, gañou 521 millóns de euros nun día, pola venda duns títulos, e a realidade é que o orzamento deste ano da Xunta para Cultura reduciuse ata os 61 millóns de euros, o que supón unha oitava parte do que o dono de Inditex fixo nunha xornada, quizais mediante unha aplicación gratuita no seu iPhone 5s. Quizais, entón, sería mellor que nos vindeiros anos, deixaramos de criticar a inoperatividade, e afastamento do contexto das institucións públicas e foramos directamente, en procesión, ata a Arteixo, a pedir, de xeonllos, que, por favor, Amancio nos financie!


8.10.2014

Querido diario

Estimado, admirado, e querido diario:

Hoxe non me apetece nada escribir. É domingo, onte traballei ata as sete da mañá, coma cada sábado (case catro anos, levo, e o corpo non se acostuma, ou o que é peor, a mente non rende). Pensei en falar da axuda humanitaria que enviou o goberno dos EUA a unhas corenta mil persoas que están en Iraq, ao parecer, nunha montaña, perseguidos polo ISIL, por teren conviccións relixiosas diferentes. Estiven a ver as roldas de prensa no briefing room da Casa Branca, e a que realizou o presidente Obama durante un cumio sobre África. Logo dunha hora, na que foron arredor da mesa, escapando das preguntas dos xornalistas, só me queda claro que ao parecer non van a entrar en guerra (de novo), só queren que un goberno inclusivo iraquí tome o control do país, e acabe co califato dos islamistas suníes do ISIL. Á pregunta de se van permitir que se perpetre un xenocidio contra as persoas atrapadas no monte en cuestión, responden, algo así, como que iremos mirando e actuando pouco a pouco, día a día; a intromisión militar estadounidense non pode arranxar o país, cren, se estivera o amigo George, outro galo cantaría. Curioso, porén, que anden a mandar axuda humanitaria aos perseguidos por cuestións relixiosas en Iraq, e o consideran brutal e disgusting, pero logo, ao falar de Gaza, cambian o discurso, que vira cara Hamás, o shelling, e a súa teima con esconder mísiles en instalacións da ONU e escolas, que logo son atacadas lexitimamente por Israel, que non pode evitar matar nenos e nenas, por que, como afirman dende Washington, a densidade de poboación é moi alta. Así que, nada arrasando por la vida.

Tamén quería escribir do patético espectáculo que temos todos os días nas televisións en aberto, pero xa falei mal tantas veces de Sálvame, que non sei que dicir de novo. A cultura de casino que diría George Steiner.

177

8.09.2014

Fanáticos

Normalmente un sempre ten cousas que dicir, pero a maioría das veces non as di, porque está non seguro de estar no correcto. Estar no correcto implica ter coñecemento de todos os datos sobre un asunto, e realizar unha valoración, imparcial dentro do humanamente imposible, pero, deixando aberta a posibilidade de que, dado que cometemos erros, alguén teña algo que engadir (a súa opinión), isto é: que nos critiquen.

Comprendendo, e sabendo que na maioría dos temas que se tratan diariamente nos medios de comunicación, os datos non son sempre totalmente accesibles, non deixa de sorprenderme a capacidade que teñen certas persoas para declararse fans incondicionais dunha parte da Historia, sobre todo no que ten que ver con acontecementos que estar aínda a ter lugar, e o tempo de curta distancia non nos permite obter unha visión, o suficientemente afastada, isto é: non podemos ver a totalidade da fotografía, requisito, moitas veces, indispensable para poder analizar e xulgar, calquera sexa a situación en cuestión.

176

8.08.2014

Eterno inconformismo


— Hai algo que o ten preocupado Miguel Anxo?
— De feito, si.
— Dígame que é.
— Que teño que cambiar de ambiente! —contestou—. A vida con vostede e a súa excelente familia é demasiado agradábel... Sinto a necesidade de traballar nun ambiente meu, coma un home, non coma un mozo e eterno hóspede. Parécelle unha loucura?
Galli mirouno afectuosamente un instante e logo lle replicou:
— Eu desexo unicamente velo feliz e esculpindo os máis fermosos mármores de Italia.
— Para min, ambas cousas son iguais e inseparables.
(La agonía y el éxtasis, Irving Stone)

175

8.07.2014

«Fumar porros, abortar e darse polo cu»

Manifestación contra o matrimonio gay no 2011.
De cando en cando, nas ocasións que decido seguir lendo unha noticia, no apartado de comentarios, atópome con trols e egos frustrados. É máis, se teño un bo día, só teño que ir a calquera nova de contido sensible (nacionalismo, racismo, homofobia, aborto...) para que o sangue ferva, e estrague o resto da xornada pensando no ou na idiota (no sentido latino de ignorante, sen educación) que non ten máis remedio que ocupar as súas horas libres enchendo caixas de texto coa súa estupidez verborréica. Así, tras a lectura das reflexións ulteriores á publicación do último baremo do CIS sobre os partidos políticos, no Galicia Confidencial, eu, incauto, deixeime levar e acabei por atopar esta xoia:
«Cunha mocidade que tan só pensa en fumar porros, abortar e darse polo cu, non esperedes que vos voten, prefiren o podemos ese ou calquera outro vendedor de fume que logo non ten nin idea de xestionar nada.»
Asinado por televisión, en lugares de me provocar ira, provocou riso, e intentei por todos os medios non escribir nada sobre o mesmo, pero aquí estou. Pensei en convertelo no argumento central dunha diatriba en contra do vangloriado feedback instantáneo dos usuarios, que tantos profesionais e amateurs da información de publicación dixital loan. Pensei en comparar os comentarios incontrolados nas páxinas web, ás conversas de barra de bar de desinformados, que un escoita sen querer, mentres poñen na televisión a última rolda de prensa de Rajoi (rara avis). Quixen asimilalos a unha persoa berrando na rúa "sodes uns hippies, uns asasinos e uns sodomitas". Pero non me parecía xusto, pois hai quen escribe comentarios pertinentes (se o atopades, avisade por favor), lonxe do insulto gratuíto e do vómito ególatra de opinións des-enfundadas.

Por outra banda, de tomármonos en serio o comentario, reflicte perfectamente a axenda da dereita e extrema dereita española, que por doquier ve demonios con grinders e camisolas de follas de marihuana que veñen secuestrar aos seus fillos e fillas para convertelos ao homosexualismo, nunha sorte de xabarín vermello que aparece nas portas das escolas repetindo o mantra "e ti? xa eres do clube?", cheirando, claro está, a xofre, placenta e espermicida.

Se o comentarista anónimo en cuestión, tivera polo menos, algo de creatividade, tería incluído o fragmento que aparece no Novo Testamento da primeira epístola aos corintios —6:9-10— onde Pablo di:
«Ou é que non sabedes que os inxustos non herdarán o reino de Deus? Non vos enganedes! Nin luxuriosos, nin idólatras, nin adúlteros, nin afeminados, nin homosexuais, nin ladróns, nin avaros, nin borrachos, nin calumniadores, [...] herdarán o reino de Deus.»

Iso si que eran comentarios incendiarios, e non os de agora.

174

8.06.2014

WOS INC

Do 12 ao 14 de setembro vaise presentar en Santiago de Compostela unha proposta dos responsables da produtora musical, Work On Sunday, chamada WOS INC que estará presente en diferentes lugares da cidade: a Praza de Abastos, a Fundación Eugenio Granell, a Zona C, o CGAC, a Fundación Autor, a sala Capitol, o Salón Teatro e a Igrexa da Universidade.

No apartado musical, están, polo momento, confirmados: A Place to Bury StrangersCave, Ensemble EconomiqueJupiter LionRed FangSonic JesusSpindriftThe Cosmic DeadWhite HillsWhite Manna Wooden Wand. Ademais inclúen "presentacións cómico-literarias únicas na súa especie e que poderán verse por primeira vez en Galicia": o Ultrashow de Miguel Noguera e ¡Pelea! de Kiko Amat; así como as actuacións das bandas galegas Camarada NimoyChicharrónGuerreraOrquesta MetamovidaUlobit e Unicornibot.

Acaban de enviar unha nota de prensa na que presentan aos que tamén van participar neste evento, pero na súa faciana reflexiva e discursiva, arredor do humor, a literatura e a crítica musical: Xavi Puig, creador e director de El Mundo Today; El Hematocrítico, creador do blogue do seu mesmo nome, de El Hematocrítico de Arte, el Hematocrítico de Cine, Drama en el Portal; Noel Ceballos, experto en cómics de culto, ciencia-ficción, e creador, xunto ao Hematocrítico de Los Hermanos Podcast; Iago Fernández, redactor e editor de Vice; Querido Antonio (Alberto González) guionista, realizador, autor dos vídeos manipulados do Intermedio, do libro Humor Cristiano e de Querido Antonio e Manuel Bartual, debuxante, guionista e director da editorial CARAMBA! COMICS.

Pola súa parte, afirman: "Carlos Zanón, poeta, novelista, guionista, articulista e crítico literario; Kiko Amat, creador do festival literario-musical Primera Persona, novelista e Dj; Ainhoa Rebolledo, escritora e tradutora e Iago Martínez, periodista cultural, compartirán ideas e opinións sobre ‘la música desde la primera persona en literatura y prensa musical’".


173

8.05.2014

Saíde e mercar

Non se preocupen por aprender cousas que nunca lle preguntarían nun concurso de televisión. Non gasten o seu tempo pensando en cousas que nunca poderán cambiar, pois non é asunto seu. Non queira que o traten con respecto polo seu traballo e a súa persoa, mais polos seus títulos, a súa reputación, e os seu cartos. Non crea que sabe o que pasa noutros países, pois nin sequera sabe vostede o que está a ocorrer na casa do veciño. E se pensa que sabe o que está realmente pasando na casa do lado, vaia vostede a preguntar á praza do pobo, que rapidamente se encargarán alí de darlle a volta, incriminar ao primeiro que lles pareza, sen argumentos, apoiándose en falabaratos, disques e suposicións propias dos misterios eclesiásticos.

Ansíe querer participar nun programa de televisión, aínda que sexa de público. Desexe casar e ter fillos e fillas contra todo prognóstico. Gaste o que non é seu para encher a súa vida de obxectos e produtos que durante un breve período de tempo calmará a súas necesidades de auto-realización persoal, e a súa ambición. De volver sentir os efectos da angustia existencial derivada dunha vida monótona, estandarizada e fordista, non se preocupe por tomar decisións a longo prazo, que acabarían polo apartalo do camiño recto. Ante unha vida baleira, recorde as sabías palabras de George W. Bush, logo dos tráxicos atentados contra o World Trade Center en 2001: "go out and shop", saíde e mercar.

172

8.04.2014

A televisión líquida

Dende o 2008 o investimento en publicidade na Internet pasou de 610 millóns de euros, aos 896,3 millóns acadados no pasado ano 2013 —o que supoñen, case 300 millóns máis—, segundo podemos saber grazas ao informe realizado por Infoadex, e que se pode consultar libremente na súa páxina. Pola contra a televisión non pasa polo seu mellor momento, pois se en 2008 o investimento ascendía a 3.082,4 millóns de euros, esta cifra descendeu ata os 1.703,4 millóns de euros no 2013. Para evitar a pegada da crise nesta estatística, podemos comparar o investimento neste dous últimos anos o que nos levaría en 2012 a 1803,15 millóns de euros, un 6,2% menos, entón, que foi gastado neste pasado ano na publicidade en televisión, con respecto ao 2013.

Captura de pantalla do resumo de Infoadex sobre o Investimento Publicitario 2014.

Durante unha reunión que tivo lugar en maio, dos diferentes clústers empresariais de España, e parte do estranxeiro, en Santiago de Compostela, unha das voceiras convidadas salientaba a importancia de non infravalorar estes datos coa fin de realizar estratexias de financiamento e investimento publicitario no futuro.

Camiñan as televisións autonómicas (posto que a publicidade, si é legal) e as privadas cara a desaparición? Non o sei, pero motivos non lles fallan. Mentres o mercado estadounidense e anglosaxón lles quita forza no que ten que ver coas series, e o consumo audiovisual a través da Internet é cada vez máis palpable en todos os fogares, e ascende o desapego cara aos medios consolidados (radio, televisión diarios) dunha mocidade cuxo consumo de información e produtos culturais (sempre na rede) é volátil, veloz, e cambiante, ou moito cambian as cousas, ou precisamente a televisión que veu do século XIX desaparecerá tal e como a coñeciamos, dando paso a novas formas de consumo, máis persoais, ubicuas, e sen horarios ou grellas estáticas. Será unha televisión máis posmoderna, máis líquida.

171

8.03.2014

Out of order (XIV)

Conforme un vive, ten a sensación de que lle pasa coma a Alicia de Lewis Carrol, que a pesares de correr todo o posible non avanza. Así llo dicía a Raíña, falando do seu país:
«O que é aquí, como ves, fai falla correr todo
canto unha poida para permanecer no mesmo sitio.»
É dicir, para nos manter onde estamos, non podemos parar. E se nos paramos por un momento a pensar en que temos que mover unha perna logo da outra, invádenos unha terrible sensación de que o esforzo é demasiado grande, e paramos. E reflexionamos, e caemos na conta de que pouco importa o que adiquemos a racionalizar o motivo polo cal nos diriximos cara a unha dirección e non cara a outra. E reflexionamos sobre o que chaman destino, o que non podemos controlar: o noso berce, o noso carácter, e a nosa morte. E conforme onde nacemos, e cómo nacemos, e intentando facer o posible vivir sen tentar ao da gadaña moi acotío, imos tirando.

170

8.02.2014

Sufre, e vencerás

O purgatorio, retablo da Igrexa de San Juan de Ortega, en Burgos.
Resulta ás veces insoportable a extraordinaria teima que algúns grupos da sociedade teñen, contra o sexo e o pracer. A comprensión das razóns que levan aos e ás beatas a non recoñecer que o pracer é unha das necesidades para quen queira vivir en liberdade e non perder a esperanza mentres agarda á morte, pasa por ir a aqueles lugares de onde se nutren os que consideran que unha boa vida, é aquela, libre de pracer, e chea de angustia e sacrificio. Xa que logo, abro A Biblia, tras collela, agochada nun estante da casa da miña nai, no medio do corredor que leva á miña habitación. Repaso páxinas, ao chou, e chego aos proverbios —que me tomo a liberdade de traducir ao galego—:
21 
17«Quen ama o pracer verá a miseria,
quen ama viño e aceite non será rico.» 
19«Máis vale morar en terra deserta
que con muller meticulosa e triste.» 
21«Quen busca a xustiza e a piedade
atopará a vida e o triunfo.»
Por outra banda, leo en Ética para Amador (editado en galego por Ariel como Ética para o meu fillo), escrito por Fernando Savater coma unha especie de manual de adolescentes, que dirixe na narración ao seu fillo Amador, daquela —1991— na puberdade:
«É un paradoxo que sexan os que ven algo de 'malo' ou polo menos 'turbio' no sexo os que digan que adicarse con demasiado entusiasmo a el animaliza ao home. A verdade é que son precisamente os animais quen só empregan o sexo para procrear, o mesmo que só utilizan a comida para se alimentar e o exercicio físico para conservar a saúde; os humanos, pola contra, inventamos o erotismo, a gastronomía, e o atletismo.»
E ao final do capítulo cita ao filósofo francés, Tony Duvert:
«O vicio corrixe mellor que a virtude. Soporta a un vicioso e collerás horror ao vicio. Soporta a un virtuoso e pronto odiarás a virtude enteira» (Abecedario malévolo)
Esta semana, tamén lía as memorias de Maruja Torres, Diez veces siete, e non podo deixar de pensar, logo do citado, que a súa nai, beata e puritana, quen non deixaba de reprimila para que encaixara nunha sociedade (a dos últimos anos do franquismo e da transición) cainita, inhibida, e atemorizada polas funestas personaxes que camiñaba baixo o palio da Igrexa católica, é o perfecto exemplo doutras moitas persoas cuxo influxo chegado do XIX teremos que seguir soportando e refutando durante este século, e quizais parte do seguinte; para liberarnos da idea tan vencellada do Sufre, e vencerás, que non podo senón crear unha sociedade apática, conformista e servicial.

169


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...