7.13.2016

Cultura Galega Glocal

Culturadeseu comezou coma un caderno de bitácora onde se recollían as incursións na cultura contemporánea galega de nivel local e alcance global:

SEMPRE NOS QUEDARÁ PORTUGAL!
En Vilanova de Cerveira, ao outro lado do río Miño, alí onde falan en portugués, atópase a República das Artes. Un grupo de artistas asociados mantén este edificio aberto, cedido polo concello, coa idea de que nunca estea baleiro, e de que o contido que encha cada galería sexa a proposta dun dos socios, que teña coherencia de por si, e serva para evitar a decadencia da creación artística. [...]

CARA UNHA SAÍDA DEMOCRÁTICA DA CRISE 
Entre asentos textura granate, pan de ouro, e a atenta mirada dos rectos retratos e inspiracións plasmadas no teito e paredes, transcorreu un xogo organizado por Ania González e Horacio González, onde os participantes tiñan moito por gañar e pouco por perder.


FAC ALL | Crónica dunha despedida
Hai máis dun ano e tres meses que cheguei a unha casa sita en A Peregrina para tomar un té cun grupo de artistas que tiñan aquel lugar por taller, e por vivenda. Foi daquela, cando a idea de crear un espazo de exposición fóra dos circuítos convencionais de carácter comercial e institucional, tomaba forma e contido. Foi, tamén daquela, cando comezou a súa andaina culturadeseu.com. Un mes máis tarde, nacía o Furancho de Arte Contemporánea, baixo a tutela dos artistas Olmo Blanco, Diego Vites, e a crítica cultural e comisaria Ania González, nun evento que se deu en chamar FAC OFF. Quince meses máis tarde, logo de acubillar decenas de exposicións, coloquios, entrevistas, laboratorios e artistas, botan o peche definitivo, a berro de FAC ALL.


Culuturadeseu tamén tivo presenza audiovisual con reportaxes low-cost, feitos con amor e coidado.



Na súa última etapa, realizáronse 9 programas de radio na Universidade de Santiago de Compostela. 


[Premede nos programas para escoitalos, ou descargádeos co botón secundario]

9º Programa: convidamos ao directores de cinema, Alfonso Zarauza, e Enrique Otero, e á xornalista e experta en comunicación online, María Yáñez, para falar sobre as novas formas de produción, distribución e exhibición que se están practicando en Galicia, sen esquecer falar sobre os endémicos problemas de financiamento do eido audiovisual galego.

8º Programa: desta quenda falamos con Adriana Páramo sobre a súa campaña de crowdfunding para gravar a curtametraxe Galicia Portobello Road, coa antóloga do Fanzine CONA, Alexandra Lores, amais de facer un apuntamento sobre os perigos do bisfenol A, e recordar as citas musicais de Crystal Fighters e Chick Corea & Stanley Clarke.

7º Programa: falamos con Rubén Domínguez, integrante do grupo musical Chicharrón, e responsable de Prenom, rescatamos a crónica do seminario "Cara a unha saída democrática da crise", e contactamos cunha das súas organizadoras, a crítica cultural Ania González, para coñecer o estado das propostas acordadas no mesmo, hai case un ano, e rematamos o espazo con How to disappear, unha canción do último LP de Soledad VélezRun with wolves. 




Polo momento Culturadeseu está inactivo, pero volverá...

11.21.2014

Os hikikomori, xa están aquí

Hiasuki, un hikikomori xaponés fotografado en 2.004.

Non se trata dunha nova moda, nin dunha nova droga, nin dunha nova rede social, nin dunha nova aplicación para o smartphone, é unha enfermidade, e xa chegou á España.
Os hikikomori (literalmente, apartarse ou estar recluído) non son unha novidade, non polo menos en Xapón, pois deles xa coñecíamos noticias hai unha década. A novidade radica no diagnóstico de 200 pacientes en Barcelona, afectados desta síndrome, entre o 2.008 e o 2.013. 

O doutor nipón, precursor no estudo desta patoloxía, foi Tamaki Saito, que aparece definida deste modo na Wikipedia: 
«Mentres que algunhas persoas senten presión por parte do mundo exterior, e padecen agorafobia, un hikikomori reacciona cun completo illamento social para evitar toda a presión exterior. Poden encerrarse nos seus dormitorios ou calquera outra habitación da casa dos seus pais durante períodos de tempo prolongados, de incluso anos. 
Normalmente non teñen ningún amigo, e na súa maioría, dormen durante o día, e ven a televisión ou xogan con videoxogos durante a noite. Todo isto fai deles un caso extremo de "solteiros parasitos" (expresión xaponesa para nomear a aqueles que viven das sopas instantáneas, vivindo na casa de seus pais por comodidade).  
A maioría dos hikikomori manteñen contacto co mundo exterior só polo ordenador, a televisión e os videoxogos en liña, aínda que, en casos extremos, o hikikomori pode pecharse incluso a isto, e permanecer horas e horas na mesma posición, coa vista nun punto fixo, vivindo da súa imaxinación.»

En Xapón, como norma xeral, exércese unha gran presión sobre os mozos e mozos durante toda a súa vida académica, e posteriormente na laboral. O fracaso non é unha opción, e outórgaselle gran importancia ao sacrificio persoal, e á conservación do honor. É normal que un rapaz ou rapaza remate os seus estudos e vaia buscar traballo á gran cidade (sexa Kioto, Tokio...) e alugue un piso diminuto que nin conta con baño, na súa procura dun posto laboral. Volver á casa dos seus pais sen ter atopado nada, é decepcionante, e en certas familias inaceptable.

Así mo contaba Minako Takahashi, a miña mestra de xaponés na universidade, quen por aquel nos axudaba a coñecer un pouco máis da sociedade na que nacera a través das súas historias particulares e novas do país nipón, como os famosos hoteis cápsula, onde fan noite moitos executivos que non teñen tempo suficiente para ires á súas casas e volver ao traballo ao día seguinte.

Individualismo, capitalismo, introversión, consumismo, rapidez, estrés, incomprensión, falta de contacto coa realidade, os novos medios de comunicación e relación social, e unha constante necesidade de chegar ao máis alto: son os ingredientes precisos para dar pulo á síndrome dos solteiros e solteiras parasito, e dos que dispoñemos no noso país; por iso non é de estrañar que os hikikomori xa estean aquí.


11.18.2014

Co cambio de tendencia

Cos cambios de tendencia non debería ela preocuparse polo que lle din catro mulleres sen paixón; sen alma.

Cos cambios de tendencia, cada vez máis curtos, máis rápidos, máis volubles, máis líquidos, non debería ninguén tratar de acompañar o cambio.

Cos cambios de tendencia resulta fútil estar á última.

A última agora, será a vella despois.

278

11.17.2014

Dos seus pés mollados

En terra húmida, de traballos que arden.
En terra húmida, de cabalos que parten.
En terra húmida, de lixos que nacen.

Dos seus pés mollados naceron cabalos aos que lle ardían as patas.
Dos seus pés mollados quixeron coller o que ninguén quería.
Dos seus pés mollados o lixo naceu e partiu sen dicir onde.

Tres teus ollos secos.
Tres teus ollos secos.
Tres.
277


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...