Mostrando entradas con la etiqueta Orzamentos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Orzamentos. Mostrar todas las entradas

8.11.2014

Que Amancio nos financie!

Pantocrátor, na Igrexa de San Clemente de Tahull.
A cultura sen altruísmo non sería posible, comentaba Susan Sontag, nas últimas páxinas dos ensaios compilados en Contra la interpretación. Era unha pequena frase, entre guións, unha pequena reflexión, que parecía escrita sen querer chamar a atención, pero que irremediablemente ataca ao lector, obrigándoo a se cuestionar a veracidade e pertinencia de tal afirmación. É posible a cultura sen altruísmo? Me pregunto de cando en cando. En ocasións penso que si. Outros días, non o vexo claro. Agora mesmo penso que non debemos deixar que a Cultura dependa unicamente da boa vontade dunha sección minoritaria do mundo. Non podemos deixar que a creación cultural, esa revolución permanente —en constante busca de novas formas de pensar, de facer, de ser—, quede nas mans de mecenas e patróns, pois se ben co tempo, a figura dos Médici tornou un chisco romántica de máis, agora, nos nosos días a quen lle imos deixar, e outorgar, a batuta de mecenas?

Historicamente foron a Igrexa, o poder relixioso, xunto co poder político, quen en maior medida financiaron as actividades artísticas, dende o hierático Pantocrátor en 2D, ata ao Mestre Mateo. Ambas entidades son receptoras de grandes cantidades de cartos chegados do pobo administrado (uns polo fisco, outros polas taxas de Deus), e son quen deciden onde, como e cando se investirá, e en que. Ambas entidades, ademais, son particularmente propensas a salvagardar o seu statu quo, polo que as propostas que apoiarán serán sempre moderadas, inclusive reaccionarias, temendo perder a súa cátedra, ou darlle folgos a unha parte da sociedade a favor da destrución creativa do establishment. 

Por outra banda, hoxe en día, os empresarios (algúns) son considerados grandes altruístas. Ben sabemos que fan obras de caridade, e axudan ás ONGs en África, e moitos ricos do presente e do pasado, son quen manteñen a demanda de obras de arte, xa que, nós, o pobo de a pé, non nos podemos permitir a compra destes luxos, para penduralos na parede do salón. Mais, temos, aquí, que nos deter un momento, pois, que consideramos bo para manter a creación e revolución permanente da cultura? Poxas millonarias de cadros de Picasso? A Tita Cervera encadeada a unha árbore no paseo Padro-Recoletos? A protección da propiedade intelectual? A persecución dos piratas na rede? Macro-exposicións na Cidade da Cultura? Francisco de Asís? A restauración da Fachada do Obradoiro? O post-porno? O feminazismo? Mercar a Jot Down e a Luzes?...  Se cadra o pertinente, para acadar un consenso, non é centrarnos nas árbores, senón en manter o bosque vivo. Se cadra, o que precisa a cultura é unha actitude. Unha actitude de constante crítica, de inconformismo, de investigación, de cuestionamento do establecido... Pero tamén, unha actitude que impida que administradores e administrados vivan (viva, vivamos) cadanseu na súa torre de marfil, guindándose capachos de chapapote, na espera de que algún se canse, baixe, e diga "vale, pois facemos como ti queiras". 

Non obstante, isto, que é pura teoría, ten que facer fronte á realidade. E a realidade é que vivimos nun mundo onde Amancio Ortega, hai pouco, gañou 521 millóns de euros nun día, pola venda duns títulos, e a realidade é que o orzamento deste ano da Xunta para Cultura reduciuse ata os 61 millóns de euros, o que supón unha oitava parte do que o dono de Inditex fixo nunha xornada, quizais mediante unha aplicación gratuita no seu iPhone 5s. Quizais, entón, sería mellor que nos vindeiros anos, deixaramos de criticar a inoperatividade, e afastamento do contexto das institucións públicas e foramos directamente, en procesión, ata a Arteixo, a pedir, de xeonllos, que, por favor, Amancio nos financie!


5.30.2014

Os Antisistema, e outras lecturas

105
Na noite das eleccións europeas, a edición especial do telexornal, informaba sobre os resultados dos comicios, falando de Podemos como un partido de extrema esquerda antisistema. Isto vén, ao parecer, determinado polas súas ideas respecto do modelo enerxético, pois no seu programa electoral avogan polo peche programado das minas de carbón e gas, nunha paulatina evolución cara as enerxías renovables, amais de prohibir o fracking (proceso no que se introduce líquido a moi altas presións na terra para abrir pola forza fisuras das que obter petróleo ou gas), unha moratoria da débeda pública, o aborto libre no sistema público sanitario, unha educación laica... Por máis que lea non vexo unha intención terríbel de acabar co sistema, mais de transformalo de acordo a unhas ideas, para nada (dende o meu punto de vista) afastadas da realidade.

Logo temos ao Partido Popular, que é parte do sistema, pero semella que está a facer o posíbel por acabar con el. Ou, con eles. Erosionan o sistema público de sanidade, o sistema público de educación, o sistema público de pensións, prestacións por desemprego... Logo quen son antisistema?

Fragmento tirado das bases da FE-Jons.
Mentres tanto, e ao mesmo tempo que estaba a pensar neste artigo, atopeime coa nova de que nos últimos comicios, a Falange acadou un total de 21.577 votos, máis do dobre do acadado en 2009 (que foron 10.031). O que polo menos resulta preocupante. Agora, non sei que ocorre cos partidos da esquerda, que cando propugnan alternativas aos modelos establecidos, son antisistema, mais os que queren cambios radicais dende a extrema dereita, dende o nacional-sindicalismo católico neste caso, son extremos, pero non son antisistemas, por que non os ven (dende a opinión pública) coma a hippies, mais coma patriotas (radicais) de España que queren rematar (unicamente...) co separatismo, Europa, a monarquía e o capitalismo, e o que se lle poña por diante. So tedes que botarlle un ollo ás súas 133 propostas para facervos unha idea do seu proxecto para mellorar España.

Por último, estiven as voltas cos orzamentos xerais de Galicia deste ano, e dos anteriores. Cando non sei moi ben de que falar, vou ao DOG e miro como vai o investimento en Cultura (que segue en descenso, e pasou de 147 millóns no 2008, aos 61 deste ano) ou como se reparten o pastel entre as diferentes axencias da Xunta. Nesta lectura vespertina, chamoume a atención o alto nivel de endebedamento público no que estamos aquí: se o ano pasado debiamos 1.110.857.232 millóns de euros, agora dobramos esa cifra (debido ás presións exercidas polos mercados financeiros, a insostible situación económica, a falta de acordo coa administración central, etc....) e xa estamos nos 2.071.115.131 millóns de euros, o que supón (aprox.) a quinta parte do orzamento total, 10.281.347.155.

O que significa que debemos 20 de cada 100 euros que producimos; logo non é de estrañar que haxa quen queira acabar co sistema.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...