7.30.2014

Sobre as vítimas

Con todo o que está a ocorrer neste verán en Gaza, moitas son as opinións que se escriben nas redes sociais verbo do conflito e as vítimas. A disparidade das afirmacións non impide ver que, en definitiva, do que estamos a tratar é de ética, da calidade do motivo, obxecto ou causa que está a provocar esta loita, que, a todas luces, parece desigual. En particular, moitxs son xs que non entenden que os herdeirxs das vítimas do Holocausto, estean agora facendo de verdugos, e ao respecto, hoxe, só quero deixar un fragmento da Ética Posmoderna de Bauman, un libro, que tardei demasiado en ler:
«En Estados Unidos, a vergoña de Vietnam impulsou a construción de armas de tecnoloxía punta moito máis que o escrutinio moral. Agora, grazas á vixilancia electrónica e aos mísiles intelixentes, a xente morre antes de que teña a posibilidade de responder; mátase a distancia, e o asasino non ve as vítimas nin ten necesidade de contar os cadáveres. 
Os vencedores, triunfantes ou frustrados, non emerxen ennobrecidos moralmente, pero tampouco as súas vítimas. Como regra, as vítimas non son eticamente superiores aos seus vitimarios; o que as fai mellores desde un punto de vista moral e lle da credibilidade á súa posición é o feito de que, sendo máis débiles, tiveron menos oportunidade de cometer crueldades. Mais non hai razón para que da súa derrota deriven diferentes leccións que as obtidas polos vencedores frustrados: a saber, que a salvagarda contra futuras calamidades non é unha postura ética, senón contar cun gran número de armas poderosas —aínda que o segundo de ningún xeito exclúe ao primeiro: o primeiro é unha ferramenta útil para obter o segundo, que á súa vez é un apoio infalible para lograr o primeiro—.»

166 

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...