6.30.2014

Galicia Portobello Road

136
"Portobello Road, Portobello Road, donde se vende y se compra hasta el sol...", cantaba o falso mago interpretado por David Tomlinson en La Bruja Novata, xunto a unha meiga —Angela Lansbury— que aprendera a facer feitizos por fascículos nunha película que contaba co Londres de comezos da Segunda Guerra Mundial (1940) como un dos seus escenarios.

Aquela rúa, Portobello, no filme, estaba chea de vendedores e de música. De antigüidades, arte, libros, e xoias. Así, pero sen bailaríns e soldados, a vimos eu, e un grupo de amigos, cando decidimos, con dezaseis anos, írmonos de vacacións á cidade da que tanto nos falaran. Tanto foi o que me quedou por visitar e re-visitar, que volvín dúas veces máis, e logo, funme a estudar un ano a Southampton, mantendo sempre o contacto cos meus curmás londinienses, fillos dun irmán do meu pai que emigrou á capital inglesa hai máis de trinta anos.


Moitos galegos foron parar alí, e seguen a facelo (do meu pobo, O Grove, sei de máis dunha ducia), e a súa pegada é evidente a través dos negocios que alí abriron, onde se mistura o galego e o inglés con gran naturalidade, amais dos que estudan a lingua galega no colexio Cañada Blanch. Afectada por este contexto, por este background, a directora e guionista Adriana Páramo, está na procura de micro-financiamento en Verkami, para a filmación dunha curtametraxe chamada Galicia Portobello Road, protagonizada por Mariana Carballal e Lucía Regueiro, cuxa sinopse é:
«A nai de Celtia, María, ten a oportunidade de vender o restaurante que rexentou durante 40 anos na zona de Portobello road en Londres, a unha coñecida cadea de supermercados para poder retornar a Galicia e retirarse alí coa súa actual parella. Celtia, frustrada no seu traballo, ve entón truncado, o seu soño secreto de dirixir o restaurante onde ela se criou. Nun intento de convencer á súa nai para que quede, vai falar con ela, cando María está empaquetando pratos, vasos... e recordos. Nestas circunstancias, as dúas aprenderán a entenderse como mulleres máis alá do seu vínculo materno-filial.»
Para apoiar este proxecto podedes entrar na páxina do crowd-funding aqui, ou ires ao perfil de facebook.

6.29.2014

Alfabetización en Código

135
Parece que o futuro vai a estar determinado por aqueles que saiban programar en código e aqueles que non. Os que dominen o coding e o resto dos mortais, que simplemente se comuniquen con letras e números xuntos en palabras, frases e parágrafos. Pode ser, non digo que non. Do mesmo modo que ata a chegada da Galaxia Guttenberg, a escritura non ocupaba máis que unha pequena parte do planeta, ter a capacidade xa non só de usar a tecnoloxía e as aplicacións dun iPad, mais de crear, de innovar, de inventar e de hackear novo software pode ser a insignia das útlimas xeracións do século vinte, e as que naceron no XXI. Pensen na nanobiotecnoloxía, eses diminutos robots de tamaño nanoscópico que poderán (se cadra) no futuro ser programados para destruires cánceres sen matar texido non enfermo. Pensen na arte, sempre na vangarda do pensamento rupturista, que xa hai anos fai uso das novas linguaxes informáticas na procura de innovadoras formas de expresión; pensen na primeira industrial cultural: os videoxogos, que fan máis cartos ca Hollywood, cun balance de 61 billóns de dólares anuais...


6.28.2014

Mallar n'Abanca

134
"Habería que mallar neles!" berraba un cidadán o xoves pola tarde, preto da fachada da Acibechería da Catedral de Santiago, mentres vía como baixaban tranquilamente preto de cincocentos homes traxeados e galonados cunha //A. Dicía, enoxado, que acababa de baixar da casa, e que ao atoparse coa comitiva dos convidados á presentación da nova marca de NGB, Abanca, non puido reprimir unha ira que o estaba levando a falar nun ton ben alto, arredor dos traxeados para que, obviamente, o escoitasen. Eu, que tamén estaba alí, e levaba un traxe (non por ser convidado, mais por estar traballando no evento), pensei por un momento xirarme e comentarlle que por moito que berrase ao meu carón, non tiña eu, nada que ver con aquel circo. Non era máis eu, que un dos trapecistas.

Mais non quixen pór en perigo a miña profesionalidade, así que gardei para min o que meu é, non sen cuestionarme cal foi o motivo polo cal non houbo ningún tipo de manifestación e protesta por parte dos afectados polas preferentes. Eles, que xoves tras xoves están na porta da sucursal de, agora Abanca, en Praza Galicia, non apareceron polo Auditorio, a pesares de que sería unha ocasión perfecta xa que asistía o Presidente Feijóo, e a atención mediática era alta. Pero nada, nin alí, nin no paseo que lles demos ata o Hostal dos Reis Católicos, nin no Obradoiro, houbo protesta algunha. A mínima presenza policial (un furgón ao lado de Raxoi) leva a pensar que sabían de antemán que nada ía pasar, e para calmar aos afectados, tiveron que ter conversas previas, ou polo menos así se escoitou nalgúns currunchos do acto. 


6.27.2014

Out of order (XI)

133
«hemos
nacido así
en esto
en estas guerras de locura calculada
en un panorama de fábricas con ventanas rotas de vacío
en bares donde la gente ya no habla con los demás
en peleas a puñetazos que acaban en tiroteos y puñaladas
nacidos en esto
en hospitales tan caros que sale más barato morirse
en manos de abogados que cobran tanto que sale más
       barato declararse culpable
en un país donde las masas elevan a los idiotas al rango de
       héroes ricos»

Fragmento de los Dinosaurios, nosotros, de Charles Bukowski (Los placeres del condenado)

6.26.2014

Abanca

132
De traxes a ocasión se vistiu, para tinguir de azul turquesa as camisas abotoadas dos aconselladores de turno. De saúdos inesperados e calma estraña, coma se compraran ao árbitro e non lle permitisen usar o chifre.

De orquestras comandadas por nenos pequenos e espontáneos que queren ser directores. De directores descontentos por non teren unha butaca ao lado do presidente. De presidentes que falan por teléfono para fuxir de conversas indesexadas. De desexos de se querer tirar ao mar, e nadar, nadar e nadar. De nadar contra a corrente, se é que hai corrente algunha que nadar cara atrás. Da fin de todo e o comezo novo dun sentir expropiado e outorgado por orde de preferencia partidista. Dun novo banco onde ninguén se quere sentar, pero onde todos meten os cartos.

6.25.2014

Temos medios, falta xente

131
Na oficina de Correos situada na Rúa do Franco en Santiago de Compostela, hai tempo que había
un ordenador de mesa que ninguén usaba, xunto a unha báscula. A semana pasada seguía igual, cando fun correndo ata alí pensando que me deixaran unha nota de recollida na caixa do correo, que ao final, e, xusto antes de me atender, me decatei estaba dirixida a un tal Manuel, pero non eu; coas presas non lera nin os apelidos.

A cuestión é que onte volvín, e alí estaba eu, a agardar a miña quenda mentres miraba para ese ordenador castigado contra a parede e esbardallaba mentalmente verbo de cal era a cuestión pola cal ese CPU non estaba nun armario, en Kenia, ou no vertedoiro (que desgraciadamente ás veces é o mesmo, mais nós non o imos —queremos— ver). Estaba alí coma cando na casa algo deixa de funcionar e ninguén se decide a tiralo; a chamar ao concello para que pase o camión de recollida. E vía ao ordenador como unha mostra da abundancia estúpida na que estamos anegados. Do estipendio mal xestionado que se fai en certo tipo de axencias e empresas públicas mentres reducen prazas e salarios, e xubilan cátedras e materias. E logo vía que estamos rodeados de medios, de tecnoloxía... e o problema, sabemos (e pensaba) xa non é que non dispoñamos dos instrumentos, dos aparellos, máis agora do que non dispoñemos é de xente, e xente moi cualificada.

Un 25% dos emigrantes do estado son galegos, segundo o Padrón de Españois Residente no Estranxeiro", afirman nunha reportaxe no 5# de Luzes. Un total de 479.558 habitantes que polo que fora, foron en busca de foros nos que poder falar, de fábricas nas que poder traballar, de facultades nas que poder estudar, de fervedoiros nos que a súa visión creativa e innovadora teña presenza e respecto.

Polo momento eu sigo aquí (non pensedes na canción de Paulina Rubio, por favor), coma o ordenador de Correos, contra a parede. Funciono perfectamente, e teño todas as capacidades precisas para estes tempos pos-modernos; o problema é ou non saben de que existo, ou non saben en que armario me meter.

6.24.2014

Out of order (X): A Morte

130 
«Todos ese novos fotógrafos que se axitan polo mundo consagrándose á captura da actualidade non saben que son axentes da Morte. É a maneira na que o noso tempo asume a Morte: coa escusa denegadora do loucamente vivo, do cal o Fotógrafo constitúe dalgún modo o profesional. Porque a Fotografía debe ter históricamente, algunha relación coa 'crise da morte' que comeza na segunda metade do século XIX; e eu preferiría pola miña parte que en lugar de volver situar unha vez máis a chegada da Fotografía no seu contexto social e económico, nos interrogásemos tamén sobre o vínculo antropolóxico da Morte coa nova imaxe. Pois é necesario desde logo que, nunha sociedade, a Morte estea nalgunha parte: quizais nesa imaxe que produce a Morte ao querer conservar a vida. Contemporánea do retroceso dos ritos, a Fotografía correspondería quizais á intrusión na nosa sociedade moderna dunha Morte asimbólica, á marxe da relixión, á marxe do ritual, como unha especie de inmersión brusca na Morte literal. Vida/Morte: o paradigma redúcese a un simple clic do disparador, o que separa a pose inicial do papel final.»
Roland Barthes, La Cámara Lúcida

6.23.2014

De cando coñecín ao presidente dos EUA

129
Vale, non, non era o actual president of the States, digamos, non o real. Pero agora, que por forzas que me superan, estou totalmente enganchado á serie de The West Wing, non puiden resistir a tentación de revolver entre os albumes, non do caixón, mais do facebook, para atoparme con esta fotografía, agora, moito máis cargada de emoción, que o día na que a obtiven, mentres facía de extra na película que gravou Martin Sheen co seu fillo Emilio Estévez, sobre o Camiño de Santiago, aló polo 2009 (como pasa o tempo carallo...).


Desculpen pois, este acto de auto-gabamento, pero hai series, hai actores, hai guionistas, e hai personaxes, que logo de vivir con eles, por un momento, semellan cambiar a forma que de ver a vida, temos. De seguro que se volvo a ter a ocasión de traballar nunha rodaxe con Martin Sheen, lle pedirei un autógrafo onde poña: The eagle is moving.

Comprendan tamén que por forza teño que publicar todos os días, e artigos coma este me permiten seguir coa preparación de dúas reportaxes que, prometo, serán de interese (polo menos, para min): Para cando chegará o fracking a Galicia e cales serían as consecuencias?, e Serán os plásticos seguros algún día?  

P.S.: esta semana gravamos o cuarto programa de radio de Culturadeseu, prometemos falar sobre a creación contemporánea galega co artista dixital Horacio González e a crítica cultural Ania González. Máis información na Radio de Seu. E por certo, o señor presidente Bartlet, foi tremendamente amábel con todos nós, ata, falou en corrillo; máis dun debería aprender da súa humildade.

6.22.2014

Cando un home morde a un can

128
«Cando un home morde a un can, é noticia», sentenza o profesor universitario ante un aula ateigada de futuros traballadores da comunicación e da información, mentres na equina inferior esquerda dunha das diapositivas da presentación en Power Point que deliña a súa figura, podemos ler: Marzo, 1998.

Fonte: Man o' Law
A frase que quere definir ao noticiable no xornalismo (o que é insólito) atribúese tanto ao magnate británico Alfred Harmsworth, coma ao editor do New York Sun, John B. Bogart, amais de a Charles Anderson Dana. Forma parte dese universo do morboso, do que se ven publicando durante o século pasado e comezos deste. O sensacionalismo, o tabloidismo, o amarelismo, que parece superarse cada día na súa propia insubstanciabilidade, na loita polas audiencias, que, actualmente na rede, teñen que ver con impactos e visitantes únicos, xa sexa diarios ou mensuais. Só así podemos explicar porque se publican novas que falan sobre a suposta presenza dun roedor na coroación de Filipe VI; de como entramos na ligazón pensando que aquelo é algún tipo de broma, para descubrir que non, que non é de El Mundo Today. Que non están de carallada.

E volvo na cabeza a aquelas mañás na facultade aprendendo que preguntar nunha entrevista, nun suceso ou na cola do supermercado. De listas de tipos de tipoloxías de xéneros interdisciplinares incluídos nos libros de estilo dunha liña editorial non definida pero declarada no texto dos xornais que exercen con aleivosía suposta, unha labor de vixianza cuxa existencia todos demandan, pero da que ninguén quere escoitar un chío se de tomar responsabilidades se fala; ante unha tarefa, ardua e complicada, por que se o xornalismo é o cuarto poder, ten aos outros tres enriba, e o peso destes cachalotes non o deixa respirar, nin andar, e xa nin escribir.

Que se meteu un suposto rato na Coroación de El-Rei? Estupendo. Ogallá se tivera metido na coroa e lle caese na cabeza a Filipe ao poñerlla na caluga. Aínda que non sería posible, claro. Pois na Coroación de Filipe VI nin había rato nin lle puxeron Coroa algunha na cabeza. Así, temos unha noticia sobre un suposto suceso que pasou nun evento que non foi o que foi, mais foi o que supostamente debería ser, aínda que todo o mundo sabía o que non estaba a pasar.

6.21.2014

Verán meco


127
Un ano máis, Culturadeseu colabora de forma activa na difusión dos concertos programados para o verán na sala de música sita en O Grove, Twist and Shout Club. Disco Las Palmeras!, Guerrera, Chicharrón, Ataque Escampe ou The Pie Lands, son algúns dos nomes destacados dun cartaz, de cuxa factura, son humildemente responsable. Logo de dúas edicións do Rolling Over, e un cento de concertos no que vai de vida do local que vin nacer hai máis de dous anos, meterse na programación de concertos de grupos galegos e da contorna, segue a ser unha partida, na que non todo o mundo se quere meter (só hai que ver o panorama para se dar de conta).



Máis información na web www.twistandshoutclub.com e no facebook. 

6.20.2014

España, la madura

126
Non o tiña preparado, nin se quera pensaba en miralo, mais a casualidade quixo que vise a Felipe o Cesto saúdar dende o descapotable, mentres o lambían de arriba a abaixo, catro xornalistas, sentados nun plató descuberto na televisión española, facendo, cínicos, ollos cegos e oídos xordos ás protestas republicanas que eran apagadas forzosamente nas rúas da capital. Se de patético tiña xa bastante o monárquico espectáculo dos empalagosos Borbóns de chocolate, non quixo quedar fóra da partida (por ver quen di a maior estupidez) unhas das xornalistas que alí en círculo estaba sentada, pois preguntada por unha definición (simplificación) do devalar dos acontecementos, tivo a ousadía matriarcal e maternalista de dicir que a proclamación d'O Cesto era un síntoma de madurez da sociedade española que beneficiaba sobremaneira á imaxe de España no exterior.

Debe ser entón que mostrar un absoluto desprezo polos principios da democracia, ignorar as voces discrepantes, e meter a merda debaixo da a alfombra é un síntoma absoluto de madurez para esta amable señora. Debe ser que non preguntar polo medo ás respostas é ser maduro. Debe ser que cando vivía Franco, isto non pasaba. 

6.19.2014

Relevo

125
Cinco da mañá, barra dun bar en Combarro, dous homes de barba hipster, falan.

— Parece que hai relevo, outra vez.
— Si, pero, non outra vez, non? Coido que volve. Se volve non é outra vez.
— Volve?
— Si volve.
— Home, eu non diría que volve... Sempre estivo aí, e todo, pero, non volve.
— Claro que volve, se estaba antes, viu o outro, e agora volve estar ela, significa que volve.
— Como ela?
— Si, ela.
— Pero non estabas a falar do Filipe?
— Que Filipe?
— O Sexto.
— Parvadas. A min que máis me da o do rei...
— Entón, non sei de que estás a falar.
— Da Fundación.
— Como?
— Estou a falar da Fundación.
— Que fundación?
— Se non sabes cal é, non cho podo dicir.
— E logo?
— Hai moita xente a escoitar.
— Pero que dis? Aqui non hai ninguén!
— Iso é o que pensas ti, cala, bebe, e xa logho caerás da burra.
— Bueno lo'.


6.18.2014

Out of order (IX)

 124
Georg Lúkacs
«Alguén morreu. E os sobreviventes afrontan a dolorosa e persistente pregunta da distancia eterna, o baleiro infranqueable entre un ser humano e outro. Non queda nada no que nos aferrar, pois a ilusión de entender a outra persoa aliméntase unicamente dos renovados milagres, as sorpresas anticipadas da compaña constante [...]. Todo o que unha persoa pode saber sobre outra é unicamente expectativa, tan só a potencialidade, só o desexo ou temor, que adquiren realidade unicamente como resultado do que acontece despois; e esta realidade disólvese tamén de inmediato para se converter en potencialidade [...].
A verdade, a formalidade da morte, é cegadoramente clara, máis clara que calquera outra cousa, talvez porque, unicamente a morte, coa forza cega da verdade, arranca a soidade dos brazos dunha posible proximidade —brazos sempre abertos a unha nova aperta.»

Ética posmoderna, Zygmunt Bauman citando unha pasaxe do primeiro ensaio de Georg Lukács.

6.17.2014

Galego, «idioma no disponible»

123
Se vostedes non cambiaron as preferencias de busca nos settings de google, cando poñen algo en galego, normalmente, indícalles que talvez o escribiran mal, e os primeiros resultados adoitan ser en castelán. Para evitar isto, deben incluír o galego, como un dos idiomas sinalados ou aptos nos resultados. Durante case un ano, cando escribía culturadeseu no buscador, o primeiro resultado era o subdominio deste blogue que está traducido ao castelán (o punto es), sección que agora está aparcada e desactualizada por cuestións pragmáticas (imposible escribires todos os días, levar o programa de radio e traballar —gañar cartos, enténdanme— para vivir) e que para os que chegan por primeira vez a Culturadeseu, pode dar unha idea errada do contido real que se publica. 


Esta cuestión que pode parecer baladí, prexudica gravemente aos medios que están intregramente en galego, pois a maioría da xente non modifica as súas preferencias de busca nos diferentes buscadores, o que provoca que ao introducir información no search box, os primeiros resultados amosados sexan diarios escritos en castelán. Isto proporciónalle máis visitas a estes medios, o que lles permite aumentar os prezos dos espazos publicitarios, obter máis ingresos, crecer... Mentres os medios dixitais en galego, quedan relegados a un segundo termo.

Por se fóra pouco, Google Adsense (unha das formas de obter ingresos con blogues coma este) aínda non incluíu o galego na súa base de datos ou linguas admisibles, polo que cando un quere dar de alta o servizo, para, seguramente, non gañar un peso, envíanlle un correo electrónico, dicindo o seguinte:

«Idioma no disponible: hemos comprobado que la mayor parte del contenido de
su sitio se encuentra en un idioma que no está disponible en estos
momentos. Los idiomas en los que se ofrece el programa y la publicación de
anuncios se indican en esta página: 
https://www.google.com/support/adsense/as/bin/answer.py?answer=9727. Si
administra o posee otro sitio en uno de los idiomas disponibles, no dude
en volver a enviar la solicitud según se indica más adelante.
Si bien esperamos poder ofrecer AdSense en su idioma muy pronto, todavía
no podemos anunciar una fecha concreta. Para estar al día de los idiomas
en los que está disponible el programa, consulte más adelante la
información del enlace anterior. 
Tenga en cuenta que si el idioma del sitio web es uno de los que solo
están disponibles en AdSense para búsqueda (indonesio o vietnamita),
deberá enviar una nueva solicitud con otra dirección de correo electrónico
a http://www.google.com/adsense/g-app-single-1. En el menú desplegable
"Idioma del sitio web", elija el idioma principal del sitio. Ello nos
ayudará a revisar su solicitud.»

Eu, aínda estou a esperar.  

6.16.2014

Do xornalismo e os seus retos (I)


122
En 2012, Ahmed Shihad-Eldin —xornalista estadounidense—, falaba, na súa participación no Zeitgeist de Google, sobre a importancia que acadaran nos últimos anos as redes sociais, na recadación de datos e a interacción directa con fontes en lugares e momentos de conflito bélico ou civil. Comentaba como dende a habitación de seu hotel, cun iPad e unha televisión puido ter información directa do que estaba a ocorrer en Exipto, grazas ás fotografías e mensaxes publicadas no momento por persoas (non-xornalistas profesionais), in situ.

A súa intervención desbota xa a pertinencia ou lexitimidade do que se da en chamar periodismo de paracaídas, que define aos correspondentes enviados en paquetes express aos lugares que se converten da noite para a mañá en noticia, e que en cuestión de dous ou tres días teñen que enviar crónicas de volta á redacción, tendo moi pouco tempo para poder recadar datos, conversar cos implicados e tirar conclusións que vaian máis aló do meramente especulativo, ou, que simplemente reproduzan as versións oficiais. Mais tamén da pulo a lexitimar o xornalismo non-profesional e considerar como comunicador a calquera persoa que dispoña dun teléfono e conexión de datos. Vén cuestionar cal ha de ser a labor do xornalista nun mundo de información extenuante, pola cantidade, variedade, e falta de selo de autenticidade.

Non, porén, precisamos írmonos a Siria ou a Pakistán (polo de lugares en conflito) para decatármonos da importancia que adquiriron nos últimos anos as redes sociais como parte do proceso de (in)comunicación colectiva. A xa consabida sobre-información derivada da apertura de portas ao mundo que é a world wide web, está a presentar retos ao xornalismo tradicional dende hai máis dunha década, e o éxito da profesión —considero— pasará por saber afrontalos. Os media tradicionais do noso país tardaron en comprender que o fenómeno dos medios dixitais, do blogging e dos agregadores de novas, era algo máis cunha moda pasaxeira, ou unha competencia inocua; agora que a empresa xornalística ve que moitos dos empregados aos que bota á rúa xa non dependen da súa caridade para exercer profesionalmente o servizo público que debería ser o periodismo, e sobre frikis e renegados, semella que aumentou a súa interese por deslexitimar, ou trabar o avance do que pode ser a única vía de xornalismo independente e sostible que non pase pola precarización e empobrecemento dunha profesión, cuxa importancia, semella non callar nunha suposta parte importante da poboación que pensa que Lidia Lozano é unha boa periodista.



6.15.2014

Escribires en domingo (tamén)

121
Arnold Colunga
Do proxecto, idea, exercicio creativo forzoso auto-imposto do Reto 365 días, 365 posts, —en curso e xa polo artigo número 121—, infiro que a tarefa diaria non só quita tempo, máis inspiración, e non permite, canda ao traballo non xornalístico (e remunerado) realizar extensas reportaxes, coma aquelas que caracterizaron os dous primeiros anos de vida de Culturadeseu. Estes textos, arrombados na sección de ARTECO, supuxeron no seu momento varios días de labor interrompida, na que, amais da cobertura física do lugar, implicaba a edición das fotografías, dos audios (e ás veces dos vídeos), a transcrición das entrevistas, a corroboración dos datos e escritura das reportaxes, que, logo, aínda traducía tanto ao castelán, coma ao inglés. Todo isto, enchía un tempo libre, que hoxendía, por fortuna, ou por desgraza, xa non teño.

Porén, non desisto, e aínda que acotío, escribir, teño, gardo carpetas con documentos impresos e virtuais, de temas interesantes, que aos poucos van tomando forma, e que, ao longo deste verán, ben no blogue, ben na radio, publicados, serán.

Polo momento, se non estades nesta tarde de calor sahariano, nunha praia, o sol tomando, podedes botarlle un ollo a unha das primeiras reportaxes multimedia realizadas, neste, o meu caderno de bitácora: FAC OFF.

(Ou perdervos en tumblr, entre gifs, como o que acompaña —disruptivamente— ao texto)


6.14.2014

"Ay, a mi me duerme toda la noche"

120
Non teño carné de conducir. Non porque non o intentase ter. É que non quero renunciar á agradable sensación de ler durante hora e media, sentado, pero movéndome, rodeado de estraños,
e das súas historias.

De veciñas do pobo que levan á gata irremediablemente a costas, de rapaces que comparten a pantalla dun ordenador portátil mentres xogan a se destruíres un ao outro nun mapa mundi de cores primarias, de nenos pequenos que non deixan de chorar en noventa minutos, de paisaxes escondidas que aparecen por un segundo entre túneles, de incómodos compañeiros de asento, de megafonías estragadas e televisións que xa non dan información, de revisores que che recordan que en menos dun mes terás 26 anos, e que xa non poderás gozar de desconto algún, pois xa non serás o suficientemente mozo, de miradas encontradas nos reflexos dos cristais que nos separan do exterior, de equivocacións e mal humores de persoas fatigadas de vivir, de cirurxiáns que volven dun safari en África, dispostos a retomar as rendas do seu departamento no Canalejo, de estudantes de primeiro ano que falan a berros, contándolle a todo o mundo onde vomitaron a noite de xoves...

De ay, pues la mía me duerme toda la noche.

To a lost memory, de Skyler Brown

6.13.2014

Out of order (VIII)

119
Interiors-exteriors, de Ruven Kuperman.
«La cercanía de la proximidad no se refiere a acortar la distancia, a que los dos seres están hombro con hombro o mejilla con mejilla —literal o metafóricamente—, a la contigüidad o la fusión de identidades. No se refiere a nada relativo que pueda delinearse o medirse. 'Proximidad' se refiere a la cualidad única de la situación ética, que 'olvida la reciprocidad, como en el caso del amor que no espera ser compartido'. La proximidad no es una distancia muy corta, ni siquiera superar, olvidar o negar la distancia; es puramente —aunque nada sencillo— 'una supresión de la distancia'.» 
Ética Posmoderna, Zygmunt Bauman, citando a Lévinas. 


6.12.2014

"Producimos a esgalla e somos pobres"

118
No peor dos casos posibles, en 2051, seremos 944.000 galegxs menos, o que vén sendo un 1.734.073. Así o proxecta o Instituto Galego de Estatística, e así o infería o economista Joám Lopes Facal, no seu artigo publicado no número de maio de Luzes, titulado A Galiza minguante. De sermos optimistas, dentro de trinta e sete anos, o noso país contará cun catorce por cento máis de poboación, aínda que, segundo o profesor Lopes Facal, non é o escenario máis realista.

Número 6 de Luzes
Cales serían as consecuencias de perdérmmos case a metade dos habitantes? Imaxinemos en que posición podería quedar a lingua galega, xa hoxe en día minorizada, se perdese a catro de cada dez dos seus falantes (nun plano ideal), ou en que se posición se situarían as empresas vencelladas a Galicia, e que dependen exclusivamente dun universo minguante para poder subsistir e manter a súa esencia fronte á subtracción do pensamento único global. Pois en grande medida, o éxito e viabilidade da meirande parte dos proxectos depende de que este sexa asumible pola demanda, e canta máis demanda haxa, entre máis cabezas se poderán dividir os custos de produción, e en consecuencia, mellores e máis ambiciosas empresas se poderán levar a cabo. Pensemos, por pór un exemplo, na revista antes mencionada, a Luzes, que depende case exclusivamente dun target ou público obxectivo que comprende e gusta de ler en galego por un módico prezo de 10 euros mensuais. Cantos máis subscritores teñan, máis ambiciosas poden ser a súas reportaxes, pero, obviamente, non poden competir cos prezos que poden chegar a pagar outras revistas xornalísticas que contan cunha audiencia maior, e que reportar maiores beneficios.

É do que xa teño falado nestas páxinas virtuais (serva como exemplo o artigo U-lo xornalismo de investigación?), pois eu como subscritor da estadounidense Mother Jones, sorpréndome cada dous meses con extensas reportaxes de investigación que botan luz sobre temas tremendamente interesantes, con rigor, medios, e unha ampla cobertura dos afectados polas historias en particular, acabando ás veces coa sensación de que todos os grandes desastres e bondades só teñen lugar no pais do american dream, mentres aquí estamos a pelexar cos fantasmas de sempre (a corrupción, o caciquismo e os xabarís desbocados que estragan leiras no verán). Pero a verdade é que o número de persoas que apoian economicamente á Mother Jones non ten punto de comparación coas publicación que se poidan editar na nosa parte do mundo. Inclusive personalidades do mundo da política e do star system de Hollywood son recoñecidos supporters dunha das revistas de xornalismo de investigación left-winged —é dicir, tirando á esquerda demócrata—, que máis respecto me merece. Quere isto dicir que debemos tirar a toalla? Non. O que quere isto dicir é que se somos poucos, e cabe a posibilidade de que aínda sexamos menos no futuro, debemos comezar a mirar ben a quen lle estamos a dar os nosos cartos, e investir en presente, apoiando proxectos, ideas e empresas que traballen na nosa contorna, esquecéndonos dunha vez por todas do endemoniado minifundismo, que o veciño nos move os marcos, e de intentar sacar tallada do traballo dos demais, e logo queixármonos de que ninguén fai nada, nin emprende, nin bule. Que como dixo Isabel Risco cando lle entregaron este ano o Mestre Mateo, "producimos a esgalla e somos pobres, carallo".

6.11.2014

A cultura, con MAIÚSCULAS

Fonte: www.zappenduster.tumblr.com
117
As diversas manifestacións culturais ás que estamos expostos non teñen a mesma consideración, nin nos circuítos institucionais, nin comerciais, e nin na opinión pública; tampouco nos que se poden comprender como espazos intermedios de creación, elaboración do discurso, e reflexión semiótica; inclusive no ámbito denominado como underground (comprendendo como tal, todo aquel que non sexa oficial), non toda a cultura é aceptada, contemplada e consumida da mesma forma. Existe unha visión da Cultura, así, con maiúscula, e logo está o resto; desconsiderada e infravalorada en relación co estrato social, económico e político, dende o que sexa admirada. 

Quizais un dos elementos, que en ambos os lados da trincheira cultural, pode ser desbotado como infra-cultura, é a banda deseñada, ou cómic. Relegado da literatura, e da imaxe estática, permanece no limiar que as une para ser un concepto propio e lexítimo. 

Ao respecto, en 1965, publicaba Umberto Eco, Apocalípticos e Integrados, onde reflexionaba sobre a chegada da cultura de masas (dos mass media) e das implicacións que a democratización da creación cultural (da Kulturindustrie?) podía ter na consideración do que era, ou non era, lexítimo na arte. Os apocalípticos eran os aristócratas, quen crían posuír a verdadeira cultura, e os integrados eran aqueles que comprendían que os novos medios de (in)comunicación e acceso á creación cultural, non supuñan a fin do que Walter Benjamin dera en chamar a aura da obra de arte no seu ensaio de 1936, La obra de arte en la época de su reproductibilidad técnica

A ciclicidade da historia, o Eterno Retorno do mesmo, e a sensación de vivir en círculos, aumenta canto máis cre saber un do que pasa e do que pasou. Posiblemente, aí resida a o poder para vaticinar o futuro. 


6.10.2014

Desobediencia


116
Hai anos que nos trens de media distancia máis rápidos, o asento está prescrito. Un ten que sentarse alí onde llo poñan, queira ou non. Porén, non pasa unha semana sen atoparme (de forma persoal ou allea) cunha incómoda situación, onde unha pasaxeira ou pasaxeiro, en particular, non está sentado no seu lugar. Ou se move, ou acabaremos todos sentados onde non é. Lonxe de me anoxar, acabo por me decatar de que da igual. Se ao final, imos ir todos sentados, pois as prazas son limitadas. Só me irrito cando a persoa equivocada —en moitas ocasións, e non sei a razón, foron señoras ben vestidas e de cellas pintadas que ían cara La Coruña— fai gala da súa arrogancia, en lugar de entoar o mea culpa. Son pequenos actos de desobediencia civil cara ás normas.


Entre os asentos cada un senta onde lle peta, mentres na beiravía, alguén pintou con spray as portas do tren e deixou, a modo de ousadía e sinatura, o bote culpable, tamén, en certo modo, con arrogancia e desobediencia cara ás normas impostas.

Non estaría de máis que a infractora que non quere ceder a súa praza ao seu lexítimo adxudicatario, e o grafiteiro que pinta o que non e seu, se atopasen a medio camiño, falasen, e risen, por que ao final, o seu, non é máis ca un xogo.

6.09.2014

Sen contido, para que contedores?

115
Que sentido tería un concerto sen música, un libro sen palabras, unha exposición sen arte, un
teatro baleiro de actores, un filme sen gravar, ou unha consellería de cultura, sen Cultura? Iría vostede un venres ao CGAC, a unha inauguración con nada que inaugurar? A mirar as paredes en branco? Anegarían os estadios de fútbol miles de persoas, a estar alí sentados durante unha hora e media mirando como crece o céspede? Irían os futbolistas a xogar de balde a cambio dunha promesa de visibilidade comercial, dunha recompensa hipotética no futuro? Coido que non.

Existe no para-mundo construído arredor da creación artística a presunción de que o artista non ten que necesariamente ser pagado polo seu traballo? Si. Podemos pagar o aluguer do taller, do local de ensaio, do piso, da sala de música, ou do teatro, con promesas e ilusións? Non. Hai, a pesares da crise, cartos para organizar e levar adiante, dende a administración pública, uns proxectos si, e outros non, dependendo de quen os propoña e a quen? Si. É a opinión pública consciente de que se deixamos de subvencionar a creación artística, se deixamos de pagar por ela, se deixamos de lado á Cultura, e nos metemos todos nun vórtice neoconservador, acabará por desaparecer o contido e, en consecuencia, converteremos os contedores en almacéns de venda ao por maior de produtos manufacturados en China en niveis de explotación que xamais toleraríamos no mundo occidental?




6.08.2014

Censura a discreción

Pablo Iglesias substituiu á portada sobre a Casa Real.
114
"Disponer de libertad para decidir… y acertar. Estas son las ventajas del carácter independiente del Grupo RBA: actuar libremente en base a nuestros valores", afirman na páxina corporativa do Grupo RBA, unha labazada nos morros logo de ter que retirar 60.000 números da revista "El Jueves", por orde velada da Casa Real. Da publicación fóronse polo menos cinco debuxantes, ante unha acción censuradora moi difícil de dixerir, máxime, cando as novas tecnoloxías permiten un acceso ao prohibido polos poderes, impensable hai dúas décadas.

De ser, que o é, unha acción de veto chegada dende a Casa dos Borbóns de Chocolate, brilla pola súa estupidez, xa que se pretendía evitar que se manchase a imaxe de El-Rei, non fixo máis que alimentar a desafección e o odio cara un establishment tan afastado da realidade, que non é quen de ver que o seu tempo esta a piques de rematar. Haberá sucesión, e haberá Felipe VI, moi probablemente. Porque ou rompemos a baralla, e comezamos un proceso de aceleración histórica (revolta), ou dubido que teñamos república neste século. E eu, a verdade, é que polo menos hoxe, non estou pola labor de pelexar co meu veciño. A ver que nos trae o luns. 

6.07.2014

Problemas, problemas, problemas

113
O fracking non se pode permitir en Galicia, nin en ningures. Esta práctica pode provocar, e provoca, movementos de fallas, con consecuentes sismos. O da mina de Corcoesto aínda non rematou; a intención de levar o ouro, arrincalo da pedra, con cianuro, para logo deixar unha terra erma, inhabitábel, supera calquera raciocinio e balance de resultados. Ou así debería ser despois de que foramos testemuñas de tanto desastre, tanta non volta atrás, tanto cambio de clima, derreter do xeo antártico, subida do mar e das temperaturas, da perda da pesca, das terras estragadas.

Fonte: www.daphnia.es
O bisphenol A (BPA) debería ser retirado do mercado. Todo. As millóns de toneladas que se producen cada ano para crearen todo tipo de produtos plásticos, algúns dos cales forman parte da nosa vida cotiá. Pero non. Non vai ocorrer. O lobby do petróleo non vai permitir que os estudos independentes que hai anos se están a levar a cabo e que demostran a conexión entre o BPA e as alteracións endocrinolóxicas no proceso de crecemento dos fetos (amais das consecuencias posteriores, como a diabete, o cancro de mama ou a infertilidade) dada a súa capacidade para interatuar coma se fose unha hormona, sexan a chave para a prohibición total do mesmo, como en Francia. E aínda así, usan o BPB, e logo demostran que segue a ser a mesma mona, pero vestida de franela. O da sucesión monárquica sen permitir un referendo parece un episodio de Family Guy. O do concello de Santiago, con Reyes Leis á procura de concelleiros, un insulto á moralidade. A contratación en negro por parte de entes públicos, para actos oficiais, un chiringuito, os mestrados endogámicos auto-realizantes dalgunhas facultades debería ser motivo de vergoña; a actitude evasiva, yo me voy para Madrid, de Alberto Núñez Feijóo 'El Carismático', un exemplo de cainismo, de minifundismo galego, e de feísmo en xeral.

E non nos podemos esquecer de que, mentres decidimos que pensar sobre todo isto, e queremos saber de que vai realmente cada cousa, precisamos: comer san, facer deporte, falar en inglés, coidar dos nosos, traballar, buscar un futuro, non desesperar, ser equilibrados, amables e educados, estar informados, estar á última, mercar roupa, e pensar nos demais. Logo, no meu caso, tamén ler cousas moi interesantes das que poder falar cada día neste blogue e non quedar coma un completo inútil.

Problemas, problemas e máis problemas. Agora comprendo iso da xente que renega da cidade, e se vai vivir ao monte.

6.06.2014

Búscase Concelleiro

112
Rumores circulan pola cidade apostólica sobre unha busca exhaustiva na procura de encher as cadeiras que a xustiza deixou baleiras no concello de Raxoi. Fálase de mesas repletas de papeis que esperan para ser lidos e asinados. Papeis que tardarán en se mover. De intentos por xuntar cinco concellerías nunha sóa persoa, como se fóra algo factible.

De loitas internas e da capacidade que ten o señor Feijóo para eludir sempre os problemas, e evitar o enfrontamento coa realidade. De inoperancia; de todo menos de vocación política. De listas que corren, de chamadas a amigos para subilos ao barco.

Do que non se fala é de dimisións, de revoltas, nin de ética, nin de moral. Do que sí, é da vergoñenta situación que está ter lugar no casa consistorial de Santiago de Compostela. Se estes son os gobernantes que queremos, entón merecémolos; logo non se queixen cando todo vaia para o carallo.

6.05.2014

Os bares e a política

111
Din que a política se fai nos bares, por iso eu non perdo nunca a oportunidade para pasarme por eles. Ao fin e ao cabo, como me dicía hai moitos anos o xornalista Bru Rovira, o xornalista "es la mosca cojonera, sentada en la barra del bar, preguntando y observando". As persoas que van aos bares non son para nada conscientes de que as súas conversas, cando se realizan nos mesmo, son de dominio público; dende as anécdotas menos relevantes, ata os negocios máis ou menos fraudulentos, teñen lugar en bares e restaurantes. Ao camareiros vénnos coma maniquíes, coma móbeis, cando a súa labor ás veces, vai máis aló do propio servicio de hostalería, converténdose en psicólogos, aconselladores, e ombreiros nos que enxugar as bágoas.



6.04.2014

Culturadeseu Radio

110
"Uno vuelve siempre a los viejos sitios donde amó la vida", canta Chavela, a letra de César Isella, coa melancolía e a nostalxia, de quen xa o viviu case todo. Non é o meu caso, mais cando un volve a lugares aos que pensaba nunca volver, é inevitable que lle veña ese sentimento, esa dor (ἄλγος) por regresar (νόστος); pois é que volvo á facultade de xornalismo da USC, onde pasei uns agradabéis anos, para desta vez, realizar un programa semanal de radio en colaboración coa Universidade, con financiación europea dentro do portal Campus Culturae.

José Luis Seara, e Lúa Gándara, con Maunel Turnes, en Culturadeseu Radio.


Cando un dos seus coordinadores, o profesor Xosé Neira Cruz, se interesou por este blogue e me propuxo realizar un programa radiado verbo do mesmo, non o dubidei, pois a radio, sempre tivo, para min, un carácter máxico, unha capacidade innata para falar preto da xente, a pesares da distancia física.

O contido do programa incorporará temas tratados durante a semana no blogue, e ademais contarei con convidados de excepción para falares sobre o que sexa pertinente. Hoxe, xa convencín á artista multitarea, Lúa Gándara,  para seres a miña primeira vítima xunto co artista consagrado, José Luis Seara; poderedes escoitar o audio o venres a partires das 18:00, e logo descargalo en calquera momento dende a sección de Culturadeseu Radio.

Para a semana xa teño confirmado a un experto en banda deseñada, responsable de Mataodj, profesor de tecnoloxía, licenciado en Física, e coordinador de Escépticos en el Pub; se con eses datos aínda non sabedes quen é, ou non vivides en Compostela, ou vivides pero non ides aos bares (adecuados).


6.03.2014

A Casta

109
Fonte: www.lasexta.com

Deste sábado no prime time de La Sexta, unha coincidencia tirei onte, mentres revisaba algúns dos vídeos colgados na súa páxina web, e foi: a casta. O primeiro —e máis coñecido por...—, en mencionalo, foi Pablo Iglesias, que falou verbo da casta (ou caste) política; da súa obsolescencia e necesidade de renovación democrática; o segundo —que foi quen tocou a campá—, foi o xuíz Garzón, quen cara ao final do programa de Jordi Évole, falou do conservadorismo dunha gran parte da xudicatura española, e do acomodamento dunha casta que rara vez se mancha as mans, aínda cando é parte do seu traballo.

O da casta, semella ser unha herdanza do noso vello continente. Algún remanente ha de quedar no imaxinario popular das grandes castas, casas, dinastías e liñaxes que dominaron (dominan) Europa. Probablemente, teña algo que ver tamén coa forma na que nos relacionamos, sempre dende as filiacións cara a fóra, xa sexa no plano sentimental como no laboral. É por iso que esta fin de semana, unha colega estadounidense que veu para aquí hai cousa de catro anos, me preguntaba se sabía dalgún traballo por Compostela, agora que se ía volver instalar na capital galega; logo engadiu que xa comprendera como funcionaban aquí as cousas: un ha de coñecer a alguén que coñeza a alguén que teña un posto de traballo dispoñíbel. Parece ser que este método a sorprendía. Aínda que a nós esta endogamia nos parece totalmente natural, o problema vén cando, non só se usan as amizades e filiacións para buscar, senón para colocar, pois corremos o perigo de que acabe por primar o quen é sobre a profesionalidade e a pericia; e logo acabamos cun concello medio deserto con máis imputados que concelleiros.

6.02.2014

Xogo de Tronos

108
Si, intentei a toda costa non escribires este título, pero sempre o gardei para unha ocasión especial, e esta, hoxe, paréceme moi axeitada.

King's Landing
Xa sei que sabedes quen abdicou da Casa Borbón. Do seu trono baleiro o seu fillo terá que tomar
responsabilidade, non sen antes provocar unha (quizais) pequena convulsión dentro da opinión pública. Sacarán as contas, falarán nos programas do pouco que nos custa a nós a monarquía en comparación coas monarquías doutros países ou inclusive cos salarios dos
presidentes de estados republicanos; e teremos que preguntarnos se queremos unha república, por cuestións pragmáticas (ou sexa, cartos) ou se realmente non queremos seguir tendo un rei por que o mantemento dunha figura como xefe de estado debido á súa liña sucesoria é anacrónico. É dicir, que o rei, é quen é, por ser fillo de quen é. Aínda que logo tamén nos teriamos que preguntar se moitos dos cargos que se partillan por toda a administración pública, non responden tamén a este tipo de paradigma familiar, clientelar e diplomático de "eu doulle un posto ao teu fillo por que casou coa miña filla".

Fonte: Humor Idiota.

Vodas de Sangue
De entrares nun proceso colectivo de cuestionamento das xerarquías —de quen e por que ocupa os tronos—, non debería a opinión pública quedarse no obvio (a actualidade, a axenda política) mais debería pór na palestra, quizais, a quen máis anos leva a gobernar, a capa, espada e hostias: a Igrexa Católica. Moitas das súas guerras poderían formar parte dunha tempada de Game of Thrones, ao fin e ao cabo non lles faltarían decapitacións e mortes horrendas; inclusive tiveron unha época na que vían bruxas por todos lados (non sabemos se de cabelo vermello ou non) e usaban o lume para loitar contra o avance da Ilustración, na súa campaña particular por impedir que os borregos aprendesen a pensar. Vodas de sangue, matrimonios amañados, eunucos, conspiracións, guerras santas, adoración ascética... que máis precisades?

Winterfell
Por outro lado, en Invernalia, as cousas non é que vaian coma a seda. A nova da abdicación do rei fíxolle sombra á condena de inhabilitación dos sete edís de Raxoi que prevaricaron (supostamente, pois aínda cabe recurso) ao decidir en Xunta de Goberno, pagar co erario público a defensa do concelleiro de Deportes, Adrián Varela (quen recén dimitiu) implicado na operación Pokémon, por intentar provocar o despido dunha muller xa que o seu marido é sindicalista na CIG, e, como dixo, lle estaba "a tocar los huevos". Segundo a condena, Amelia González, Juan de la Fuente, Cecilia Sierra, María Pardo, María Castelao, Luís García Bello e Francisco Noya non poderán exercer como edís; crise no Concello, que ten a un Rei no trono que chegou de rebote, por petición do ex-alcalde Conde de Roa, e ante a desaprobación do Presidente da Xunta —que prefería a Paula Prado— o cal, por certo, anda sempre polo mundo adiante (quen sabe, se en busca de dragóns...), mentres Rueda lles quita as castañas do lume. 


6.01.2014

Contra Natura

107
Esta fin de semana asistín á primeira (é última, creo) comuñón do meu sobriño. Orgulloso como tío, pero situado na entrada da Igrexa, tiven que escoitar unha sarta de falacias coas que intentan, xa dende moi cedo, adoutrinar aos nenos no verbo de Dios. Moi poucos comungan co alí dito, e moitos atenden ao evento por simple convención social, e razón de protocolo parroquial, pero o certo é que o poder que teñen os curas, dende as súas tribunas, para espallar os seus discursos proselitistas, e enorme.

Da súas bocas adoitan saír diatribas (veladas ou explícitas) en contra das familias non-tradicionais (pai, nai, avós, avoas...) do aborto, de levar unha vida non-cristiana e pura... De non ir, como lles gusta dicir, contra natura. Dende moi pequeno tiven que facer fronte e deglutir mentalmente estes ataques, xa que me afectaban de forma directa; amais a sociedade facía eco deste tipo de discurso fóbico cara o diferente, e acaba por estigmatizar a unha parte da poboación polo feito de non posuír unha sexualidade normativa. 

Os actos que, dende a Curia, consideran van en contra da Natureza do ser humano, poden acabar por provocar patoloxías nas persoas que non son quen de se afastar do discurso do dogma, e de aceptar a súa identidade.

Promulgan que é contra natura que un home se namore doutro home, e logo pasan a vida encomendándose (en teoría) aos seus votos de celibato, de fame, e de pobreza, coma se fóra totalmente de acordo coa nosa natureza, non foder, non comer e non querer gañar diñeiro.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...