Mostrando entradas con la etiqueta Lorem ipsum. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lorem ipsum. Mostrar todas las entradas

9.13.2014

Lorem ipsum (II)

"Ya que el mundo adopta un curso delirante,
debemos adoptar sobre él un punto de vista delirante"
Baudrillard dixit | © Ricardart
E cando cres que non tiveches unha boa infancia non tes máis que pensar nos milleiros, senón millóns de nenos e nenas que deben crecen con pais fanáticos, ou sen eles, en zonas de guerra, de conflito, de terror, de horror, de mortes cada día, inesperados bombardeos, inesperados atacantes, inesperados inimigos que son veciños, que o foron e o deixan de ser, e cando pensas que non tiveches unha boa infancia recordas que non tiveches que recoller lixo para poder sobrevivir, e que puideches ter unha educación, boa ou mal, e vivir nunha contorna, nun ambiente amable, tranquilo e de amizade e caras familiares que non tornarán ao día seguinte nunha caste de bakemono enviado por un Deus malévolo que ansía sen descanso enviar dor e medo ás súas creacións, aqueles que creou para o seu divertimento e para entreterse porque non tiña máis que facer mentres vivía el só, na súa nada, porque se el existe quen foi quen o creou a el? Que había antes de que el existise? Que había antes de que nós existísemos, o noso Universo que comentan elegante, porque somos capaces de eliminar sempre do noso espectro todas aquelas formas, características e modos de feísmo, de a-legancia, pois da nosa concepción do mundo so daquelas partes que son preciosas ou coñecidas con amor queremos dar conta, o resto, aqueles que non cumpren polo que sexa os preceptos da nosa comunidade son apartados, son Outro-cidados, son ostracidados, son perseguidos dende todas as maneiras que nos inventamos para afastalos da nosa casa, e non andes con aquel veciño que a súa familia non é boa, e non vaias xogar co neno do lado xa que a non che dará ningunha boa costume, pois as costumes ás que nos acostuman son sempre as beneficiosas, as demais, as que queda lonxe da nosa traxectoria vital esixen un esforzo enorme, titánico, para seren comprendidas e a comprensión do que vive ao lado, ou quizais un pouco máis aló, nos leva moito traballo, debido a que primeiro debemos aceptar que todo o que sabemos ou algunha vez pensamos ter sabido, ha de deixar de ser absoluto e certo, e válido, e pasar a ser relativo, quizais nocivo, pero sempre escépticos, ou sensible ao escepticismo, para deste modo, e sen desterrar das nosas leiras aos nosos queridos e queridas teremos que parármonos un momento no medio da rúa central da nosa vila, cidade ou mundo, para cuestionar todo sen deixarnos levar pola loucura do caos, da nada, da nada que din que foi o noso comezo, pois o comezo, cando sabemos que tivo lugar, sempre nos obriga a preguntar, que había antes, e se o ovo foi o primeiro, ou se foi a galiña.

Lorem ipsum, laspus calami.
211
Entradas relacionadas:


9.12.2014

Lorem ipsum (I)

Escribir para encher o espazo sen ter sentido nada do que está escrito, logo de pasar horas e horas pensando en que escribir é o mesmo que non escribir nada, pois se realmente quixeramos escribir algo non sería un proceso mecánico determinado por forzas externas e de maiorías sobre-dimensionadas, de praceres ocultos e de rimas mal levadas, se quixeramos escribir algo quizais non escribiríamos nada por que no momento xusto onde queremos comezar a escribir algo, ou de algo, ou como algo, somos nós mesmos quen nos decatamos de que o exercicio só ten sentido coma iso, coma un exercicio, coma unha mera práctica de escritura, por escribir, coma quen fala, para adiante sen reparar demasiado no contido, ou reparando pero aceptando que o contido ás veces non importa, se é que importa algunha vez, pois a cuestión e encher o espazo, eliminar os espazos baleiros, horror vacui, vacas no millo, e millo na palla, a mesma que enche os espazos en branco que queren ser tomados por unha idea necesaria, pero de difícil xustificación nunha época onde os valores do pasado, da modernidade, caen, esmorecen, destrónanse, esfarélanse, subtracción das vías do camiño de servidume que nos quixeron deixar marcado os nosos predecesores, coa ilusa intención de evitarnos dores innecesarios de cabeza, para axilizar a nosa viaxe pola vida, coma quen broza os lindes dunha leira para evitar que os toxos lles fagan sangue ás pernas dos que baixan cada día á praia, coa toalla e sen roupa de baño, pois os seus corpos non foron feitos para verse continuamente censurados polo medo a un pudor cuxo cheiro escapa sen dúbida do botafumeiro da Catedral de Santiago, que uns escriben con maiúscula ao comezo, coma cando escribimos Facebook, e outros non escriben coma quen non escribe crowdfunding, porque ou non sabe ou non quere saber o que significa, e a casa será tomada polos que virán despois, e quedaremos todos na entrada con cara de pampos, mirando cara ás fiestras, por se vemos quen habita agora, que xa todo parece estar perdido, pero que non que aumenta o PIB, o 0,6, e que en cincuenta anos poderemos ir e vir de Marte coma quen vai ao Mercadona, na procura deses fantásticos produtos que todo o mundo quere comprar por ser dunha marca distinta, branca, ao resto das que se publicitan na televisión, coa intención de collernos os miolos, darlle a volta, e enchoupalos de estupidez.

Lorem ipsum, et filli, et spiritus sancti.

210


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...