Mostrando entradas con la etiqueta Música. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Música. Mostrar todas las entradas

2.05.2013

iThink Revolución Kunsthalle

Hai tempo que, os lectores máis perspicaces e asiduos, saben da miña vinculación co mundo da música nocturna coma pinchatunes-dejota residente no clube meco Twist & Shout. Outros, quizáis, tamén saiban que dun tempo a esta parte, se me relaciona con outros locais, desta vez composteláns, como o Kunsthalle, —onde entre outras cousas, tamén me poden atopar como english teacher cada martes, de 20.30 a 00.00 nos encontros de iThinkAboutEnglish—.

Carlos Montilla e David Barro, responsables do Kunsthalle, atenden ás televisións.

A razón desta entrada, para evitar rodeos, é a chamada 'Revolución' que deu comezo hoxe no devandito lugar de nome alemán. Unha taberna que se define na teoría e na praxis pola súa contemporaneidade, que pretende ser punto de encontro entre sinerxias de creación artística de diversa índole (ben sexa arte plástico, pictórico, culinario, performático, musical...), e que presenta este mes unha programación moi completa que inclúe concertos, encontros afterwork, foros disruptivos, entroido parties e maridaxes entre comida, música e creación artística.

Sashimi e tartar de xurelo maridados cun viño Ribeiro presidiron a rolda de prensa.

Os principais responsables desta revolución son David Barro e Carlos Montilla, ambos vinculados ao mundo da produción cultural, e Alén Tarrío, que se atopa ao mando dos fogóns. Na rolda de prensa que tivo lugar esta mañá do día 5 de febreiro, puidemos contemplar os traballos capturados en vídeo realizados pola artista visual e performer Ana Gesto e a intervención nunha das paredes do Kunsthalle a cargo de Almudena Fernández Fariña (Vigo, 1970).

Almudena Fernández Fariña intervindo no espazo do Kunsthalle

iThink
É a "marca que trata de actuar globalmente dende o local a partir dun compromiso coa cultura e a sociedade e dun comportamento responsable". Este distintivo visibilízase a través de tres liñas de actuación que se retroalimentan: o espazo físico —Kunsthalle—, as redes sociais/Internet, e a terceira vía será proxectada na organización e na produción de eventos externos en diferentes cidades.

De esquerda a dereita: Almudena Fernández, Ana Gesto, Carlos Montilla e David Barro.
A máquinaria arrincará este mes co concerto do Ciclo Autorretratos, que organiza Desconcierto Cultural e que chega á súa terceira tempada con Kunsthalle como sede. Deste modo, o mércores día 6 será o turno de Ben & Bruno (Peter J. Brant), seguido o 19 de febreiro de Bird by Snow (Fletcher Tucker), mentres que pechará o 21 de marzo o ciclo coa banda Mist. O xoves 7 continuará unha exitosa proposta, a segunda das Nerd Nites (que comezou con esta taberna contemporánea como pioneira en España, en colaboración coa USC), ás 21 horas, e ao día seguinte —venres 8— promoveráse o primeiro Foro Disruptivo, onde profesionais de diferentes sectores culturais compartirán un encontro para promover a innovación no eido da cultura. O sábado 9 o protagonista será, como non, o entroido, cunha festa que xirará a redor do director de cine Quentin Tarantino, e das emblemáticas personaxes das dúas películas.

Os martes (teño que admitir que nisto imparcialidade hai pouca) a mellor forma de aprender inglés e coñecer xente, crear sinerxias e reconducir o karma, todo de balde, é asistir aos encontros de iThinkAboutEnglish, de 20.30 a 00.00. Alí estará Manu Tf (eu) de anfitrión, con debates, charlas e Quiz Time.

E que facer un xoves en Compostela? Pois o mellor é ir ata o Kunsthalle, onde eu (Manu Tf), outra vez, a partires do 14 de febreiro lles darei a mellor das acollidas nos encontros afterwork, no Piso 0. E para rematar este comezo revolucinario unha aposta musical moi interesante con Sethler o xoves 22, o alter-ego de Hugo Martín Cuervo, recoñecido no mundo da curtametraxe por ser o director máis novo nominado a un Goya.

Sen máis dilación, e esperando que a información lles resulte de interese (sen esquecer os agradecementos a Eliana pola claridade da súa nota de prensa), déixovos con 'Míranos' de Sethler.

 


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...