Mostrando entradas con la etiqueta Publicidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Publicidade. Mostrar todas las entradas

8.12.2014

O ovo ou a galiña?

Radiografía duns pés vendados. Fonte: Wikipedia.
Érgase pola mañá, e pense, a medida que fai o que sexa que faga, se o que está a facer o fai porque o precisa, ou se o acto está determinado pola súa vida en sociedade, e descubrirá que todas aquelas que non teñan que ver co coidado da saúde, da supervivencia mínima, ven determinado polo intento de agradar ou desagradar aos veciños. Facemos, o que facemos, dado que queremos impresionar, gustar, ser aceptados, formar parte de... etc. Dende o vendado dos pés das mulleres da aristocracia (e logo, da burguesía) china aló polo século X, ata os intentos desesperados de algúns e algunhas por se cinguir a unha talla moi pequena, ou por obter un corpo sen pelo, moreno e extra-forte, a Historia está inzada de exemplos extravagantes por intentar compracer ao Outro, por intentarse adaptar un ao canon de moda.

Se ben, hai mil anos, a tradición de transmisión oral era fundamental para que as nenas chinesas acabasen con pés de loto, hoxe en día, é indiscutible que a publicidade e a súa difusión diaria e compulsiva a través de todas as plataformas e medios de (in)comunicación, xoga un papel determinante nas tendencias estéticas —líquidas, posmodernas— que adoptan as masas dos adeptos ás mesmas. O que non sempre resulta tan doado comprender é se son os publicistas e publicitarios quen están a dar forma á sociedade de consumo, ou se é a sociedade quen marca o ritmo.

Nas reunións, nos brainstorming, da grandes compañías que ofertan servizos a marcas de todo tipo, sempre intentan saber a quen vai dirixido o seu anuncio (o público obxectivo ou target) e precisamente aquí é onde se dilúe a diferenza entre o que é realmente ou o que pensan que debe ser. Ata que punto é a publicidade responsable de xerar estereotipos que logo son transformados en estatísticas polo INE?

Temos que admitir que o mundo publicitario sempre aposta por demografías estáticas (cada vez menos, debido á internet) de corte tradicional —a familia comendo Tosta Rica, a ama de casa co Ariel, o home co Peugeot...—, polo que todos aqueles televidentes enganchados aos programas de serán acaban por adquirir de forma inconsciente a asunción de que as familias son perfectas, os homes italianos van con pequenos bañadores brancos e teñen un corpo de infarto, os rapaces van beber cervexa á praia mentres escoitan a The Vaccines, as rapazas están todo o día a tomar cereais para perder quilos polo retrete (se lle suman un iogur, xa non digamos...), as mulleres maiores precisan compresas para as perdas, e Actimel para ir dar un paseo, que senón cansan e así ad infinitum. A televisión é o medio máis persuasivo nestes casos, pois tamén é onde a exposición é máis continuada, a atención maior, e o grao de confianza cos produtos é alto —imos ao supermercado e acabamos por mercar o que sae na TV, claro—. Pero ata que punto afecta ás nosas formas de ser? Fan, coma din os produtores, programas de televisión para un grupo determinado, ou acaban por conformar un grupo para determinados programas de televisión? Que foi antes, o ovo ou a galiña? 

179

8.04.2014

A televisión líquida

Dende o 2008 o investimento en publicidade na Internet pasou de 610 millóns de euros, aos 896,3 millóns acadados no pasado ano 2013 —o que supoñen, case 300 millóns máis—, segundo podemos saber grazas ao informe realizado por Infoadex, e que se pode consultar libremente na súa páxina. Pola contra a televisión non pasa polo seu mellor momento, pois se en 2008 o investimento ascendía a 3.082,4 millóns de euros, esta cifra descendeu ata os 1.703,4 millóns de euros no 2013. Para evitar a pegada da crise nesta estatística, podemos comparar o investimento neste dous últimos anos o que nos levaría en 2012 a 1803,15 millóns de euros, un 6,2% menos, entón, que foi gastado neste pasado ano na publicidade en televisión, con respecto ao 2013.

Captura de pantalla do resumo de Infoadex sobre o Investimento Publicitario 2014.

Durante unha reunión que tivo lugar en maio, dos diferentes clústers empresariais de España, e parte do estranxeiro, en Santiago de Compostela, unha das voceiras convidadas salientaba a importancia de non infravalorar estes datos coa fin de realizar estratexias de financiamento e investimento publicitario no futuro.

Camiñan as televisións autonómicas (posto que a publicidade, si é legal) e as privadas cara a desaparición? Non o sei, pero motivos non lles fallan. Mentres o mercado estadounidense e anglosaxón lles quita forza no que ten que ver coas series, e o consumo audiovisual a través da Internet é cada vez máis palpable en todos os fogares, e ascende o desapego cara aos medios consolidados (radio, televisión diarios) dunha mocidade cuxo consumo de información e produtos culturais (sempre na rede) é volátil, veloz, e cambiante, ou moito cambian as cousas, ou precisamente a televisión que veu do século XIX desaparecerá tal e como a coñeciamos, dando paso a novas formas de consumo, máis persoais, ubicuas, e sen horarios ou grellas estáticas. Será unha televisión máis posmoderna, máis líquida.

171


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...