Neste período de tempo os membros da equipa do FAC pretenderon con este espazo-proxecto artístico autoxestionado mostrar o excedente cultural que parece non ter cabida en galerías ou en museos de carácter institucional. Quixeron, como afirman eles, "crear un espazo libre, non condicionado por cuestións económicas". A fin desta obra, transcendente no tempo, celébrase como o culminación dun obxectivo, non como unha derrota, en coherencia co discurso dos responsables:
«Non queremos contribuír sen límite á nosa precarización, nin á dos nosos colaboradores. Aceptamos traballar en condicións de precariedade porque criamos necesaria unha visibilización e unha renovación do contexto artístico e porque queriamos enriquecer os nosos proxectos persoais mediante o intercambio e o traballo colectivo. Unha vez conseguido isto, non queremos manter a ficción de que algo así se pode facer sen contribuír á grave precarización das persoas que o levan a cabo».
Un círculo que se pecha
Como outsider, presenteime en Marzo de 2012 cun par de cámaras e o noso colaborador Ricardo Saavedra para dar conta da inauguración do furancho. O venres 21 deste mes, agora xa, en 2013, regresamos á Peregrina ambos os dous. En certo modo, para pechar un círculo, e comezar a debuxar outro.
Abordo da Lupita —a furgoneta de Diego Vites— arribamos ao FAC, arredor das sete da tarde, con tempo para asistir ao concerto de Ulobit —quen tamén participaran na inauguración do FAC—, con Horacio González a cargo do apartado visual e Xoán Xil no cello, en colaboración con Heine Christensen de Ghost & Tape.
Era o primeiro día nunha semana que saía o sol en Compostela. En cadeiras de madeira e de plástico, en botes de pintura ou na herba, todos nos arrombamos arredor dos músicos. A intervención realizada por Olmo Blanco, no mesmo chan onde Horacio estaba sentado enriba dunha funda de ordenador, inaugurou a mostra visual, que recollía imaxes da contorna. O ruído envolveu durante case media hora aos alí presentes. Entre actuación e actuación, non se escoitaba máis que o vento bulir entre as follas das árbores do monte que vixía á Peregrina. As cores do lugar reflectíanse na meta-realidade dunha pantalla improvisada. O fume dos cigarros, as cordas friccionadas do violoncello e as rozadas da guitarra, crearon por un momento a ilusión de que todos os alí presentes eramos parte do mesmo lebenswelt. Ou se o prefiren, mundo da vida.
Despois desta primeira fase de catarse colectiva veu a quenda dun dos praceres da vida: comer. Non houbo un catering. Nin snobismos. Cada un levou o que quixo, e os organizadores, coma de costume, non deixaron padal descontento. Entre cebada, uvas, café edulcorado e cigarros, chegou a música. Non puiden resistir a tentanción de amenizar o serán con algúns beats, coa inestimable axuda da artista multitarea Lúa Gándara, ata que colleron a batuta un mozos que baixo o nome de Attention Whore, fixeron reverberar o galpón do FAC con dubstep, drum&bass, elektro, e inclusive algún tema de corte indie.
Todo isto, mentres Horacio colocaba unha webcam, que nos gravaba e reflectía a través dun proxector nunha parede branca, que endexamais pensou que ía ver tanta actividade e creación, cando hai quince meses formaba parte dunha vella casa, e se encargaba de gardar da choiva, os aparellos de labranza.
A guinda
Entre bailes, risos, caras coñecidas, novas caras, caras felices, caras californianas e ourensás, apareceron por sorpresa os compoñentes de Malandrómeda, que cunha audiencia entusiasta e tras colocar en tempo record todo o equipo, ofreceron un breve pero intenso concerto con beats e hip-hop made in Galicia. A festa continuou ata ben entrada a noite. Foi a despedida merecida para un espazo único, quizáis irrepetible:
«Algúns pensarán que pechamos e que privamos ao contexto do que xustamente reivindicamos, espazos intermedios. Nós xa cumprimos ata ao límite das nosas posibilidades con esa responsabilidade sen que polo camiño xurdiran conexións nin propostas de colaboración que contribuíran ao fortalecemento dun espazo-proxecto como o FAC en condicións sostibles no territorio. Porén, déronse multitude de conexións e propostas entre todos o que participamos do proxecto que sen dúbida nos levarán a lugares aos que antes, non poderiamos ter chegado.»
Corolario
Normalmente, neste apartado formulo unha conclusión que defina o sentir do artigo. Cito, con normalidade, a autores que recollen en parágrafos ou frases, ideas ou conceptos pertinentes e en coherencia co texto. Pero quen mellor que Ania González, co-directora do FAC, para dar a última, que non derradeira, puntada:
«Mentres non exista unha mirada e un exercicio de investigación responsable sobre o contexto de produción artística e discursiva en Galicia, seguiremos perpetuando unhas condicións de visibilización de artistas e proxectos culturais completamente obsoletas baseadas no xuízo de valor, nas políticas de filiación, a exhibición da obra parcial e descontextualizada e a aceptación dunha soa canle de lexitimación: a oficial; altamente xerarquizada, fortemente orientada ao recoñecemento ideolóxico e formal e aparentemente despreocupada polas cuestións da produción artística. É dicir, unhas condicións de visibilización que promoven a reprodución en lugar da creación.»
Máis fotografías no facebook de Culturadeseu.
Entradas anteriores sobre o FAC (orde cronolóxica):
Sitio web do FAC Peregrina: