Mostrando entradas con la etiqueta Santiago de Compostela. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Santiago de Compostela. Mostrar todas las entradas

9.07.2014

Numax: o cinema está vivo!

Nun momento onde semella que non hai lugar para a exhibición cinematográfica, lonxe de corredores ateigados de vendas téxtiles low cost, grandes billboards, e espectadores mareados por prolongandas exposicións a radiacións 3D, algo prometedor está a ocorrer en Compostela. Unha cooperativa quere pór a funcionar unha sala independente, a única de Galicia, con proxeccións en versión orixinal, unha libraría e un laboratorio: Numax. 

A 66.000 euros de conseguir todos os avais necesarios para que o proxecto sexa posible, augura un novo curso en Santiago (aínda que non estudes, na capital galega, os anos comezan en setembro) cheo de ilusión, intriga e interese para un servidor.

Para saber máis, e formar parte quizais desta iniciativa non tedes máis que pasarvos pola súa web, Numax.org, amais veñen de publicar un artigo na súa páxina de Facebook (o primeiro dunha serie) que pretende axudarnos a coñecelos mellor:

COÑECE NUMAX (I): O NOME 
Iniciamos hoxe unha serie de publicacións nas que iremos esmiuzando os pormenores do noso proxecto. E que mellor, en primeiro lugar, que darvos conta da orixe do noso nome, unha cuestión que moitas nos achegastes nestes primeiros días de actividade pública. 
En 1977, a fábrica de electrodomésticos Numax de Barcelona, entraba en suspensión de pagamentos. Os seus traballadores deciden tomar a fábrica pola man e tentan autoorganizarse para sacala adiante e manteren os seus postos de traballo. Comeza entón un proceso de autoxestión colectiva que se mantén por dous anos. O encargado de rexistrar esa experiencia foi Joaquín Jordà, a través dun filme financiado coas últimas 600.000 pesetas da caixa de resistencia. Titulouse NUMAX PRESENTA... e foi estreado o 1 de maio de 1980, logo do peche definitivo da fábrica. 
En homenaxe a ese proceso de autoxestión, ás súas traballadoras e á súa procura por unhas condicións laborais dignas, pero tamén co ánimo de celebrarmos o traballo de Jordà, decidimos nomear así o noso proxecto. 
Os residentes en Madrid teredes unha oportunidade de ver o filme este domingo 7 de setembro na Sala Berlanga, no ciclo organizado por DOCMA baixo o título 40 AÑOS NO ES NADA.

Fotograma de Frankenstein (1931)

 Contra todo prognóstico o doctor Henry Frankenstein contemplou como a súa criatura cobraba vida —"look, it's moving"—, e agora que en Galicia o cinema independente se resiste a escribir un epitafio, arredándose con dificultades da forza de atracción do burato negro do Gaiás, argallando novas formas de distribución, —algunhas exitosas, como a que veñen realizando co filme Encallados, de Alfonso Zarauza—, proxectos como Numax, dan nos fuciños aos tecno nihilistas escépticos con sede no capitolio de Monte Pío, e traen renovados folgos para poder berrar que o monstro do cinema, está vivo!.

8.06.2014

WOS INC

Do 12 ao 14 de setembro vaise presentar en Santiago de Compostela unha proposta dos responsables da produtora musical, Work On Sunday, chamada WOS INC que estará presente en diferentes lugares da cidade: a Praza de Abastos, a Fundación Eugenio Granell, a Zona C, o CGAC, a Fundación Autor, a sala Capitol, o Salón Teatro e a Igrexa da Universidade.

No apartado musical, están, polo momento, confirmados: A Place to Bury StrangersCave, Ensemble EconomiqueJupiter LionRed FangSonic JesusSpindriftThe Cosmic DeadWhite HillsWhite Manna Wooden Wand. Ademais inclúen "presentacións cómico-literarias únicas na súa especie e que poderán verse por primeira vez en Galicia": o Ultrashow de Miguel Noguera e ¡Pelea! de Kiko Amat; así como as actuacións das bandas galegas Camarada NimoyChicharrónGuerreraOrquesta MetamovidaUlobit e Unicornibot.

Acaban de enviar unha nota de prensa na que presentan aos que tamén van participar neste evento, pero na súa faciana reflexiva e discursiva, arredor do humor, a literatura e a crítica musical: Xavi Puig, creador e director de El Mundo Today; El Hematocrítico, creador do blogue do seu mesmo nome, de El Hematocrítico de Arte, el Hematocrítico de Cine, Drama en el Portal; Noel Ceballos, experto en cómics de culto, ciencia-ficción, e creador, xunto ao Hematocrítico de Los Hermanos Podcast; Iago Fernández, redactor e editor de Vice; Querido Antonio (Alberto González) guionista, realizador, autor dos vídeos manipulados do Intermedio, do libro Humor Cristiano e de Querido Antonio e Manuel Bartual, debuxante, guionista e director da editorial CARAMBA! COMICS.

Pola súa parte, afirman: "Carlos Zanón, poeta, novelista, guionista, articulista e crítico literario; Kiko Amat, creador do festival literario-musical Primera Persona, novelista e Dj; Ainhoa Rebolledo, escritora e tradutora e Iago Martínez, periodista cultural, compartirán ideas e opinións sobre ‘la música desde la primera persona en literatura y prensa musical’".


173

2.05.2013

iThink Revolución Kunsthalle

Hai tempo que, os lectores máis perspicaces e asiduos, saben da miña vinculación co mundo da música nocturna coma pinchatunes-dejota residente no clube meco Twist & Shout. Outros, quizáis, tamén saiban que dun tempo a esta parte, se me relaciona con outros locais, desta vez composteláns, como o Kunsthalle, —onde entre outras cousas, tamén me poden atopar como english teacher cada martes, de 20.30 a 00.00 nos encontros de iThinkAboutEnglish—.

Carlos Montilla e David Barro, responsables do Kunsthalle, atenden ás televisións.

A razón desta entrada, para evitar rodeos, é a chamada 'Revolución' que deu comezo hoxe no devandito lugar de nome alemán. Unha taberna que se define na teoría e na praxis pola súa contemporaneidade, que pretende ser punto de encontro entre sinerxias de creación artística de diversa índole (ben sexa arte plástico, pictórico, culinario, performático, musical...), e que presenta este mes unha programación moi completa que inclúe concertos, encontros afterwork, foros disruptivos, entroido parties e maridaxes entre comida, música e creación artística.

Sashimi e tartar de xurelo maridados cun viño Ribeiro presidiron a rolda de prensa.

Os principais responsables desta revolución son David Barro e Carlos Montilla, ambos vinculados ao mundo da produción cultural, e Alén Tarrío, que se atopa ao mando dos fogóns. Na rolda de prensa que tivo lugar esta mañá do día 5 de febreiro, puidemos contemplar os traballos capturados en vídeo realizados pola artista visual e performer Ana Gesto e a intervención nunha das paredes do Kunsthalle a cargo de Almudena Fernández Fariña (Vigo, 1970).

Almudena Fernández Fariña intervindo no espazo do Kunsthalle

iThink
É a "marca que trata de actuar globalmente dende o local a partir dun compromiso coa cultura e a sociedade e dun comportamento responsable". Este distintivo visibilízase a través de tres liñas de actuación que se retroalimentan: o espazo físico —Kunsthalle—, as redes sociais/Internet, e a terceira vía será proxectada na organización e na produción de eventos externos en diferentes cidades.

De esquerda a dereita: Almudena Fernández, Ana Gesto, Carlos Montilla e David Barro.
A máquinaria arrincará este mes co concerto do Ciclo Autorretratos, que organiza Desconcierto Cultural e que chega á súa terceira tempada con Kunsthalle como sede. Deste modo, o mércores día 6 será o turno de Ben & Bruno (Peter J. Brant), seguido o 19 de febreiro de Bird by Snow (Fletcher Tucker), mentres que pechará o 21 de marzo o ciclo coa banda Mist. O xoves 7 continuará unha exitosa proposta, a segunda das Nerd Nites (que comezou con esta taberna contemporánea como pioneira en España, en colaboración coa USC), ás 21 horas, e ao día seguinte —venres 8— promoveráse o primeiro Foro Disruptivo, onde profesionais de diferentes sectores culturais compartirán un encontro para promover a innovación no eido da cultura. O sábado 9 o protagonista será, como non, o entroido, cunha festa que xirará a redor do director de cine Quentin Tarantino, e das emblemáticas personaxes das dúas películas.

Os martes (teño que admitir que nisto imparcialidade hai pouca) a mellor forma de aprender inglés e coñecer xente, crear sinerxias e reconducir o karma, todo de balde, é asistir aos encontros de iThinkAboutEnglish, de 20.30 a 00.00. Alí estará Manu Tf (eu) de anfitrión, con debates, charlas e Quiz Time.

E que facer un xoves en Compostela? Pois o mellor é ir ata o Kunsthalle, onde eu (Manu Tf), outra vez, a partires do 14 de febreiro lles darei a mellor das acollidas nos encontros afterwork, no Piso 0. E para rematar este comezo revolucinario unha aposta musical moi interesante con Sethler o xoves 22, o alter-ego de Hugo Martín Cuervo, recoñecido no mundo da curtametraxe por ser o director máis novo nominado a un Goya.

Sen máis dilación, e esperando que a información lles resulte de interese (sen esquecer os agradecementos a Eliana pola claridade da súa nota de prensa), déixovos con 'Míranos' de Sethler.

 

12.11.2012

A plasmación do Efémero

Da man ao óleo, do pincel ao lenzo e do estudio persoal á sa de exposición. O proceso é longo e require esforzo e dedicación para que os qualia, esas cualidades subxectivas das experiencias individuais, adquiran formas, texturas e cores. Para que —por usar a expresión científica a modo de metáfora— cada un dos momenta, sentimentos e expresións do pathos se perpetúen no tempo en espazo. Para conseguir, ao fin e ao cabo, a plasmación do efémero.



A labor do artista non termina na obra e por iso Nandi Alonso dedicou longas horas á montaxe e disposición dos seus traballos nas paredes do Instituto Europeo Campus Stellae, en Santiago de Compostela. A razón disto, a súa chamada entusiasta sobre o resultado conseguido no espazo de exposición, uns días antes da inauguración o mércores 5 de decembro  —e que estará ata o 1 de febreiro—, non fixeron máis que aumentar a miña curiosidade por asistir.

O día sinalado, aparecín alí, cámara en man, nunha mostra que por nome ten ‘EFímEro’ —e que aínda podedes visitar— e que comprende óleos realizados tras a viaxe da artista á cidade de Nova Iorque, expresións íntimas da súa liña conceptual e abstracta, e, de forma inédita, unha serie de debuxos de formas insinuantes e paleta vermella e negra.


A serie inspirada pola súa visita á Gran Mazá está dominada por tons escuros, de formas verticais que recordan a skycrapers, e formas abstractas que desafían o maxín do espectador. Non hai luces de neon nas súas cidades. Mais ben semella que todo foi tomado pola brea e o inverno. O cromatismo frío desprende nostalxia e introspección. Por este motivo contrastan fortemente os lenzos cubertos de azul. En especial o seu ‘SuMmEr SeA’, onde, dende o porto, lle di adeus á xungla de asfalto. Ou aqueles onde se deixa de lado o horror vacui para, de forma sinxela, e cun xiro de moneca, manchar o lenzo con figuras escuras que remiten, ora a barcos, ora a chantadas na tela.


Jazz e repetición irrepetible
A segunda parte da exposición —situada no andar -1— centrouse nas denominadas ‘cAliGrAFíAs dE LO EFímEro’ mariñadas cos doces e hipnóticos sons do acordeón e o contrabaixo do grupo PeldeNoz,  que presentou o seu traballo ‘Jazz&Trad’. Os debuxos, que mostrou por primeira vez Alonso, foron dispostos con elegancia e en diálogo co espazo e a luz; comprenden o resultado dun proceso de abstracción que se compón da evocación a través de pezas musicais e a repetición de movementos e trazos que ao final, tornan irrepetibles.

Son, segundo a artista, a reminiscencia á arte oriental e en particular á caligrafía xaponesa: ao Shodo en tanto que ‘orde do trazo preciso coma disciplina’ e ao Haiku en tanto que ‘poema breve que plasma o asombro do poeta ante a contemplación da natureza’. “Misturo estes dous conceptos mediante un trazo mental repetitivo e irrepetible coa expresión do sentimento do haiku, pero aquí a Natureza, é o meu interior”, considera Alonso.


Corolario
En épocas de austeridade económica semella que a arte pictórica e plástica queda descolgada das paredes institucionais, abandonada á súa sorte na auto-xestión. Así o comentábamos hai un par de semanas eu e unha comisaria independente, algo desilusionada polas xornadas do Culturgal; que, ao parecer, seméllase cada máis a un parque infantil e a unha feira de gando que a un punto de encontro de sinerxias entre actores e axentes do panorama creativo galego.

O artista busca en todo momento interactuar coa realidade. De se a súa busca é necesaria ou continxente depende a súa razón de ser. Pero xustificar a necesidade da cultura, fronte á de infraestruturas de asfalto, non é sinxelo, nin rápido. Por iso déixovos cunha reflexión do profesor Ramón Cuartango da Universidade de Barcelona:

“O desenvolvemento dos aspectos idiosincrásicos que constitúen o ámbito específico no que se desprega o eu non pode ter lugar máis que no contexto do trato coa realidade, posto que non son outra cousa que o resultado do exercicio de autodisciplina cuxo orixe se atopa no feito de que algo requira atención e non haxa outro remedio que prestarlla. Trátase de actividade, movemento, reiterada…, pero sempre arredor de algo ou dende algo. Con todo, a relación que se establece entre o eu e as cousas tampouco se define convenientemente por medio das metáforas de ‘adecuación’, ‘representación’, ‘reflexo’, ‘copia’… O eu non é un espello. O seu comportamento afecta dun modo fundamental ao mundo; de feito, este depende de el para poder ser o que é.”

(Claves de Razón Práctica, Xullo/Agosto 2012, p. 138)

Ligazón relacionada: 'De volta ás trincheiras'
Máis fotografías no facebook de Culturadeseu.

6.30.2012

De Gallaecia Petrea ou as ofrendas ao Faraón

Parte da equipa de CULTURADESEU (Manuel Turnes, Ricardo Saavedra e Elena Cancelas) desprazouse ata a Cidade da Cultura sita en Santiago de Compostela, con motivo da exposición que desvirgou o Museo de Galicia (que agora é o Museo Centro Gaiás), 'Gallaecia Pétrea', e, con sinceridade, a sensación tras visitala estivo moi preto da desazón (quizáis motivada polo cansanzo) e da decepción (quizáis motivada pola desazón)


Anacronismos
Para facerse unha imaxe do que alí se expón só vos direi que se atopan exhibidas 341 pezas, cedidas por 91 institucións, e que, coa pedra como fío condutor, percorren a historia de Galicia, parte de España e o norte de Portugal, dende a prehistoria ata a contemporaneidade. É, ao meu parecer, unha exposición moi pouco didáctica (cun carácter eminentemente histórico), mal formulada no espazo, e en certa medida anacrónica.


Dándolle voltas ao asunto concluín que — sen importar que se gastaran arredor dun millón e medio de euros nesta exhibición pétrea — o problema non debía de ser o enfoque; nin que se destinaran unha parte importante do presuposto en facer uns palés de madeira a medida; nin que foran demasiadas obras para unha exposición temporal; nin que non existise interactividade algunha; nin que os cartaces informativos fosen demasiado pequenos; nin que semellase que estaba todo a medio facer; nin... O problema principal é, quizáis, que o modelo museístico está xa agora, no século XXI, obsoleto. E como a min xa non me poden acusar de non estar interesado na cultura (evidente é o título e propósito deste medio dixital) e menos da cultura en Galicia (de seu), pois considero, e saco en claro, que a exposición de 'Gallaecia Pétrea' é unha metáfora da visión institucional da creación artística: inherte, sen sentimento, non voluble nin disoluble, conservadora e demasiado estática.


De seguro que o traballo do seu comisario Miguel Fernández-Cid (antigo director do CGAC) é impoluto, e eu non son máis que un begginer; de seguro, que para aos amantes da historia da arte é unha gozada poder ver nun só edificio como evolucionou a pedra ao longo dos séculos. Pero, coa cantidade de cartos que xa levan investidos na Cidade da Cultura (agora entre 400 e 500 millóns de euros) semella que este medio millón máis é outra pedra na pirámide. Unha pedra que vale tanto como o gasto expositivo anual do CGAC ou o orzamento do MARCO de Vigo; Unha pirámide que está a lastrar os orzamentos en cultura de toda Galicia; que foi froito dun concurso (como o do decidir colocar palés na exposición, ao mellor hai que cambiar o xurado), e cuxa estrada de acceso leva o nome de Manuel Fraga Iribarne.
Por este, e outros motivos, atrévome a ironizar e dicir que esta exposición podería ser parte dun conto: 'Gallaecia Pétrea ou un percorrido pola vida de Don Manuel'; 'Gallaecia Pétrea ou as ofrendas ao Faraón'.
Tamén hai que ter en conta (ou quero facelo), como comentei en entradas anteriores, que debe existir unha administración conservadora e ortodoxa para xurdan iniciativas contrarias e alternativas, senón esto sería un mayhem.



Björk, Panorama e París de Noia
Quizáis moitos xa se percataron de que a campaña para venda de entrada do concerto de Björk na Cidade da Cultura durou demasiado. A verdade é que se non se pendurou xa o cartel de completo durante a primavera, era raro. Algo estaba a pasar. Hai quen dixo ironicamente que a islandesa ía facer realmente un acústico. E correu un burdo rumor sobre unha actuación conxunta entre a cantante, Panorama e París de Noia. (Se vistes o video presentado por Ricardo Saavedra ata o final saberedes de que estou a falar). Ao final parece que todo saiu ben. Non houbo cheo total, pero Xesús Vázquez asistiu.
Sen máis.
Abur.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...