7.17.2014

De Marea Atlántica e o goberno das multitudes

153
Naceu unha iniciativa, plataforma, aspiración a partido político, a candidatura cidadá, en A Coruña, coa intención de recuperar o goberno da cidade para ao 99 por cento da súa poboación. Recuperar María Pita, afirman. É a Marea Atlántica. Do seu manifesto, e do seu nome, despréndese unha sensación de multitude que se quere organizar para derrocares aos señores feudais. Da súa lectura desprendeuse o recordo dun fragmento subliñado nunha páxina da Ética Posmoderna de Bauman que traduzo do castelán:

«O Rostro é a outredade do Outro, e a moralidade é a responsabilidade desa outredade. A multitude é a asfixia da outredade, a abolición da diferenza, a extinción da outredade no Outro. A responsabilidade moral nútrese da diferenza; a multitude vive da similitude. A multitude suspende e fai a un lado á sociedade coas súas estruturas, clasificacións, categorías e papeis. Pero tamén elimina, por un tempo, a moralidade. Estar na multitude non é estar para; é estar con, e quizais nin sequera isto, senón estar en.
Superar a distancia —mellor aínda, non permitir que a proximidade se disipe na distancia— é unha loita costa arriba, a proba sen fin do eu moral. A multitude borra a distancia sen esforzo e de maneira instantánea. Como dixo Elías Canetti, nun so acto de descarga.
O acontecemento máis importante na multitude é a descarga. Antes disto, a multitude non existe; é a descarga o que a crea. Este é o momento cando todos os que pertencen á multitude se desfan das súas diferenzas e se senten iguais. 
Un home ponse de pé sen axuda nun punto seguro e ben definido, e o seu xesto afirma o seu dereito de manteres aos outros a distancia [...]. Toda a vida, tal como a coñeceron, está trazada en distancias: a casa onde se encerra xunto coas súas posesións; o posto que ocupa, o rango que desexa, todo ilo serve para crear distancias, confirmalas e estendelas [...]. Ningún home se pode achegar ao outro nin acadar a súa altura [...].
So xuntos poden os homes liberarse da súa carga de distancia e isto, precisamente, é o que sucede nunha multitude [...] ao que segue unha inmensa sensación de alivio. É a causa deste bendito momento, cando ninguén é máis grande ou mellor ca outro, que as persoas se converten en multitude. 
A sociabilidade instantánea da multitude é unha contra-estrutura á estrutura da socialización.»

Queda, logo, por pensar, quen, nunha multitude na que se suprimen as regras morais, en favor dunha identidade-entidade común, queda para dirixila, ou quen é o lexítimo líder, ou se pode ser guiada sen guía.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...