7.07.2014

Establishment

143
Grupo na sociedade que exercita poder e influenza sobre asuntos de política ou gusto, vistos como resistentes ao cambio. (Con adxectivos), un grupo influínte dentro dunha profesión específica ou área de actividade.
É unha da definicións que da o dicionario de Oxford para o termo establishment, que tanto se emprega —por pór un exemplo— nos artigos de opinión. Algunhas veces porque queda moi culto, noutras ocasións por mor de que o grupo de persoas a quen nos queremos referir é abstracto, ou non lle queremos pór nome (por aquelo de falar de alguén pero sen falar del), porque lle outorga a ese colectivo un aire de misticidade e de poder, un nonseique que nos bota para atrás, pero que poñemos a caer dun burro sempre que podemos. 

Como as relacións descritas por Bauman en Mundo Consumo ou Vida Líquida entre os administrados e os administradores, semella, que nós, aquí abaixo á esquerda (?) estamos condenados a mirárllela roupa interior que amosan as saias dos señoritos & señoritas que non sabemos moi ben porque (por berce, por sorte, ou por suór) son parte dese establishment, ese estamento, que como veño dicindo, ten boa conta de que non rompamos o teito de cristal que nos separa deles, a pesares de que agora eles son cada vez menos, nós somos cada vez máis, e a bodega do barco ruso na que nos levan polo medio dun mar tormentoso ateigada de auga salgada e cheiro a gasóleo, coma refuxiados sirios, está a piques de estourar. 

O rompemos con todo e non pagamos un peso, de bancos, caciques e corruptos en xeral, debería ter unha data de caducidade; aínda que cando algo está podre non fan falla números, xa se sabe, de antes, polo cheiro. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...