11.21.2014

Os hikikomori, xa están aquí

Hiasuki, un hikikomori xaponés fotografado en 2.004.

Non se trata dunha nova moda, nin dunha nova droga, nin dunha nova rede social, nin dunha nova aplicación para o smartphone, é unha enfermidade, e xa chegou á España.
Os hikikomori (literalmente, apartarse ou estar recluído) non son unha novidade, non polo menos en Xapón, pois deles xa coñecíamos noticias hai unha década. A novidade radica no diagnóstico de 200 pacientes en Barcelona, afectados desta síndrome, entre o 2.008 e o 2.013. 

O doutor nipón, precursor no estudo desta patoloxía, foi Tamaki Saito, que aparece definida deste modo na Wikipedia: 
«Mentres que algunhas persoas senten presión por parte do mundo exterior, e padecen agorafobia, un hikikomori reacciona cun completo illamento social para evitar toda a presión exterior. Poden encerrarse nos seus dormitorios ou calquera outra habitación da casa dos seus pais durante períodos de tempo prolongados, de incluso anos. 
Normalmente non teñen ningún amigo, e na súa maioría, dormen durante o día, e ven a televisión ou xogan con videoxogos durante a noite. Todo isto fai deles un caso extremo de "solteiros parasitos" (expresión xaponesa para nomear a aqueles que viven das sopas instantáneas, vivindo na casa de seus pais por comodidade).  
A maioría dos hikikomori manteñen contacto co mundo exterior só polo ordenador, a televisión e os videoxogos en liña, aínda que, en casos extremos, o hikikomori pode pecharse incluso a isto, e permanecer horas e horas na mesma posición, coa vista nun punto fixo, vivindo da súa imaxinación.»

En Xapón, como norma xeral, exércese unha gran presión sobre os mozos e mozos durante toda a súa vida académica, e posteriormente na laboral. O fracaso non é unha opción, e outórgaselle gran importancia ao sacrificio persoal, e á conservación do honor. É normal que un rapaz ou rapaza remate os seus estudos e vaia buscar traballo á gran cidade (sexa Kioto, Tokio...) e alugue un piso diminuto que nin conta con baño, na súa procura dun posto laboral. Volver á casa dos seus pais sen ter atopado nada, é decepcionante, e en certas familias inaceptable.

Así mo contaba Minako Takahashi, a miña mestra de xaponés na universidade, quen por aquel nos axudaba a coñecer un pouco máis da sociedade na que nacera a través das súas historias particulares e novas do país nipón, como os famosos hoteis cápsula, onde fan noite moitos executivos que non teñen tempo suficiente para ires á súas casas e volver ao traballo ao día seguinte.

Individualismo, capitalismo, introversión, consumismo, rapidez, estrés, incomprensión, falta de contacto coa realidade, os novos medios de comunicación e relación social, e unha constante necesidade de chegar ao máis alto: son os ingredientes precisos para dar pulo á síndrome dos solteiros e solteiras parasito, e dos que dispoñemos no noso país; por iso non é de estrañar que os hikikomori xa estean aquí.


11.18.2014

Co cambio de tendencia

Cos cambios de tendencia non debería ela preocuparse polo que lle din catro mulleres sen paixón; sen alma.

Cos cambios de tendencia, cada vez máis curtos, máis rápidos, máis volubles, máis líquidos, non debería ninguén tratar de acompañar o cambio.

Cos cambios de tendencia resulta fútil estar á última.

A última agora, será a vella despois.

278

11.17.2014

Dos seus pés mollados

En terra húmida, de traballos que arden.
En terra húmida, de cabalos que parten.
En terra húmida, de lixos que nacen.

Dos seus pés mollados naceron cabalos aos que lle ardían as patas.
Dos seus pés mollados quixeron coller o que ninguén quería.
Dos seus pés mollados o lixo naceu e partiu sen dicir onde.

Tres teus ollos secos.
Tres teus ollos secos.
Tres.
277

11.16.2014

As verdades do éxodo xitano

Juan José Cortés | Fonte: El Pais
Juan José Cortés, padre coraje, estará esta semana en Galicia.

A súa visita, en calidade de presidente da Asamblea Nacional Gitana, ven motivada polo éxodo de aproximadamente 370 persoas de raza xitana, chamados os zamoranos, dos concellos de Tui e Porriño. A súa marcha, que se iniciou hai unha semana, ten motivos oficiais, e oficiosos; Juan José Cortés terá que actuar como mediador, para intentar que as familias exiliadas volvan a Galicia, onde algunhas levaban vivindo corenta nos.

Por sorte ou infortunio, este tipo de historias xamais son doadas de contar, pero imos a intentalo:

Segundo os que presuntamente provocaron o éxodo dos zamoranos —por exemplo o fillo do rei dos xitanos e presidente da Asociación de Empresarios e Comerciantes Ambulantes de Galicia, Sinaí Giménez—, case catrocentas persoas volveron a Castilla, influenciadas e/ou en solidariedade cos catro pastores evanxélicos que foron desterrados, ao negarse a colaborar coa familia real xitana, liderada polo seu rei, Olegario Giménez Salazar "Morón", que quería reabrir en Tui, un mercado dominical situado na fronteira con Portugal.

Segundo os afectados —os xitanos zamoranos—, a diáspora produciuse debido a que, como afirma unha fonte anónima en La Voz de Galicia, estaban cansos da escravitude á que os tiñan sometidos os xitanos galegos, que xa vivían na zona antes da chegada dos xitanos castellanos. Con escravitude refírense, entre outras cousas, ao feito de que os obriguen a formar parte dunha «cooperativa» sui generis e ad hoc, pola que ao parecer deben pagar unha taxa ao rei, amais de cumprir cos pagos ao concello.

Se ben, as tensións entre ambas comunidades existen dende hai décadas, a gota que rebordou o vaso, foi —sempre, presuntamente—, a orde de facer folga no mercado dos xoves, para conseguir que o concello accedese a re-abrir o dos domingos; unha demanda que os zamoranos rexeitaron cumprir debido as súas xa precarias situacións económicas.

Para resolver esta situación, e quizais esclarecer os motivos do éxodo xitano, mediará Juan José Cortés —coñecido como por ser o pai de Mari Luz, a nena asasinada en 2008 polo pederasta Santiago del Valle—, quen xa realizou este papel de pacificador en ocasións anteriores, como na vila sevillana de Estepa (se ben nesta ocasión o problema era entre, payos e xitanos), é que ademáis é pastor evanxelista, ao igual que os desterrados.

Un conflito complicado, dentro dunha comunidade que dispón das súas propias leis e xerarquía, e do que intentaremos saber un pouco máis, mañá, no Boas Tardes, o programa da tarde da Televisión de Galicia, onde traballo na actualidade, e onde trataremos esta problemática.

276

11.15.2014

Imputar ou non imputar

Alfonso Grau, vicealcalde de Valencia | Fonte: Levante EMV

Imputar a alguén é acusalo formalmente dun delito concreto.

Estar imputado non quere dicir que unha persoa sexa culpable, quere dicir que unha instancia xudicial considera que pode ser culpable; ademáis, un imputado non ten que dicir a verdade baixo pena de perxurio como as testemuñas.

Deberían renunciar ao seu cargo público aquelas persoas que sexan imputadas? 

A simple sospeita, aínda que a sosteña un xuíz a raíz dunha acusación popular, é suficiente para rematar coa carreira política dunha persoa? 

Afirmemos como galegos, que depende

Do que si estou seguro é que actitude que mostrou o vicealcalde de Valencia, Alfonso Grau, na rolda de prensa desta semana foi tan chulesca como inapropiada. De pouco lle servirán as desculpas. Cando tratas á prensa, e os compañeiros xornaleiros, coma inquisidores sen escrúpulos (non todos o somos), e botas por fóra, é normal que a resposta mediática sexa dura e incisiva. 

Pouco lle importa a moitos a imputación do señor Grau.

Pouco sabe a opinión pública da diferencia entre estar ou non estar imputado.

Pouco quere saber dos detalles a maioría. 

Pois a valoración que a audiencia, lectora e consumidora, realiza depende da imaxe que se mostre cando un se asoma á ventá do discurso mediático. Esta fiestra funciona coma as aparicións do Papa. 

Pouco importa o que está a pasar dentro de palacio

O relevante e primordial é o que queremos que a xente pense que está pasar. 

Imputar ou non imputar, agora xa tanto ten para Alfonso Grau. 

Pois non hai veredicto que faga esquecer, compulsivamente. 

Iso é tarefa do tempo.

275

11.14.2014

De onde veñen esas voces

Intentaron dar sentido a todas aquelas voces que se achegaban a eles dous, escondidos entre tres árbores negras, mentres a chuvia non deixaba de caer nas súas cóstas espidas, e baixaban coma bágoas suicidas pola madeira, entre a resina, saltando dende as follas perennes; na altura miraba un home de metal ao horizonte, na busca do sol...

274

11.13.2014

As noivas xa non van de branco

É unha realidade constatable.

As noivas, non van de branco.

Algunhas, si.

Pero a maioría non.

A maioría van de negro.

E isto que lles conto, non é que sexa a realidade.

Non, simplemente digo que as noivas xa non van de branco, que agora a maioría vai de negro.

Se cren vostedes que existe unha correspondencia entre unha reunión de letras, e a realidade, e cousa súa.

Pero o certo é, que a noivas, xa non van de branco.

11.12.2014

Quero todo isto e máis

Quero que a luz vermella dos semáforos sexa azul.

Quero que chova cando durmo, e faga sol cando me levanto.

Quero seguir traballando no que me gusta.

Quero beber trescentas variedades de viño.

Quero saber máis, do que sei.

Quero aprender a falar en xaponés sen estudalo.

Quero mercar un barco para non usalo.

Quero ir de vacacións sen ter que coller un avión.

Quero que as persoas boas deixen de fastidiar aos malos.

Quero que os malos deixen de comer.

Quero que as trampas sexan para os cazadores e non os cazados.

Quero que Julio Iglesias volva sacar un LP.

Quero que miña nai viva para sempre.

Quero que nunca teñas que durmir.

Quero ter un coche sen sacar o carné.

Quero que me deixen conducir, sen puntos.

Quero que cada mañá sexa domingo, pero sen resaca.

Quero que teñas que dicir que si, sempre.

Quero deixar de pensar en ter que ir para a cama.

Quero que ti veñas sen te chamar.

Quero que cada día sexa diferente, pero non demasiado.

Quero que Steve Jobs saque outro iPad enterrado.

Quero que nunca teñas que chorar.

Quero que cada palabra importe pouco se non di nada.

Quero vivir, pero non sen ti.

Quero que as mesas non sexan redondas

Quero que os cubertos sexan de marfil.

Quero que a miña casa sexa cadrada.

Quero que a túa estea onda min


11.11.2014

Instrucións para unha morte digna

Das túas cinzas tiraron todo o bote, mais esqueceron as da túa consorte.

Agora ela espera taciturna a hora, da cremación.

No rexistro quedou ben definido como querías que fora todo aquelo orquestrado.

As instrucións para unha morte digna, titulaches, coma se puideses ver o futuro na túa televisión de plasma.

Non quixeron eles tirar do fío que te mantía enchufado artificialmente á vida.

Berraban uns que a vida é valiosa, aínda que sexa terrible.

Berraban que os asasinatos levan o nome dos non natos.

Berraban que non eramos quen de xogar a ser Deus.

Berraban que viñemos a sufrir, e que a paz xa atoparíamos baixo terra.

Berraban para non pensar.

Pensaban simplemente en berrar.

11.10.2014

Un can para Teresa

Non é a primeira —sin será a derradeira vez— que falamos no programa da TVG, Boas Tardes, sobre a idea de facer que Teresa Romero sexa filla adoptiva do concello de Becerreá.

Nunha das súas intervencións o profesor, Fernando Ramos, afirmou sen acritude que aquelo era unha alcaldada, e que farían mellor en darlle a Teresa Romero, un can novo; un xesto de agarimo e consideración.

Se ben a afirmación pode resultar desafortunada se a sacamos de contexto, o fondo ven dicir que Romero non consegue nada con esta distinción, e se o fai, o máis beneficiado é o alcalde, e non ela.

Unha cuestión, que, ulteriormente, deriva na pregunta, fixeron ben en matar ao can? Se o deixaran vivir estaríamos hoxe falando do caso contrario? Como lles deu por deixalo vivir?

Non me vale que me comparen o caso co que fixeron nos EUA. Que semella que todo o que fan alí o fan mellor e máis rápido, pero moitos tiveron que calar cando se rexistraron os primeiros casos de contaxio, no país da liberdade.

Nin España o facemos todo mal, nin o facemos todo tan mal coma pensamos que o facemos.

Que as árbores nos impidan ver o bosque, é ás veces unha necesidade, unha forma de sobrevivir.

Pero nestes casos, onde sabemos menos do que queremos, sempre podemos pórnos na pel dos outros, en especial na pel dese home que formaba parte dun gabinete de crise e que no medio da urxencia e a cripación decidiu que o axeitado era sacrificar a Excálibur.

Necesidade ou estratexia política? Esa pregunta queda para vostedes.

11.09.2014

"Orange is the new Pantoja"

Xa quedamos fartos de Isabel Pantoja.

Uns por falar dela.

Outros por escoitar falar dela.

Dende a súa capacidade de proxección astral, pola que sae do seu corpo a delincuente e só queda a viuva que canta coplas e move a cola, pasando polo seu desprezo do sistema xudicial, a falta de sensibilidade cara a opinión pública, a petición frustada de atraso para dar concertos medio baleiros, un intento dos seus avogados de facela pasar por tola, a soedade e a reclusión; ata chegar a esa fantástica campaña que iniciou unha das súas fans para conseguir que indulten a Isabel Pantoja. Toda unha recua de episodios esperpénticos, que para nada, van en contradición co resto de novas de actualidade que anegan cada día os informativos da península ibérica.

Mentres non se resolva o seu recurso de súplica non saberemos cando vai entrar Isabel Pantoja no cárcere; nin onde.

Si, sabemos que seguirá de moda,
e que quizáis faga concertos dende o seu calaboso.

Orange is the new Pantoja, e se entra en prisión xa fará o posible por saír cedo, e volver estar, como cada día,
ata na sopa.

11.08.2014

Con calma

Este venres Cristina de Borbón e Iñaki Urdangarín esperaban o fallo da Audiencia de Palma. Esperábamos saber se a filla do rei ía ser xulgada ou non, e, en caso de que si, porque delitos.
Estaban en Xenebra, en Suíza, e segundo afirmaban algúns medios, dicían que agardaban "con calma".

Coa calma de quen sabe que nunca se verá no "banquillo".

Coa calma de quen sabe que a lei non é igual para todos.

Logo de ser des-imputada dos cargos por branqueo, agora quedan na súa conta os delitos fiscais. Dous. E cada un pode supor entre 1 e 5 anos de cadea.

Veremos á filla lista, empresaria, no posto número de sexto na liña de sucesión, entre reixas?

Irá, de ser o caso, a visitala o seu pai, o seu irmán, a súa irmá, a súa nai?

Imaxinen ver ao novo rei de España tras un cristal, falando coa desgraciada Cristina, vítima do seu marido.

Estará igual de calmada?

Dicir que Cristina e Iñaki esperaban con calma o fallo da Audiencia, é un erro. É un erro por parte de quen lles aconsellou que filtraran á prensa que esperaban a decisión con calma.

Pois nin aquel que está convencido da súa inocencia espera con calma o veredicto, nin aquel que sabe que é culpable senta con calma no sofá.

Eu, polo menos, se estivera nesa situación, precisaría dun par de pilulas de Diazepam, para estar con calma.

O resto,
todo mentira.

11.07.2014

Seguimos co reto

Un dos aspectos positivos que ten o reto que me auto inculquei este febreiro, é que un pode mirar cara atrás e lembrar perfectamente onde estaba e como estaba.

Neste pouco tempo, menos dun ano, que pasou, moitos aspectos da vida mudaron. Uns se fixeron máis importantes e outros menos.

Pero resulta inverosímil o que acontece cando un non deixa nunca de facer cousas, aínda que unha desas cousas sexa queixarse continuamente de que non hai cousas que facer.

Agora aínda estamos en Novembro, que pasará de aquí a Febreiro?

Cambiarei outra vez de traballo, de residencia, de estudos, de vida? 

Quen sabe.

Estamos jodidos, pero estamos. 

11.06.2014

Hoxe é xoves...

...e de seguro pensarán que poden entrar sen chamar se quera na porta, sen petar, nin molestarse en facer que a súa presenza sexa benvida, polo menos previda, advertida con tempo antes, previamente e así evitar a sorpresa na que as veces temos que nos ver inmiscuídos sen nós querer nin comer nin beber dese porco e desa fonte, pois dos que nunca souberon deter o exceso, deles, de eses, nunca aprenderás máis que o despecho o rexeitamento dos que non teñen conciencia, nin para ben, nin vén, nin ven ninguen buscar o sentido para poder pór algo de orde, xa que sen orde, sen orde xa non hai senso, e sen senso, pois, mire, sen senso, non existe modo posible de que todo isto no que todos estamos metidos saia ben, non, non hai xeito, maneira nin forma decente, humana e prosaica para que nos poidamos pór de acordo nas bases, no que importa, no relevante, no que non é supérfluo, para que aquelas falacias, as mentiras superficiais dos que non teñen sensibilidade de vivir, sexan mostradas sen veo, sen fanal, sen conas benditas.

11.05.2014

Abadía, non hai

Desenterrou, con tino, o corpo, na terra fendido.

Amasou con agarimo as costas do morto, sen amosar por un momento pudor algún.

Quixo romper en bágoas de dor, salgadas e ácidas,
como o amor.

Pero non tiña ganas de ser estúpido.

Que de amor xa non se morre.

Que a costas que tocaba, non eran, senón as súas.

Que a terra lla roubaran das mans feridas.

Que desenterrar con tino, non é posible.

Que o corazón é moi feble,
e que do aire non se bebe.


Escoite agora vostede señor con sombreiro!

Que pensou que tiña entre os dedos o mando dun imperio.

Que quixo tirar de todo e todo acabou rompendo.

Que só sabe o que non sabe pero que saber non quere.


Escoite agora, con rubor nos nocellos!

Que no se cansa de comerlle as orellas,
aos que non son coellos.

Que non se decata da presenza da santa compaña.

Que de ter que coñecerte,
mellor miralo mañana.



11.04.2014

O que aprendemos das series!

Nas series, existen, diálogos, personaxes e momentos que nos axudan a vivir. Que nos ensinar trucos, modos de escapar da angustia do frenético día a día.

Non podo deixar de pensar en The Newsroom, cando a produtora executiva coñeceu que o presentador preferiu perder cartos para poder despedila ao final de cada semana.

De como en House of Cards dicía o protagonista aquelo de "non debería vostede traballar nun lugar do que non estivera disposta a ser despedida", ou, e por pór un final optimista, aquelo que dicía Martin Sheen en The West Wing, "sempre amence", "sempre sae o Sol". 

O que aprendemos das series, 
é o que aprendemos de quen as escribe.

Boas noites, e boa sorte. 


11.03.2014

Ricos, un, pobres, todos

Xa poucos hai que crean que a riqueza duns poucos pode ser beneficiosa para a economía de moitos; e menos para o tecido social e económico dos lugares de orixe das empresas. Acaso, queren facernos crer que debido a que Amancio Ortega é un dos máis ricos de Europa e (mañá o veremos na lista Forbes) entre os máis a-fortunados do mundo, fai de Galicia un país rico, cunha enorme media de renda per cápita?

Segundo a estatística a renda per cápita dos clientes que estean nun bar calquera pode aumentar nunha porcentaxe esperpéntica se Amancio Ortega entra pola porta. Significa isto que son, os señores e señoras que están neste establecemento máis ricos polo simple feito de que entre un millonario no lugar? Non. É simple estatística, unha media. Se ben, isto é a marxe de erro que ha de ser rebaixada aumentando a mostra da sondaxe, nos vale como metáfora do que os neoliberais levan anos dicíndolle a todo aquel que estea fóra do seu xogo: non te preocupes, traballa, traballa, e traballa, que si á empresa lle vai ben, a ti tamén.

Innumerables veces temos que asistir á esa charla. "Mira, é que as cousas van mal, non che podo pagar este mes, ou teño que pagarche menos". Polo carallo cando as cousas van ben che veñen dicir que che van dar un aumento.

Iso, si, eu polo de agora, non teño queixa, pero me queixo.

11.02.2014

Comunicación líquida e Podemos

Podemos perfílase como a forza máis votada en España.

Se tiveramos eleccións esta semana, afirman os medios de comunicación nun círculo de felacións, Pablo Iglesias sería presidente.

A sondaxe encargada a Metroscopia convértese nun arma que permite lexitimar a uns candidatos, eliminar aos que non entran nos tres primeiros posots, e provocar dous efectos: ou que indecisos que non estaban moi convencidos por Podemos vexan aumentadas a súas espectativas e esperanzas, ou que a dereita española se vexa ameazada e obvie os contínuos casos de corrupción e apoie ao partido de Fraga. 

Pero nada está aínda decidido, por moito que aparezan mareas cidadás e os titulares queiran predecir (facer ocorrer) o futuro con tempos in-condicionais. 

Bauman fala sobre a modernidade líquida. Xa falei tanto del, que me da a impresión de que todos os que ledes este blogue o coñecedes.

Supoño que non.

Gustaríame contarvos moitas cousas verbo del, e das súas razóns, e da incoherente tarefa que levan a cabo as enquisas da opinión pública (evidente só cando a invocamos) que ilusas queren meter a man na auga do río, e tomala presa, e amosármonla coma se significase ou puidese significar algo. 

Gustaríame falarvos de tantas cousas, pero entre a alerxia que teño, o máster da UNED, o cansanzo da noite, e o que virá o luns, non me quedan folgos nin para pasar este texto polo corrector. 



11.01.2014

Creacionismo

Os teóricos da comunicación televisiva quedarían abraiados se souberan ver de preto o que a creación de comunicación e entretemento televisión semella de verdade.

261

10.31.2014

Polo momento, sen Radio

En cuestión de moi poucos días, mudaron as rúas empedradas, agora húmidas de Compostela, polas estradas de tráfico non-fluído da cidade Olívica. Non haberá radio. Non polo momento, agora estou no audiovisual; polo de agora, xa digo.

Pero de seguro que non escoitastes todos os programas:

Cada venres, ás seis da tarde, emitíase no portal Campus Culturae o programa radiofónico de Culturadeseu, onde falo con diferentes convidados verbo da cultura galega contemporánea e glocal.

[Premede nos programas para escoitalos, ou descargádeos co botón secundario]

9º Programa: convidamos ao directores de cinema, Alfonso Zarauza, e Enrique Otero, e á xornalista e experta en comunicación online, María Yáñez, para falar sobre as novas formas de produción, distribución e exhibición que se están practicando en Galicia, sen esquecer falar sobre os endémicos problemas de financiamento do eido audiovisual galego.

8º Programa: desta quenda falamos con Adriana Páramo sobre a súa campaña de crowdfunding para gravar a curtametraxe Galicia Portobello Road, coa antóloga do Fanzine CONA, Alexandra Lores, amais de facer un apuntamento sobre os perigos do bisfenol A, e recordar as citas musicais de Crystal Fighters e Chick Corea & Stanley Clarke.

7º Programa: falamos con Rubén Domínguez, integrante do grupo musical Chicharrón, e responsable de Prenom, rescatamos a crónica do seminario "Cara a unha saída democrática da crise", e contactamos cunha das súas organizadoras, a crítica cultural Ania González, para coñecer o estado das propostas acordadas no mesmo, hai case un ano, e rematamos o espazo con How to disappear, unha canción do último LP de Soledad VélezRun with wolves. 

6º Programa: falamos co voceiro de Ó Cultural!, Jose Ángel López Otero, do festival Vraó! de Foz, rescatamos temas como o filme de James Franco, Interior. Leather Bar, amais da procura do cinema queer galego, e rematamos cun tema do novo grupo de Rubén Domínguez, Diego Gende e Alberto Vecino, chamado Chicharrón.

5º Programa: unha campaña de crowdfunding para financiar a curtametraxe Galicia Portobello Road, dirixida e escrita por Adriana Páramo, os festivais musicais de xullo no país, a programación musical do verán da sala de música meca, Twist and Shout Club, comentada polo seu dono André Sánchez Gálvez, e un comentario a consecuencia dun texto publicado pola crítica Elena Vozmediano en El Cultural.

4º Programa: o artista dixital Horacio González e, a crítica cultural Ania González falan sobre os seus proxectos individuais e colectivos arredor da creación cultural contemporánea. Entre eles atópanse o grupo fundado por Horacio González, Juan Gil e Ariel Ninas, Ulobit —que aparece no vídeo de FAC OFF—, a revista Plétora —co-dirixida por Ania González e María Marco—, ou a recente edición por parte de Baleiro Lab do segundo volume sobre Canles Alernativas de Creación, do cal, parte, podemos consultar en Lysis und Kritik. Isto e máis, no cuarto programa radiofónico de Culturadeseu.

3º Programa: desta quenda toca falar sobre as novas formas de facer xornalismo que se veñen dando durante o comezo deste milenio, amais de comentar a xestión da crise do Concello de Compostela realizada pola dirección do PPdeG. Para falar de todo isto contamos co xornalista político de La Voz de Galicia, Domingos Sampedro, o director de PrazaDavid Lombao, o director do Galicia ConfidencialXurxo Salgado, e o coordinador da revista Luzes e membro da diretiva de Galiza Ano CeroIago Martínez.


2º Programa: profesor de Tecnoloxía, licenciado en Física, coleccionista de cómics, DJ, e etc, Roberto Noya do Pazo estivo no estudio para falarnos da XXVII Semana Negra de Xixón, da Romaría Pop 2014, o seu paso polo NOS Primavera Sound e todo o que xurda nos 45 minutos de programa.

1º Programa: Lúa Gándara é convidada a falar sobre as súas formacións musicais (La Bambola MalataLa Dolorosa Compañía) e a súa óbra pictórica, e o artista José Luis Seara coméntannos parte da súa traxectoria, e a obra Night in my garden, producida no 2010 en Nueva Delhi, e exposta no CGAC. Escoitamos o último de Caxade e de Das Kapital, finalistas nos Premios de la Música Independiente.

260

10.27.2014

Ch, Cha, Changes

Dicía a canción de David Bowie.

Estou en época de cambio.

E nunca tan rápido.

Chegaron.

256

10.26.2014

Discriminasión

Existe unha discriminasión. Existe unha espesie de sensasión de rexeitamento nalghúns sírculos, cara ás persoas, que dependendo de onde vivan, de onde naseran, falan con gheada con ou con seseo, ou con ambas as dúas variantes dialectais. Ou co rotasismo, que bonito, que é por serto.

Se ben nos parese ghrasioso o asento dos andaluses, parese que os ghalleghos non podemos falar como nos ghusta, como falaban os nosos avós e avoas, como nos educaron as nosas nais e os noso país, e como fala a metade do país.



255

10.25.2014

Non debemos desprezar á audiencia

"¿Qué piensa sobre la intervención de Pedro Sánchez vía telefónica en un conocido programa de cotilleos de la televisión", foi a pregunta que realizou unha das asistentes á mesa redonda que tivo lugar en Santiago de Compostela durante un congreso sobre comunicación política e campañas electorais. A cuestión respondeuna a xornalista Pepa Bueno, e foi formulada, de seguro, esperando unha condena airada.

A resposta da señora Bueno, pola contra, quixo desmarcarse da negatividade, e do discurso xeral de desaprobación da intrevención de Sánchez en Sálvame, o que foi —sobre dicilo— un punto dentro da estratexia de comunicación ou márketing deliñada polo equipo do candidato do PSOE para aumentar a súa visibilidade e delimitar (frame) a súa personalidade. Pepa Bueno, afirmou, ao respecto, que non se debía desprezar á audiencia deste tipo de tertulias vespertinas, dado que son, un grupo importante da poboación, e como tal, e tamén, como votantes e electores, deben ser tidos into account.

Neste topic eu estou no medio: entre os apocalípticos, que consideran que a era da Internet, e previamente o nacemento da televisión —a escola dos pesimistas— provocou a desafección da poboación cara á política e a información deste cariz; e os integrados, que valoran positivamente que a cidadanía dispoña de máis e mellores formas de acceder á información, e se cadra máis e mellor información —aínda que escondida, probablemente entre milleiros de datos lixo—. 

Agora dubido de que sexa eficaz desprezar dende altas tribunas a un amplo grupo de persoas que acaban por decidir quen goberna, polo simple feito de que non forman parte dese outro grupo que mostra interese en se informar e estar in-formado; estou a ter a oportunidade de ler diversos textos sobre comunicación política, e sobre os cambios que tiveron lugar nas últimas décadas no aumento e democractización —hai quen diría masificación— do acceso á información, e tamén, aínda que en menor medida, ao poder e ao discurso, dunha parte da sociedade electora que antes, por razóns de carácter socio-económico e hence cultural, non podía ou non tiña a interese de se informar ou acceder a canles determinadas de información.

Non podemos adoptar unha postura despótica, senón pedagóxica. Teremos que aceptar que o xénero do infotainment está aquí para quedar, polo menos, un tempo. Temos os medios, a audiencia escolle os formatos, a nós tócannos dárlle o contido apropiado.

10.24.2014

Vén, o ven.

Vén, vostedes, o ven. Todo o ven vir xunto. Todo vén á vez e non sempre en pilulas clasificadas por cores primarias de doada dixestión.

Vén, e un non sabe nunca cando se vai ir.

Vén, e ás veces un quere que marche.

Vén, e ás veces un quere marchar.

Non vén, de non vir.

Non o ven, de non ver.

10.23.2014

O gusto polo que non se ve

Gardamos sen dúbida unha paixón interna que se ceiba constantemente coma un parásito no gusto por aquelo que non podemos ver. Polo que non podemos tocar, ou comer. Trátase dunha paixón que nos pode levar a caer na desesperación dunha vida baleira de contido importante, e por ende dunha forma significativa.

Comezamos por pór a un grupo de xente nunha casa para simular a Orwell e a Foucault e atopar divertimento na súa intimidade, exposta consentidamente, logo deixámolos nunha illa, a ver se poden sobrevivir diante das cámaras, financiados pola audiencia e as empresas publicitarias, e logo, para rematar con toda sospeita da súa humanidade lles quitamos a pouca roupa que levan posta e nos imaxinamos con morbo, como serían de a teren posta .

252

10.22.2014

Mónica Oriol, pobre incomprendida

A señora Mónica Oriol parece estar a ser vítima da perversa obsesión que teñen os medios por atopar o que na comunicación chamamos gancho, o soundbite, o titular. De aí que toda declaración, diga, é sacada de contexto, pois ela pensa ser para a audiencia, o que un adolescente é para os seus pais, unha incomprendida.

Ademais, parece que a presidenta do Círculo de Empresarios está a traballar firmemente por impulsar un modelo económico que faga, se cadra, máis complicado que todos aqueles e aquelas que estamos en idade laboral, gardemos a romántica idea de cobrar unha pensión dentro de trinta ou corenta anos.

En abril afirmaba que era necesario rebaixar o salario mínimo para os que non tiveran formación. En concreto non consideraba axeitado que a normativa obrigase ás empresas a pagarlles un soldo "aunque no valgan para nada", unha paga que segundo ela "no producen".

Como de seguro que no Círculo, gostan moito dos datos aquí temos un mapa que amosa a abusiva situación na que se atopan as empresas en España, en relación aos seus colegas europeos, no que ten que ver co salario mínimo (datos do 2013):

 Salarios mínimos na UE, Croacia, os países membros da AELC e os países candidatos, xaneiro de 2013, en €. EUROSTAT


Como a maioría dos lectores e lectoras saberán a comezos deste mes, Mónica Oriol afirmou que prefire contratar a mulleres menos de 25 e maiores de 45 anos, polo problema ese que poden sufrir, chamado embarazo. Como guinda, e para continuar reducindo tanto o mercado potencial de traballadores, como o número de afiliados á Seguridade Social, propuxo hai dous días dende a súa tribuna, reducir entre 4 e 9 puntos porcentuais do PIB español, coa fin de alixeirar o peso da Administración, o que podería supor un recorte de entre 40.000 e 90.000 millóns de euros, e o despido (mil arriba, mil abaixo) de entre 5.000 e 7.500 funcionarios; coa consecuente merma no mercado de consumo, imperceptible quizais a nivel macro, pero moi importante para o bar da esquina, o super do barrio, ou a perruquería de confianza.

Cobraremos pensións?
Durante o IV Congreso EFPA de Asesores Financeiros que tivo lugar o venres día 10 de Outubro en Santiago de Compostela, varios dos speakers —entre os que se atopaba o profesor do Departamento de Economía do IESE, Javier Díaz-Giménez— consensuaron que o actual modelo de pensións será imposible de se manter no tempo; a baixa natalidade e o aumento da esperanza de vida, que tamén provoca o aumento dos anos nos que dependeremos de asistencia socio-sanitaria, amosa que cobrar o 80% do último soldo ata que nos metan nunha caixa, non será sostible a longo prazo.

A solución non pasa por aumentar a natalidade (pois o traballo infantil, amais de inmoral, é ilegal e os bebés non cotizan, polo de agora), nin fomentar a inmigración (os datos mostrados no congreso falaban de ter que acoller a 30 millóns de inmigrantes de aquí a 2050, o que supón case un millón ao ano), nin aumentar a idade de xubilación (viviremos máis tempo, si, pero tamén teremos máis tempo de enfermidades, e dependencia), nin aplicar modelos mixtos, nin puros, nin neoliberais, nin keynesianos; e moito menos pasa por reducir os salarios dos que non puideron ou non quixeron formarse, nin evitar ás mulleres en risco de embarazo, nin en defenestracións masivas de funcionarios.

Ao parecer temos dúas opcións, ou aceptar que logo de xubilarnos cobraremos unha pensión básica e menor en relación coas porcentaxes actuais, ou por outro lado, aceptar que o Estado español financie unha campaña que estimulase a morte aos 75.

Pero penso que á señora Oriol, o que cobre ou non cobre eu no 2051, pouco lle ha de importar.

251

10.21.2014

As liñas vermellas

Se Teresa Romero acaba finalmente recuperándose e saíndo do hospital, sexa en cadeira de rodas, sexa polo seu propio pe, que vai facer? Cren que poderá volver á súa vida normal como tal cousa? Coma se nada pasara? Pór a bata e os guantes e intentar chegar a fin de mes, mentres o resto de España e parte do estranxeiro xa foron testemuños da súa enfermidade, xa foron culpables de palabras sen fundamento, de especulacións, de violacións da súa intimidade e espectadores pasivos dunha traxedia persoal? Acaso non ten Teresa agora dereito a contar a súa historia, aló onde a chamen, sexa de balde, ou sexa cobrando? Ou é que aquí todo o mundo pode facer negocio coa vida de Teresa Romero menos Teresa Romero?

Existen liñas vermellas, máis ou menos acordadas polas sociedades nas que vivimos; liñas que delimitan o que está ben e o que está mal. Pero no momento no que se deixan de respectar esas liñas, a veda queda aberta, é game on para todos.

250

10.19.2014

«Dios morirá junto con la humanidad»

«El futuro de los aspirantes contemporáneos al estatus de fuerzas sobrehumanas —la religión de tintes políticos y la política de tintes religiosos— es indisociable del futuro de la incertidumbre humana, su estado continuamente exacerbado por las realidades de la vida moderna líquida en sus dos manifestaciones: la incertidumbre colectiva (relativa a la seguridad y las capacidades de la especie humana, inmersa en un mundo natural que es incapaz de domesticar y del que depende) y la incertidumbre individual (relativa a la seguridad de la persona, de su posición social, de su identidad cuando se ve inmersa en un hábitat que es incapaz de domesticar de forma individual, grupal o colectiva, y del que depende). Nuestro abandono y la consiguiente soledad en el universo, la ausencia de un tribunal de apelación con poderes ejecutivos al que recurrir en caso de calamidad demasiado difícil de afrontar, resultan eventualidades terroríficas para la mayor parte de los seres humanos. Desde esta perspectiva, parece que Dios morirá junto con la humanidad, y ni un momento antes.»
Revisitando ao mestre, Zygmunt Bauman, 44 cartas desde el mundo líquido

249

10.18.2014

«Creciente personalización del voto»

«Debilitados los partidos de masas y diluidas las ideologías, se ha producido durante los últimos decenios una creciente personalización del voto. Lo que cuenta, al menos para una parte del electorado, no son los principios y los valores que se declaran a los programas concretos que se proponen, sino cada día mas, las características personales de los protagonistas»
(Sani, G., «Berlusconi ha vinto perché...», en Il Mulino, 50, pp. 616-622)
O texto arriba citado trata de achegar unha explicación á primeira victoria de Silvio Berlusconi en Italia, co seu partido Forza Italia, logo dunha debacle político e social, tras os xuízos por corrupción do denominado tangentopoli. O curioso é que o relato nos pode perfectamente recordar ao ascenso de Pablo Iglesias e a Podemos, se ben as cores e os contidos distan en grande medida entre o líder de facto de Podemos e o magnate do país con forma de bota.

248

10.17.2014

A política do veciño

"País de pandeireta e chiringuitadas varias". Son as conversas after work de moitos, e non conteñen xenebras premium, pois os salarios que perciben nos seus postos de traballo non lle permiten bebidas deluxe. Demasiadas horas investidas con contratos fradulentos, por baixo dos covenios, ou con categorías erradas por mor dunha soposta crise que agora afecta aos soldos pero logo permite mercar caros autocares para ampliar os horizontes aínda por perfilar dunhas empresas que se comparan entre si, pero non para o bo, mais para o malo, para o peor. Pois se na casa do veciño non se prenden as luces ata as doce da noite, na nosa tampouco. Pouco importa que no inverno se vaia o sol ás seis da tarde.
247

10.16.2014

Impepinable

«Predominan claramente el escaso interés y los conocimientos limitados en materia de política. La consecuencia, casi inevitable, es que los entrevistados, poco interesados y mal informados, no se creen capaces de ejercer ninguna influencia en una política que desconocen. Por otro lado, tienen muy poca confianza, con frecuencia justificadamente, en los parlamentarios y los partidos estén dispuestos a contar con sus opiniones y sus preferencias. Naturalmente, en esto podrían tener razón, aunque con toda probabilidad nunca se han esforzado en "presionar" a los parlamentarios. Con todo, viendo su más que limitada inclinación a participar en la vida política, ni siquiera a través de asociaciones del tipo que sea, sus probabilidades de influir en algo son ínfimas. La desconfianza en la política, en los partidos y en la institución parlamentaria confirman una fuerte sensación de ineficacia que seguirá manteniendo a los ciudadanos de Italia alejados de la política en un círculo vicioso que nunca se interrumpe.»
Este é o perfil do elector italiano debuxado por Gianfranco Pasquino no 2002, baseándose nos datos do estudo ITANES sobre as eleccións do 2001. Perfil que semella exportable a España, se ben é certo que o éxito de Podemos debe representar algún de tipo de cambio na participación política da cidadanía, amais do enorme crecemento e extensión das redes sociais virtuais e a expansión do que se denomina ciberpolítica.

Para que se poida dar a democracia directa, a non delegación total e única nun feixe de representantes, debe existir unha esfera pública, e unha cidadanía informada dos asuntos da política. As opinións na literatura científica da comunicación política son contrarias en moitas ocasións, e uns falan dun cidadán-elector que non se informa de maneira activa pero que é quen de prestar atención (sáltalle a alarma) cando se fala sobre temas que lle interesan e poden ter algún tipo de repercusión na súa vida. Hai quen mantén a idea romántica (os que menos) de que existe realmente un grupo amplo de persoas que gozan da capacidade e a intención de saber dos problemas aos que se afronta na realidade na que vive. Tamén existen os pesimistas que demonizan os medios de comunicación e os culpan da degradación da política de partidos, e da desafección por parte dos cidadáns, debido ás neglixentes prácticas dunhas empresas xornalísticas que mesturan a información e o entretemento (o infotainment), converten as eleccións en carreiras de cabalos, e banalizan os issues máis relevantes para unha dixestión simple e rápida.

Independentemente de a quen lle fagamos caso, o que resulta impepinable é que estar informado, participar da polis e ser un cidadán comprometido co futuro da súa contorna, depende, en primeira instancia de cada un de nós.
246

10.15.2014

Das sondaxes e as cicloxéneses

«Eso que llamamos sondeo bien podría ser una especie de ejercicio ilegal de la política consistente en pagar un microrreferéndum sin campaña sobre algo o sobre nada, con el objetivo de producir efectos políticos. Cabe pensar que si la prensa se muestra tan ansiosa de sondeos es porque también ellos buscan complacer al mayor número de gente para vender más.» 
(Champagne, P., citado en Comunicación Política de Gianpietro Mazzoleni)
En España segundo recolle o artigo 69.7 da Lei Orgánica 5/1985 do 19 de xuño, prohíbese a publicación e difusión de sondaxes por calquera dos medios dispoñibles, nos cinco días anteriores á unha votación, sexa esta, estatal, autonómica ou local. O motivo céntrase na capacidade da que dispoñen este tipo de cuestionarios para determinar a cor do voto, sobre todo o dos indecisos; pódese producir o que se denomina efecto bandwagon, que poderíamos cualificar como subirse ao carro, dos, que, neste contexto, serían os posibles gañadores.

Mais a pesares de xa estar acostumados ás informacións que tiran conclusións de variopintas sondaxes e enquisas, adaptando os resultados aos encadres ou frames de significado propios da manufactura de noticias, hai académicos que critican duramente estas prácticas, por consideralas pouco profesionais, como podemos ler, de novo no libro de Gianpietro Mazzoleni:
«Nando Pagnoncelli (2001, 88-100) indica algunas zonas críticas en la relación entre información y sondeo, entre las que destacan la limitada cultura de los periodistas en materia estadística  la excesiva distancia entre quien realiza las encuestas y quien las presenta con títulos y comentarios, con el posible riesgo de sujeción psicológica del investigador al periodista. A este propósito, escribe:
Tal vez se deba a que los periodistas manejan mejor la palabra y consiguen imponer su punto de vista, pero el caso es que la mayor parte de las veces el investigador, resignado, se retira y deja al cliente la parte del león. El periodista no se impone límites: formula las preguntas, añade de su cosecha un poco aquí y otro poco allá [...] O el investigador deja de aguantar e impone su punto de vista o es muy probable que, por muy buena fe que tenga el periodista, el sondeo se eche a perder.»
A eterna disputa entre scholars e profesionais da información, do espectáculo, da desinformación regular, e do entretemento, verbo da calidade dos media de comunicación, só se deterá no momento no que as empresas xornalísticas non dependan da publicidade e dos índices de audiencia para subsistir e os académicos abandonen as súas cátedras para facer coberturas de cicloxéneses explosivas enchoupados ata os xeonllos.
245

10.14.2014

Rajoy, un imposible

«La presidencia de Reagan marcó un hito en nuestra sensibilidad hacia el carácter simbólico y teatral de la política, en especial de la electoral. El presidente-actor no fue encumbrado por su inteligencia, sabiduría, perspicacia o habilidad para ser el primer gobernante del país ni tampoco por su integridad o por su moral, sino por sus habilidades de "gran comunicador". Si quedaba alguna duda sobre la estrecha relación de la "industria del sueño" con el proceso político, ya no queda ninguna.»
(Biocca, F., What is the language of political advertising, 1991, 5)
Con tantos estudos que hai sobre Silvio Berlusconi, e por suposto as campañas electorais dos EUA, e quen me dera saber, entón, como acabou Rajoy coma presidente.

Os camiños da política son inexplicables.

244

10.13.2014

Coidado cos neoliberais

Daniel Lacalle
O venres pasado formei parte da organización dun encontro de asesores financeiros que tivo lugar no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Cara o final da xornada produciuse un pequeno debate entre dous pesos pesados e se cadra antagónicos: José Carlos Díez e Daniel Lacalle.

Mentres o primeiro mostraba argumentos de carácter keynesiano para explicar a crise e a saída da mesma (na liña dos premios Nobel de economía, Joseph Stiglitz e Paul Krugman, ou o profesor Mark Blyth), o segundo, Lacalle, nunha actitude que recordaba de cando en cando á soberbia da personaxe interpretada por Leonardo DiCaprio na película de El Lobo de Wall Street, non deixaba de dirixirse aos alí presentes criticando aos gobernos e aos políticos, acusándoos de ser os causantes de impedir o remate da depresión económica, con grandes sumas de diñeiro investidas en estímulos económicos, (de gasto público) que o economista neoliberal afirmaba —con vehemencia e mentres sinalaba a algúns dos presentes— "salen de su bolsillo, y del suyo, y del suyo también". Criticaba ademais e duramente o rescate dos bancos, e cando falaron do papel dos mercados na crise derivada do estoupido da burbulla financeira e inmobiliaria, Lacalle, adoptaba unha actitude arrogante e irónica, que lonxe de formular respostas, pretendía descualificar unha pregunta que non lle gustaba nada. 

Algúns rían, e outros asentían. E non só os asistentes, tamén persoas do staff, descoñecedoras da xerga financeira. Cando un está acostumado ao discurso neoliberal e o dos libertarios (anarquistas de dereitas) que desexan —como o Tea Party dos EUA— a eliminación total do Goberno, e do Estado, pois adxudícanlle a el todos os males habidos e por haber, sabe estar alerta, ante declaracións populistas coma a do señor Lacalle, que quere vivir nun mundo dominado polo mercado, onde un —por exemplo— só podería ter a policía, a xustiza, a sanidade ou a educación que se puidese pagar. 

O problema o atopamos, cando unha parte da cidadanía que non está familiarizada coas consecuencias últimas dos argumentos neoliberais, acaba por favorecer este tipo de declamas en contra do Estado do Benestar, e da sociedade como persoas que forman comunidades de cidadáns, e a favor de sociedades de persoas que forman individuos consumidores. Falan dos políticos coma ladróns e coma corruptos, aproveitando as conxunturas actuais e as axendas mediáticas. 

Analistas económicos como Daniel Lacalle afirman que a crise afectou a todo o mundo, e que quen perdeu cartos, o fixo por estar mal informado, ou por non xogar ben as súas cartas; que moitos foron os traballos que se perderon na City financeira de Londres... Mentres os datos lle quitan a razón, pois nos EUA o 90% das familiar viron decrecer as súas rendas, mentres o 10% restante, gañaron tantos cartos, que resulta terriblemente insultante. En España, a situación non dista demasiado desta. 

A única e mellor ferramenta que temos para loitar contra estes argumentos e informarse, informarse, e informarse.  Se cadra a lectura destes oito libros, axude.

243

10.12.2014

Espazo público mediatizado

«La comunicación mediada (desde los telediarios hasta los programas de entretenimiento) desempeña funciones importantes para las esfera pública contemporánea. Proporciona información buena y mala, dirige amplias y a menudo sorprendentes miradas a los problemas sociales, estimula la conversación entre amigos y enemigos y brinda datos políticos y científicos unas veces autorizados y otros dudosos, que el público de los medios puede hacer suyos o rechazar durante el proceso de formación de la opinión. Situar la comunicación política dentro de una definición amplia de esfera pública facilita la comprensión de lo mecanismos a través de los cuales la comunicación influye en la política y en la vida pública.»
Esta observación está recollida no libro de Bennett e Entman, Mediated Politics. Communication in the Future of Democracy publicado no 2001. Hai once anos, aínda non naceran as dúas das redes sociais que en maior ou menor medida forman parte do noso día a día: Facebook e Twitter. A primeira foi fundada no 2004 e a segunda no 2006; na actualidade a súa función dentro do denominado espazo público mediatizado é indiscutible. Lembran cando eran empresas marxinais? Modas ás que os medios convencionais como a televisión non adicaban excesiva atención?

Agora, todo programa que queira ter presenza nas redes sociais (da Internet e da vida física) precisan, si ou si, dun distintivo, dun hashtag, dunha etiqueta, arredor da cal a comunidade de individuos que se descoñecen entre si —e que poden estar en contextos totalmente diferentes— pero que atenden a determinados espazos comunicativos, poidan falar, discutir, colaborar ou BERRAR. As alusións dos presentadores, dos profesionais dos medios de comunicación, a estas redes sociais, e as contínuas suxerencias de sigan a conversa neste non-lugar, transformaron totalmente a visión de Facebook e Twitter. A súa capacidade de se adaptar ás nosas vidas — presentes dende a mañá, ata a noite— vai ter (ten xa...) efectos dentro do modo no que nos informamos, coñecemos, e aprendemos na sociedade da denominada era da información.

Non se lle poden pór cancelas ao campo, nin tampouco ás moreas e moreas de datos que cada día anegan a rede de redes. Por iso, un dos grandes retos deste século, xa non será o acceso á información, senón a selección da mesma. Quen terá que afrontares dita tarefa? A falta dun corpo especializado e profesionalizado de acción xornalística, moito me temo que durante moito tempo a maior parte do traballo reposará nos ombreiros da cidadanía de a pe quen terá que ser a máis responsable da Historia, para evitar acelerados xuízos mediáticos ou rematar coa necesaria pausa e calma que precisan para seren ben realizadas determinadas accións de Goberno que acaban por debuxar o futuro de todos.
242

10.11.2014

Comprender o 15M

"Todos aquellos que vivimos la experiencia de ese enorme monstruo de energía que se apoderó de nuestras vidas en mayo del 2011, sentimos que la semilla de un nuevo futuro por venir y por conquistar estaba naciendo entre nosotros. Unos meses más tarde, un grupo de investigadores y activistas participantes (en distintas formas y posiciones) en el denominado “movimiento 15M” sentimos la necesidad de pensar y analizar la enorme experiencia colectiva vivida en este periodo, de afrontar el reto que el movimiento había puesto delante de nosotros. Nos convencimos de la necesidad política de dedicar un esfuerzo colectivo para comprender un fenómeno de tal complejidad ya que de él, firmemente, pueden desarrollarse nuevos horizontes de libertad para el siglo XXI." 

Extracto da investigación dirixida por Javier Toret Tecnopolítica: la potencia de las multitudes conectadas. El sistema red 15M, un nuevo paradigma de la política distribuida, felizmente incluída dentro do mestrado en Comunicación, Política, Cultura e Sociedad da UNED no que estou inmerso.

241

10.10.2014

Volve a radio de Culturadeseu

Non era sen tempo, e ao final puidemos volver gravar a versión radiofónica de Culturadeseu. Tras algún erro técnico e outros humanos, pero sen maiores casualties, conseguimos falar durante preto dunha hora sobre as novas formas de produción, exhibición, e distribución de cinema e contido audiovisual co director, guionista e produtor, Enrique Otero, a xornalista e experta en comunicación on-line, María Yáñez, e o director e tamén guionista Alfonso Zarauza.


A conversa, que se emite esta tarde ás 18:00 no Campus Culturae e que logo se poderá descargar en calquera momento, xira arredor da distribución de Encallados (2013) unha das últimas películas do director Zarauza, que recorreu gran parte de Galicia, amais de Madrid e Londres, grazas ao esforzo dun equipo de promoción no que se atopa a convidada, María Yáñez; unha distribución pouco convencional que pretendeu (e aínda pretende) levar a cinta ao maior número de espectadores e salas nunha sorte de estratexia porta-por-porta mediante o uso das redes sociais coma único sorporte publicitario.

Tamén falan os convidados do financiamento da industria audiovisual e a necesidade e os modos de investimento público dun eido do que algúns queren non saber da enorme capacidade que posúe para promocionar e proxectar Galicia no exterior; poñamos como exemplo a cinta de Lois Patiño, Costa da Morte que foi seleccionada en máis de 60 festivais en todo o mundo. 

Rematamos o tempo de radio deste noveno programa cunha nota musical a cargo da Banda dos Crebinsky (da cal forma parte Enrique Otero) que estarán o 19 deste mes na sala Capitol xunto a Som do Galpón e Radio Cos dentro do festival internacional de música folque Womex, pero non sen antes coñecer os vindeiros (e tremendamente interesantes) proxectos que teñen entre mans os nosos convidados, aos que non poido deixar de agradecer a súa presenza, neste (primeiro) retorno da radio de Culturadeseu.

240

10.09.2014

«Plantexar»

Nin plantear, nin plantexar, aparecen no diccionario da Real Academia Galega. Non é correcto pois usalo en galego. Debe ser substituído por palabras como formularsuscitar, presentar ou propor. Durante a carreira de xornalismo, na asignatura de Galego Oral, a profesora Carme Hermida, insistiu moito nestes casos e a min non se me esqueceu.

O problema é que podemos ler, e escoitar a palabra plantexar en todos os lados; inclusive en declaracións de políticos nacionalistas ou galeguistas, en xornalistas, xornais dixitais, tweets... Escoitei tantas veces e en tantas e diversas bocas a palabra plantexar que xa me estou eu a plantexar se non sería mellor que fora incluída na normativa e esquecernos de que algunha vez foi un castelanismo.

Pero iso xa non depende de min.
239

10.08.2014

Mil cincocentos lectores

Este mes deu comezo o mestrado da UNED en Comunicación, Política, Cultura e Sociedade. Aínda non sei como vou atopar tempo para estudar, pero farei uso deste caderno de bitácora electrónico para salientar textos e ensaios, parte do proxecto curricular. En particular, de gran recomendación o estudo comparativo de Daniel Hallin e Paolo Mancini, Sistemas mediáticos comparados (2008 en español, primeira edición en inglés do 2004), que a pesares de que foi publicado hai cousa de dez anos debuxa un mapa das diferenzas e similitudes entres os sistemas mediáticos de comunicación existentes entre os países europeos do Mediterráneo, os países do Norte de Europa, e os países do sistema, nomeado como Liberal: Estados Unidos e Gran Bretaña. 

Coma mostra un botón, sobre o modelo Pluralista Polarizado, ou mediterráneo:

«En los países mediterráneos, los periódicos, tanto los comerciales como los vinculados a los partidos o la Iglesia, se han dirigido en su mayoría a una élite instruida interesada en el mundo político. El periodista italiano Forcella describió este hecho de una forma especialmente acertada en un artículo de 1959 titulado "Millecinquecento lettori" (Mil quinientos lectores):
En nuestro país, un periodista político puede contar con mil quinientos lectores: los ministros y subsecretarios (todos), los diputados (algunos), los líderes de los partidos y de los sindicatos, los clérigos más importantes y aquellos industriales que quieran demostrar que están bien informados. Los demás no cuentan, ni siquiera si un periódico vende trescientos mil ejemplares. En primer lugar, no está claro que los lectores comunes lean la primera página del periódico y, de todas formas, su influencia es mínima. Todo el sistema se organiza alrededor de la relación entre el periodista y aquel grupo de lectores privilegiados.» 
238

10.07.2014

Lorem ipsum (VI)

Logo veñen pedir contas coma se lle deberamos algo. Logo queren que lles devolvamos o cambio coma se nos deran un gran billete. Logo, mentres limpamos o vómito do inodoro, sorríen, drogados, cunha felicidade estúpida que non fai máis que afondar a diferencia, a eterna desigualdade entre os que teñen o poder —os cartos— e os que non. Logo queren que sexamos todos amigos, todos iguais, coma se fose unha romaría, esta vida, chea de egos, de -ismos, e de merda bendita.

Día, 237.

10.06.2014

Curtocircuito

Non hai lugar para deterse no tempo que pasamos na cidade de Compostela, onde non teñamos que decidir, semana si, e outra tamén, a que evento cultural preferimos ir.

Se ben no maxín de moitos a cultura é sinónimo de pausa, de contemplación aburrida, de esforzo estomacal, os que vivimos na espiral de acontecementos creativos por produción ou reprodución, valoramos —sobre todo cada vez que nos quitan unha sala de teatro, de música ou de convivencia artística de comunidade—, todas aquelas iniciativas, ideas e proxectos que seguen aí.

Así, chega un ano máis o festival internacional de curtametraxes, Curtocircuito, un só lamenta non gozar do poder da ubicuidade.

10.05.2014

Lorem Ipsum (V)

Resulta improcedente. Diría que pernicioso. Dano. Fai dano. A escritura de cada día. O reto dos 365 días, 365 posts, estáse a converter nunha carga, máis que nunha diversión. Pero debemos seguir.

Día 235.

10.04.2014

Lorem ipsum (IV)

Filthy | Caroline Augusta ©
Dos seus tellados marróns xa non quedaba máis que o po dunha casa tomada. O tempo fóra era terríbel, e fora devorando cada anaco de vida que lles restaba aos seus habitantes. Non podían saír, nin chamar a ninguén. Estaban illados do mundo, por teimudos. Negábanse a abandonar aquel lugar, pois, aínda que fose un sentimento, haberían de morrer de fame, antes de pór un pe no limiar da entrada.

Xa as botas non pisaban o pórche, e o único ruído que provía do exterior era o vento frío do inverno, e chuvia e a pedras de xeo que cada semana petaban nos cristais das fiestras con intención denodada de entrar a desafiuzalos a todos e todas.

Gardaban con sumo coidado unha pequena radio que xa non funcionaba. O maior de todos termaba dela coma se fose un tesouro maldito. Non se decatara de que se escoitaba voces, non viñan xa do transistor, pois estas estaban instaladas nos seus miolos.

Eran a resistencia. Un produto defectuoso nunha cadea de fabricación que xamais se detiña, despois de todo as máquinas non senten compaixón.
234

10.03.2014

Da necesidade de (re)formular unha ética xornalística

Os medios de comunicación son poderosos. Poderosos, os grandes. Non só pola súa proximidade ao poder político, difusión, penetración e cobertura na poboación, mais pola súa capacidade de crear significados, de formular discursos que acaban por se converter en realidades arraigadas na opinión pública.
«9. Salientar as referencias a cuestións coma a orixe ou a cor da pel dos protagonistas de algunhas novas habitualmente non engade información relevante ao relato, non é estritamente necesaria para a comprensión do feito e, en cambio, actúa coma reforzo de prexuízos e como chave implícita de interpretación negativa ou condenatoria. Convén administrar con criterio responsable, ponderado e crítico este tipo de referencias a fin de servir estritamente ás esixencias dunha información detallada, precisa e completa
Precisamos unha regulación do tratamento das informacións. A calidade da nosa sociedade depende da mesma.

10.02.2014

De Guerrera, Holy Fuck e Los Tones

Fantástico cartaz e boas novas que me envían os de Matapadre á caixa do correo electrónico, sobre todo para os fans de Guerrera, Puma Pumku e Unicornibot; pola súa parte Work on Sunday non paran e presentan concerto de Holy Fuck con Sensible Soccers, e Esquelas; no Grove comeza a Festa do Marisco, e no Twist and Shout Club estamos decididos a ofrecer alternativas a Azúcar Moreno, en particular os australianos Los Tones.

Deseño: Hugo González Santeiro

'Mauna Loa' é o título do segundo disco dos galegos Guerrera publicado o pasado 31 de marzo, do que puiden dar boa conta da súa calidade a finais deste verán na sala meca do Twist and Shout Club. Este mes a banda continúa coas datas de presentación do disco en Galicia:
Outubro 
03 Liceo Mutante (Pontevedra)
04 Casa Tomada  (A Coruña)
07 San Froilán     (Lugo)
10 La Iguana        (Vigo)
11 Labranza         (Meiro)

Pola súa parte Puma Pumku presentará logo de varios meses de espera o seu primeiro LP, Is it you? na metade de novembro, logo que estes mozos galegos estiveran presentes en festivais de verán coma o Milhoes de Festa en Portugal, o DHU Villa de Sarria ou o WOS INC e a Romaría Pop en Santiago de Compostela. Estarán mañá día 3 no Clavicéfalo de Lugo, e o 15 de novembro en Mataparty La [2] en Barcelona. Podedes botarlle un ollo ao vídeo do seu paso por Favela Estudios para gravar ao vivo Twilight of the mind:



Unicornibot, tampouco descansa e estarán en La noche blanca de Oviedo este venres día 4, na Monkey Week no Puerto de Santa María o día 11; e o 15 de novembro tamén en La Mataparty.

Máis preto, estarán tocando os Holy Fuck que actúan como cabeceira de cartaz nunha nova edición do TriCiclo, xunto aos Sensible Soccers, e os galegos Esquelas. Estarán mañá día 3 de outubro na sala Capitol.

A parte gráfica do evento é obra do artista NO3L (Rianxo, 1989).

Os canadenses Holy Fuck, cuxo ao vivo goza de recoñecemento no panorama alternativo internacional, formarán parte da sexa edición de TriCiclo, onde terán o apoio visual dos galegos Theremin Tourette —actuais gañadores do Festival internacional de Mapping de Xirona 2014—, amais da actuación dos portugueses Sensible Soccers que veñen publicar o seu álbum 8, pasando polo Festival de Paredes de Coura o Milhoes de Festa ou o Boom Festival. Pechan o triángulo os galegos Esquelas, que presentarán ao vivo un material a piques de ser publicado.

Por último, que non derradeiro, non me podo esquecer do meu pobo natal, onde esta fin de semana comeza a coñecida Festa do Marisco na súa LI edición, e onde ofrecemos unha programación e música alternativa á escollida polo Concello. Deste modo o sábado contaremos cun concerto de garage 60's psicodélico, a cargo dos australianos Los Tones, e unha pinchada dun servidor, coas típicas saídas de ton, estilo e sentido común. 


10.01.2014

«O Movemento é o noso Capital»

O Ministerio Federal de Asuntos do Movemento (BMfB) de Austria é o ministerio máis novo do país, e ata o momento o único da súa especie no mundo. Existe, na súa forma actual, dende xuño do 2009, e as súas responsabilidades esténdense ata a fundación, cultivo e apoio de todas as formas de movemento libre dos corpos no espazo.

Dende este organismo público, levan traballando cinco anos en diversos países arredor do mundo tratando de favorecer e impulsar a existencia dun discurso actualizado do corpo e da percepción no ámbito político.

Dentro desta xeira, a semana pasada aterraron en Santiago de Compostela tres dos seus representantes —D. Meinhard Rauchensteiner, Delegado do BMfB e Conselleiro de Ciencia, Arte e Cultura do Presidente da República de Austria Don Heinz Fischer, Amanda Piña, Delegada de Coreografía do BMfB, e Daniel Zimmermann, Delegado de Cine e Artes Visuais do BMfB—,  e participaron no programa internacional de artes vivas De Corpo en Lugar, articulado arredor das propostas performativas do BMfB, da chilena Amanda Piña e de thinging bodies, da artista turca Ayşe Orhon; baixo a dirección e coordinación da creadora Begoña Cuquejo e a crítica cultural Ania González, a colaboración do Instituto Galego de Praxe Actual (IGAPA), a Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Industrias culturais (AGADIC), o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) amais da produción de trasPediante Cultura.

Himno do BMfB coa participación dos seus delegados, persoal do CGAC e De Corpo en Lugar. | Horacio González ©

O venres 26 de setembro, ás 11:30, na Sala do Padroado do CGAC —e dentro do ánimo do BMfB por fomentar novas formas de institucionalidade empoderando á cidadanía para que busque e tome as súas propias canles de acción en lugar de seren estas impostas—, asináronse as actas de fundación do Instituto Galego da Praxe Actual (IGAPA), e posteriormente procedeuse á achega de capital participando os alí presentes na realización do himno do BMfB, que, en coherencia coas súas premisas, toma como vía performativa, o movemento do corpo; non en van o lema do Ministerio reza Bewegung ist unser Kapital, ou O Movemento é o noso Capital.

De Corpo en Lugar
Coa performance "Thinging bodies" continuará mañá xoves 2 de outubro, no CGAC, o segundo e último ciclo De Corpo en Lugar, que reflexiona sobre á danza, a performance e os corpos no espazo museístico. No mesmo ciclo ás 18:00, terá lugar a Conferencia de Victoria Pérez Royo, Teatralidade e corpos colectivos:
Xoves 2 de outubro  
16:00-19:00 | Obradoiro Apetito pola performance, impartido por Ayşe Orhon. 
19:30 | Conferencia Teatralidade e corpo colectivos. Ensaios de corporalidade axente en escena, impartida por Victoria Pérez Royo. 
21:00 | Performance thinging bodies  da artista turca Ayşe Orhon. 
Venres 3 de outubro
16:00-19:00 | Obradoiro Apetito pola performance, impartido por Ayşe Orhon. 
21:00 | Performance thinging bodies coa artista turca Ayşe Orhon.
Para máis información podedes consultar a web de trasPediante.


9.30.2014

Liberdade de prensa

A prensa e o xornalismo, é como o fútbol, un non precisa formar parte do partido para poder comentalo, descalificar aos xogadores e emitir terríbeis xuízos en base aos coñecementos, dende o outro lado da barra.

En demasiadas en numerosas ocasións acaban por ser verquidos comentarios verbo das fallas do xornalismo, aínda que rara vez a opinión pública se solidariza coa causa, e menos se decata do complicado que resulta emitir folgas de periodistas ou reinvindicar mínimos dereitos laborais que afasten á profesión do precarísimo estado no que se atopa hoxe en día, e na nosa contorna.

Queremos liberdade de prensa para un xornalista lle poida preguntar catorce veces a un político que se nega a responder o preguntado como fixo Jeremy Paxman —aínda que fose para gañar tempo? Ou só queremos ser os primeiros en saber que pasou na praza do pobo esta mañá cando Rita paseaba ao can e caeu nun sumidoiro aberto?

No prólogo á edición española do libro Sistemas mediáticos comparados, de Paolo Mancini e David Hallin, os profesores María Trinid e Carlos Zeller realizan un comentario ilustrativo sobre esta presunta liberdade, considerada ademais coma unha quimera:

«Hay dos ejemplos que han tenido lugar recientemente y en contextos democráticos próximos que ilustran el debate sobre la libertad de información y comunicación al que aquí hacemos referencia. Uno se concreta en la polémica pública que se precipita tras la publicación (en el año 2005) de una tira gráfica que en clave de humor parodia (...) la religión basada en el Corán y, en concreto en el profeta Mahoma. (...) El otro ejemplo ha tenido lugar más recientemente aún (verano 2007) y en el contexto español (....) la polémica se precipita tras la reproducción de una imagen (...) de los [entonces] príncipes de España manteniendo relaciones sexuales y la inmediata medida judicial que imponía la retirada del medio impreso que era su soporte. Ambos ejemplos y el detalle pormenorizado del curso de los debates que se articula ponen de relieve que los límites normalizados de la elaboración y suministro de información a la que por derecho accede la población no sólo no están asentados con claridad, sino que más bien son tan imprecisos (...) que en gran medida las reacciones de polémica y debate tienen relación directa con el contexto social y democrático en el que se difunde la información o tipo de discurso o comunicación.» 

230 

9.29.2014

Somos adictos ás series?

Cada vez somos máis os que afirmamos que non queremos comezar a ver unha serie da que hai dispoñibles varias tempadas, para non engancharnos. Tememos pór un capítulo e non saber parar ata que o sol nos obrigue a baixar as persianas para que os primeiros raios non molesten na pantalla.

Ás veces imos dunha serie a outra sen pensalo. Abandonamos unhas, esquecémolas, volvendo a elas meses máis tarde, ás veces sen querer. Rouban tempo libre,  en sociedade, e poden afectar aos nosos traballos e estudos.

Somos, entón, adictos? 
A cuarta edición do Manual de Diagnose e Estatística dos Trastornos Mentais (coñecido nas súas siglas en inglés por DSM-IV) considera como adicción, ou dependencia de substancias a presenza de tres ou máis dos seguintes criterios nos últimos doce meses:.


  1. Tolerancia: necesidade de cantidades marcadamente crecentes da substancia para conseguir a intoxicación ou efecto desexado.
  2. Abstinencia: tómase a mesma substancia (ou moi parecida) para aliviar ou evitar os síntomas da abstinencia.
  3. Frecuencia de uso: a substancia é tomada con frecuencia en cantidades maiores ou durante un período máis longo do que inicialmente se pretendía.
  4. Intentos de deixalo: existe un desexo persistente ou esforzos en van de controlar ou interromper o consumo da substancia.
  5. Tempo: emprégase moito tempo en actividades relacionadas coa obtención da substancia.
  6. Redución de importantes actividades sociais, laborais, ou recreativas debido ao consumo da substancia.
  7. Continúase tomando a substancia a pesares de ter conciencia de problemas psicolóxicos ou físicos persistentes, que parecen causados ou exacerbados polo consumo da substancia.


Se sufrides de abstinencia, intentaches deixalo e cada vez saídes menos da casa, penso que vai sendo hora de que fagamos unhas reunións de Seriadictos Anónimos.

Agora déixovos, que me queda o E08 da S07 de Mad Men por ver.

229


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...