5.12.2013

As micro-vidas d'A Regadeira de Adela


Mentres os clientes permanecen sentados, na rúa, nunha mesa, nun bar (o Embora), en Compostela, bebendo unha cervexa, Olaia berra: "primeiro pase en cinco minutos". Os consumidores, avezados ou non a este tipo de espectáculos, érguense e, sen deixar a súa bebida, entran na casa. Entran n'A Regadeira de Adela. No seu peto, ou na súa man, gardan chaveiros de cores.

Unhas escaleiras estreitas alfombradas guían o paso e deixan aos asistentes nun acolledor recibidor vixiado por diversas portas, pechadas, que conducen, non a habitáculos, mais a micro-vidas. Deixan a cor precisa a Olaia. E tras petar na porta, comeza o espectáculo.

En cada cuarto a barreira que separa o real do finxido, dilúese. Cando os asistentes cruzan o limiar, os actores non están, convertéronse nunha sorte de idea, de concepto. No micro-teatro, actores e público expóñense para ser quen de (por medio dunha catarse, dunha mimetización, dun deixarse levar) vivir unha vida dentro doutra, unha metavida; para experimentar sensacións e accións das que a vida cotiá non podería conta.

Victoria Pérez durante a micro-obra Mr. X

A Regadeira comezou o seu periplo en novembro do 2012 —da man do bilbaíno Alfonso Medina, do coruñés Antón Coucheiro e da ourensá Olaia Tesouro— como lugar de encontro para os axentes de creación; como, dalgún modo, consecuencia da perda da compostelá Sala Nasa, e como modo de supervivencia para unha arte, a do teatro, cada vez máis ameazada polos recortes de financiamento público.

Momento da actuación de Funboa Escénica con Anoter Espectacle.

Se ben vivir do teatro tradicional é complicado, do micro-teatro non resulta máis doado, como admite Alfonso durante a nosa entrevista —nun galego, que moitos políticos galegos envexarían, ou deberían envexar—. Pero eles seguen alí, o proxecto vai con vento en popa, con pases de mércores a venres a partires das 20.30,  e cun público que está a responder positivamente. A xente anímase a acudir a este tipo de obras pola duración, polo prezo ou pola novidade (quizais a consecuencia do modelo de consumo do actual status quo, motivo da histeria austerística colectiva...). "Son coma tapas", comenta Alfonso, que veu do mundo do circo e que estivo traballando en Londres e Madrid, "quince minutos cada unha", aínda que se espera, produzan unha sensación máis duradeira no espectador.

Comedias Frescas representando 12 Minutos

O noso paso (o meu, e o de Paula Iglesias que se encargou de documentar a nosa visita) foi coma un golpe de auga fresca na cara. Saímos das tres micro-obras —Funboa Escénica con Anoter Espectacle, Comedias Frescas con 12 minutos, e Milo Taboada con Victoria Pérez en Mr. X— con moita enerxía. É unha catarse moi interesante, polo preto que están os actores, pola atmosfera, e por que como audiencia debes, en diversas ocasións, ser activa, e participar da meta-realidade creada polos actores.

Corolario | Vida líquida
O micro-teatro non é unha tendencia nova. Pero iso para culturadeseu nunca foi óbice, nin motivo de descarte. A novidade pola novidade e a actualidade son dous endemoñados criterios xornalísticos moi acordes cos tempos que corren: a obsolescencia programada, o cambio polo cambio, o fast-forward... Pero, como afirma Zygmunt Bauman (Vida Líquida, 2005):
"A cultura, por dicilo así, apunta «máis alto» que calquera cousa que nese momento pase por ser «a realidade». Non lle atinxe o que se incluíse na orde do día nin o que se definise como imperativo do momento; aspira cando menos, a transcender o impacto limitador da «actualidade» así definida e pugna para liberarse das súas esixencias."
Quizais sexa o micro-teatro o output dunha sociedade demasiado ocupada (asaltada, anegada pola [des]información) para deterse demasiado tempo no mesmo lugar, por medo a pasar de moda. Quizais sexa un modo de consumir arte. Quizais, unha forma de rendibilizalo. Non o sei. Pero ultimamente teño a impresión de que todos somos a Alicia á que Lewis Carroll lle advertía que «fai falta correr todo canto unha poida para permanecer no mesmo sitio. Se se quere chegar a outra parte hai que correr polo menos dúas veces máis rápido».

P.D.: non vos esquezades de mirar a programación de A Regadeira de Adela aquí. Para os que estades por A Coruña tamén podedes asistir a obras de micro-teatro na La Tuerka 27.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...