Mostrando entradas con la etiqueta TED. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta TED. Mostrar todas las entradas

9.18.2014

O medo é o que nos mantén con vida (?)

Kevin Allocca, xefe de Cultura e Tendencias en YouTube.
Kevin Allocca traballa para YouTube, é o xefe de Cultura e Tendencias, mira vídeos por traballo, e encárgase de identificar as modas, the trends, por que se dan e como. No 2011 realizou unha exposición no TEDYouth, entre os datos que mencionou viu dar o de que cada hora se soben á plataforma de vídeos máis coñecida da rede, unha media de 48 horas. Polo que cada hora hai dispoñibles dous días de contido audiovisual. Unha tolería. O primeiro que temos que deducir de tan asombroso número, é que non todo o que se sube paga a pena velo, e o segundo, é que temos que deixar de ter a sensación constante de que estamos a perder algo moi importante.

Un personaxe, fotógrafo, da serie House of Cards, comenta nun epidosio da primeira tempada, que mentres está en zonas de conflito, o medo é algo natural, algo que nos permite ademais estar alerta e sobrevivir. Un, cando traballa como freelance en África, e non dispón de demasiada cobertura, pode ter medo de que o secuestren, de que lle disparen, de contraer algunha enfermidade letal, ou de que acabe morto no medio da selva. O medo é o que nos mantén con vida. Mais, comentaba Adam, mentres camiñaba a carón de Claire, que unha vez de volta á cidade, á civilización, comezaba a experimentar medos diferentes, como o medo ou a terrible sensación de que algo incrible pode estar ocorrendo, ou pode pasar en pouco tempo, e o imos perder por non estaren atentos.

O enorme nivel de información, a capacidade de acceder dende calquera punto a datos cuasi-infinitos, as horas de días de vídeos en YouTube, non están a xogar totalmente ao noso favor, pois non podemos reprimir un sentimento de impotencia, de incapacidade por o absorber todo, e nesa represión cremos que se deixamos de atender un momento ao fluxo de información dos media e dos nosos amigos e followers nas redes sociais imos a quedar fóra do xogo, e imos a perder esa oportunidade que todos parecemos buscar, ese momento de gloria no que un dos nosos posts se converterá nun fenómeno viral, e nos chamarán dos xornais, das radios e das televisións para que lles comentemos onde, como e cando decidimos escribir, gravar, ou dicir tan gran, incrible, e inesperada declaración, fotografía ou vídeo, así sexa de amor, do arco da vella, ou dun gato con trastorno obsesivo compulsivo.

216

9.08.2014

Comer a Shakespeare, e sociedades secretas

A comezos deste mes de setembro escribía con ironía e aire negativo que "os xornais cómense coma hamburguesas nas barras dos bares", comentario que me deu unha labazada este será mentres vía o vídeo da intervención de Nicholas Negroponte en TED, onde repasaba as análises e prognósticos que veu realizando durante os últimos trinta anos, o seu traballo no Media Lab do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, e realizaba ao final, unha predición: entre trinta anos, en lugar de aprender a través da lectura, aprenderemos a través da inxestión de píldoras. A idea pode semellar far-fetched, da ciencia ficción, rocambolesca, e dar lugar a múltiples bromas, pero xa en 1995 se rían do arquitecto Negroponte por dicir que no novo milenio mercaríamos libros e xornais a través da Internet, ou que o as pantallas táctiles e o uso dos dedos na interacción cos dispositivos electrónicos eran o futuro.

Pero independentemente de si acabaremos comendo libros de Shakespeare co noso Happy Meal, a miña tarde non quedou en pensamentos incitantes á revisionar a triloxía dos irmáns Wachowski, pois a curiosidade levoume a mirar na Wikipedia a biografía de Nicholas Negroponte. Amais de entender mellor de que vai iso do MIT Media Lab, o proxecto de Un portátil por cada Neno (OLPC, nas súas siglas en inglés), e a súa participación no documental do arxentino Jorge Lanata, 26 personas para salvar el mundo, achei que era irmán de John Negroponte e Laura Negroponte, ambos traballadores do Consello de Intelixencia Nacional dos Estados Unidos. Cliquei no nome do seu irmán, e comecei unha lectura rápida, na busca de datos anecdóticos que chamaran a miña atención.

15 membros de Skull & Bones.
Sempre posaban do mesmo modo, con ósos humanos
e un vello reloxo marcando as oito. Fonte: Wiki
Foi así como cheguei ao apartado no que fala da súa formación na Universidade de Yale, e da súa selección nos sesenta por parte dunha sociedade secreta —pero por todos coñecida— chamada Skull & Bones. Obviamente, deixeime levar pola hipertextualidade e acabei por saber que ao parecer foi fundada en 1832, e que entre os seus membros estiveron George Bush pai, e tamén Bush fillo, amais do actual Secretario de Estado da administración Obama, John Kerry, que ademais, foi patriarca de George Bush fillo dentro da sociedade. Existen diversos libros e historias sobre o que ocorría na tumba da organización secreta. Os seus membros son de coñecemento público, máis non a súas prácticas. Existe o rumor de que ceaban cun conxunto de pratería que pertencera a Hitler, e que os reloxos do lugar estaban adiantados cinco minutos, para dar a sensación de que os membros —auto-denominados knights ou cabaleiros— estaban por diante do resto do mundo, ao que coñecían coma bárbaros.

En fin. Podería seguir surfeando e acabar nunha páxina sobre francmasonería, polo que decidín parar ante a urxencia de escribir sobre o lido, e lembrando as palabras do pai da World Wide Web, Tim Berners-Lee, quen no 25 aniversario do seu invento, falaba tamén en TED, do bubble filter, ou do filtro burbulla, que vén dar resposta a porque a pesares de ter milleiros de datos de información de diversa calidade dispoñibles, acabamos sempre por interaccionar dentro dun espazo reducido aos nosos gustos e intereses. De como actuamos como o noso propio censor-filtro, e de como podo comezar buscando estatísticas sobre a porcentaxe de galegos que len habitualmente, e acabar nunha sociedade secreta e elitista da Universidade de Yale, que parece producir líderes de superpotencias, coma quen recibe descontos no Eroski por usar esa tarxeta que non sabemos moi ben en que momento adquirimos, e que a pesares de se chamar Travel, nunca nos levou a ningún lado.





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...