Mostrando entradas con la etiqueta CGAC. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta CGAC. Mostrar todas las entradas

10.01.2014

«O Movemento é o noso Capital»

O Ministerio Federal de Asuntos do Movemento (BMfB) de Austria é o ministerio máis novo do país, e ata o momento o único da súa especie no mundo. Existe, na súa forma actual, dende xuño do 2009, e as súas responsabilidades esténdense ata a fundación, cultivo e apoio de todas as formas de movemento libre dos corpos no espazo.

Dende este organismo público, levan traballando cinco anos en diversos países arredor do mundo tratando de favorecer e impulsar a existencia dun discurso actualizado do corpo e da percepción no ámbito político.

Dentro desta xeira, a semana pasada aterraron en Santiago de Compostela tres dos seus representantes —D. Meinhard Rauchensteiner, Delegado do BMfB e Conselleiro de Ciencia, Arte e Cultura do Presidente da República de Austria Don Heinz Fischer, Amanda Piña, Delegada de Coreografía do BMfB, e Daniel Zimmermann, Delegado de Cine e Artes Visuais do BMfB—,  e participaron no programa internacional de artes vivas De Corpo en Lugar, articulado arredor das propostas performativas do BMfB, da chilena Amanda Piña e de thinging bodies, da artista turca Ayşe Orhon; baixo a dirección e coordinación da creadora Begoña Cuquejo e a crítica cultural Ania González, a colaboración do Instituto Galego de Praxe Actual (IGAPA), a Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Industrias culturais (AGADIC), o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) amais da produción de trasPediante Cultura.

Himno do BMfB coa participación dos seus delegados, persoal do CGAC e De Corpo en Lugar. | Horacio González ©

O venres 26 de setembro, ás 11:30, na Sala do Padroado do CGAC —e dentro do ánimo do BMfB por fomentar novas formas de institucionalidade empoderando á cidadanía para que busque e tome as súas propias canles de acción en lugar de seren estas impostas—, asináronse as actas de fundación do Instituto Galego da Praxe Actual (IGAPA), e posteriormente procedeuse á achega de capital participando os alí presentes na realización do himno do BMfB, que, en coherencia coas súas premisas, toma como vía performativa, o movemento do corpo; non en van o lema do Ministerio reza Bewegung ist unser Kapital, ou O Movemento é o noso Capital.

De Corpo en Lugar
Coa performance "Thinging bodies" continuará mañá xoves 2 de outubro, no CGAC, o segundo e último ciclo De Corpo en Lugar, que reflexiona sobre á danza, a performance e os corpos no espazo museístico. No mesmo ciclo ás 18:00, terá lugar a Conferencia de Victoria Pérez Royo, Teatralidade e corpos colectivos:
Xoves 2 de outubro  
16:00-19:00 | Obradoiro Apetito pola performance, impartido por Ayşe Orhon. 
19:30 | Conferencia Teatralidade e corpo colectivos. Ensaios de corporalidade axente en escena, impartida por Victoria Pérez Royo. 
21:00 | Performance thinging bodies  da artista turca Ayşe Orhon. 
Venres 3 de outubro
16:00-19:00 | Obradoiro Apetito pola performance, impartido por Ayşe Orhon. 
21:00 | Performance thinging bodies coa artista turca Ayşe Orhon.
Para máis información podedes consultar a web de trasPediante.


6.30.2012

De Gallaecia Petrea ou as ofrendas ao Faraón

Parte da equipa de CULTURADESEU (Manuel Turnes, Ricardo Saavedra e Elena Cancelas) desprazouse ata a Cidade da Cultura sita en Santiago de Compostela, con motivo da exposición que desvirgou o Museo de Galicia (que agora é o Museo Centro Gaiás), 'Gallaecia Pétrea', e, con sinceridade, a sensación tras visitala estivo moi preto da desazón (quizáis motivada polo cansanzo) e da decepción (quizáis motivada pola desazón)


Anacronismos
Para facerse unha imaxe do que alí se expón só vos direi que se atopan exhibidas 341 pezas, cedidas por 91 institucións, e que, coa pedra como fío condutor, percorren a historia de Galicia, parte de España e o norte de Portugal, dende a prehistoria ata a contemporaneidade. É, ao meu parecer, unha exposición moi pouco didáctica (cun carácter eminentemente histórico), mal formulada no espazo, e en certa medida anacrónica.


Dándolle voltas ao asunto concluín que — sen importar que se gastaran arredor dun millón e medio de euros nesta exhibición pétrea — o problema non debía de ser o enfoque; nin que se destinaran unha parte importante do presuposto en facer uns palés de madeira a medida; nin que foran demasiadas obras para unha exposición temporal; nin que non existise interactividade algunha; nin que os cartaces informativos fosen demasiado pequenos; nin que semellase que estaba todo a medio facer; nin... O problema principal é, quizáis, que o modelo museístico está xa agora, no século XXI, obsoleto. E como a min xa non me poden acusar de non estar interesado na cultura (evidente é o título e propósito deste medio dixital) e menos da cultura en Galicia (de seu), pois considero, e saco en claro, que a exposición de 'Gallaecia Pétrea' é unha metáfora da visión institucional da creación artística: inherte, sen sentimento, non voluble nin disoluble, conservadora e demasiado estática.


De seguro que o traballo do seu comisario Miguel Fernández-Cid (antigo director do CGAC) é impoluto, e eu non son máis que un begginer; de seguro, que para aos amantes da historia da arte é unha gozada poder ver nun só edificio como evolucionou a pedra ao longo dos séculos. Pero, coa cantidade de cartos que xa levan investidos na Cidade da Cultura (agora entre 400 e 500 millóns de euros) semella que este medio millón máis é outra pedra na pirámide. Unha pedra que vale tanto como o gasto expositivo anual do CGAC ou o orzamento do MARCO de Vigo; Unha pirámide que está a lastrar os orzamentos en cultura de toda Galicia; que foi froito dun concurso (como o do decidir colocar palés na exposición, ao mellor hai que cambiar o xurado), e cuxa estrada de acceso leva o nome de Manuel Fraga Iribarne.
Por este, e outros motivos, atrévome a ironizar e dicir que esta exposición podería ser parte dun conto: 'Gallaecia Pétrea ou un percorrido pola vida de Don Manuel'; 'Gallaecia Pétrea ou as ofrendas ao Faraón'.
Tamén hai que ter en conta (ou quero facelo), como comentei en entradas anteriores, que debe existir unha administración conservadora e ortodoxa para xurdan iniciativas contrarias e alternativas, senón esto sería un mayhem.



Björk, Panorama e París de Noia
Quizáis moitos xa se percataron de que a campaña para venda de entrada do concerto de Björk na Cidade da Cultura durou demasiado. A verdade é que se non se pendurou xa o cartel de completo durante a primavera, era raro. Algo estaba a pasar. Hai quen dixo ironicamente que a islandesa ía facer realmente un acústico. E correu un burdo rumor sobre unha actuación conxunta entre a cantante, Panorama e París de Noia. (Se vistes o video presentado por Ricardo Saavedra ata o final saberedes de que estou a falar). Ao final parece que todo saiu ben. Non houbo cheo total, pero Xesús Vázquez asistiu.
Sen máis.
Abur.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...