7.27.2014

Verdadeiro ou falso?

En menos de vinte anos, pasamos de profesores que recomendaban enerxicamente o non uso da Wikipedia para a realización de traballos académicos, a mestres que botan man dela para a preparación das súas clases. Se existe un reto difícil de superar no século XXI, (o do coñecemento, o da información) é o de conseguir que a poboación (o cidadán medio) sexa quen de discriminar os datos veraces, dos falsos, sobre todo no que ten que ver con novas de actualidade de contido morboso, de interese humano, ou das páxinas de sociedade, e que normalmente non precisan dunha aprendizaxe técnica ou especializada.

Na posmodernidade, ou na modernidade líquida, desaparecen todos aqueles piares que supostamente nos permitían distinguir a información nesgada, da honesta e comprometida coa verdade (aínda que sexa subxectiva). Agora xa non se trata de decidir entre ler El Mundo ou El País, nin temos que ter en conta as liñas editoriais de seis ou sete cabeceiras xornalísticas de gran difusión. Do mesmo modo, non só temos que escoller entre seis ou sete canles de televisión, ou emisoras de radio. A oferta actual, a inxestión diaria tolerable de información e datos, é, coma xa digo, cuasi-infinita, non se pode abranguer, e os mecanismos que usamos para nos informar, e para aprender, seguen en certa medida, a ser os mesmos que hai vinte anos. Lemos e consideramos como verdadeiras as historias que narran en medios de comunicación pre-dixitais, ofrecendo mínima resistencia; é dicir, sen dubidar moito da veracidade. Se ben cambiaron as formas de nos informar, e tiramos moito do que se denomina m-learning (aprendizaxe dende o teléfono móbil) os paradigmas de autentificación do que nos contan mudan moi lentamente, se é que, na maioría da poboación, se produciu cambio algún. 

Obviamente, e neste caso é importante salientalo, hai unha parte da audiencia, dos lectores e espectadores, que xa sexa polo seu carácter ou nivel de educación, tende paulatinamente (ao contrario que a meirande parte arriba descrita) a desconfiar máis das grandes empresas xornalísticas, e a seguir a medios de nacemento dixital, que son menos sospeitosos de publicar información parcial, dado que a maioría depende das doazóns dos lectores (do reader-support), dun pedazo de pastel publicitario pequeno, e non teñen acceso (son privadas del) ás liñas de subvención e tratos por debaixo da mesa que ofrecen as institucións públicas; un caso práctico son as subvencións que se outorgan a través da Secretaría Xeral de Medios a «das empresas xornalísticas que publiquen ou difundan en galego polo menos un 8% do total das informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións», e que levan cada ano xornais como o Faro de Vigo e La Voz de Galicia, que ademais se complementan con acordos de favor ou convenios que recollen realidades abstractas, de dubidosa execución, coma o fomento da lectura da prensa escrita en centros de educación non universitaria, o que representa unha considerable cantidade de euros que ben poderían financiar proxectos de información pública e pedagóxica, reais, e non ao servizo de La Voz de Galicia, S.A., e demais grupos empresariais de comunicación e información, pretensiosamente independentes de Galicia. 


Resultaría imposible verificar os datos de todas as historias que aparecen na Internet, pero se reducimos o espectro que queremos analizar (pensemos en Galicia), non debería de ser tan complicado distinguir entre o verdadeiro e o falso —se ben a realidade non se acomoda habitualmente a esta dicotomía, e sempre queda un grao de incerteza. Se no pasado a labor do xornalista advocate, de aquel que de forma premeditada adopta unha actitude parcial, pero honesta, para chegar, xunto cos feitos, ata o final dun asunto (pensemos no Watergate de Woodward e Bernstein), agora, á importancia desta profesión, deberemos ter en conta a necesidade de lle dar pulo a un xornalismo de selección —a figura do gatekeeper—, como forma de reducir as informacións falsas e falsificadas que acaban nos taboleiros das redes sociais. 

Pero dado que non imos ter un exército de xornalistas (quen lles ía pagar, se xa non nos pagan agora?) na procura diaria de datos falsos ou ficticios mediante o contraste dos mesmos e a comparación de fontes (vaia utopía...), quizais unha solución para reducir a incerteza derivada dun constante fluxo de información sería tomarnos en serio o estabelecemento de medios de comunicación independentes e de servizo público, amais de contar cunha sociedade crítica e reflexiva que non se conforme co consumo rápido e acrítico de información. Pero, obviamente, estamos tamén a falar de realidades utópicas, máxime se dende as Administracións usan máis enerxía en deconstruír o sistema de educación pública que en financialo e melloralo. 

163

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...