Mostrando entradas con la etiqueta Xornalismo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Xornalismo. Mostrar todas las entradas

10.15.2014

Das sondaxes e as cicloxéneses

«Eso que llamamos sondeo bien podría ser una especie de ejercicio ilegal de la política consistente en pagar un microrreferéndum sin campaña sobre algo o sobre nada, con el objetivo de producir efectos políticos. Cabe pensar que si la prensa se muestra tan ansiosa de sondeos es porque también ellos buscan complacer al mayor número de gente para vender más.» 
(Champagne, P., citado en Comunicación Política de Gianpietro Mazzoleni)
En España segundo recolle o artigo 69.7 da Lei Orgánica 5/1985 do 19 de xuño, prohíbese a publicación e difusión de sondaxes por calquera dos medios dispoñibles, nos cinco días anteriores á unha votación, sexa esta, estatal, autonómica ou local. O motivo céntrase na capacidade da que dispoñen este tipo de cuestionarios para determinar a cor do voto, sobre todo o dos indecisos; pódese producir o que se denomina efecto bandwagon, que poderíamos cualificar como subirse ao carro, dos, que, neste contexto, serían os posibles gañadores.

Mais a pesares de xa estar acostumados ás informacións que tiran conclusións de variopintas sondaxes e enquisas, adaptando os resultados aos encadres ou frames de significado propios da manufactura de noticias, hai académicos que critican duramente estas prácticas, por consideralas pouco profesionais, como podemos ler, de novo no libro de Gianpietro Mazzoleni:
«Nando Pagnoncelli (2001, 88-100) indica algunas zonas críticas en la relación entre información y sondeo, entre las que destacan la limitada cultura de los periodistas en materia estadística  la excesiva distancia entre quien realiza las encuestas y quien las presenta con títulos y comentarios, con el posible riesgo de sujeción psicológica del investigador al periodista. A este propósito, escribe:
Tal vez se deba a que los periodistas manejan mejor la palabra y consiguen imponer su punto de vista, pero el caso es que la mayor parte de las veces el investigador, resignado, se retira y deja al cliente la parte del león. El periodista no se impone límites: formula las preguntas, añade de su cosecha un poco aquí y otro poco allá [...] O el investigador deja de aguantar e impone su punto de vista o es muy probable que, por muy buena fe que tenga el periodista, el sondeo se eche a perder.»
A eterna disputa entre scholars e profesionais da información, do espectáculo, da desinformación regular, e do entretemento, verbo da calidade dos media de comunicación, só se deterá no momento no que as empresas xornalísticas non dependan da publicidade e dos índices de audiencia para subsistir e os académicos abandonen as súas cátedras para facer coberturas de cicloxéneses explosivas enchoupados ata os xeonllos.
245

9.30.2014

Liberdade de prensa

A prensa e o xornalismo, é como o fútbol, un non precisa formar parte do partido para poder comentalo, descalificar aos xogadores e emitir terríbeis xuízos en base aos coñecementos, dende o outro lado da barra.

En demasiadas en numerosas ocasións acaban por ser verquidos comentarios verbo das fallas do xornalismo, aínda que rara vez a opinión pública se solidariza coa causa, e menos se decata do complicado que resulta emitir folgas de periodistas ou reinvindicar mínimos dereitos laborais que afasten á profesión do precarísimo estado no que se atopa hoxe en día, e na nosa contorna.

Queremos liberdade de prensa para un xornalista lle poida preguntar catorce veces a un político que se nega a responder o preguntado como fixo Jeremy Paxman —aínda que fose para gañar tempo? Ou só queremos ser os primeiros en saber que pasou na praza do pobo esta mañá cando Rita paseaba ao can e caeu nun sumidoiro aberto?

No prólogo á edición española do libro Sistemas mediáticos comparados, de Paolo Mancini e David Hallin, os profesores María Trinid e Carlos Zeller realizan un comentario ilustrativo sobre esta presunta liberdade, considerada ademais coma unha quimera:

«Hay dos ejemplos que han tenido lugar recientemente y en contextos democráticos próximos que ilustran el debate sobre la libertad de información y comunicación al que aquí hacemos referencia. Uno se concreta en la polémica pública que se precipita tras la publicación (en el año 2005) de una tira gráfica que en clave de humor parodia (...) la religión basada en el Corán y, en concreto en el profeta Mahoma. (...) El otro ejemplo ha tenido lugar más recientemente aún (verano 2007) y en el contexto español (....) la polémica se precipita tras la reproducción de una imagen (...) de los [entonces] príncipes de España manteniendo relaciones sexuales y la inmediata medida judicial que imponía la retirada del medio impreso que era su soporte. Ambos ejemplos y el detalle pormenorizado del curso de los debates que se articula ponen de relieve que los límites normalizados de la elaboración y suministro de información a la que por derecho accede la población no sólo no están asentados con claridad, sino que más bien son tan imprecisos (...) que en gran medida las reacciones de polémica y debate tienen relación directa con el contexto social y democrático en el que se difunde la información o tipo de discurso o comunicación.» 

230 

9.22.2014

Volver aos tempos de Fraga

Manuel Fraga, Congreso dos Deputados, 1971.
© Manuel López
Algo máis 200.000 euros para intentar lavar a imaxe dunha cidade que nos últimos anos é parte da grella informativa ben por corrupción, roubos, asasinatos, ou desgraciados accidentes. Pero non pensen vostedes que dende a Xunta están preocupados por se baixa o número de peregrinos e de visitantes que chegan a Compostela cada día. A súa principal preocupación reside en que xa non poden controlar aos medios de comunicación como en tempos de Fraga, ou polo menos non a todos.

Como informaban en Praza Pública o 9 de xullo deste ano:
«Segundo a última conta xeral da comunidade autónoma que xa pasou a fiscalización do Consello de Contas, a de 2010, os convenios e outras figuras nas que non media a concorrencia competitiva son a canle pola que o Executivo envía máis de tres cuartas parte dos cartos que inxecta nos medios, que nese ano foron uns 13,8 millóns —Contas só rexistra as achegas que superan os 100.000 euros por medio—. Desa suma total unicamente 1,7 millóns foron repartidos a través dunha convocatoria pública e competitiva, mentres que 9,7 millóns se distribuíron mediante convenios, nos que o criterio gobernamental é o único condicionante, e o resto en compra de exemplares, publicidade e outras subvencións.»
Para quen traballe ou viva dentro do mundo xornalístico, estes convenios non son novidade, e son tema de conversa habitual, amais de formar parte da axenda temática dos medios non afíns ao establishment, que ao non seren subvencionados polo poder político (pola canle que sexa), son medios máis libres, e independentes, que non ven nesgada a súa información por conflitos de intereses constantes. O 27 de xuño, no artigo Verdadeiro ou Falso, comentaba precisamente esta realidade:
«Obviamente, e neste caso é importante salientalo, hai unha parte da audiencia, dos lectores e espectadores, que xa sexa polo seu carácter ou nivel de educación, tende paulatinamente [...] a desconfiar máis das grandes empresas xornalísticas, e a seguir a medios de nacemento dixital, que son menos sospeitosos de publicar información parcial, dado que a maioría depende das doazóns dos lectores (do reader-support), dun pedazo de pastel publicitario pequeno, e non teñen acceso (son privadas del) ás liñas de subvención e tratos por debaixo da mesa que ofrecen as institucións públicas; un caso práctico son as subvencións que se outorgan a través da Secretaría Xeral de Medios a «das empresas xornalísticas que publiquen ou difundan en galego polo menos un 8% do total das informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións», e que levan cada ano xornais como o Faro de Vigo e La Voz de Galicia, que ademais se complementan con acordos ou convenios que recollen realidades abstractas, de dubidosa execución, coma o fomento da lectura da prensa escrita en centros de educación non universitaria, o que representa unha considerable cantidade de euros que ben poderían financiar proxectos de información pública e pedagóxica, reais, e non ao servizo de La Voz de Galicia, S.A., e demais grupos empresariais de comunicación e información, pretensiosamente independentes de Galicia.» 
Todo e toda xornalista parte dunha liña editorial, dunha forma de pensar. As empresas xornalísticas tamén, por extensión, contan cunha visión política. Depende dos lectores escoller a quen queren escoitar. Non existe unha obxectividade divina no xornalismo, pois partimos da base de ser humanos, e subxectivos. Xa que logo, o obxectivo dun bo xornalista non ha de ser pretendidamente imparcial, senón ser, ante todo honesto. A honestidade impídenos deixar fóra do relato dos feitos aqueles datos relevantes e de importancia para a opinión pública por que vaian a afectar negativamente a un empresario ou a un cargo público, e dificilmente podemos ser honestos se, antes de informar, pensamos en que é mellor non morder a man de quen nos da de comer.

Entón, que facemos? 
Unha parte importante dos ingresos dos medios de maior difusión dependen dos políticos do momento. Nas nosas mans está a opción de dar de comer aos medios independentes e de menor cobertura, que non teñen acceso ao pastel dos convenios da Xunta, ou deixalos morrer de fame, e volver así os tempos de Fraga.


220



7.27.2014

Verdadeiro ou falso?

En menos de vinte anos, pasamos de profesores que recomendaban enerxicamente o non uso da Wikipedia para a realización de traballos académicos, a mestres que botan man dela para a preparación das súas clases. Se existe un reto difícil de superar no século XXI, (o do coñecemento, o da información) é o de conseguir que a poboación (o cidadán medio) sexa quen de discriminar os datos veraces, dos falsos, sobre todo no que ten que ver con novas de actualidade de contido morboso, de interese humano, ou das páxinas de sociedade, e que normalmente non precisan dunha aprendizaxe técnica ou especializada.

Na posmodernidade, ou na modernidade líquida, desaparecen todos aqueles piares que supostamente nos permitían distinguir a información nesgada, da honesta e comprometida coa verdade (aínda que sexa subxectiva). Agora xa non se trata de decidir entre ler El Mundo ou El País, nin temos que ter en conta as liñas editoriais de seis ou sete cabeceiras xornalísticas de gran difusión. Do mesmo modo, non só temos que escoller entre seis ou sete canles de televisión, ou emisoras de radio. A oferta actual, a inxestión diaria tolerable de información e datos, é, coma xa digo, cuasi-infinita, non se pode abranguer, e os mecanismos que usamos para nos informar, e para aprender, seguen en certa medida, a ser os mesmos que hai vinte anos. Lemos e consideramos como verdadeiras as historias que narran en medios de comunicación pre-dixitais, ofrecendo mínima resistencia; é dicir, sen dubidar moito da veracidade. Se ben cambiaron as formas de nos informar, e tiramos moito do que se denomina m-learning (aprendizaxe dende o teléfono móbil) os paradigmas de autentificación do que nos contan mudan moi lentamente, se é que, na maioría da poboación, se produciu cambio algún. 

Obviamente, e neste caso é importante salientalo, hai unha parte da audiencia, dos lectores e espectadores, que xa sexa polo seu carácter ou nivel de educación, tende paulatinamente (ao contrario que a meirande parte arriba descrita) a desconfiar máis das grandes empresas xornalísticas, e a seguir a medios de nacemento dixital, que son menos sospeitosos de publicar información parcial, dado que a maioría depende das doazóns dos lectores (do reader-support), dun pedazo de pastel publicitario pequeno, e non teñen acceso (son privadas del) ás liñas de subvención e tratos por debaixo da mesa que ofrecen as institucións públicas; un caso práctico son as subvencións que se outorgan a través da Secretaría Xeral de Medios a «das empresas xornalísticas que publiquen ou difundan en galego polo menos un 8% do total das informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións», e que levan cada ano xornais como o Faro de Vigo e La Voz de Galicia, que ademais se complementan con acordos de favor ou convenios que recollen realidades abstractas, de dubidosa execución, coma o fomento da lectura da prensa escrita en centros de educación non universitaria, o que representa unha considerable cantidade de euros que ben poderían financiar proxectos de información pública e pedagóxica, reais, e non ao servizo de La Voz de Galicia, S.A., e demais grupos empresariais de comunicación e información, pretensiosamente independentes de Galicia. 


Resultaría imposible verificar os datos de todas as historias que aparecen na Internet, pero se reducimos o espectro que queremos analizar (pensemos en Galicia), non debería de ser tan complicado distinguir entre o verdadeiro e o falso —se ben a realidade non se acomoda habitualmente a esta dicotomía, e sempre queda un grao de incerteza. Se no pasado a labor do xornalista advocate, de aquel que de forma premeditada adopta unha actitude parcial, pero honesta, para chegar, xunto cos feitos, ata o final dun asunto (pensemos no Watergate de Woodward e Bernstein), agora, á importancia desta profesión, deberemos ter en conta a necesidade de lle dar pulo a un xornalismo de selección —a figura do gatekeeper—, como forma de reducir as informacións falsas e falsificadas que acaban nos taboleiros das redes sociais. 

Pero dado que non imos ter un exército de xornalistas (quen lles ía pagar, se xa non nos pagan agora?) na procura diaria de datos falsos ou ficticios mediante o contraste dos mesmos e a comparación de fontes (vaia utopía...), quizais unha solución para reducir a incerteza derivada dun constante fluxo de información sería tomarnos en serio o estabelecemento de medios de comunicación independentes e de servizo público, amais de contar cunha sociedade crítica e reflexiva que non se conforme co consumo rápido e acrítico de información. Pero, obviamente, estamos tamén a falar de realidades utópicas, máxime se dende as Administracións usan máis enerxía en deconstruír o sistema de educación pública que en financialo e melloralo. 

163

7.03.2014

Xornalismo, decadencia, aínda

139
E que esperanza lles queda a eles a elas? Só a esperanza dos que non saben. Dos que descoñecen ou non queren coñecer. Pois é, así, na inocencia do que comeza sen saber onde realmente vai, á única forma de que se os centos de estudantes que ateigarán as aulas de primeiro ano para este setembro, entregados a saber se por moito ou pouco tempo ao estudo do xornalismo (moitos non saberán nin que é, outros nin queran practicalo cando rematen) xa que se realmente souberan (se alguén o sabe) o que lles espera unha vez deixen atrás as aulas da facultade, esas que parecen quitarlles tempo, pero lles proporcionan un refuxio atemporal, preciso tempo para facer as cousas ben (con calma, con reflexión) hai algún que o pensaría dúas veces.

ERES, despidos, reduccións, tesoiras con vida propia, prazas anquilosadas, servizos impúblicos, informacións deformativas, soñadores lectores de Truman Capote, espectadores e bebedores do Watergate, líderes de opinión e fotoxornalistas de guerra, comentaristas de moda, e portadores de microfónos que disparan preguntas absurdas, blogueiros, críticos de cinema, literatura, e bandas deseñadas; todo quedará misturado e incomprendido en clases de persoas (tanto alumnos como profesores) que non sabemos onde acabarán traballando, vivindo, e bebendo (menos mal).

5.29.2014

Out of order (VII)

104
As rutinas derivadas da produción en cadea, calquera que sexa o produto resultado da operación, provocan un deterioro do propio proceso creativo que acaba por esgotar a capacidade de inspiración, convertendo o acto de (neste caso) escritura nunha pauta cada vez menos cambiante, menos espontánea, pero que por descoido tamén pode acabar reproducindo erros, teimas, e mentiras.

Unhas das facianas menos visíbeis do traballo do xornalista, é aquela que ten que ver coa labor realizada na redacción (no espazo), onde o redactor adica horas e horas á escritura de pezas de forma mecánica e alienada. A historia, é, basicamente un alien. Un descoñecido, un Outro, para o xornalista, que acaba por ser experto no collage e en trans-frasear (dicir o mesmo, pero con outras palabras) notas de prensa chegadas de lugares onde se di de todo, menos a verdade.

Asi, das rutinas, das correas de transmisión, da transcrición da mentira, da conivencia do xornalista explotado, xorden as novas que se imprimen, radian e emiten cada día. E deste modo pensa a opinión pública que é opinión e que é pública, cando o que obteñen e información non fiábel, interesada, manipulada polas agullas de acupuntura do lobby empresarial, financeiro, agrario, sindical...

3.31.2014

194 días de secuestro e Soraya S. S.

045
Un director de cine nunca ve unha película da mesma forma que a ve un avogado. Estar no outro lado do espello fai máis difícil que a maxia da imaxe en movemento acompañada de son, faga efecto. Esta desmitificación, a perda da aura, ocorre na maioría das profesións, sexan de contido creativo ou non. Por iso un arquitecto ou un albanel non miran unha construción da mesma forma que un condutor de autobuses. A investigación e a labor que se realiza nun ámbito determinado tende á deconstrución dunha estrutura que para ollos alleos aparece completa e sen xunturas, pero que para os expertos ou traballadores semella unha amalgama ordenada de elementos analizables por separado.

Deste modo, cando un xornalista traballa na televisión, non volve a ver os telediarios da mesma forma que os vira toda a súa vida. Tende a fixarse en detalles ou aspectos que evidencian a liña editorial da canle en particular, os intereses políticos, a omisión deliberada de información, o formato da noticia, o tiro de cámara, a continuidade temática usada para encadear dúas noticias de temática distinta, a distribución das novas na grella informativa... Xa que logo, no meu caso en particular, ver os informativos de televisión é un enfado constante, pois non considero que o discurso televisivo des-informativo que se da nas televisións españolas e galegas formule contido algún máis aló do anecdótico. A súa función radica en crear a ilusión de que o home e a muller contemporáneos poden informase sobre do que está a acontecer no mundo glocal en corenta minutos, e sen boquexar.

Por outra banda, un non pode asistir aos tele-noticieiros sen deixar de pensar na precariedade laboral que impera no mundo do xornalismo, e en como a pesares de ser quen temos a capacidade de chegar á poboación (enténdase cando se traballa en medios grandes) non podemos máis que alimentar o modelo de comunicación de masas e axudar acotío na imposición da axenda política que toque; ambas as dúas realidades, paradoxalmente, causantes en primeiro lugar, da devandita precariedade.

194 días de secuestro
Premio Ortega y Gasset de Fotografía 2009. José Cendón ©
Hai un par de meses tiven a ocasión de compartir unhas horas de conversa con José Cendón, o reporteiro gráfico que fóra secuestrado en Somalia durante un mes en 2009, e ao que lle entregaron o Premio Ortega y Gasset de fotografía nese mesmo ano. A pesar de que en ningún momento falamos directamente sobre o secuestro (e sacar o tema, tomando unha cañas, non era o máis correcto) si puidemos intercambiar opinións sobre a situación actual do xornalista como profesional asalariado. Sobre todo, coñecín a través del, a situación dalgúns xornalistas que traballan en África, como correspondentes freelance para medios españois, e a desatención ou infra-valoración que poden sufrir por parte dos que están comodamente escribindo nunha redacción mentres toman un café —quizais, dos que unha compañeira xornalista chamaba ulcerosos, eses das máquinas expendedoras, pero en calquera caso, café—.

Debido a ambas experiencias (o traballo na televisión e a conversa con Cendón), e a respecto da precariedade e da perda da maxia da televisión, non puiden evitar horrorizarme co tratamento que se lle deu nas principais canles do Estado á liberación dos xornalistas Javier Espinosa e Ricardo García Vilanova. Primeiro, por que non podo aturar a presenza de Soraya Sáenz de Santamaría, quen se apunta un tanto na súa conta co éxito da misión de rescate. Segundo, porque este tipo de noticias son carne de espectáculo e sensacionalismo. E terceiro, por que ao perderse en apertas, fotografías e testemuños (sucintos, por razóns, supoño honestas) esquécense de valorar a situación na que se atopan os xornalistas que traballan no estranxeiro, aos que en casos particulares (off the record), non lle pagan nin as chamadas internacionais aos centros de mando. E logo, cando se presentan na redacción, nin os atenden; de non ser, claro, que acaben de rescatalos dun secuestro, veñan da man da Vicepresidenta, e estean dispostos a contar en cómodos fascículos, todos os detalles do seu cativerio.


2.14.2014

U-lo xornalismo de investigación?

001
Hai dúas semanas algúns dos lectores e subscritores da recentemente nacida Revista Luzes, congregámonos na libraría compostelá do Couceiro, por convocatoria dos seus responsables. Despois do repaso de rigor sobre os contidos do último número chegou a quenda das preguntas, e se ben a maioría foron loas, unha das asistentes queixouse da falta de xornalismo de investigación.

Xosé Manuel Pereiro, co-director de Luzes, tomou a palabra, e nun ambiente moi fraternal, confesou que, por moito que espremeran aos subscritores, non sería posible pagar un traballo xornalístico de investigación en condicións. "Menos, cando vas a Interviu e che pagan 1.500 euros", subliñou.


Carioca, Pokémon ou Gürtel, son nomes ben coñecidos. Pero ningunha destas tramas foron descubertas grazas ao xornalismo de investigación. Nos últimos anos, ou ben o traballo policial/xudicial é efectivo (o que non está de máis) ou se lles vai das mans aos delincuentes, ou ben hai alguén insatisfeito que quere tirar da manta:
José Luis Álvarez, el empresario asturiano que destapó el «caso Pokémon», continúa empeñado en tirar de la manta y sostiene que no va a «callarse nada» 
José Luis Peñas, exconcejal del PP en Majadahonda (Madrid), grabó secretamente conversaciones de Francisco Correa durante dos años.  Su denuncia dio origen al 'caso Gürtel'
Obviamente, temos máis exemplos de corruptelas (EREs, Nóos, Campeón, Bárcenas...), e se ben o traballo xornalístico pode axudar e axudou nos procesos de xulgamento dos culpables, non é unha parte determinante; publicar en portada uns papeis filtrados de forma exclusiva, non é xornalismo de investigación, é aproveitarse da conxuntura, para facer caixa.

Para empeorar a situación, son as propias empresas xornalísticas as que infravaloran o traballo do xornalista, xa sexa este de investigación ou de cobertura de zonas de conflito, ou simplemente de provincias. Ao respecto, conversaba a semana pasada cun importante fotógrafo galego que farto de que lle remaquearan en España a compra das súas fotografías (feitas en países en guerra, cunha alta probabilidade de ser secuestrado, ou morrer), vende a maior parte a diarios estranxeiros, que saben valorar o seu traballo, e non lle ofrecen unha miseria mentres o seu director xeral cobra trece millóns de euros anuais; ou mentres teñen a unha (unha soa!) correspondente traballando como freelance para toda África, á que nin lle remuneran as chamadas telefónicas internacionais.

Xornalismo en galego, e 2.0
David Lombao, director de Praza.com no Encontros 2.0 | Código Cero
Mais non todo está perdido, e a falta de cartos non é óbice para que se siga a practicar un xornalismo ético, honesto e de supervisión. Grazas ás novas tecnoloxías, (e sacrificando, por parte dos seus responsables moitas horas de tempo propio), medios como o Galicia Confidencial ou Praza Pública están a dar exemplo dun xornalismo de investigación a longo prazo, é dicir, fan unha labor de vixía dos estamentos públicos que, máis que necesaria, é fundamental. Son, como me dicía o xornalista Bru Rovira no 2006, a "mosca cojonera". Por que o traballo de periodista, é ese que todo o mundo critica, pero que ninguén quere facer, pois detrás de toda a pompa de catro pantalleiros que se alimentan de share, están o resto de persoas que deben cubrir sesións tediosas de control ao Parlamento e ao Congreso, xuízos escabrosos con familias destrozadas, miles de follas de sumarios xudiciais (que teñen que estar lidas para onte), eventos baleiros de contido patrocinados pola Consellería da Fraternidade, "convenios" con Deputacións, etc...

Mother Jones, verbo da austeridade nos EUA
As chaves para que o xornalismo poda actuar de forma independente e investigar viablemente, considero, que son aquelas que tratamos no primeiro dos Encontros 2.0 , e pasan por depender dunha publicidade selectiva non invasiva, o apoio dos lectores mediante doazóns e subscricións, o uso dos medios 2.0 para recadar informacións e actuar como supervisores do acontecer político, o crowdfunding e o coworking... Un exemplo paradigmático, e polo tanto a seguir, é para min a revista estadounidense Mother Jones. Este magazine, que comezou no 1976, caracterízase por publicar reportaxes de investigación minuciosas, que tratan tanto temas medio-ambientais, como alimentarios, políticos, económicos, sociais, científicos..., e depende de publicidade non invasiva —é dicir, son, polo menos no papel, empresas cuxos intereses comerciais non entran en conflito, nin realizan inxerencia algunha, nos contidos publicados—. Levo máis dun ano recibindo cada dous meses a revista na miña casa, e é unha desas lecturas que non te deixa impasible,  e que en certo modo, te leva a pensar que hai una alternativa, unha esperanza, e unha vía sustentable para o xornalismo de investigación e velaí para a profesión per se. 

Se á necesidade e predisposición de realizar xornalismo de investigación lle engadimos as novas tecnoloxías, a enorme cantidade de información á que podemos ter acceso (o que é, ao mesmo tempo, un pro e un contra), a labor que realizan organizacións como Wikileaks, e un hastío cada vez mais xeralizado cara uns medios de comunicación absortos na súa alter-realidade auto-feladora; pode, e digo, pode, que esteamos máis preto de deixar de gastármonos os cartos nas tendas de Inditex e comezar a invertir en investigación.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...