Mostrando entradas con la etiqueta Ulobit. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ulobit. Mostrar todas las entradas

8.06.2014

WOS INC

Do 12 ao 14 de setembro vaise presentar en Santiago de Compostela unha proposta dos responsables da produtora musical, Work On Sunday, chamada WOS INC que estará presente en diferentes lugares da cidade: a Praza de Abastos, a Fundación Eugenio Granell, a Zona C, o CGAC, a Fundación Autor, a sala Capitol, o Salón Teatro e a Igrexa da Universidade.

No apartado musical, están, polo momento, confirmados: A Place to Bury Strangers, Cave, Ensemble Economique, Jupiter Lion, Red Fang, Sonic Jesus, Spindrift, The Cosmic Dead, White Hills, White Manna y Wooden Wand. Ademais inclúen "presentacións cómico-literarias únicas na súa especie e que poderán verse por primeira vez en Galicia": o Ultrashow de Miguel Noguera e ¡Pelea! de Kiko Amat; así como as actuacións das bandas galegas Camarada Nimoy, Chicharrón, Guerrera, Orquesta Metamovida, Ulobit e Unicornibot.

Acaban de enviar unha nota de prensa na que presentan aos que tamén van participar neste evento, pero na súa faciana reflexiva e discursiva, arredor do humor, a literatura e a crítica musical: Xavi Puig, creador e director de El Mundo Today; El Hematocrítico, creador do blogue do seu mesmo nome, de El Hematocrítico de Arte, el Hematocrítico de Cine, Drama en el Portal; Noel Ceballos, experto en cómics de culto, ciencia-ficción, e creador, xunto ao Hematocrítico de Los Hermanos Podcast; Iago Fernández, redactor e editor de Vice; Querido Antonio (Alberto González) guionista, realizador, autor dos vídeos manipulados do Intermedio, do libro Humor Cristiano e de Querido Antonio e Manuel Bartual, debuxante, guionista e director da editorial CARAMBA! COMICS.

Pola súa parte, afirman: "Carlos Zanón, poeta, novelista, guionista, articulista e crítico literario; Kiko Amat, creador do festival literario-musical Primera Persona, novelista e Dj; Ainhoa Rebolledo, escritora e tradutora e Iago Martínez, periodista cultural, compartirán ideas e opinións sobre ‘la música desde la primera persona en literatura y prensa musical’".


173

6.25.2013

FAC ALL | Crónica dunha despedida

Hai máis dun ano e tres meses que cheguei a unha casa sita en A Peregrina para tomar un té cun grupo de artistas que tiñan aquel lugar por taller, e por vivenda. Foi daquela, cando a idea de crear un espazo de exposición fóra dos circuítos convencionais de carácter comercial e institucional, tomaba forma e contido. Foi, tamén daquela, cando comezou a súa andaina culturadeseu.com. Un mes máis tarde, nacía o Furancho de Arte Contemporánea, baixo a tutela dos artistas Olmo Blanco, Diego Vites, e a crítica cultural e comisaria Ania González, nun evento que se deu en chamar FAC OFF. Quince meses máis tarde, logo de acubillar decenas de exposicións, coloquios, entrevistas, laboratorios e artistas, botan o peche definitivo, a berro de FAC ALL.

Neste período de tempo os membros da equipa do FAC pretenderon con este espazo-proxecto artístico autoxestionado mostrar o excedente cultural que parece non ter cabida en galerías ou en museos de carácter institucional. Quixeron, como afirman eles, "crear un espazo libre, non condicionado por cuestións económicas". A fin desta obra, transcendente no tempo, celébrase como o culminación dun obxectivo, non como unha derrota, en coherencia co discurso dos responsables:
«Non queremos contribuír sen límite á nosa precarización, nin á dos nosos colaboradores. Aceptamos traballar en condicións de precariedade porque criamos necesaria unha visibilización e unha renovación do contexto artístico e porque queriamos enriquecer os nosos proxectos persoais mediante o intercambio e o traballo colectivo. Unha vez conseguido isto, non queremos manter a ficción de que algo así se pode facer sen contribuír á grave precarización das persoas que o levan a cabo».

Un círculo que se pecha
Como outsider, presenteime en Marzo de 2012 cun par de cámaras e o noso colaborador Ricardo Saavedra para dar conta da inauguración do furancho. O venres 21 deste mes, agora xa, en 2013, regresamos á Peregrina ambos os dous. En certo modo, para pechar un círculo, e comezar a debuxar outro. 

Abordo da Lupita —a furgoneta de Diego Vites— arribamos ao FAC, arredor das sete da tarde, con tempo para asistir ao concerto de Ulobit —quen tamén participaran na inauguración do FAC—, con Horacio González a cargo do apartado visual e Xoán Xil no cello, en colaboración con Heine Christensen de Ghost & Tape. 


Era o primeiro día nunha semana que saía o sol en Compostela. En cadeiras de madeira e de plástico, en botes de pintura ou na herba, todos nos arrombamos arredor dos músicos. A intervención realizada por Olmo Blanco, no mesmo chan onde Horacio estaba sentado enriba dunha funda de ordenador, inaugurou a mostra visual, que recollía imaxes da contorna. O ruído envolveu durante case media hora aos alí presentes. Entre actuación e actuación, non se escoitaba máis que o vento bulir entre as follas das árbores do monte que vixía á Peregrina. As cores do lugar reflectíanse na meta-realidade dunha pantalla improvisada. O fume dos cigarros, as cordas friccionadas do violoncello e as rozadas da guitarra, crearon por un momento a ilusión de que todos os alí presentes eramos parte do mesmo lebenswelt. Ou se o prefiren, mundo da vida.

Despois desta primeira fase de catarse colectiva veu a quenda dun dos praceres da vida: comer. Non houbo un catering. Nin snobismos. Cada un levou o que quixo, e os organizadores, coma de costume, non deixaron padal descontento. Entre cebada, uvas, café edulcorado e cigarros, chegou a música. Non puiden resistir a tentanción de amenizar o serán con algúns beats, coa inestimable axuda da artista multitarea Lúa Gándara, ata que colleron a batuta un mozos que baixo o nome de Attention Whore, fixeron reverberar o galpón do FAC con dubstep, drum&bass, elektro, e inclusive algún tema de corte indie. 

Todo isto, mentres Horacio colocaba unha webcam, que nos gravaba e reflectía a través dun proxector nunha parede branca, que endexamais pensou que ía ver tanta actividade e creación, cando hai quince meses formaba parte dunha vella casa, e se encargaba de gardar da choiva, os aparellos de labranza. 


A guinda
Entre bailes, risos, caras coñecidas, novas caras, caras felices, caras californianas e ourensás, apareceron por sorpresa os compoñentes de Malandrómeda, que cunha audiencia entusiasta e tras colocar en tempo record todo o equipo, ofreceron un breve pero intenso concerto con beats e hip-hop made in Galicia. A festa continuou ata ben entrada a noite. Foi a despedida merecida para un espazo único, quizáis irrepetible: 
«Algúns pensarán que pechamos e que privamos ao contexto do que xustamente reivindicamos, espazos intermedios. Nós xa cumprimos ata ao límite das nosas posibilidades con esa responsabilidade sen que polo camiño xurdiran conexións nin propostas de colaboración que contribuíran ao fortalecemento dun espazo-proxecto como o FAC en condicións sostibles no territorio. Porén, déronse multitude de conexións e propostas entre todos o que participamos do proxecto que sen dúbida nos levarán a lugares aos que antes, non poderiamos ter chegado.» 

Corolario
Normalmente, neste apartado formulo unha conclusión que defina o sentir do artigo. Cito, con normalidade, a autores que recollen en parágrafos ou frases, ideas ou conceptos pertinentes e en coherencia co texto. Pero quen mellor que Ania González, co-directora do FAC, para dar a última, que non derradeira, puntada:
«Mentres non exista unha mirada e un exercicio de investigación responsable sobre o contexto de produción artística e discursiva en Galicia, seguiremos perpetuando unhas condicións de visibilización de artistas e proxectos culturais completamente obsoletas baseadas no xuízo de valor, nas políticas de filiación, a exhibición da obra parcial e descontextualizada e a aceptación dunha soa canle de lexitimación: a oficial; altamente xerarquizada, fortemente orientada ao recoñecemento ideolóxico e formal e aparentemente despreocupada polas cuestións da produción artística. É dicir, unhas condicións de visibilización que promoven a reprodución en lugar da creación.»
Máis fotografías no facebook de Culturadeseu.
Entradas anteriores sobre o FAC (orde cronolóxica):


Sitio web do FAC Peregrina: 


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...