Mostrando entradas con la etiqueta Don Manuel Fraga. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Don Manuel Fraga. Mostrar todas las entradas

6.30.2012

De Gallaecia Petrea ou as ofrendas ao Faraón

Parte da equipa de CULTURADESEU (Manuel Turnes, Ricardo Saavedra e Elena Cancelas) desprazouse ata a Cidade da Cultura sita en Santiago de Compostela, con motivo da exposición que desvirgou o Museo de Galicia (que agora é o Museo Centro Gaiás), 'Gallaecia Pétrea', e, con sinceridade, a sensación tras visitala estivo moi preto da desazón (quizáis motivada polo cansanzo) e da decepción (quizáis motivada pola desazón)


Anacronismos
Para facerse unha imaxe do que alí se expón só vos direi que se atopan exhibidas 341 pezas, cedidas por 91 institucións, e que, coa pedra como fío condutor, percorren a historia de Galicia, parte de España e o norte de Portugal, dende a prehistoria ata a contemporaneidade. É, ao meu parecer, unha exposición moi pouco didáctica (cun carácter eminentemente histórico), mal formulada no espazo, e en certa medida anacrónica.


Dándolle voltas ao asunto concluín que — sen importar que se gastaran arredor dun millón e medio de euros nesta exhibición pétrea — o problema non debía de ser o enfoque; nin que se destinaran unha parte importante do presuposto en facer uns palés de madeira a medida; nin que foran demasiadas obras para unha exposición temporal; nin que non existise interactividade algunha; nin que os cartaces informativos fosen demasiado pequenos; nin que semellase que estaba todo a medio facer; nin... O problema principal é, quizáis, que o modelo museístico está xa agora, no século XXI, obsoleto. E como a min xa non me poden acusar de non estar interesado na cultura (evidente é o título e propósito deste medio dixital) e menos da cultura en Galicia (de seu), pois considero, e saco en claro, que a exposición de 'Gallaecia Pétrea' é unha metáfora da visión institucional da creación artística: inherte, sen sentimento, non voluble nin disoluble, conservadora e demasiado estática.


De seguro que o traballo do seu comisario Miguel Fernández-Cid (antigo director do CGAC) é impoluto, e eu non son máis que un begginer; de seguro, que para aos amantes da historia da arte é unha gozada poder ver nun só edificio como evolucionou a pedra ao longo dos séculos. Pero, coa cantidade de cartos que xa levan investidos na Cidade da Cultura (agora entre 400 e 500 millóns de euros) semella que este medio millón máis é outra pedra na pirámide. Unha pedra que vale tanto como o gasto expositivo anual do CGAC ou o orzamento do MARCO de Vigo; Unha pirámide que está a lastrar os orzamentos en cultura de toda Galicia; que foi froito dun concurso (como o do decidir colocar palés na exposición, ao mellor hai que cambiar o xurado), e cuxa estrada de acceso leva o nome de Manuel Fraga Iribarne.
Por este, e outros motivos, atrévome a ironizar e dicir que esta exposición podería ser parte dun conto: 'Gallaecia Pétrea ou un percorrido pola vida de Don Manuel'; 'Gallaecia Pétrea ou as ofrendas ao Faraón'.
Tamén hai que ter en conta (ou quero facelo), como comentei en entradas anteriores, que debe existir unha administración conservadora e ortodoxa para xurdan iniciativas contrarias e alternativas, senón esto sería un mayhem.



Björk, Panorama e París de Noia
Quizáis moitos xa se percataron de que a campaña para venda de entrada do concerto de Björk na Cidade da Cultura durou demasiado. A verdade é que se non se pendurou xa o cartel de completo durante a primavera, era raro. Algo estaba a pasar. Hai quen dixo ironicamente que a islandesa ía facer realmente un acústico. E correu un burdo rumor sobre unha actuación conxunta entre a cantante, Panorama e París de Noia. (Se vistes o video presentado por Ricardo Saavedra ata o final saberedes de que estou a falar). Ao final parece que todo saiu ben. Non houbo cheo total, pero Xesús Vázquez asistiu.
Sen máis.
Abur.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...