4.29.2012

Dende Compostela para A Habana


Español / English
A primeira vez que visitei o bar El Puente, en Sar número 40 (Santiago de Compostela), foi por Suelen Estar Quartet e a experiencia foi máis que gratificante e satisfactoria. Desta vez, ao volver á casa case ás dúas da madrugada, o sentimento era similar. Moita enerxía, moita paixón, moitas ganas de canturrear e de ser músico.

Todo comezou o martes 24 deste mes no bar A Reixa. Boa parte do staff do Twist & Shout Clube estaba na cidade, e a ocasión requería tomarlle unhas cañas. Alí, en A Reixa, foi onde coincidín con, entre outros, Alejandro Vargas (1980, Holguín) –que aparece no video da jam sesión posterior a Suelen…– que se atopaba con Reynier Aldana (1982, La Habana), un amigo cubano que hai pouco máis de tres meses que anda por Compostela. A cuestión é que tocaron xuntos só unha canción, e quedei con fame. Pero non había problema por que estarían o xoves actuando en El Puente, baixo o lema Proxecto Jazz Trovando, A Terra e o Cimarrón, e alá fun cos meus bártulos.

Vargas ao piano, Aldana coa guitarra e a voz, e Luis Alberto (1975) –aka L.A.R. Legido– na percusión e trebellos (entre os que se atopan nesta ocasión unha bolsa de plástico) foron os tres compoñentes estables durante o concerto. Coma, digamos, convidados, estiveron un talentoso mozo cubano e futura promesa chamado Joaquín Martínez co clarinete e a trompeta; Eduardo Aiguesvives (1984, La Habana) –aka El Rubio, integrante de Free Hole Negro– no contrabaixo; o veterano Octavio Vargas Novoa (1968, A Coruña) no baixo; e un rapaz loiro que participou na jam session co saxo e cuxo nome non tiven tempo (lieime a falar mentres fumaba un cigarrito) de preguntar pero que podedes ver no video colgado nesta entrada, nunha especial e bonita dialéctica coa trompeta de Joaquín.

É importante saber, ao ver os videos, que estes mozos estiveron a ensaiar a penas tres días o repertorio cantado; coma é costume en El Puente (un dos estandartes do free jazz en Compostela) houbo moita improvisación, unha atención do público fantástica, e moi boa onda.  

Desta vez evitei, por falta de tempo e por que foron moitos os músicos que interviron –Mr Walker ‘on the rocks’ tamén tivo algo de culpa–, facer entrevistas en profundidade. Todos xa agora sabemos que vivir da música é moi complicado. Para máis do free jazz. El Puente é un becho raro, rodeado de libertis, shangongadas e establos* –sen pretensións ofensivas para os seus respectivos siareiros–, que sen a entrega do seu dono non sería posible.  


Mirade os videos, que pagan moito a pena. Non sexades preguizosos.
*Para que non o saiba fan referencia a discotecas de Compostela.

Español/ English

4.20.2012

1+1+1+ no F.A.C.


1+1+1+ é a primeira exposición do denominado F.A.C. Convidadxs. É unha das modalidades deste Furancho de Arte Contemporánea afincado como todos sabedes (e senón podedes consúltalo en edicións anteriores, aquí, aquí ou aquí) ás aforas da urbe de Santiago de Compostela, entre Sarela de Arriba e A Peregrina.

Para inaugurar este apartado o invitado foi un artista que xa estivera presente nun dos Episodio Piloto que durante os veráns de 2010 e 2011 levara adiante, nesta mesma casa, Olmo Blanco. A persoa en cuestión é Mauro Trastoy (1971, Ferrol) quen tras case vinte anos expoñendo, e xunto coa axuda de Támmara Bescansa, fixo uso libre do incomparable marco que brinda este Furancho para amosar as súas creacións máis recentes.

En particular, 1+1+1+ abrangue a liña de traballo levada polo artista Mauro Trastoy durante os últimos cinco anos. Xa pasou da pintura, á escultura ou á creación de personaxes como “El Chico de los huevos de oro”. Personalidades coas que xogaba, formulaba significados, e que chegado un momento –coma o protagonista dunha novela que desobecede ao seu creador– tomaban vida propia e ían por derroteiros diverxentes á idea orixinal.

O mellor momento do artista...- Mauro Trastoy

Ver unha obra –que en principio se formou coma idea mental– tomar forma, e en última instancia, cobrar vida e actuar por conta propia é a experiencia máis satisfactoria para o artista Trastoy. A maioría das pezas presentadas no 1+1+1+ non teñen título. De non ser a de Cuadro para peinarO resto teñen nomes que Trastoy lles outorga por simple burocracia, como “pásame a manta” ou a “escaleira”. É unha exposición de suma, aditiva. Cada obra funciona por si mesma, pois pertence na súa maioría a series que o artista comezou pero que nunca chegou a rematar, pero tamén son parte dun todo, en tanto mostra da liña de traballo que Mauro seguiu durante o último lustro.



O artista ocupou todas as zonas de exposición dispoñibles no F.A.C., se ben no galpón centrou a maioría delas como o arame plastificado. Tamén dispuxo unha estrutura no denominado Cubo Branco; nunha das pólas dunha árbore da casa (a Rama con nudos parte dun antigo Episodio Piloto); e no remolque refrixerador, onde situou un proxector conectado a un reprodutor de DVD, emitindo diversas imaxes de obras propias.

O proceso de creación e o F.A.C.
Mauro parte dun material co que xoga, e mediante a repetición duns xestos, unha dobrez ou un nó, xurde unha estrutura determinada. El sempre intenta manter unhas rutinas e pautas de traballo, pero conforme crea, a propia figura impón as regras, e o seu amo, non debe facer outra cousa que seguilas; segundo di “intento que non se modifiquen, pero teñen vida propia”.
Xa se vai a converter nunha especie de mantra neste blogue, pero sen a existencia dun espazo intermedio –non mediado por intereses alleos aos da creación cultural, nin comercial nin institucional– coma o Furancho de Arte Contemporánea, obra coma a de Trastoy quedaría, no mellor dos casos, almacenada na casa de cada artista. “O espazo é perfecto, e para esta obra é ideal. De feito tería quedado no taller e eu tería pasado a realizar outra liña de traballo”.

"Se van modificando en función de cómo vaya trabajando" - Mauro Trastoy
Unha vida paralela
Como moitos artistas, Mauro non vive única e exclusivamente da arte, pois ésta ata lle da perdas. Traballa coma deseñador gráfico e ambos mundos, aínda que paralelos e ás veces simbióticos, ténnos ben diferenciado. Deixou claro que o deseño faino para poder ser artista. Nas vindeiras coleccións quere ser oleísta. "Eu pintaba ao óleo durante a infancia, logo estiven sempre con acrílico, e comezar co óleo é unha especie de reto", comenta Mauro. 

Unha influenza e referente para Trastoy é Giorgio Morandi, ao que define como o resumo do que fixo e do que vai facer. Se tivese a oportunidade de ser o aprendiz dalgún artista xa morto (isto, evidentemente derivou dunha pregunta específica miña, non é que nos adiquemos a falar de cadáveres) pois seríao do gran Paul Cézanne.

P.D.: Tiven que irme moi cedo d’A Peregrina. Tiña que coller o tren, rumbo a Vilagarcía, conexión coche-madre O Grove, para pinchar tunes no Twist & Shout Clube. Pero que saibades que deixei a Mauro en moi boas mans. Entre amigos. Colegas do ámbito. E inclusive estiveron presentes xornalistas da prensa seria, cuxos artigos sobre esta exposición sairán presumiblemente mañá.  

4.08.2012

Rolling Over: O rexurdimento

Español / English
Se cadra o título desta entrada soa un tanto poético, ascético e ata vetusto. Mais ningún destes adxectivos poderían describir as concurridas, por momentos caóticas, fantásticas noites que tiveron lugar esta semana no recén nado Twist & Shout Clube de O Grove.

O do 'rexurdimento' vén das palabras que o dono deste local, André Sánchez, dixo ao remataren os concertos de Disco Las Palmeras! e dos Telephones Rogues na noite do xoves, e que en referencia á gran acollida e atención que tivo o festival, dixo que rexurdiramos como a ave fénix das súas cinzas. E a verdade é que semella que esta vila pendurada do continente comeza outra vez a ter esa movida nocturna de música de calidade, bo rollismo e efervescencia cultural, que nos últimos anos, e tras o peche de míticos coma Vado Permanente ou Vinilo, estaba de capa caída.


Día Primeiro: punk, noise, garage e rock and roll.
O festival deu comezo coa actuación dos xa recoñecidos Disco Las Palmeras!. Este ano estiveron por todo o territorio español e, entre outros, formaron parte do cartaz do Primavera Sound e do Sonorama, e estarán no Festival do Norte de Vilagarcía, co seu ámbun 'Nihil Obstat'. Os integrantes son Diego Castro López (1979, Sarria) na guitarra e na voz, David Lorenzo Lafuente (1974, Vilagarcía de Arousa), coa batería, e dende o ano pasado, tamén Julián López Goicoa (1990, Vigo) na guitarra. O grupo naceu hai pouco máis de dous anos e dende entón non pararon. Prácticamente visitaron todas a comunidades a excepción do País Vasco e as illas, e xa están a preparar o seu segundo disco que irá selado tamén pola discográfica compostelá Matapadre.

O seu nome naceu un pouco da nada (e remite algo ao "tropicalismo e ao garito chungo" segundo Diego Castro), pero a súa formación foi meditada. Pertencían a outros grupos, e precisaban atopar o seu propio son –que non me atrevo a precisar, pero que pulula entre o noise-punk-pop– e decidiron levar adiante un proxecto en común. Non sei como lles irá no futuro. Eles queren seguir traballando, aínda que toda a xente coa que falo e falei para este blogue mira todo a catro-seis meses vista, polo que no plano profesional e artístico nunca se sabe. E os derroteiros do señor Mariano son inescrutables. 
Como digo, non sei que ocorrerá con Disco Las Palmeras!, pero todo pinta ben para seguir traballando a reo durante uns anos máis; no Twist & Shout petáronno (arrasaron para que non entenda o slang). O concerto foi intenso e ben recibido. As súas cancións reverberaron entre a pedra e a madeira do clube meco e a enerxía liberada durou toda a noite. De feito pechamos (inclúome pois estiven de camareiro, blogueiro, fotógrafo, pinchatunes) ás cinco da mañá para evitar que tanta "enerxía acumulada" acabase por tirar o local abaixo, . 


Despois deles e tras un breve receso no que todo o mundo saiu á rúa para fumar, viñeron os mecos Telephones Rouges. Xa levan dende o 2007 dando que falar por todo o territorio español, con moitos concertos ás costas, e nuns días cumprirán 5 anos como banda. O seu nome, coma adoita ocorrer nestes casos, foi froito da inspiración momentánea ("ao chou") e saiu da cabeza de Rubén Domínguez Pérez (1987, O Grove) que baixo o alias de Rubena toca a guitarra, o teclado e os berros –coma eles mesmos se refiren á parte vocal–. Cada un, amais de ser parte do grupo, ten a súa vida profesional e académica. Xa se sabe que nesto da arte, en calquera das súas manifestacións, senón é mainstream, é moi complicado poder gañar o suficiente para chegar a fin de mes tranquilamente, e durante un tempo estable e prefixado. Os chavales dos Telephones, a pesares de traballar e actuar a reo, non poden nin sequera investir na mellora dos seus equipamentos. Pero polo menos agora xa non perden cartos e van, coma se di, tirando.
Son parte do grupo dous irmáns. Os Unruh. Na guitarra, teclados e berros, está o maior deles, Matías Unruh Piñeiro (1987, O Grove), baixo o alias Matitas Auch, e que produciu 'Max Split' co grupo barcelonés Piñata nos Estudis Ground de Girona, coa colaboración de Jordi Brugues baixo o selo de Mama Vynila Records. O menor dos irmáns é Alexander Unruh Piñeiro (1990, O Grove) que toca o baixo e tamén berra, baixo o nome Alitos, e que compaxina a vida de músico cos estudos de Medicina en Santiago de Compostela. 



O seu momento estelar foi sen dúbida cando o batería José Cores Medrano (1985, O Grove) alias Foso Común, quedou en panos menores co seu corpo pintado con spray –que traballo lle custou limpar ao día seguinte pois non eran, coma me dixo alguén, pinturas corporais– e que traballa coma informático para unha empresa multitnacional de roupa que todos coñecemos e que comeza irónicamente por "Indi", pero que de independente ten o que eu de experto en música. 



A guinda do pastel da primeira xornada deste festival puxéronna Motocross o muerte Dj, integrante de Los Thyssen e de Elemental Querido Watson, e que nos fixo bailar co mellor do rock and roll, rockabillie et al., e Manu Tf, que non pertence a ningún grupo ou cousa parecida pero que leva un blogue que se chama culturadeseu e que fai crónicas e reportaxes de eventos que ninguén se debería perder, e todo polo amor á arte (que non me paghan vamos...). Sinto non ter video sobre a xornada pero comprenderedes que entre sacar fotos e poñer gin-tónics e logo pór música xa bastante fixen. Porén non hai de que preocuparse xa que os chavales da produtora Equinozio estiveron a gravar os concertos, con cámaras menos rudimentarias ca miña, e porán o video a disposición dos que o queiran.

Día Segundo do noso Señor.
Debido a imprevistos de última hora (perogrullada pois senón foran de última hora non serían imprevistos, serían "eran vistos") o grupo Morlans non puido acudir, nin os Dj's Charlie Raw e Gonzalo Bea Montenegro. Pero por sorte, e coa velocidade que define a unha boa e áxil organización, Morlans foi substituído por Alex Casanova (1990, Vilagarcía de Arousa) e volveron aos mandos da cabina Motocross o muerte DJ e Manu Tf (que son eu por senón quedou claro). Alex deleitounos e fíxonos bailar cun pop divertido e electrónico, amais de alegre. Eu, que estiven tamén detrás da barra, agradecinno pois tiña un oído algo afectado tras a noite punkgaragenoise anterior (pero que todos os males sexan eses...). Alex formou parte The Friendows pero decidiu comezar en solitario. Él faino todo, armado dun teclado, unha mesa de samples e un micrófono. Dende este, o meu blog, deséxolle o mellor e que saque disco canto antes. 



Logo foi o turno da encantadora ex cantante de Charades (que durou oito anos), Isa Fernández Reviriego (1979, Bilbao) que traballo me custou aprenderme o seu apelido. Baixo o nome de Aries, presentóunos o vinilo Magia Bruta. Unha doce voz que nos animou a todos os presentes e que fixo os preparativos para unha nova noite de Rolling Over no Twist & Shout Clube. Ademais, a súa presenza foi moi especial xa que cumpríu anos e puidemos adicarlle un "Parabéns..." os membros do staff.  



Unha vez máis Motocross o muerte e Manu Tf puxeron o telón de fondo. Unha noite redonda, aínda que non sen algúns percances sen importancia. Cousas do alcol. 

Sábado de pre-resurreción.
A intensa programación da Semana Fantástica, digo Santa..., rematou cunha idea que xurdiu nunha das tardes de limpeza e avituallamento do Clube (o Twist & Shout, que non o do Xabarín). Ocorréusenos facer unha pinchada para celebrar a pre-resurreción de Risto, digo Cristo. O que básicamente se convertiu en eu (que me fixen chamar DJ Beato) máis Estevo Sánchez (que traballa no local) cuns colos clericais, e unha listaxe de cancións (nas que agradezo a colaboración de San Chema Díaz) coma "He visto a la virgen" de Putilatex, "Quiero ser Santa" de Parálisis Permanete ou a de Alaska, "De Jesusiño fixeron un Cristo" de Heredeiros da Crus...etc, etc. 

Hoxe é Domingo, e ao contrario que outros, eu non descanso, pois penso que vos merecedes, queridos lectores, toda a miña atención. 

Sen máis. Arre Unicornio!
Español / English

4.01.2012

Tórcete e Berra

Se o pasado venres día 23 demos parte da apertura do Furancho de Arte Contemporánea en Santiago de Compostela, esta semana tocoulle ás Rías Baixas. Asistín en calidade de pinchatunes a unha península que pende do continente europeo chamada O Grove. Alí inaugurouse o Twist & Shout, un clube de música que, baixo a batuta dun rapaz mozo, inquedo e con moita culturadeseu, pretende achegar o mellor da música emerxente a esta vila coñecida coma o paraíso do marisco.

Se ben a industria turística con base gastronómica, estacional, submariña e colareira do lugar, está asentada, organizada e avalada polas autoridades pertinentes en cada materia, a idea de vivir e sacar adiante un clube que aposte pola música ao vivo e a calidade en todas a súas posibles manifestacións hostaleiras, eche algo máis complicado. Require de tempo, paciencia e por suposto, de cartos.

Con este espirito e para comezar esta andaina o día 5 (Xoves) estarán os Telephone Rouges máis Disco Las Palmeras!, rematando co pinchadiscos Motocross o muerte, e o día 6 (Venres) desta semana festiva estarán Morlans e Aries, e logo Charly Raw e Gonzalo Bea pra rematar a noite. Alí estaremos. Esta fin de semana poderedes ler todo o que ocorreu alí, ou achegarvos e velo por vos mesmos.

Podedes adquirir os bonos para os dous días (12€) na tenda A Reixa (Compostela), Gato Gordo (Pontevedra) ou en Metropol (O Grove).




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...