11.21.2014

Os hikikomori, xa están aquí

Hiasuki, un hikikomori xaponés fotografado en 2.004.

Non se trata dunha nova moda, nin dunha nova droga, nin dunha nova rede social, nin dunha nova aplicación para o smartphone, é unha enfermidade, e xa chegou á España.
Os hikikomori (literalmente, apartarse ou estar recluído) non son unha novidade, non polo menos en Xapón, pois deles xa coñecíamos noticias hai unha década. A novidade radica no diagnóstico de 200 pacientes en Barcelona, afectados desta síndrome, entre o 2.008 e o 2.013. 

O doutor nipón, precursor no estudo desta patoloxía, foi Tamaki Saito, que aparece definida deste modo na Wikipedia: 
«Mentres que algunhas persoas senten presión por parte do mundo exterior, e padecen agorafobia, un hikikomori reacciona cun completo illamento social para evitar toda a presión exterior. Poden encerrarse nos seus dormitorios ou calquera outra habitación da casa dos seus pais durante períodos de tempo prolongados, de incluso anos. 
Normalmente non teñen ningún amigo, e na súa maioría, dormen durante o día, e ven a televisión ou xogan con videoxogos durante a noite. Todo isto fai deles un caso extremo de "solteiros parasitos" (expresión xaponesa para nomear a aqueles que viven das sopas instantáneas, vivindo na casa de seus pais por comodidade).  
A maioría dos hikikomori manteñen contacto co mundo exterior só polo ordenador, a televisión e os videoxogos en liña, aínda que, en casos extremos, o hikikomori pode pecharse incluso a isto, e permanecer horas e horas na mesma posición, coa vista nun punto fixo, vivindo da súa imaxinación.»

En Xapón, como norma xeral, exércese unha gran presión sobre os mozos e mozos durante toda a súa vida académica, e posteriormente na laboral. O fracaso non é unha opción, e outórgaselle gran importancia ao sacrificio persoal, e á conservación do honor. É normal que un rapaz ou rapaza remate os seus estudos e vaia buscar traballo á gran cidade (sexa Kioto, Tokio...) e alugue un piso diminuto que nin conta con baño, na súa procura dun posto laboral. Volver á casa dos seus pais sen ter atopado nada, é decepcionante, e en certas familias inaceptable.

Así mo contaba Minako Takahashi, a miña mestra de xaponés na universidade, quen por aquel nos axudaba a coñecer un pouco máis da sociedade na que nacera a través das súas historias particulares e novas do país nipón, como os famosos hoteis cápsula, onde fan noite moitos executivos que non teñen tempo suficiente para ires á súas casas e volver ao traballo ao día seguinte.

Individualismo, capitalismo, introversión, consumismo, rapidez, estrés, incomprensión, falta de contacto coa realidade, os novos medios de comunicación e relación social, e unha constante necesidade de chegar ao máis alto: son os ingredientes precisos para dar pulo á síndrome dos solteiros e solteiras parasito, e dos que dispoñemos no noso país; por iso non é de estrañar que os hikikomori xa estean aquí.


No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...