11.26.2012

De volta ás trincheiras

Despois duns meses de ausencia, en canto á publicación de contido se refire, culturadeseu volve a escribirlles. E facémolo, ou simplemente, o fago, por mor dun encontro esperado, nunha tarde inesperada, con Nandi Alonso.

Coñecina na Televisión de Galicia. Eu era un bolseiro que deambulaba pola redacción con cintas sobre accidentes, ataques de xabarís, e tractores que provocaban disputas rocambolescas entre veciños. Ela dirixíame ás cabinas de edición, sempre cun sorriso por saúdo.

Non tardei en saber que aquel ollar abstraído pero amable, era o ollar dunha artista. Pasaron os meses, máis dun ano, e ao final concertamos unha entrevista. Os motivos? Varios, e o karma tivo moito que ver. Pero a verdade é que a inminente exposición que realizará o 5 de decembro no Campus Stellae de Santiago, brindoume a escusa perfecta para poder falar de e con ela; e da súa obra, claro.

A cita
Así, chegou Nandi, a un encontro concertado e esperado, ao Hotel Moure de Compostela. Tarde, pola miña culpa, pois unha inesperada sesión de fotos con Onyvá Gastronomic, nunha bañeira grande que quería ser jacuzzi, atrasou a entrevista.

Licenciada en Historia da Arte, non deixou nunca de investigar e afondar no seu proceso de creación artística. Pousa os lenzos no chan, e así os pinta ao óleo. Di que deste modo, co óleo e no chan, pode acadar matices que coa pintura acrílica e a posición vertical do cadro non se atopan. Resulta curioso que, a pesares de realizar as obras deste xeito, consiga unha gran profundidade, con diferentes planos superpostos.

Cada centímetro da imaxe, polo menos os daquelas pertencentes á última das súas etapas —conceptual e abstracta— garda unha sensación, unha emoción e un momentum. "Nandi Alonso traballa con sensacións, non con realidades obxectivas nin vista preseleccionadas", afirma nunha crítica o profesor universitario David Chao. Con reminiscencias a Turner, á estampa xaponesa e a fotografía, a pintura de Alonso é puramente íntima e emocional. Por iso, na nosa cita, afirmou sentirse 'exposta' na súas primeiras exposicións, dado que aqueles lenzos eran unha ventá á súa cabeza; a momentos e estados anímicos determinados. Agora, despois de máis de trinta inauguracións —desde Nova Iorque, Xenebra, Barcelona, a Galicia— xa está afeita.

"Ao principio non quería vender os cadros", comentoume mentres bebiamos unhas cervexas preto da Praza de Cervantes (nun bar claro, non na rúa). O afecto que lles tiña era demasiado grande —ao igual que a súa carga emocional—, como para permitir que un estraño os levase para a súa casa e os pendurase na súa parede. Eran como anacos da súa vida, expresións multi-significado que pasarían a decorar un lugar totalmente alleo ao útero que os creou.


Todo artista ama ou odia as súas obras. Han de ser unha mensaxe codificada verbo da súa visión do mundo. O artista, para Alonso, ha de plasmar o que sinte, pensa, ou o que a realidade lle transmite. Senón, convértese nun mero produtor, un marchante de produtos artísticos.

O mércores 5 de decembro poderedes e poderei ver as obras de Nandi en directo no Campus Stellae de Compostela baixo o nome de EfíMeRo, cunha parte de debuxo chamada cAliGrAFiA dE Lo EfíMeRo. Vai ser a miña primeira vez xa que polo de agora so puiden ver as obras por mediación electrónica. Así que ata entón, resérvome unha reflexión máis profunda. Déixovos unha mostra da súa obra, que, estrañamente, e tras a nosa conversa, sinto moi preto.


Corolario
Un síntese ben ao volver a escribir despois de tantos meses adicado a outras labores. Síntese mal, porén, por que desde a última publicación de culturadeseu, o xornalismo —como empresa, como traballo— viuse profundamente danado, e atravesa un proceso de erosión continua. Cada vez vólvese máis complicado vivir disto. Afortunadamente o xornalismo —como modo de entender a vida, como entidade metafísica— non deixa de cambiar e transformarse.
O malo é que ás veces os soños crean monstros. Pero para iso xa estamos eu, e tantos coma min, aquí, de volta ás trincheiras. 


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...