7.26.2014

Nin bolleras, nin vítimas

Protesta contra a visita papal en 2010.
Pagamos á policía para que restrinxa in situ a nosa capacidade de manifestación —performativa, se queren—, nun espazo que pretende ser público, pero que as veces semella un lugar de transición para os habitantes que circulan no día a día cara os seus traballos e obrigas, e un espazo de exposición para os turistas que todo o ven con ollos de neno pequeno, abraiados, pero que fan uso e desuso do lugar, coma quen merca un bono de spa.

O cinco de novembro houbo unha protesta na Alameda de Compostela, contra unha visita papal que ao final non cumpriu as expectativas de aforo. Tiveron que andar a correr á xente para que o percorrido non desmellorara na televisión (a realidade). Alí estiven eu, pouco afeito e dado a este tipo de accións. Levei a cámara, e a casualidade quixo que quedara doutro lado da barreira policial, xunto a un colega camarógrafo de EFE. A casualidade quixo tamén, que escoitase a un dos axentes establecendo o protocolo de actuación: «que no pasen las bolleras». Outra vez, a casualidade, ou a xustiza poética das rúas compostelás, quixo que pasara pola Porta Faxeira, unha muller co seu home, ambos os dous, paseando e collidos da man. Coma poden adiviñar, un axente parou á muller que era presunta culpábel de ser bollera, pois a pesares de ires co seu home ben agarrada, levaba o pelo curto (debe ser por iso que en Corea do Norte teñen un código pechado de peiteados). A indignación foi entendible, pero ao final a parella seguiu camiñando, coma se o chan que pisaban fora de libre acceso —cousa que evidentemente, non parecía ser—.  Logo de tan simpático episodio produciuse un estúpido corre que te pillo. Da nada, todo o mundo comezou a correr, eu quedei co cámara sen saber moi ben que estaba a pasar. Xente tirada. Mozos de azul pola zona vella que falaban coma se estiveran nunha operación encuberta en Faluya... un esperpento.


O mesmo esperpento que se tivo lugar o 24 de xullo, cando as asociacións de vítimas do accidente de Angrois non puideron acceder ao burato negro do Gaiás, xa que non quixeron seguirlle o xogo político a Feijóo, e non acudiron a obter medallóns, mentres seguían a pagar avogados privados para se defender e tratar de saber a verdade do sucedido contra avogados do Estado, que, casualmente, tamén pagan eles (todos).

Que non pasen nin bolleras, nin vítimas, nin todo aquel que nos vaia quedar mal na foto ou supoña un perigo para o statu quo. 

Na idade media os cabaleiros e campesiños non protestaban porque os seus señores vivisen rodeados de luxo, mentres tiveran para comer e vivir. E estes señores de agora parece que viven en Camelot.

162

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...