5.27.2012

Sangue de Cristo en lata de CocaCola


Español
Un vía crucis delimitado por unha sucesión de doces cunchas de vieira, ora de chocolate, ora de galleta; un colecta-esmolas que as presenta; un altar que as preside e un retablo que esconde unha torta de Santiago; todos coidadosamente tratados sobre madeira e rodeados por un halo de luz case mística. Son os elementos que forman Políptico. Un comentario sobre a posta en valor do patrimonio, a reflexión de Enrique Lista (1977, Malpica de Bergantiños) verbo do triángulo que forman o patrimonio cultural, o patrimonio gastronómico e a industria do turismo.


De como converter en 'líquido' o simbólico; da práctica que aplica criterios de rendibilidade reservados á produción industrial nun intento de transformar entidades metafísicas en merchandising; do sfumato derivado que se produce entre as barreiras que diferencian o cultural do industrial, o turístico do real; da creación dun parque temático que disfrazan de viaxe espiritual. Son algunhas das reflexións que se poden extraer de Políptico, unha exposición comisariada pola licenciada en Belas Artes e Humanidades, María Marco (1979, Vigo) e que foi o froito dun mestrado en Museoloxía e Crítica Contemporánea dependente do CGAC.


Viño de Misa nun garrafón
Con referencias implícitas, en forma e disposición, ao traballo de artistas coma Rirkrit Tiravanija, Vik Muniz, ou aos suízos Fischli & Weiss, esta mostra acollida na Zona 'C', representa cinicamente a liturxia católica. Durante o día inaugural e tras os discursos protocolarios, o artista, tras revelar a imaxe no retablo da torta de Santiago (que permanecera oculta durante o comezo da xornada), oficiou unha merenda cargada de ironía e reflexión ao deleitar aos asistentes, non só cos doces expostos en forma de cuncha, senón tamén cun auténtico Viño de Misa que, amosou, pódese adquirir por 25 euros (cinco litros) e vén nuns garrafóns de plástico; un exemplo que simboliza, ao meu parecer, o contedor industrial e comercial que garda o sagrado e ascético líquido que molla as 'ostias'. Podería ser como o sangue de Cristo nunha lata de CocaCola. Elemento a nivel micro que elevado á enésima potencia se mimetiza con outro paquete comercial como é o Xacobeo. A cidade como sangue sagrada; o Xacobeo, como lata de CocaCola.


Se ben estas últimas son reflexións propias, o artista Lista, que leva unha década compaxinando as Belas Artes co deseño publicitario, tamén mencionou o Ano Santo e as relacións establecidas entre o patrimonio cultural e o turismo. Non desmereceu nin atacou a industria turística como tal, mais considerou que nun intento de aplicar criterios de rendabilidade económica a bens inmateriais (e materiais) poderíamos crear unha tónica que, co paso do tempo, prexudicaría a creación artística e a propia herdanza cultural. Cuxo peso é difícil de medir en ouro, de non ser que se convertan en parte fundamental do espectáculo.


"Si llo pide o corpo"
Esta xornada gastronómica rematou no recentemente inaugurado Kunsthalle, nunha reflexión e anecdotario do artista verbo da comida, o seu simbolismo e os mitos que a rodean. A destacar unha das frases que a avoa de Lista e que co seu permiso e por afinidade, que non coherencia discursiva, menciono: ao ser ela preguntada pola homosexualidade dixo "si llo pide o corpo". Collan papel e lapis e apunten señores.

Agradecementos
Non quero rematar a entrada sen agradecer a Paula Iglesias a súa colaboración como fotógrafa de CULTURADESEU, e a hospitalidade e amabilidade de María Marco e de Enrique Lista de quen, en non moito, teredes máis información na rede coa publicación de Plétora, unha revista dixital, editada pola comisaria de Políptico, que terá unha entrada propia neste blogue e que se presentará no Furancho de Arte Contemporánea o 1 de Xuño.


5.23.2012

'Amando' e odiando a arte


A relación entre o artista e a súas creacións está determinada polo binomio do amor-odio e por unha loita constante, de varios frontes, que require ás veces o atrincheiramento. É unha dialéctica convulsa entre o autor e o lenzo en branco. Entre o autor e si mesmo. Entre o autor, a súa obra e o espectador. Entre intereses alleos á creación, presións, supervivencia, correntes de creación e a vida cotiá. O comer e o beber. As frustracións, complexos e contrariedades. 
Ter, polo tanto, acceso a unha exposición que repasa corenta anos da produción artística dunha mesma persoa é unha fiestra aberta de par en par á intimidade e devir do artista en cuestión, e, en consecuencia, un reflexo persoal do contexto da súa creación. Unha historia á que podemos acceder nas instalacións do Furancho de Arte Contemporánea de A Peregrina.


Dende as primeiras exposicións en 1976 na olívica Praza da Princesa, cun grupo de artistas cos que compartiu cartaz pero do que foi excluído posteriormente por ter un traballo non ligado á creación artística, Amando González (Vigo, 1951) leva máis de corenta anos dialogando e creando discurso artístico. As súas vacas son unha mostra sincopada de dous momentos persoais e temporais diferentes relatados polo uso da cor e a pincelada. Se ben na década dos oitenta estes vacúns realizados sobre os cartóns da enciclopedia Espasa, mostran experimentación, ilusión e un intento de expresión ordenada da psyché, as realizadas no 2011 mostran complexidade, hermetismo e a perda da inxenuidade. Son, ao meu parecer, o relato de dous momentos da historia: a efervescencia tras a represión e o escepticismo derivado da explosión da burbulla do benestar. Esta última fase ten a súa máxima expresión nos autorretratos situados no cubo branco do Furancho, catro obras moi persoais, situadas logo de dúas pinturas pertencentes á época na que Amando, tras cinco anos sen pintar, plasmaba o que vía pola fiestra.


Particular interese motivan os seus acrílicos con carbón vexetal sobre lenzo. O 'Por la mañana' que inclúe a súa recorrente taza de café, as mans do 'Saludo' e a 'Absolución', ou a cabeza cortada sobre un prato son os anacos da realidade vista por un Amando máis mozo; simples en forma pero complexos e cargados de significado.



Microfisuras e a liberdade de exposición
O compromiso de Amando por contribuír na creación de discurso artístico quedou comprobado con Microfisuras, unha revista-libro da que foi fundador e editor durante máis de cinco anos; un periplo ariscado que tivo que rematar lamentablemente pola falta de financiamento, e cuxa última edición, coma as vacas realizadas no 2011, está tinguida de negro, o chapapote da marea do Prestige. Vinte números que contaron con colaboradores coma Uxío Novoneyra, Raúl Eguizabal, Kevin Power, Jean Baudrillard, Francisco Jarauta, Ignacio Castro e tantos outros artistas e pensadores da nosa era.
Na mesma mesa onde se atopan os Microfisuras, poderemos recorrer coa axuda dos responsables do F.A.C. a biografía de Amando González. Os lugares nos que foi publicado e mencionado e aqueles que o ignoraron. Incluso hai unha axenda persoal cargada de debuxos, de anacos de intimidade.

Non me foi posible asistir ao día da inauguración por motivos laborais e polo tanto non puiden acudir á charla que deu in situ o propio artista, onde relatou os motivos polos que moitas das obras expostas foron creadas. Porén deixo aquí a miña impresión do que puiden ver grazas a hospitalidade dos peregrinos fac'ers.
Máis pezas forman parte desta sincopa das obras de Amando, como as fotos que foron proxectadas no remolque refrixerador situado no anaco de monte tras a casa d'A Peregrina; unha delas, segundo me dixo Ania González, mostra a Amando espido, no chan do seu estudio, rodeado de numerosos cadros de factura propia.
'Amando; A Pintura Toda; Unha Historia' foi parte dun dos F.A.C. Express, se o perdestes non vos queixedes, será por non vos ter avisado (colgarei máis fotos no facebook de culturadeseu). Porén este inusual furancho segue a ser unha cita ineludible para os que botan de menos a liberdade de exposición sen condicións.

5.16.2012

É un aveón? É Superman? Non, é El Pájaro.

Esta é a crónica dun concerto anunciado, que por desgraza non tivo toda a atención que se merecía. É a crónica verbo dunha noite máis en O Grove. Un venres cheo de música e de ledicia no Tórcete e Berra.
Un aveón (o que é meco para avión; "vas coma un aveón", por exemplo) pasou polo pobo. Era un superman da guitarra. Eran, mellor dito. Andrés Herrera e Raúl Fernández, a matriz que sostén Pájaro. 1200 quilómetros fixeron de estrada dende Sevilla.



Estes dous forasteiros anegaron o clube con música influenciada polo afastado oeste de factura italiana, un spaguetti western que a min, pola miña idade, me recordou a un tal Tarantino. A xeringas de adrenalina. A mulleres enfundadas en chándales amarelos, katanas e enfermeiras de parche no ollo. Rock and roll ao vivo coma non o escoitara antes nesta vila e tan só con dúas guitarras.


Nacidos no barrio sevillano de Parque Alcosa, Andrés Herrera (1963) e Raulito Fernández (1975) pertencen a dúas xeracións diferentes. Éste último, que comezou a tocar co maestro con 18 anos, é o fillo dun gran amigo de Herrera e o seu talento permitiulle facerlle de dobre en varias ocasións, cando Andrés non podía atender aos diversos grupos nos que tocaba.

Coma ben dixo André Sánchez, dono do Twist & Shout, Herrera é coñecido por ser "o que tocaba con..." pero dende que presentou o seu álbum Santa Leone no Monkey Week Festival, El Pájaro voa só con toda a forza e experiencia que este monstruo da música leva ás costas. Triana, Los Chanclas, Pata Negra, Brigada Ligera, Kiko Veneno, Silvio... son algunhas das bandas das que Andrés Herrera foi parte. Trinta e cinco anos acompañando levouno a buscar o seu propio son e o selo Happy Place Studio pariu un disco excelente que, segundo aseguraban Andrés e Raúl, foi practicamente composto, gravado e producido no estudio.


Perchè
Se eu fora experto en música podería sen dúbida valorar máis detallada e técnicamente este concerto, pero dende a miña humilde opinión diría que a actuación de Pájaro foi enorme. Foi directa, sen ornamentos innecesarios, íntima, intensa e chea de amor á música. Non me lembrei de lle preguntar ao señor Herrera perchè lle chaman El Pájaro. Pero penso que foi evidente, pois trinaba coma os paxaros que debe haber no Monte Parnaso do wild west.
A crise afectou e está a afectar á música ao vivo. Herrera, que leva toda a vida intentando sobrevivir desta arte, así o confirma, pois notaron unha baixada de actuacións nos últimos anos, o que está a dificultar seriamente a súa profesión.
Pájaro volverá a O Grove logo do verán coa banda ao completo. Promete ser incluso mellor do que foi. Se cadra ata vou a Sevilla antes. Todos os domingos están en La Caja Negra facendo unhas jam sessions acompañados de grandes músicos e coas portas abertas para que entre quen queira. Son a mostra de que na capital andaluza faise máis que adorar a Virxe do Rocío.

Aquí vos deixo un par de videos da actuación coma evidencia do sucedido. Sinto o da calidade pero foi improvisadamente gravado cun iMac. 

5.07.2012

Macarróns con caviar at the Beach

Español
"Somos do jrove" despedíase un dos integrantes de Los Thyssen mentres apuntaba co dedo índice á cámara de video. El, Raúl Rey Bea, coñecido como Motocross o muerte (que xa apareceu nas pinchadas durante o Rolling Over 2012) naceu n'O Grove en 1990, o mesmo que Mack Paramo (Martín González, 1991), e Pitu (1983) quen preferiu non dar o seu nome completo. Por orde tocan a batería, o baixo, e a guitarra e a voz. Eles definen o seu estilo como surf, rock 'n' roll, moita caña e distorsión. E gostan de comer uns bos macarróns con caviar e bechamel. Son o resultado de misturar os barrios mecos de Confín, Pardiñas e o Sineiro. Unha combinación explosiva. O seu nome naceu –afirmaron a este servidor mentres os chavales da produtora Equinocio lles realizaban unha entrevista– un día de esmorga, irónicamente din, polo seu amor a Tita Cervera e a súa familia.
Este grupo esquisito de pasta con ovos de esturión e queixo foi o primeiro prato da pasada noite do venres no Twist & Shout. Celebrado e ben dixerido semella que Los Thyssen –que naceron hai menos dun ano e xa estiveron no Liceo Mutante e na Botica Rock– seguirán con forza no futuro. Como segundo dish, aínda que non menos importante, foi o turno para os mallorquíns Beach Beach, catro insulares que non esquecerán a península de O Grove, e aos que nós tampouco esqueceremos, pois a cea, a velada, foi fantástica e durou ata altas horas da madrugada. Eles presentaron o seu álbum Tasteless Peace nunha xira que están a realizar pola Península Ibérica, conducidos polo que denominan o seu gurú particular e guía espiritual Pablo "Garrucha" Garrido (Barcelona, 1985) e que rematará en Las Palmas, non sen antes pasar polo Primavera Sound. Os seus integrantes, que deleitaron aos asistentes cun aire de praia que mestura o power pop dos 80's e o indie dos 70's son: Pau Riutort (1989) batería, voz e compositor; Tomeu Mulet (1987) baixo, voz e letras; Lluís Cabot (1990) guitarra; e Àngel Gareau (1991) coa batería.
O grupo naceu en 2006 e tras diversos cambios de estilo e integrantes evolucionou no que hoxe podemos escoitar en Tasteless Peace. Todos compaxinan a súa vida de músicos con outras profesións e estudos, pois vivir desto está reservado para poucos. Pau é xornalista, Tomeu deseñador gráfico, Àngel estuda belas artes e Lluís filosofía. Tíñanse que ir cedo logo de dar o concerto, pois debían devolver a furgoneta alugada en Barcelona. Pero o encanto d'O Grove fixo que este menda fóra antes ca eles a durmir. Dou fe de que foron ben atendidos, e non é por que sexa eu meco, algún deles me dixo que, de todos os lugares nos que estiveron, onde o mellor o pasaron foi nesta vila galega pois, palabras textuais, "o importante non é a cantidade [de público] senón a calidade".
Traballar no Twist & Shout estáme a ofrecer a posibilidade de cubrir os seus concertos. Pero non son voceiro exclusivo desta sala. Polo que se botades en falta videos co noso reporteiro picheleiro, ou algunha entrevista en profundidade, non vos preocupedes. Nas vindeiras semanas traballarei duro para ofrecervos o mellor da cultura alén da oficialidade. 
Español / English

5.01.2012

Deleuze era psicodélico


Tras o éxito do festival Rolling Over 2012, o Twist & Shout Clube –sito na península de O Grove– segue a meter ruido cada venres. A fin de semana pasada estiveron na sala dous grupos galegos emerxentes que se moven entre o rock instrumental, experimental, alternativo e psicodélico, pois non entenden de caixas denominadoras. As barreiras entre estilos musicais, coma entre xéneros literarios ou cinematográficos, dilúense cada vez máis, e este clube pretende coa súa programación abranguer todos os posibles. 
Deleuze formula a haecceidade coma un principio de individuación nun plano unívoco de inmanencia. Para Deleuze, as expresións singulares dun plano son haecceidades e están lonxe de representar unha cousa ou un obxecto, como suxire a partícula Heac do latín “esta cousa”. O principio de individuación é unha forma accidental máis que unha forma esencial. Isto quere dicir que un grao de calor… E poderiamos seguir así páxinas e páxinas, pero o tema que nos atinxe non é a concepción deleuziana de haecceidade. Non. É o grupo ourensán Haecceidad, que tomou este nome polo que representa (isto quere dicir que teredes que buscalo en google e facervos unha idea por vos mesmos). Foi composto hai menos dun ano e a súa liña sonora é se cadra más light que Lendrone, pero garda un punto de psicodelia moi interesante.
Xa estiveron en lugares como o Liceo Mutante ou Valladares e os chavales que o integran (todos eles de Ourense) son Jaime aka Jimmy el Anguila (1979) na batería e sintetizadores, Druso Elchiri (1989) na guitarra, Iván Septi (1982) no baixo, e nos sintetizadores e samples Marcos Suárez (1975). No seu concerto, que precedeu aos coruñeses Lendrone, presentaron ‘Recordad: Amohadilla y Epitafio’ gravado por Marcos Vázquez e masterizado por Dani Obenza.
Logo deles foi o turno para os integrantes de Lendrone, un grupo tamén de nova creación (setembro de 2010), que xa estiveron dando guerra por outros lares de Galicia e que chegaron ao Twist & Shout con moita enerxía –que durou toda a noite pois rematamos todos en Q3 facendo crowd crawlinge que ofreceron un interesante e intenso concerto que mantivo a atención dun fantástico público. O seu traballo UNO foi gravado en terras mecas en Círculo Polar Estudios, e inclúe temas como Canyonero ou Donbalón. Os integrantes, todos de A Coruña, son Andrés Satué (1986) na guitarra e sintetizadores, Juan Alvedro (1981), e Jorge García (1985) no baixo e sintetizadores. Ambos grupos (e desculpade se esta entrada se queda curta pero non puiden levar a cámara de video) son mostras de artistas galegos facendo nova música, experimental e interesante. A eles como a moitos outros non lles darán quizáis lugar nos top 10 dos 40, pero sempre terán sitio no Twist & Shout Club; algo que sen o afán dos seus responsables, non sería posible. 


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...