7.05.2014

"Sustituya esta línea por el coma"

141
Do que se pode considerar un detalle —unha simple mostra de que os obxectos que viven ao noso carón non teñen máis importancia cós que os movemos dun lado para outro—, torna sen querer nun evento, que á súa vez, acada un estatus de nimiedade cando a súa repetición o condena a ser normal. "Sustituya esta línea por el coma", podería ser un exemplo do discurso de semántica nula que practican con fervor os altofalantes do star-system político. Podería ser unha frase sen contido, coma as que cada día transmiten os altofalantes do star-system mediático. Podería ser parte desas conversas triviais que temos na barra dun bar, esperando a que a cervexa se acabe para pedir outra, e esperando a que saia o sol para saber cando hai que ir para casa, cando xa, un, non ten horario. Podería ser unha desas pintadas que ateigan as paredes desfavorecidas dalgunhas casas e edificios de cidades e vilas. Podería ser o título do último éxito dun grupo independente que realiza concertos nas salas de estar; ou a última película dun cineasta bébedo de creatividade, ou o nome dun cadro pendurado nalgunha estancia dun museo de arte contemporánea, ou o comezo dun relato de Nabokov traducido por un estudante de primeiro ano de ruso. Podería ser tantas cousas, pero só é o que escupe a máquina parásita da caixa rexistradora do pub no que traballo cada vez que o camareiro rexistra unha consumición. Tratei de buscarlle o significado, pero logo das cinco da mañá, os significados perden importancia; podería entón ser unha mostra de que a importancia non vén dada pola cousa en sí, senón pola forma en que a miramos. Podería.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...