Considero que ser fanático e ser escéptico son realidades opostas, de non ser, que falemos de fanatismo escéptico, ou dun escéptico fanático, aínda que en calquera caso, se produce un oxímoro, pois o fanático do escepticismo debe dubidar non só do seu fanatismo, mais tamén da súa condición escéptica. É aporía, pura e dura.
O 17 de novembro do 2012, tivo lugar en Santiago de Compostela, no piso baixo da Kunsthalle, taberna contemporánea, o primeiro encontro do Escépticos en el Pub, unha iniciativa impulsada por EEEP-Compostela, en base a unha idea que xurdiu en Londres en 1999, da man do doutor Scott Campbell, que pretendía xuntar nun pub a todo aquel que quixese achegarse para "aprender, cuestionar, discutir y pasar un buen rato, aplicando la razón, la ciencia, el espíritu crítico y la evidencia".
Os seguidores deste blog saben das antigas referencias e entradas aos escépticos. No segundo programa de radio de Culturadeseu tiven a oportunidade de falar cun dos organizadores das xornadas, Roberto Noya do Pazo, ao que podes escoitar en calquera momento premendo aquí; logo de asistir a comezos deste 2014, á exposición realizada polo antropólogo e investigador do CSIC, Felipe Criado Boado, parte do exposto sobre o Horizonte 2020 e a interacción entre a contorna e os habitantes quedou recollido no meu artigo, A Cidade da Cultura e o Horizonte 2020.
Pois ben, despois duns meses sen programación, volven á carga, cun peso pesado do escepticismo, o xornalista Luis Alfonso Gámez, traballador do diario El Correo, e condutor de Escépticos, unha serie da ETB da que afirman ser "la primera producción española de televisión dedicada a la promoción del pensamiento crítico", amais de ser o responsable de Magonia e autor de libros como La cara oculta del misterio (2010), e Crónicas de Magonia (2012). A cita terá lugar o venres 26 de este mes, coma de costume, na Kunsthalle de Compostela, e a súa visita leva por título ¿Hay alien ahí?, polo que non é complicado adiviñar cal vai ser o tema do que queren dubidar nesta ocasión.
Se nunca estivestes nunha destas exposicións ou charlas, e sodes adictos aos TED talks, non hai mellor maneira de gozar do comezo da fin de semana, aprendendo, cuestionando, e dubidando mentres tomas unha cervexa. Totalmente recomendable.
Coñecín a Cora Peña hai cousa dun ano.
Ambos acudiamos dúas veces á semana a un curso de inglés aplicado á industria audiovisual. Conforme as clases foron avanzando e os asistentes nos iamos coñecendo, soubemos que Cora pasara dous meses entre indíxenas awajún, na ribeira do Alto Marañón, no medio da Amazonía. Acompañada polo empresario galego Antonio Abreu —que perseguía o soño de atopar ao descendente do emigrante emprendedor Alfonso Graña— e traballando como muller-orquestra (direción, guión, montaxe, produción...) dentro do que ela mesma describe coma un trance que a axudou a superar a fame e a falta de soño, Cora deixouse levar pola historia dun pobo indíxena que leva anos loitando contra a cara máis cruel da globalización, e de forma maxistral, reuniuna e contouna no seu documental 'Apash, os de fóra'.
"[...] ao principio cría que ía ir máis a pola historia de Alfonso Graña, o suposto 'rei dos xíbaros' dos anos 30, aquel galego sorprendente. Logo, tras algúns meses investigando, convencinme de que a historia de Graña non só era carísima de documentar, tamén era obxecto de desexo doutro docu máis ou menos en marcha, e, para colmo, descubrín a situación explosiva que había naquel entón na Amazonía peruana. De súpeto, a cuestión indíxena e medioambiental era tan forte e tan apaixonante, que o demais quedou relegado."
Cun modesto investimento da Televisión de Galicia (que cubriu a rodaxe e a postprodución de son, e pouco máis) a directora embarcouse —xunto un sonidista peruano, o señor Abreu e un tradutor— nun periplo non exento de dificultades.
"Viaxar polo Alto Marañón é caro e complicado, hai só unha estrada en moi mal estado (a que aparece no documental) e logo están os ríos. Os ríos teñen días, digamos, pero as barquiñas sempre entrañan perigo. Énchenas demasiado e son fráxiles para esas correntes tan fortes. Navegar polos ríos é arriscado pero marabilloso, imaxina a beleza... Ás veces chove —ou diluvia— e hai que taparse con plásticos o corpo enteiro. Coma se as gotas de choiva che deran unha tunda e houbese que protexerse. Igualmente chegas esgotada ao porto, pero é así, parte do asunto."
Pero a comida, o frío/calor ou a necesidade de descansar nunha cama non foron os seus únicos problemas, pois debía encargarse da produción, de avanzar e modificar o guión, revisar as gravacións, cargar co equipo: "levábamos de todo: anti-mosquitos por litros, tendas e sacos, botas de auga, medicamentos específicos, comida, auga potable... e suma iso ao equipo de vídeo e son...", e ademais un ten que aprender a desenvolverse non só con tribos indíxenas (cuxa acollida do rodaxe do documental, neste caso, foi fantástica), senón con costumes e horarios que nada teñen que ver cós nosos; si é que existen:
"Producir nesa contorna sempre é complicado. Non existen horarios nin nada que se lle semelle. Dependes das improvisación propia e, sobre todo, allea. Porque non adoitan respectar os pequenos convenios da vida cotiá: quedamos con barqueiro ás 10 da mañá e aparece ás 6 da tarde para dicir que saiamos ao día seguinte. Hai que relaxarse e seguir aí, intentando, porque ao final conséguelo. Eu creo que resistín toda esa presión de traballo e responsabilidade porque estaba nun pouco en trance. Entre a beleza do lugar e a urxencia por contribuír a que siga existindo, estaba como nunha misión. E non podía fraquear."
É por iso que Cora, tanto cando a coñecín como na entrevista, fala da necesidade de contar cun bo produtor/a. A pesares de ser esta unha súa moi monopelícula, na que a voz en off en castelán do documental é a súa propia —pois quedou sen presuposto— ademais a súa montaxe, a súa dirección, o seu guión: "pero ter un produtor... que tesouro sería!(creo que escoito a todos os directores de documental de baixo presuposto suspirar comigo)." "A voz indíxena debe ser escoitada"
A historia dos awajún é, tristemente, un tópico. Ou así permanece no noso in-consciente. Escoitamos que están a esquilmar a Amazonía, o pulmón do planeta, que están a acabar cunha cultura, que lles están a arrebatar as súas casas, a súa contorna, a súa forma de vida a uns indíxenas xíbaros; que a industria madeireira, a petrolífera e gasística están a destruír, contaminar e minar un ecosistema de tremenda importancia, non só para os seus habitantes, senón para o resto do mundo... E sóanos a panxoliña de Greenpeace, a o delirio dun ecoloxista, a un ruído distante, coma cando nos falan do cambio climático, ou da caza de baleas.
Eu non os podo convencer da importancia de todo isto, pois, ao fin e ao cabo, eu non vivo na Amazonía, nin son un awajún. Pero por iso Cora fixo algo grandioso, que é traernos a voz indíxena, nun documental con testemuños de primeira man, implicados políticos, antropólogos, empresarios e veciños, que permiten ao espectador indentificarse coa historia, por moi lonxe que estea a ocorrer.
"Para min as satisfaccións deste proxecto foron de calquera natureza excepto económicas. Pero non me queixo, volveríao facer", confesa Cora. Tras a súa estrea, 'Apash, os de fóra', segue a aparecer de cando en cando nalgún festival; cos medios que están ao seu alcance, a súa directora segue a intentar difundilo para que o maior número de xente poida coñecer a historia dos awajún. Por iso un ano despois de coñecérmonos volvín falar con ela. Para que a coñezades, coñezades a súa historia e vexades o documental. Se estades en Santiago de Compostela, tedes unha cita o vindeiro xoves 14 de Marzo, no piso de abaixo do Kunsthalle (na Rúa da Conga, ao lado de Praza Quintana). Cora estará con nós, e veremos o documental a partires das 20.45. Vémonos alí.
Hai tempo que, os lectores máis perspicaces e asiduos, saben da miña vinculación co mundo da música nocturna coma pinchatunes-dejota residente no clube meco Twist & Shout. Outros, quizáis, tamén saiban que dun tempo a esta parte, se me relaciona con outros locais, desta vez composteláns, como o Kunsthalle, —onde entre outras cousas, tamén me poden atopar como english teacher cada martes, de 20.30 a 00.00 nos encontros de iThinkAboutEnglish—.
Carlos Montilla e David Barro, responsables do Kunsthalle, atenden ás televisións.
A razón desta entrada, para evitar rodeos, é a chamada 'Revolución' que deu comezo hoxe no devandito lugar de nome alemán. Unha taberna que se define na teoría e na praxis pola súa contemporaneidade, que pretende ser punto de encontro entre sinerxias de creación artística de diversa índole (ben sexa arte plástico, pictórico, culinario, performático, musical...), e que presenta este mes unha programación moi completa que inclúe concertos, encontros afterwork, foros disruptivos, entroido parties e maridaxes entre comida, música e creación artística.
Sashimi e tartar de xurelo maridados cun viño Ribeiro presidiron a rolda de prensa.
Os principais responsables desta revolución son David Barro e Carlos Montilla, ambos vinculados ao mundo da produción cultural, e Alén Tarrío, que se atopa ao mando dos fogóns. Na rolda de prensa que tivo lugar esta mañá do día 5 de febreiro, puidemos contemplar os traballos capturados en vídeo realizados pola artista visual e performerAna Gesto e a intervención nunha das paredes do Kunsthalle a cargo de Almudena Fernández Fariña (Vigo, 1970).
Almudena Fernández Fariña intervindo no espazo do Kunsthalle
iThink
É a "marca que trata de actuar globalmente dende o local a partir dun compromiso coa cultura e a sociedade e dun comportamento responsable". Este distintivo visibilízase a través de tres liñas de actuación que se retroalimentan: o espazo físico —Kunsthalle—, as redes sociais/Internet, e a terceira vía será proxectada na organización e na produción de eventos externos en diferentes cidades.
De esquerda a dereita: Almudena Fernández, Ana Gesto, Carlos Montilla e David Barro.
A máquinaria arrincará este mes co concerto do Ciclo Autorretratos,que organiza Desconcierto Cultural e que chega á súa terceira tempada con Kunsthalle como sede. Deste modo, o mércores día 6 será o turno de Ben & Bruno (Peter J. Brant), seguido o 19 de febreiro de Bird by Snow (Fletcher Tucker), mentres que pechará o 21 de marzo o ciclo coa banda Mist. O xoves 7 continuará unha exitosa proposta, a segunda das Nerd Nites (que comezou con esta taberna contemporánea como pioneira en España, en colaboración coa USC),ás 21 horas, e ao día seguinte —venres 8— promoveráse o primeiro Foro Disruptivo, onde profesionais de diferentes sectores culturais compartirán un encontro para promover a innovación no eido da cultura. O sábado 9 o protagonista será, como non, o entroido, cunha festa que xirará a redor do director de cine Quentin Tarantino, e das emblemáticas personaxes das dúas películas.
Os martes (teño que admitir que nisto imparcialidade hai pouca) a mellor forma de aprender inglés e coñecer xente, crear sinerxias e reconducir o karma, todo de balde, é asistir aos encontros de iThinkAboutEnglish, de 20.30 a 00.00. Alí estará Manu Tf (eu) de anfitrión, con debates, charlas e Quiz Time.
E que facer un xoves en Compostela? Pois o mellor é ir ata o Kunsthalle, onde eu (Manu Tf), outra vez, a partires do 14 de febreiro lles darei a mellor das acollidas nos encontros afterwork, no Piso 0. E para rematar este comezo revolucinario unha aposta musical moi interesante con Sethler o xoves 22, o alter-ego de Hugo Martín Cuervo, recoñecido no mundo da curtametraxe por ser o director máis novo nominado a un Goya.
Sen máis dilación, e esperando que a información lles resulte de interese (sen esquecer os agradecementos a Eliana pola claridade da súa nota de prensa), déixovos con 'Míranos' de Sethler.