Mostrando entradas con la etiqueta Pletora. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Pletora. Mostrar todas las entradas

12.02.2012

JALISIA FANECAS

Volver ao Furancho de Arte Contemporánea é sempre un pracer. É para culturadeseu un lugar recorrente, e ata un fetiche. As primeiras reportaxes tiveron lugar nesa casa situada a poucos quilómetros de Santiago de Compostela, en A Peregrina. Facelo, ademais, para cubrir unha exposición de Diego Vites, pecha un círculo, e abre camiño, nunha senda chea, agora, para o mundo da cultura, de minas anti-persoa.

'JALISIA FANECAS' ten moito que ver coa filosofía e razón de ser do FAC pois do mesmo modo que este espazo-proxecto artístico auto-xestionado pretende hospedar o excedente cultural (como o viño no furancho) que semella non ter cabida nos circuítos institucionais e comerciais da arte, a exposición de Vites quere chamar a atención verbo da numerosa produción artística de Galicia que permanece invisible, nun símil coa pesca de fanecas nunha sorte de abundancia desvalorizada. A gheada e o seseo, centran o foco sobre as diferentes formas de expresarse, lingüística e artisticamente falando, e como poden ser exlcuidas de determinados ámbitos pola condición minoritaria.


Con esta idea a súa caldeirada invadiu os espazos da casa d'A Peregrina: o galpón, o galiñeiro (ou cubo branco) e o remolque do bosque que vixía o furancho. Co fin de distribuír as súas obras conforme a unha coherencia conceptual, o artista traballou durante varios días para dividir a estancia principal en diferentes zonas; delimitadas ora con madeiras, ora con obras e lenzos, e inclusive con andamios de obra. Nun deles, como almeara, estiven eu de pinchatunes, amenizando a xornada, tirando fotografías, gravando o devir da tardiña, e comendo lacón.


A obra de Diego Vites presentada o pasado venres día 23 de novembro, que comprendía traballos realizados entre o 2008 e o 2012, e que estará exposta ata o 7 de decembro, non deixou impasible a ninguén. Entre as habilidades do autor atópase a de 'con-mover' ao espectador, ben polo abano cromático, ben pola pincelada, ou a agresividade que as figuras denotan en moitas ocasións.

Xogando cos significados e conceptos do que é ou non é arte, e interesado pola visibilidade e invisibilidade do autor nos lugares de (in)visibilización artística —un bo exemplo é a última creación denominada Ser Xesta, que cubrimos hai uns meses, e que tamén se pode atopar en Plétora— Vites creou unha obra para a ocasión, unha reminiscencia do efémero, onde parecía estar sentado nunha cadeira, nun recuncho da exposición, cuberto de follas secas de outono.

Formulada como un todo, nun percorrido pre-deseñado, a obra exposta desprende a personalidade do artista. Lenzos con debuxos de homes espidos dos que sae un terceiro brazo —detalle, o de modificar a naturalidade do corpo, por certo, presente en varias das obras—, cadros nos que se xoga co soporte, coa mobilidade da obra e o súa interacción co chan-parede, ou unha escada situada a carón dun palé sostido por barras de obra e atado á viga do propio edificio (para que o espectador puidese obter outra perspectiva da mostra), foron os elementos centrais situados no galpón. Ademais, na entrada ao galpón, nunha especie de túnel, tiñamos un televisor cun clip de video dun equipo de baseball amateur xaponés que, casualmente, se chama Vites.



NON TRABALLAR NUNCA
Eran as palabras que se lían nun cartaz que presidía o galpón, e que están relacionadas co Maio do 68 sobre unha pintada situacionista. Son, para o artista, un intento por reivindicar o traballo do creador, que se ben nalgúns círculos pode non ser considerado como traballo de verdade, se trata dunha tarefa continua de busca na expresión de ideas e emocións, que non comprende de horarios laborais, nin de necesidades fisiolóxicas. Xa non só ao falar do proceso interno de xestación da idea, mais tamén da propia execución da obra e posterior exposición e montaxe. Unha labor, que sen ironía, pode resultar esgotadora, debido a esixencia de abstracción, elaboración discursiva e posterior plasmación física e química.


En relación con aqueles traballos e creacións que non foron finalizados ou que nunca viron a luz por diversas razóns, Diego Vites instalou no cubo branco unha proxección de obras persoais, onde, entre outras, se podían ver os seus experimentos, cada vez máis recorrentes, con obxectos inchables e homages.


Nese lugar místico que é o remolque do bosque, puidemos asistir a unha montaxe de ramas e madeiros que semellaban arder de cando en cando, xa que unha máquina deixaba escapar golpes de fume. Unha metáfora, para Vites, sobre esa arte que non quenta, que só é fume. 

Corolario
Deixo fóra desta reportaxe máis reflexións sobre a exposición. Pero é que podería adicarlle horas á obra de Diego Vites. É que, cando un vai á exposición dun amigo, tende a deixarse levar. Admito pois a miña falta de imparcialidade. Pero non teño pretensións de ser obxectivo. Non podo. Pois non son obxecto, mais suxeito. O día que sexa obxectivo será —seguindo o razoamento— por que estou nunha caixa, no panteón familiar.
Si lles podo prometer, porén, que o dito (sic), desborda honestidade.

6.13.2012

Mutantes pletóricos + Bizarrada

Un proxecto auto-xestionado, libre, mutante e contemporáneo, que se suma a outros colectivos/publicacións/espazos que apostan ou representan a creación alternativa galega coma Alg-a Lab, FAC Peregrina, Summer Labs, El Halcón Milenario, ou Baleiro Lab; isto é Plétora, a revista dixital de arte contemporánea que naceu a comezos de Xuño e cuxa directora xa coñecedes de entradas anteriores: María Marco (1979, Vigo).


A palabra plétora como tal vén do grego πληθώρα, e hoxe en día (segundo a RAE) fai referencia ao exceso de sangue ou doutros líquidos orgánicos no corpo ou nunha parte del. É a abundancia en si mesma, e para María Marco pretende ser unha enerxía e un catalizador á vez. A enerxía é precisa para aguantar na rede e manter o proxecto. O catalizador quérese converter nunha ponte e nun punto de unión entre os creadores da escena contemporánea, xa non só galega, senón tamén máis aló das montañas e alén os mares.

Cholitas ás que lles vai a loita libre, xestas que cobran vida animada e visitan a Cidade da Cultura, cunchas de vieira moi doces, desexos de comunidade e alpinismo de trato máxico. Neste primeiro número de Plétora, ao que se lle adxudicou o 0, interveñen, por citar algúns: Vanesa Díaz Otero, Emanuela Saladini, Amaya González Reyes, Ania González, María Magán, Lois Patiño, Joan Morera...

Sairán ao ano tres edicións on-line, aínda que están a barallar a posibilidade de facer un número impreso anual. Será ista, a 0, a primeira que intentará ir, pouco a pouco, rematando coa falta de respecto que, segundo a directora Marco, se lle mostra na nosa sociedade á arte contemporánea; á que parece ser que aínda non se lle tomou de todo en serio, pois seguen a tratar o contemporáneo como mero produto anecdótico a mercé do mercado informativo, e sempre e cando se lle ocorra a alguén meter a Don Francisco Franco nunha neveira de Coca-Cola (¡viva Mediaset e a cultura casino!).

María Marco considera que esta minusvaloración da arte contemporánea se debe en parte a que en España saltáronse (por mor dunha ditadura, que non foi por antollo) moitas das fases precisas para chegar ao que hoxe se comprende coma arte contemporánea europea. "A arte tamén é educación", afirma a directora, "é arte relacional, de comunidade e de performance". Son, amongst otras, algunhas das claves de Plétora, que pretende saír da peza obxectual clásica, e amosar o que hai no outro lado, e facelo ademais en inglés, castelán e galego. Unha gozada.

Inauguración perdida
Por motivos laborais non puiden acudir á inauguración de Plétora o día 1 de Xuño no FAC Peregrina. Foi toda unha pena pois, ao parecer, asistiron todos, e máis, dos artistas e creadores que participan da primeira edición desta revista dixital; ata houbo unha actuación tremendamente interesante con Lúa Gándara (vestida de princesa), Juanma Lodo e Madamme Cell no que se deu en chamar Ópera Electrónica "Barroca" (que hai quen dixo que tiñan que ir de cabeza para o próximo Sónar).


Para que non vos enfadedes comigo por non ter documentos gráficos xa vos colguei as fotos que me pasaron os organizadores do debut e ademais, e como premio de consolación, subo un vídeo verbo da intervención de Diego Vites na Cidade da Cultura como "Ser Xesta" (cuxa crítica podedes atopar aquí). É unha bizarrada algo chapuceira (pola miña parte) pero quizais vos guste.


Abur. Stay tuned. 


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...