Mostrando entradas con la etiqueta investigación. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta investigación. Mostrar todas las entradas

2.17.2014

A Cidade da Cultura e o Horizonte 2020

004
A primeira vez que escoitei falar do Horizonte 2020 foi durante un congreso que tivo lugar en novembro do ano pasado, no Centro de Novas Tecnoloxías de Conxo. Era o Maritime and Innovation Brokerage Event e reunía a empresas de diferentes índoles pero relacionadas co mundo económico de base marítima, chegadas de todas as partes do mundo.

Nun dos relatorios (eu estaba alí traballando, non como parte interesada) repetían insistentemente horizon tuenituenti e falaban de millóns de euros, mentres relataban a importancia de satisfacer determinados requirimentos e de entregar e meet the requirements antes dun prazo determinado para poder acceder, o que eu ao final concluín, eran unhas suculentas subvencións en investigación.

Invadido pola curiosidade (esa droga que, con tanta cicloxénese, evita o meu ingreso nun sanatorio) indaguei —busquei en google...— que era aquilo do Horizon 2020, e resultou en tratarse dun programa da UE para a inversión en investigación e desenvolvemento (Research and Development) dotado de, nada máis e nada menos, 80.000 millóns de euros, que se executará durante os vindeiros sete anos.

Por casualidade (e motivación deste artigo), volvín topar co H2020 hai un par de semanas mentres asistía un venres a unha das reunións dos Escépticos en el Bar, no Kunshalle de Compostela.

D. Felipe Criado Boado en Escépticos en el Bar.
O invitado naquela ocasión era o arqueólogo Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias del Patrimonio, e profesor de investigación no CSIC. Cara o final da súa intervención, o doutor mostrounos un pdf onde a League of European Research Universities explicaba por que a "investigación en Ciencias Sociais e Humanidades, como disciplina académica que xera coñecemento novo e intrinsecamente valioso que pertence a todos os aspectos humanos do mundo, é de vital importancia para o futuro de Europa", e isto, en base aos seis retos sociais escollidos como máis relevantes polo programa Horizon 2020, resumidos en:
Saúde, cambio demográfico e benestar. 
Seguridade alimentaria, agricultura sostible e silvicultura. 
Enerxía limpa, segura e eficiente. 
Transporte intelixente, verde e integrado. 
Loita e adaptación ao cambio climático. 
Europa nun mundo cambiante —Cultura, identidade e cambio social. 
Sociedades seguras —Protexendo a liberdade e a seguridade dos cidadáns europeos.
Se ben isto formou parte do epílogo —e o profesor Criado considerou que amais de pór o foco na falta de atención relativa á patrimonio e herdanza cultural, deberiámonos preguntar quen marca estas liñas de actuación, e o porqué desa escolma, sobre todo a respecto da seguridade e protección da sociedade europea (amalgama cuxos integrantes non están hoxe en día ben claros)—, a exposición tratou sobre as súas pescudas verbo da relación entre os humanos e a contorna natural e arquitectónica que os rodea, e de como, en particular, os aimarás dunha parte do deserto de Atamaca en Chile, trataban aos outeiros e montañas da súa contorna como seres vivos, e do impacto que esta consideración tiña nas súas vidas, que en gran medida xiraban ao redor destes accidentes xeográficos, considerándoos como titores e protectores e aplicándolle toda sorte de calidades humanas.

Logo dunha exposición moi interesante (que me gustaría reproducir, pero non tomei notas, e non quero faltarlle á verdade,—podedes consultar na rede dous traballos relacionados coa intervención verbo de Chile e verbo do megalitismo no nordeste peninsular—) acabamos por falar na rolda de preguntas sobre a Catedral de Santiago, e de como ver a determinados elementos arquitectónicos como seres vivos (parte orgánica cuxo estado nos afecta aos habitantes adxacentes), e comprender a súa traxectoria vital pode axudar a entender problemas estruturais do edificio, amais de problemas sociais e políticos que poden derivar dun edificio tan omnipresente e simbólico na vida da cidade apostólica.

A este respecto, resultoume imposible non pensar na Cidade da Cultura, e do interesante que sería valorar o impacto que tivo e está a ter o mausoleo de Don Manuel, xa non só no maltratado tecido cultural galego, mais tamén na saúde da poboación desta parte da península. Agora, que o que conseguiron erguer xa está a ter problemas (en referencia aos pequenos desprendementos de pedra que tiveron lugar hai cousa dun mes, e a pingueira que aparece na biblioteca de cando en cando), cabe preguntar se poderá durar tanto anos como o apousento da suposta reliquia de Santiago, ou se teremos polo contrario que convencer a Bruxelas de que a inclúa no Horizonte 2020; quizáis aducindo que representa un perigo para a seguridade e liberdade do cidadán europeo.

2.14.2014

U-lo xornalismo de investigación?

001
Hai dúas semanas algúns dos lectores e subscritores da recentemente nacida Revista Luzes, congregámonos na libraría compostelá do Couceiro, por convocatoria dos seus responsables. Despois do repaso de rigor sobre os contidos do último número chegou a quenda das preguntas, e se ben a maioría foron loas, unha das asistentes queixouse da falta de xornalismo de investigación.

Xosé Manuel Pereiro, co-director de Luzes, tomou a palabra, e nun ambiente moi fraternal, confesou que, por moito que espremeran aos subscritores, non sería posible pagar un traballo xornalístico de investigación en condicións. "Menos, cando vas a Interviu e che pagan 1.500 euros", subliñou.


Carioca, Pokémon ou Gürtel, son nomes ben coñecidos. Pero ningunha destas tramas foron descubertas grazas ao xornalismo de investigación. Nos últimos anos, ou ben o traballo policial/xudicial é efectivo (o que non está de máis) ou se lles vai das mans aos delincuentes, ou ben hai alguén insatisfeito que quere tirar da manta:
José Luis Álvarez, el empresario asturiano que destapó el «caso Pokémon», continúa empeñado en tirar de la manta y sostiene que no va a «callarse nada» 
José Luis Peñas, exconcejal del PP en Majadahonda (Madrid), grabó secretamente conversaciones de Francisco Correa durante dos años.  Su denuncia dio origen al 'caso Gürtel'
Obviamente, temos máis exemplos de corruptelas (EREs, Nóos, Campeón, Bárcenas...), e se ben o traballo xornalístico pode axudar e axudou nos procesos de xulgamento dos culpables, non é unha parte determinante; publicar en portada uns papeis filtrados de forma exclusiva, non é xornalismo de investigación, é aproveitarse da conxuntura, para facer caixa.

Para empeorar a situación, son as propias empresas xornalísticas as que infravaloran o traballo do xornalista, xa sexa este de investigación ou de cobertura de zonas de conflito, ou simplemente de provincias. Ao respecto, conversaba a semana pasada cun importante fotógrafo galego que farto de que lle remaquearan en España a compra das súas fotografías (feitas en países en guerra, cunha alta probabilidade de ser secuestrado, ou morrer), vende a maior parte a diarios estranxeiros, que saben valorar o seu traballo, e non lle ofrecen unha miseria mentres o seu director xeral cobra trece millóns de euros anuais; ou mentres teñen a unha (unha soa!) correspondente traballando como freelance para toda África, á que nin lle remuneran as chamadas telefónicas internacionais.

Xornalismo en galego, e 2.0
David Lombao, director de Praza.com no Encontros 2.0 | Código Cero
Mais non todo está perdido, e a falta de cartos non é óbice para que se siga a practicar un xornalismo ético, honesto e de supervisión. Grazas ás novas tecnoloxías, (e sacrificando, por parte dos seus responsables moitas horas de tempo propio), medios como o Galicia Confidencial ou Praza Pública están a dar exemplo dun xornalismo de investigación a longo prazo, é dicir, fan unha labor de vixía dos estamentos públicos que, máis que necesaria, é fundamental. Son, como me dicía o xornalista Bru Rovira no 2006, a "mosca cojonera". Por que o traballo de periodista, é ese que todo o mundo critica, pero que ninguén quere facer, pois detrás de toda a pompa de catro pantalleiros que se alimentan de share, están o resto de persoas que deben cubrir sesións tediosas de control ao Parlamento e ao Congreso, xuízos escabrosos con familias destrozadas, miles de follas de sumarios xudiciais (que teñen que estar lidas para onte), eventos baleiros de contido patrocinados pola Consellería da Fraternidade, "convenios" con Deputacións, etc...

Mother Jones, verbo da austeridade nos EUA
As chaves para que o xornalismo poda actuar de forma independente e investigar viablemente, considero, que son aquelas que tratamos no primeiro dos Encontros 2.0 , e pasan por depender dunha publicidade selectiva non invasiva, o apoio dos lectores mediante doazóns e subscricións, o uso dos medios 2.0 para recadar informacións e actuar como supervisores do acontecer político, o crowdfunding e o coworking... Un exemplo paradigmático, e polo tanto a seguir, é para min a revista estadounidense Mother Jones. Este magazine, que comezou no 1976, caracterízase por publicar reportaxes de investigación minuciosas, que tratan tanto temas medio-ambientais, como alimentarios, políticos, económicos, sociais, científicos..., e depende de publicidade non invasiva —é dicir, son, polo menos no papel, empresas cuxos intereses comerciais non entran en conflito, nin realizan inxerencia algunha, nos contidos publicados—. Levo máis dun ano recibindo cada dous meses a revista na miña casa, e é unha desas lecturas que non te deixa impasible,  e que en certo modo, te leva a pensar que hai una alternativa, unha esperanza, e unha vía sustentable para o xornalismo de investigación e velaí para a profesión per se. 

Se á necesidade e predisposición de realizar xornalismo de investigación lle engadimos as novas tecnoloxías, a enorme cantidade de información á que podemos ter acceso (o que é, ao mesmo tempo, un pro e un contra), a labor que realizan organizacións como Wikileaks, e un hastío cada vez mais xeralizado cara uns medios de comunicación absortos na súa alter-realidade auto-feladora; pode, e digo, pode, que esteamos máis preto de deixar de gastármonos os cartos nas tendas de Inditex e comezar a invertir en investigación.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...