7.22.2014

Falar sen saber

158
Imaxínense que durante un mes, digamos, en xullo, entran vostedes nun supermercado, digamos X, a unha hora determinada, digamos catro da tarde, e sempre se sorprende da pouca xente que hai. Poñamos por caso, que este estabelecemento é moi grande, e nel traballan moitas persoas, e vostede, que unicamente vai mercar catro cousas, sempre se pregunta como pode un lugar coma ese, sobrevivir con tan pouca venda; e conforme á súa experiencia, (xa digo) localizada particularmente na mesma hora do día, e durante un tempo determinado, acaba por afirmar e convencerse de que non moi lonxe acabará o supermercado pechando por falta de clientes. E, por suposto, así, llo conta a amizades, amigos e estraños.

Vostede considera que ten unha información de primeira man, veraz, e correcta, froito da súa vivencia. Non obstante, unha tardiña, decide volver ao supermercado, pois decátase de que ao día seguinte é domingo, estará pechado, e precisa aceite de oliva. Para a súa sorpresa, o local está cheo de clientes, nenos, nenas, pais e nais e avós, e avoas, impedindo o paso, facendo ruído, e gastando cartos, no que vostede cría que era unha empresa a piques de crebar. E entón, non ten máis remedio que se desfacer das ideas que xa consolidara verbo do lugar, e asumir a súa estupidez, ao pensares que por ires durante un mes, media hora, todos os días, ao mesmo lugar, ía comprender a globalidade do asunto (the big picture, que din os ingleses) e ulteriormente, dita experiencia sería válida para formar un pensamento e un discurso que sería logo trasladado a todo aquel ou aquela que tivese a ben facerlle caso sen máis, sen investigar pola súa conta.

Saben que o texto, vai dun supermercado, e dunha análise empírica non metódica dun tempo concreto, nun lugar concreto, que non pode ser extrapolado, e en consecuencia usado como modelo de comprensión totalizador. Mais tamén, saben que na maioría dos temas que se discuten nos bares, nas casas, nos taxis, e na televisión, ocorre algo similar.

Todos falamos sen saber. Falamos sen saber de Israel, de Gaza, de Palestina, de Iraque, de Irán, pero tamén dos vaporizadores de tabaco, da toxicidade do plástico, do proceso de autodeterminación de Cataluña, da legalización da marihuana, da lei D'Hont, da homosexualidade, da transexualidade, da bisexualidade, do budismo e os libaneses, e inclusive de música, de literatura, de cinema, de medicamentos, de cocidos... E non é que só poidamos falar do que realmente sabemos, porque non sabemos realmente nada, mais, existe unha diferenza fundamental entre o que fala sen saber e saber máis non quere, e o que fala sen saber, pero coa intención de saber máis do que realmente non sabe, ou dito noutras palabras de saber non-saber.


No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...