12.10.2013

Outra televisión

Teño un problema coa televisión. Mais que coa televisión como plataforma, a televisión como formato comercial. A programación? Mellor non comentala. Os poucos contidos que poderían ser interesantes (e por suposto, hai algún salvable) vense abafados polas insercións publicitarias. Os debates, non son debates reais. Un non pode realizar un debate de forma seria se cando intenta desenvolver un tema o interrompe o moderador pola entrada dun espazo patrocinado pola multinacional X, ou —o que é peor— por un alarido populista dun compañeiro de mesa que só busca o aplauso dun público sen voz nin voto.

Esta escena de Black Mirror recorda inevitablemente ás paredes televisivas descritas por Bradbury en Fahrenheit 451.
Canto tardaremos en queimar libros?
Esta é a cultura casino na que estamos inseridos: prímanse os xogos onde a cualidade se ve asoballada pola velocidade e a cantidade. Asistimos cada día (dende o sofá) a debates (?) entre personaxes de dubidosa reputación cuxo único obxectivo é a busca da ovación fácil que se obtén mediante a mención de frases curtas, demagóxicas, superficiais e que, normalmente, se realizan nun volume de voz in crescendo. Moi en consonancia co discurso político de semántica nula que domina as tribunas ás que acceden deputadxs, conselleirxs, concelleirxs, presidentxs, etc... A forma toma control sobre o contido e escoitamos asercións baseadas en temas máis ou menos de actualidade, intelixibles para unha meirande parte da poboación e que acotío advirten dun perigo cuasi-inminente para a seguridade da cidadanía; isto é, o uso do medo.

Eis que onte —farto deste modelo desinformantivo—, sen querer, e logo de papar case dúas horas dunha película pasable de corte futurista e factura norteamericana, abrín o Facebook e atopeime cun vídeo de Galiza Ano Cero, verbo dun debate que tivo lugar no Culturgal a pasada semana. Nel interveñen: a crítica cultural Ania González (co-directora da revista dixital Plétora), Roi Fernández (de Extramuros, Espazo de Colisións Artísticas), Xabier Alonso (ex-director da Fundación Illa de San Simón) e Jose Manuel Sande (programador do CGAI) nunha conversa sobre: se a cultura e máis feble ca outros sectores (se está sendo maltratada pola administración), o sistema de axudas á creación e visibilización, a Cidade da Cultura (ese burato negro que enguliu as esperanzas de vida do tecido cultural galego) e a utilidade de foros como o Cuturgal.

Grosso modo, as diferentes intervencións permiten debullar a situación actual da creación artística galega, os seus problemas de subsistencia, precariedade, falta de apoio institucional, despotenciación; os erros cometidos por unha administración que non sabe ou non quere saber de xestión efectiva e profesional do eido cultural, a escena cultural galega, a súa situación e prospección de futuro...

O vídeo dura unha hora e vinte. Pero non é de consumición instantánea: poden paralo cando queiran, ir ao baño, ou ir traballar, ou ler un libro. Non está en alta definición, nin hai grandes focos, nin planos dende grúas; non sae Jordi Évole con Anxo Lorenzo, hai algo de background noise e as augas non están en copas; pero tampouco hai anuncios, nin absurdas intervencións de xente que non ten nin idea do que está a falar, nin un interese velado por vendernos algo ou facernos parvos.

É outra televisión.

12.03.2013

Cantas negras vale unha branca ou a importancia do contexto

Xuntar nunha semana un congreso sobre transporte marítimo internacional, un retablo do século XVII cuberto de confetti na mostra remembers de Procesalia 2013; enterarse de que na Cidade da Cultura seguen whenyouliveincompostela.com, pero ninguén chiou cando a puxen de mausoleo ao fraguismo no artigo sobre Gallaecia Petrea; organizar o primeiro Encontro 2.0 días antes de comezar o Culturgal en Pontevedra, e coincidir este último cunha Feira (Cuarto Público) de arte contemporánea exposta en Compostela, compartimentada nas habitacións dun hotel NH; misturalo todo, remexelo, deixalo reposar uns días engadíndolle ao final a presentación dun libro de Xosé Manuel Beiras que leva por título Exhortación á desobediencia, debería dar, polo menos, para escribir cinco ou seis artigos.

Xogando a esa popular aplicación de smartphone na que respondes a preguntas triviais, saltou unha que rezaba tal que así "¿Cuantas negras vale una blanca?", e levaba un apelido "música". A enorme relevancia que gardaba esa connotación valeume, non para acertar, pero si para saber polo menos cal era o sentido da cuestión, ergo, a importancia do contexto. Pois non é o mesmo que a presentación do libro do líder de AGE tivera lugar no aseo da habitación dunha cadea hostaleira, en lugar da libraría Couceiro, ou que a exposición de re-lectura comisariada por Monste Cea se tivese celebrado no auditorio do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, mentres metían a douscentos empresarios e empresarias do sector naval entre os retablos da Igrexa da USC (con órgano de fondo incluído) bebendo cervexa Peregrina.

Obviamente o contexto conta. Non é o mesmo facer unha feira de arte contemporánea nun pazo, que nun recinto feiral, ou que nun hotel. É mais, non é o mesmo facer unha feira de gando que facer unha feira de arte, que facer unha feira de artesanía. E non é mesmo (e desculpen que xa parezo Alejandro Sanz) vender cadros que vender chourizos; nin é o mesmo que en Madrid o Centro Nacional Reina Sofía colabore coa Fundación de los Comunes na busca dunha nova forma de institucionalidade, mentres aquí unha cadea de supermercados e unha empresa autobusística forman parte dun Padroado que sustenta unha Fundación que financia un proxecto que semella esquecer a importancia do seu contexto inmediato.

Consumir cultura
Co gallo dos recortes producidos a causa da crise económica froito do crash financieiro e inmobiliario (2007-?), e a base de repetir mil veces a mesma falacia, temos todos no miolo que a cultura non é máis ca un parásito que chucha egoístamente das arcas públicas; por iso, dentro dunha sociedade post-post, individualista, pragmática e consumista, a única (?) alternativa para a subsistencia da creación cultural e/ou artística é tratala como industria —kulturindustrie que dirían Adorno e Horkheimer—. Pertence a unha necesidade de clase superior na pirámide de Maslow que podemos deixar ao garete nas augas do mercado neoliberal; xa logo a cultura adquirirá unha forma adecuada para sobrevivir: digamos, por exemplo, unha feira.

Zygmunt Bauman, que admite e considera necesaria a relación amor-odio que sempre se produxo entre os creadores culturais e os xestores e administradores do Establishment, opina:
«Os que son autenticamente novidosos son os criterios que os administradores de hoxe, no seu novo rol de axentes das forzas do mercado máis que dos poderes estatais de construción nacional, implantan para avaliar, auditar, supervisar, xulgar, censurar, recompensar e castigar aos seus pupilos. Naturalmente, son criterios de mercado de consumo que reflicten unha preferencia fixa polo consumo, a gratificación e a rendibilidade instantáneos. Un mercado de consumo que atendese necesidades a longo prazo (por non falar xa de eternidade) sería un contrasentido.» (Mundo Consumo, 2008)




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...