Mostrando entradas con la etiqueta ETB. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ETB. Mostrar todas las entradas

9.09.2014

«¿Hay alien ahí?» Volven os Escépticos

Considero que ser fanático e ser escéptico son realidades opostas, de non ser, que falemos de fanatismo escéptico, ou dun escéptico fanático, aínda que en calquera caso, se produce un oxímoro, pois o fanático do escepticismo debe dubidar non só do seu fanatismo, mais tamén da súa condición escéptica. É aporía, pura e dura.

O 17 de novembro do 2012, tivo lugar en Santiago de Compostela, no piso baixo da Kunsthalle, taberna contemporánea, o primeiro encontro do Escépticos en el Pub, unha iniciativa impulsada por EEEP-Compostela, en base a unha idea que xurdiu en Londres en 1999, da man do doutor Scott Campbell, que pretendía xuntar nun pub a todo aquel que quixese achegarse para "aprender, cuestionar, discutir y pasar un buen rato, aplicando la razón, la ciencia, el espíritu crítico y la evidencia".

Os seguidores deste blog saben das antigas referencias e entradas aos escépticos. No segundo programa de radio de Culturadeseu tiven a oportunidade de falar cun dos organizadores das xornadas, Roberto Noya do Pazo, ao que podes escoitar en calquera momento premendo aquí; logo de asistir a comezos deste 2014, á exposición realizada polo antropólogo e investigador do CSIC, Felipe Criado Boado, parte do exposto sobre o Horizonte 2020 e a interacción entre a contorna e os habitantes quedou recollido no meu artigo, A Cidade da Cultura e o Horizonte 2020.

Pois ben, despois duns meses sen programación, volven á carga, cun peso pesado do escepticismo, o xornalista Luis Alfonso Gámez, traballador do diario El Correo, e condutor de Escépticos, unha serie da ETB da que afirman ser "la primera producción española de televisión dedicada a la promoción del pensamiento crítico", amais de ser o responsable de Magonia e autor de libros como La cara oculta del misterio (2010), e Crónicas de Magonia (2012). A cita terá lugar o venres 26 de este mes, coma de costume, na Kunsthalle de Compostela, e a súa visita leva por título ¿Hay alien ahí?, polo que non é complicado adiviñar cal vai ser o tema do que queren dubidar nesta ocasión. 

Se nunca estivestes nunha destas exposicións ou charlas, e sodes adictos aos TED talks, non hai mellor maneira de gozar do comezo da fin de semana, aprendendo, cuestionando, e dubidando mentres tomas unha cervexa. Totalmente recomendable.

4.20.2014

U-lo cinema queer galego? (I)

065
O primeiro achegamento teórico ao queer cinema realiceino mentres estudaba cunha bolsa Erasmus, na Southampton Solent University. Dentro do meu acordo académico puiden cursar unha materia denominada Gender and Sex on the Screen (Xénero e Sexo na Pantalla) que en lugar de avaliarnos cun exame, nos pedía un ensaio final verbo dalgunha das temáticas tratadas durante as leccións; o meu traballo centrouse no tratamento da homosexualidade no cinema. Grazas a este paper puiden adicar moitas horas ao visionado de películas incluídas na categoría queer, e ler a varios autores que reflexionaban sobre as mesmas e a súa transcendencia e relación co que se veñen chamar contidos LGTB.

Dende aquel ano, o 2009, antes do mesmo, e até hoxe en día, podo asegurar ter visto máis de trinta películas de temática queer, e elas son motivo e escusa deste artigo, mais, antes de nada, deberíamos reparar primeiro no significado de queer, e logo no seu sentido xunto coa sétima arte.

A etimoloxía da palabra non está moi clara e considérase que puido vir do escocés ou do baixo alemán (o dialecto de Brunswick) aínda que en ambos casos refírese a unha desviación ou rareza. Na actualidade o termo pode usarse para denominar accións, suxeitos, contidos, discursos... que estean relacionados con todas aquelas formas de sexualidade que se desvíen da heteronorma. O termo xunto ao cinema denomina unha categoría moi ampla de películas que tratan a identidade de xénero, a homofobia, a transfobia, a violencia sexual, ou as relacións non heteronormativas. Non se debe confundir coa teoría queer, e o activismo queer, pois non todas as películas que se analizan dentro da categoría fílmica queer poden ser adscritas aos preceptos da mesma —baseados estes na idea de que os xéneros, as identidades sexuais e as orientacións sexuais das persoas son unha construción e que polo tanto non están esencial e bioloxicamente inscritas na natureza humana, senón que se trata de formas socialmente variables—.

Comprendendo isto, hai cousa dun par de semanas, decateime de que durante os últimos seis ou sete anos, estivera a ver numerosos filmes de contido queer (perdoen a repetición pero non hai sinónimos) cuxa procedencia era rica e variada; así recordo ver películas inglesas, alemás, francesas, tailandesas, xaponesas, catalás, vascas, españolas, estadounidenses, canadenses, arxentinas, mexicanas, peruanas, polacas... mais, e hete aquí la cuestión, pensei: u-lo cinema queer galego? 


Fotograma de Días de Voda, 2002, de Juan Pinzás.
Con esta pregunta comezou o meu periplo en busca de respostas. O primeiro que atopei foi un libro do inglés Christopher Perriam, denominado Spanish Queer Cinema (2013), onde citaba a triloxía rodada por Juan Pinzás acorde as normas do Dogma 95, que tiña como fío condutor e personaxe principal a Rosendo, un escritor homosexual, interpretado en galego por Monti Castiñeiras nas dúas primeiras películas (Era outra vez, 2000, e Días de voda, 2002) e castelán por Javier Bardem na última (El desenlace, 2003).

Segundo Perriam, que cita a Ryan Prout, quen non só analiza a parte de xénero máis tamén a realidade sociolingüística (Speaking Up/Coming Out: Regions of Authenticity in Juan Pinzás’s Gay Galician Dogma Trilogy, 2010):
«A triloxía está 'estruturada arredor da epistemoloxía do armario' (79), non só sexual mais tamén lingüística e culturalmente. A primeira película 'suxire paridade entre a visible asunción da identidade homosexual e a audibilidade no espazo público do idioma galego' (84); a segunda liga o reto contra a heteronormatividade co reto á visión tradicional da cultura galega; e na terceira Rosendo (...) aceptou que estaba a vivir unha mentira nun matrimonio heterosexual e que (...) saíu do armario pero metérono de volta ao armario do bilingüismo' (85). Como Prout observa no cambio para deixar o galego atrás na última película —en parte debido a problemas de calendario pero en definitiva destacable— 'semella que un home gay que fala en galego non pode cruzar [o limiar do armario] sen tornar ao castelán' (85).»
 (p. 31, 2013)
Gustaríame destacar que maior parte da pouca información que atopei até o momento foi a través destes dous autores (Perriam e Prout) ambos do Reino Unido. Na miña procura na Internet cheguei tamén ata Roberto Castón, un director de cine nacido en A Coruña no 73, que filmou Ander (2013), unha historia que narra unha relación homosexual entre dous homes no mundo rural do País Vasco, mais que foi rodada en euskera e castelán, e producida por Berdindu e a ETB; xa que logo, e no meu intento por atopar filmes de contido non heteronormativo producidos en Galicia, non a poderíamos considerar como cinema queer galego.

Eu non desisto nesta empresa, a pesares de que non é doado atopar o que quizais non exista. Porén xa estou a buscar conexións entre amigos e coñecidos, digamos que estou a activar a miña rede de fontes. Por iso, este é o primeiro artigo, dunha serie, na busca do cinema queer galego, e calquera suxestión será benvida.








Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...