Mostrando entradas con la etiqueta Plan de Rescate. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Plan de Rescate. Mostrar todas las entradas

1.26.2013

Plan de Rescate (III) de 'Compro e Vendo Sangue' a 'S/T'

Esta será a terceira e derradeira reportaxe sobre a exposición 'Plan de Rescate' que tivo lugar no espazo comercial eLEFANTE330, en A Coruña, o mes pasado. Co fin de evitar unha sorte de cadáver exquisito recomendo a lectura das entradas anteriores (I e II).


Sen máis dilación procederemos a mercar e vender sangue.

Compro e vendo sangue
É o título da obra que presentou Edu Valiña (Lugo, 1972) —actualmente técnico especialista en actividades culturais e didácticas na Fundación Granell—, na one day exhibition comisariada por María Marco. Consistente na documentación dunha acción, mostra en diversas fotografías o movemento da bandeira de España, deteriorada polo vento e as inclemencias do tempo, situada nun mastro no balcón dun concello do sur de Lugo.


Segundo o artista, a peza está relacionada coa identidade e o contexto, o título alude "ao persoal, neste caso aos homes-anuncio que se atopan no centro das cidades, anunciando a compra e a venda de ouro". "O símbolo nacional representa a sangue e o ouro, por iso a peza xoga co espectador para formularlle a pregunta: canto custa o teu sangue?"

A coherencia coa liña temática de 'Plan de Rescate' xustifícase coa situación que pretende conceptualizar a obra verbo do momento vital de moitos individuos que repensan o prezo da vida ante unha situación económica en extremo desfavorable; acentuada "polo excesivo bombardeo mediático de coacción do individuo nun contexto de crise global". Esta peza, afirma Valiña, "quere por en solfa ata que punto a crise económica está ligada con outros conceptos relacionados coa identidade e a propia concepción de país."

Che, grosso modo
Nunha das paredes situadas máis preto da entrada/saída do eLEFANTE330 permanecían encolados tres cartaces baixo o título A. grosso modo (en relación a unha publicación homónima). Segundo o autor, Misha Bies Golas, trátase dun panfleto en forma de rolo que contén 50 láminas de diferentes formatos e un paquete de cola para papel de parede, e que versan sobre "a xuventude rebelde, o problema das drogas e a crise de valores".


A obra pódese entender como a continuación doutra publicación sobre a crise de fe titulada A modo de conclusión, onde Bies traballa a partires da reapropiación de imaxes preexistentes outorgándolles un novo sentido crítico analizando a idea da morte de Deus, ou cuestións como "o sometemento á certeza dos propios valores".

Coreando o 15M
Seguindo o fío condutor que ten a crise económica como background expositivo, Marco Godoy (1986, Madrid) presentou a gravación da actuación do coro 'La Solfónica', titulada como Reclamar el eco. O proxecto pon en circulación as consignas que quedaron rexistradas nos cartaces e audios durante as acampadas españolas.


"Nesta ocasión, as frases que foron entoadas nas manifestacións son reproducidas harmonicamente por un coro de voces", son descontextualizadas e recontextualizadas no marco da exposición de 'Plan de rescate', fóra do seu ámbito habitual. Ademais da obra de Godoy que foi reproducida no eLEFANTE330, o coro 'Ludus Tonalis' realizou unha performance o día da inauguración na praza de Lugo de A Coruña

Infancia, peregrinación, defensa, cañón 
A contribución en fotografía correu a cargo de Juan Adrio (Pontevedra, 1971) e Vanesa Díez (Vigo, 1975) na forma de imaxe en branco e negro, —árida, taponada— titulada S/T (Apología de la infancia). 


Héctor Barrios por outra banda presentou un documento audiovisual denominado Peregrinación, José Manuel Vidal un Cañón dourado (máis información nuns días) e o Proxecto Socheo participou cun vídeo rescatado do esquecemento denominado Defensa da flota guardesa trala exclusión dos caladoiros protugueses. 




Trátase "da película da xornada de mobilización convocada pola Unión Sindical Local e CC.OO.-Comisións Mariñeiras contra a administración central española de Adolfo Súarez pola aplicación por parte de Portugal da protección dos seus caladoiros, de tal xeito que á flota de A Guarda, que viña faenando na plataforma continental de Portugal, tivo que deixar de facelo e a partires diso, saír á procura de novos caladoiros, no banco canario sahariano."

Sustento artificial
O artista Jorge Perianes (Ourense, 1974) fixo gala da súa capacidade para atraer a atención do espectador mediante a intervención no espazo cunha viga de metal (propias das obras, de construción) que sostiña unha pedra, aparentemente real e pesada, contra o teito do lugar de exposición. Segundo se afirma na reseña sobre a intervención realizada no pub Kunsthalle en Santiago de Compostela:
"Perianes traballa no espazo coma se fose un campo de minas. As súas esculturas-instalacións desvían a atención do espectador dos aspectos simplemente figurativos e aparentemente cómodos das súas imaxes cara unha idea de intervención como accidente, como trampa, como método de suspicacia ante a apariencia do real. O obxecto vólvese vital mentres asiste á representación do cotiá nun espazo escénico e teatral". 
Se ben non tiven ocasión de discutilo co artista, permítanme apreciar que a viga podería ser o home-muller contemporáneo que sustenta ao burócrata atemporal-pétreo, que deixou de ser animal político-social nalgún momento da historia, pero que deixou a pel de cordeiro posta. Hai tempo que se descubriu a fraude pero seguimos a sustentar o peso falso, por inercia.

Corolario (sic)
Hai máis dun mes que tivo lugar 'Plan de Rescate'. Comezou a primeira reportaxe no 2012 e remata agora, cando xaneiro xa cheira a poalla. Foi a miña intención dar pábulo do acontecido no eLEFANTE330 e deixar este e-documento como testemuño do mesmo.

Narra Fernando Savater na súa última novela, Los invitados de la princesa, como unha nai fala co seu irmán, preocupada por que a súa filla pasa demasiado tempo na Internet (a tradución é miña):
—Pero, por favor, Andrés, se viras esas páxinas da rede nas que pasa hora tras hora...
—Non me digas que a rastrexas ata o punto de meterte tras dela en pantanos virtuais?
—Só en sitios correntes, como Twitter ou Facebook, xa sabes, para facerme unha idea.
—Non os coñezo, só entro nos sitios da miña especialidade. Atopaches moita pornografía, irmanciña?
—Peor: moita estupidez.
Pola miña parte, aquí seguiremos, equilibrando a balanza.

1.04.2013

Plan de Rescate (II) de 'El Ocaso de los Estados Nación' a 'La Rebelión de los Polígonos'

Esta é a segunda reportaxe sobre a exposición 'Plan de Rescate' que tivo lugar no espazo comercial eLEFANTE330, en A Coruña, o 14 de decembro.
Se ben na primeira das entradas sobre esta one day exhibition demos comezo citando unha obra de Susan Sontag verbo da interpretación (Contra la interpretación...) paréceme axeitado, debido á temática da mostra, comezar, desta vez, cun pouco de economía:
"A pouco que reflexionen sobre o tema, moitos economistas consideran a Gran Depresión dos anos trinta como unha traxedia gratuíta e innecesaria. Só con que Herbert Hoover non intentara equilibrar o presuposto ante unha depresión económica; só con que a Reserva Federal non defendera o patrón ouro a costa da economía interna; só con que os funcionarios subministraran liquidez aos bancos ameazados, calmando deste modo o pánico bancario que se produciu en 1930-1931; entón, a crise da Bolsa en 1929 só tería ocasionado unha recesión corrente, que se podería ter esquecido cedo. E como os economistas e os responsables da política aprenderon a lección —ningún secretario do Tesouro moderno repetiría a famosa recomendación de Andrew Mellon, de «liquidar o traballo, liquidar as existencias, liquidar aos granxeiros, liquidar a propiedade inmobiliaria... eliminar a podremia do sistema»—, nunca volverá suceder algo semellante á Gran Depresión.
¿Ou si?"
Desta forma comeza o premio Nobel Paul Krugman El retorno de la economía de la depresión y la crisis actual, onde repasa nun rexistro divulgativo as maiores crises económicas do século pasado, ata chegar á nosa crise actual, reflexionando sobre as súas causas, consecuencias, e sobre a pertinencia ou obsolescencia do modelo produtivo capitalista.


Virus, parqué, nación
No contexto deste paradigma foi creado PSJM, o equipo artístico formado por Pablo San José (Mieres, 1969) e Cynthia Viera (Las Palmas, 1973) que opera desde Berlín como marca comercial de arte última e que presentou no eLEFANTE330 a súa obra en forma de vídeo El ocaso de los Estados Nación. Unha crítica á voracidade da economía financeira onde os logos das empresas que cotizan nas Bolsas máis influíntes do mundo comen, como unha sorte de virus informático, as bandeiras de diferentes países coma EUA, España, ou Xapón.


Interesados polos temas relacionados coa imaxe de marca, o mercadeo (marketing) ou a arte como mercadoría, PSJM conta con proxectos coma MARX® —reseñado polo xornalista e escritor Vicente Verdú aquí— e consideran que "o artista é a marca, a obra é o produto"; aínda que non quere isto dicir que se supedite a creación ao modelo produtivo mercantil como constata José María Durán, doutor en Historia da Arte Moderna e Contemporánea, no seu ensaio PSJM: Sobre los procesos de trabajo y arte en el capitalismo:
"(...) unha cousa é que o capital intente reorganizar a arte baixo o mando dos seus procesos de valoración e sobre todo baixo as leis do mercado, como constata Negri, outra moi distinta é que a arte busque directamente e sen reparos organizarse dunha forma na que asume polo menos dun xeito simbólico ou na superficie a forma na que o capital organiza o traballo. Neste sentido deberiámonos de fixar nunha afirmación que PSJM repiten con certa frecuencia: «esforzámonos por xerar simulacros, non parodias»." (texto completo)
Made in
José Andrés Santiago Iglesias presentou en 'Plan de Rescate' unha serie de obras pertencentes ao seu Made in, onde podiamos ver as versións de China, Japan, USA, e Spain. Por orde, presentaba unhas impresións en papel washi de 70 gr/m2 dun billete de 10.000 iuans chinos, unha figura de origami (unha grulla ou grúa), un dólar estadounidense e un billete de 1.000 pesetas dobrado varias veces, cun billete de 500 euros en forma de barquiño enriba.


Un interese especial é o que profesa o artista —doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo— pola cultura xaponesa, xa por iso a súa tese versa sobre La viñeta Japonesa. Del Cuadro Flotante al Tebeo Manga, cualificada ademais con cum laude por unanimidade. Dende o 2005 pertence e traballa no grupo de investigación I+D dx5 - digital & graphic art research, co-dirixido por Ana Soler Baena e Kako Castro Muñiz. É autor dos libros Manga. Del cuadro flotante a la viñeta japonesa (2010) e A Ding in Japan (2008) e a súa obra está recollida en numerosos catálogos, así coma en diferentes publicacións artísticas tales como The Print Factory 1 (máis información aquí).

Especulación urbartística
O artista Jacobo Bugarín (1983, Santiago de Compostela) presentou un documento, titulado como obra Derecho a la especulación. Presupuesto para el desarrollo de concepto del local comercial eLEFANTE330, onde se detallan brevemente os aspectos precisos para o desenvolvemento dunha idea —e plasmación en maqueta ou render da mesma— que ten por obxectivo o acondicionamento e aproveitamento do local comercial onde tivo lugar a mostra. Deste xeito o artista remite á dirección do eLEFANTE330 unha proposta especulativa que ten en conta a fase intelectual e conceptual onde se reflicte a cantidade de cartos precisos para ser levada a cabo.

Se ben podía non ser a intención do artista, tamén remite e critica —e no gremio xornalístico e publicitario sábese, sobre todo no plano amateur— a enganosa impresión, ás veces moi estendida, de que o traballo intelectual, o consello artístico/creativo/mercantil de imaxe de marca, de produto vendible, de deseño gráfico... por non ser facilmente valorable/medible (en canto en tanto non é traballo «físico») é normalmente mal pagado, ou non pagado en absoluto.

Doña Sofía 
Tomando o graffiti como forma de expresión o artista Joan Morera Arbones (Vigo, 1984) realizou unha peza ex profeso para a exposición no eLEFANTE330, denominada Sofía, e pertencente a unha serie aínda en produción. A obra recodifica (traduce, e por iso, interpreta) a signatura da súa Real Maxestade a Raíña Doña Sofía, como tag de rúa con aerosol, nunha busca dos "límites da representación e o paradoxo da imaxe dende o seu uso, función social, e contido simbólico".


O artista adoita traballar con documentos que posteriormente reproduce de forma manual, coma na serie The Spanish Earth onde da conta da paisaxe do Estado español con publicacións en 3D do Boletín Oficial do Estado verbo da disposición do territorio. En particular, segundo Morera, Sofía "relaciona a tradición pictórica da Pintura Mural e do Graffiti coas formas oficiais de representación do poder e construción da memoria", e é a signatura dunha raíña "nun país cheo de contradicións históricas onde a monarquía é o paradigma da estatuaria vivinte contemporánea e a democracia unha performance, ou quizais xa unha flashmob, cuatrienal". "Cando a «realidade» supera á ficción, o espazo expositivo concibido para a arte queda obsoleto".

Ícaro
Conta o mito grego que Dédalo, coa intención de escapar da illa de Creta e do rei Minos, conseguiu fabricar un par de ás para el, e outro para o seu fillo Ícaro. Algunhas plumas ían ancoradas con fíos, pero outras, as máis pequenas, xuntounas con cera. Cando os aparellos estaban rematados, e ambos, pai e fillo, se dispoñían a saír voando da súa prisión, Dédalo advertiulle a Ícaro que non debía voar nin moi baixo, pois a escuma do mar empaparía as plumas, nin moi alto, pois o sol derretería a cera que mantiña firmes as plumas das súas ás artificiais.


Todos sabemos como rematou a historia. Ícaro quixo subir demasiado e rematou no Hades. No seu Ícaro carmesí (La rebelión de los polígonos) Vítor Mejuto (Barcelona, 1969), revélanos a figura do mito grego que se rebela contra a simetría e as liñas rectas —na busca, non sabemos se de o paraíso ou da liberación formal—. Esta obra de Mejuto enmárcase dentro do seu estilo xa coñecido e evolucionado, que derivou da tradición da abstracción xeométrica, cuxa xénese se atopa (como podemos ler na biografía do artista) "no construtivismo ruso, a Bauhaus e o movemento De Stijl holandés e que máis tarde foi asumida por algúns informalistas da escola de Nova Iorque como Frank Stella ou Keneth Noland".

Corolario
O que nun comezo ían a ser dúas entregas sobre o 'Plan de Rescate' serán tres. Por falta de tempo, e debido a axentes externos denominados «traballos remunerados» precisos para poder seguir adiante.
Remato cunha cita de Zygmunt Bauman (Mundo Consumo, 2010):
"«A arte non é unha existencia mellor, senón alternativa —dixo Joseph Brodsky—. Non é un intento de escapar da realidade, senón todo o contrario: un intento de animala.» Os artistas son adversarios ou son competidores nesa labor que os administradores desexan monopolizar." (§281)
Ligazóns relacionadas:
Plan de Rescate (0)
Plan de Rescate (I) do 'Anarquista Desnudo' ao 'Pan Nuestro de Cada Día' 


12.19.2012

Plan de Rescate (I) do 'Anarquista desnudo' ao 'Pan nuestro de cada día'

O venres pasado, día 14, acudimos por primeira vez a cubrir un evento á cidade de A Coruña. O motivo foi a exposición denominada 'Plan de Rescate', un one day exhibition que tivo lugar para inaugurar o espazo eLEFANTE330, e que foi comisariada por María Marco (editora de Plétora).


As obras do elenco de artistas escollidos (22) tiveron —grosso modo—, como elemento común, a crítica ao status quo, á crise crediticia, ou á economía de mercado. Porén, tamén atopamos outras obras non directamente relacionadas con estes temas, pero con puntos de encontro cos mesmos; ben pola traxectoria do artista, ben polo contexto de creación.

Debido ao número de creadores participantes non adicaremos amplas e profundas reflexións a cada unha das obras. Máis ben repasaremos o exposto*, en varios volumes, dando testemuño do acontecido, dos artistas implicados, evitando que as árbores non deixen ver o bosque.

Post-Porno Terrorismo
Afirmaba Susan Sontag en 1964 (Contra la interpretación y otros ensayos), verbo da interpretación que:
“A finalidade de todo comentario sobre arte debería ser hoxe que as obras de arte —e, por analoxía, a nosa experiencia persoal— foran para nós máis, e non menos, reais. A función da crítica debería consistir en mostrar como é o que é, inclusive que é o que é, e non en mostrar que significa. En lugar dunha hermenéutica, precisamos unha erótica da arte.” (p. 27)
Se ben podemos asentir o disentir con esta reflexión, ou considerar pertinentes ou superadas tales consideracións, o certo é que a cita vén de perlas co Anarquista desnudo de Javier Largen; sobre todo no que ten que ver co erótico.


O 7 de novembro, Manuel AO, dirixido polo artista Javier Largen, realizou unha performance nas instalacións da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de León, dentro do Festival Post-Porno da cidade. A actuación foi gravada en vídeo e exposta no eLEFANTE330. Nesta peza podemos ver a un home case nu que só viste botas negras, chaqueta e pasamontañas e que se pasea por diferentes estancias da institución educativa nunha acción de porno terrorismo berrando consignas tales como “la felicidad no es ningún espacio publicitario”, “la identidad sexual no se elige”, e, quizais a máis citada en medios e provocativa,“follémonos al estado”.


Segundo podemos ver na súa páxina persoal o traballo de Javier Largen sitúase “nun territorio intersticial entre a arte e a vida” e “nun espazo híbrido entre diferentes disciplinas: as artes visuais e a publicidade, a moda e a performance, a experimentación audiovisual e o vídeo musical…”. Usa diferentes medios e plataformas para “contar historias, pero tamén para facer visible o invisible”, e para colocar “na corda frouxa conflitos de xénero, rituais de identidade, gustos, modas e ideoloxías”.

Happenings
Por casualidade temos tamén en Contra la interpretación... (op. cit.) un ensaio sobre o que se deron en denominar happenings e que apareceron en EE.UU alá polos anos 50. Casualidade (máis ben intencionalidade narrativa pura e dura) é que a obra que vén de seguido se denomine Acontecimientos I.


A autora é a coruñesa Carmen Delaco (1976) que presenta un óleo de gran forza expresiva onde unhas figuras escuras aprehenden a un rapaz sen camisola; unha imaxe que na maioría dos casos nos remite ás tan presentes manifestacións e protestas que se levan rexistrando os últimos anos por mor das políticas adoptadas para combater a crise económica, e a acción policial que tivo lugar nelas.

O traballo da artista plásmase no lenzo denotando unha habilidade característica para reproducir sensacións físicas e a ilusión dramática de movemento. Deste modo, semella que o protagonista da peza exposta no eLEFANTE330 quere escapar, zafarse do marco e deses tons carbonizados que o amarran con forza polas mans.

Á hora de pintar Delaco, segundo figura aquí, pretende “meterse por completo dentro do que está a ocorrer no lenzo, deixando en último plano a imaxe” que quere representar. A súa intención é “falar a linguaxe da pintura, como quen aprende un idioma e sabe o que lle están a contar, o que lle están a pedir e así responder segura e con naturalidade”.

Arames Trastoy
Unhas das pezas que chamaba máis a atención ao entrar no lugar de exposición era a obra Sen título realizada polo artista Mauro Trastoy (Ferrol, 1971) —cuxo paso polo Fac Peregrina quedou rexistrado aquí meses atrás—, unha sorte de cempés de cor negra ao que lle saían pelos por todas partes, que dividía a instancia interactuando co espazo —houbo algún descoidado que interactuou tamén coa peza—, e que xogaba co espectador dando a sensación de dureza, de arame, cando non o era.


Gran parte da obra de Trastoy mostra o seu gusto pola creación de estruturas baseadas na repetición dun xesto. A partir dun material (corda, madeira, arame…) concreta unha acción (medir-recortar-atar, cortar-pegar…). Coa repetición dese xesto/acción constrúese unha estrutura, e créanse unhas pautas de acción que se vén interrompidas ben por non dispor de tempo, polo cansanzo, por que se cubre o espazo da obra, por alternancia con outros procesos…

Quedas libre de prisión
Irónico e crítico mostrouse Enrique Lista (Malpica de Bergantiños, 1977) co seu traballo Juegos de Finanzas —unha actitude á que xa puidemos botar un ollo na súa exposición na Zona C de Compostela— que presentaba o xogo do Superpoly (coma o Monopoly) pendurado na parede, seguido de tres cadros que contiñan por orde: unha carta onde se lía ‘Puerta del Sol Hipotecada por 140.000 pesetas’, logo dúas cartas unha a de Suerte ‘Pague por gastos escolares 15.000 pesetas’ a outra de Caja ‘Pague por gastos escolares 10.000’, e por último unha serie de cartas do xogo entre as que estaba a famosa ‘Con esta tarjeta te libras de la cárcel’ (esta debe ser a que levaba Camps no peto).

Segundo a comisaria independente María Marco, Lista é ante todo, “un francotirador de ideas”, e “apunta con precisión e dispara a dar”. O seu traballo móvese entre o enxeño e a ocorrencia, e “consegue tocar aí onde doe, intervindo asépticamente as feridas coa precisión dun cirurxián vello que conta chistes mentres cose” (texto completo aquí). En referencia á obra exposta no eLEFANTE330, as regras do Superpoly non deixaron a ninguén impasible: "a base fundamental deste xogo consiste na adquisición de propiedades a fin de, obtendo a maior cantidade de cartos, desbancar aos demáis xogadores, ficando como dono absoluto de todo o capital"; en fin, #cousasparanenos. 

Congo 1880
Así se titula o vídeo exposto pola artista galega Gemma Pardo (1976). Nel vemos unha terra árida, unha paisaxe deserta cuns poucos animais, contra un horizonte difuso. A auga, moi lentamente, anega o lugar ata que de forma inesperada a cámara mostra edificios industriais na distancia, alén a auga.  É a contraposición entre o rural e o urbano, a natureza e a industria. A transformación da paisaxe pola man do home. O custo do progreso.


Normalmente a artista traballa con fotografía e vídeo en temas relacionados co tempo e as transformacións que teñen lugar en lugares determinados. Pardo ve a idea da paisaxe como algo “sorprendente e romántico, revelado dun xeito meditativo e reflexivo, sen imposicións de significado ou narrativa, aínda que de forma inevitable se atopan na lectura dos vídeos.”

(Des)ocultando
Manuel Eiris (Santiago de Compostela, 1977) tamén formou parte do ‘Plan de Rescate’ cun vídeo testemuño verbo dun dos seus característicos desocultamentos onde retira a pintura da parede para deixar ver o que se esconde debaixo.


Nunha crítica en El Cultural afirma o crítico de arte e comisario, David Barro, verbo da obra do Eiris, que este “xoga a revelarnos a pel da pintura” e faino a través dun “exercicio de substración das capas de pintura de vellas casa que nos descobren as diferentes vidas de quen a habitaron”, e ademais “sempre dun modo distorsionado xa que a cor (…) nunca será a orixinal, chegándonos desgastada, coma ese recordo esvaecido tras cada estrato de pintura."

Afirmaba o artista nunha entrevista ao blogue Niquelada que “todo o espazo condiciona o asunto sendo o meu traballo o que se afai a el mais que ao revés e grazas a iso é posible o diálogo co casual”. Eiris comenta que ten unha forma de traballar determinada que coñece e que lle serve para comprender: “chego con ela ao espazo e trato de facela entrar”; “a partires de aí comezan a producirse friccións da mesma forma que os antigos moradores intentaban pasar un moble grande que case non cabía polas portas e paredes do lugar”.

Sen título
Amaya GonzálezReyes (Sanxenxo, 1979) participou do ‘Plan de Rescate’ cun vídeo-arte Sen título, reproducido nunha televisión colocada no chan, no que se podía ver como alguén tiraba billetes enrugados ao lixo. Unha crítica, quizais, da sociedade de consumo, da economía de mercado, onde os cartos son parte primeira e última do sobrevivir cotiá.

Verbo da exposición ‘Entrar en la obra. Perder(se) en ella’ —comisariada por Agar Ledo Arias e Iñaki Martínez Antelo— que tivo lugar no MARCO de Vigo e que rematou en maio deste ano, o texto curatorial afirma que:
“A ambivalencia das pezas de Amaya González Reyes reside no seu aspecto amable, fráxil, por un lado, e no seu significado ameazante e agresivo, por outro, o que conforma unha metáfora de aquelo que sempre lle fascinou: as relación de poder. Cuestións simbólicas e formais, presentes en pezas que oscilan entre un minimalismo e un barroquismo aparentemente contraditorios. E é precisamente esta contradición a que nos advirte de que os seus traballos non responden a unha categoría definida, senón a que cada peza se confronta coas vivencias do artistas, coas súas obsesións e frustracións” (texto aquí)
Colofón
Coma colofón final desta primeira parte sobre a exposición ‘Plan de Rescate’ pareceume axeitado concluír cunha crítica á actualidade, iso que nos serven os omnipresentes medios de comunicación, que forman parte das nosas vidas; coma mobles das nosas salas de estar, habitacións e, en definitiva coma entes ubicuos que desprenden contidos efémeros e ruídos de fondo.

Así o vexo na obra do autodidacta Héctor Francesch (A Coruña, 1977), El pan nuestro de cada día.


De acordo co artista a peza é "unha interpretación da realidade que vivimos e outras realidades que nos acompañan dende hai tempo." Os temas que reflicte son "o da crise e o que conleva; a pobreza, temos a un Mickey Mouse homeless pedindo na porta dun supermercado, facendo unha referencia local co logotipo do propio establecemento. O feito de que sexa un Mickey o que pide esmola, é que hoxe en día ata as grandes empresas caen no burato da crise".

O artista tamén cuestiona o papel da Igrexa na actualidade, "non sabemos que pasará cando a monxa pase por diante do que pide. Seguindo co tema crise de fondo atopamos un baixo en aluguer, algo habitual nestes tempos, idea que conecta directamente co local onde se desenrolou a expo."

Ademáis cuestiona Francesch o papel da policía e afirma que existen dúas visións "totalmente contrapostas do seu papel na sociedade", unha moi boa e necesaria e outra "moi mala". "A personaxe investigada pola policía é un inmigrante, e volvendo ó humor e a ironía, non é outro que Bruce Lee que ven de facer a compra."

*Nesta reportaxe non aparecen todos os artistas presentes en 'Plan Rescate'. Serán comentados en varias partes. As obras non foron dispostas nesta orde na exposición.

Máis fotografías no facebook de culturadeseu.
Ligazóns relacionadas: http://destacados.culturadeseu.com/2012/12/plan-de-rescate.html


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...