Hai tempo que, os lectores máis perspicaces e asiduos, saben da miña vinculación co mundo da música nocturna coma pinchatunes-dejota residente no clube meco Twist & Shout. Outros, quizáis, tamén saiban que dun tempo a esta parte, se me relaciona con outros locais, desta vez composteláns, como o Kunsthalle, —onde entre outras cousas, tamén me poden atopar como english teacher cada martes, de 20.30 a 00.00 nos encontros de iThinkAboutEnglish—.
Carlos Montilla e David Barro, responsables do Kunsthalle, atenden ás televisións.
A razón desta entrada, para evitar rodeos, é a chamada 'Revolución' que deu comezo hoxe no devandito lugar de nome alemán. Unha taberna que se define na teoría e na praxis pola súa contemporaneidade, que pretende ser punto de encontro entre sinerxias de creación artística de diversa índole (ben sexa arte plástico, pictórico, culinario, performático, musical...), e que presenta este mes unha programación moi completa que inclúe concertos, encontros afterwork, foros disruptivos, entroido parties e maridaxes entre comida, música e creación artística.
Sashimi e tartar de xurelo maridados cun viño Ribeiro presidiron a rolda de prensa.
Os principais responsables desta revolución son David Barro e Carlos Montilla, ambos vinculados ao mundo da produción cultural, e Alén Tarrío, que se atopa ao mando dos fogóns. Na rolda de prensa que tivo lugar esta mañá do día 5 de febreiro, puidemos contemplar os traballos capturados en vídeo realizados pola artista visual e performerAna Gesto e a intervención nunha das paredes do Kunsthalle a cargo de Almudena Fernández Fariña (Vigo, 1970).
Almudena Fernández Fariña intervindo no espazo do Kunsthalle
iThink
É a "marca que trata de actuar globalmente dende o local a partir dun compromiso coa cultura e a sociedade e dun comportamento responsable". Este distintivo visibilízase a través de tres liñas de actuación que se retroalimentan: o espazo físico —Kunsthalle—, as redes sociais/Internet, e a terceira vía será proxectada na organización e na produción de eventos externos en diferentes cidades.
De esquerda a dereita: Almudena Fernández, Ana Gesto, Carlos Montilla e David Barro.
A máquinaria arrincará este mes co concerto do Ciclo Autorretratos,que organiza Desconcierto Cultural e que chega á súa terceira tempada con Kunsthalle como sede. Deste modo, o mércores día 6 será o turno de Ben & Bruno (Peter J. Brant), seguido o 19 de febreiro de Bird by Snow (Fletcher Tucker), mentres que pechará o 21 de marzo o ciclo coa banda Mist. O xoves 7 continuará unha exitosa proposta, a segunda das Nerd Nites (que comezou con esta taberna contemporánea como pioneira en España, en colaboración coa USC),ás 21 horas, e ao día seguinte —venres 8— promoveráse o primeiro Foro Disruptivo, onde profesionais de diferentes sectores culturais compartirán un encontro para promover a innovación no eido da cultura. O sábado 9 o protagonista será, como non, o entroido, cunha festa que xirará a redor do director de cine Quentin Tarantino, e das emblemáticas personaxes das dúas películas.
Os martes (teño que admitir que nisto imparcialidade hai pouca) a mellor forma de aprender inglés e coñecer xente, crear sinerxias e reconducir o karma, todo de balde, é asistir aos encontros de iThinkAboutEnglish, de 20.30 a 00.00. Alí estará Manu Tf (eu) de anfitrión, con debates, charlas e Quiz Time.
E que facer un xoves en Compostela? Pois o mellor é ir ata o Kunsthalle, onde eu (Manu Tf), outra vez, a partires do 14 de febreiro lles darei a mellor das acollidas nos encontros afterwork, no Piso 0. E para rematar este comezo revolucinario unha aposta musical moi interesante con Sethler o xoves 22, o alter-ego de Hugo Martín Cuervo, recoñecido no mundo da curtametraxe por ser o director máis novo nominado a un Goya.
Sen máis dilación, e esperando que a información lles resulte de interese (sen esquecer os agradecementos a Eliana pola claridade da súa nota de prensa), déixovos con 'Míranos' de Sethler.