7.28.2014

Mirando o correo na cama?

Ilustración de Shout, fonte: Mother Jones.
Resulta incontestable a nosa adicción aos teléfonos móbiles. Consultamos de forma constante o noso estado nas redes sociais, e de ter un traballo, as xornadas laborais xa non dependen da oficina, nin do lugar onde teñamos a nosa mesa de labores, o acceso a nós nunca está pechado.

Nas grandes cidades o número de horas que os profesionais fan uso de teléfonos intelixentes van en aumento, e están a interferir gravemente coas súas vidas privadas, xa que a desconexión da oficina nunca é total; xa podemos estar na praia, na cama, ou na ducha, que os correos electrónicos e as chamadas do traballo non han diferenciar entre o espazo íntimo fóra do traballo e a xornada laboral en fronte a un ordenador.

Segundo informaron en xuño deste ano na Mother Jones, nunha reportaxe titulada Are you checking work email in bed? (Mirando o correo do traballo na cama?), unha enquisa do 2012 realizada polo Center for Creative Leadership, atopou que un 60 por cento destes profesionais mantiñan o contacto co traballo a través do móbil durante 13.5 horas ao día, e logo pasaban outras 5 horas revisando o correo do traballo na fin de semana; o que supoñen un total 72 horas cada semana de contacto relacionado co traballo. Obviamente non todo o mundo ten por oficio a oficina, e estas realidades non se suceden en postos nos que non é preciso un contacto permanente (onde o traballo queda no traballo), mais resulta interesante salientar que cando sobes na escala laboral, a cousa "só empeora", pois segundo o Pew Research Center, as persoas que gañan máis de 75.000 dólares ao ano —uns 56.000 euros—, son máis propensos a preocuparse polo que os seus smartphones lles impiden deixar de pensar no traballo.

Acordeime desta reportaxe mentres lía as conversas Sobre la educación en un mundo líquido, que mantiveron o profesor italiano, Ricardo Mazzeo sociólogo e o sociólogo e pensador polaco, Zygmunt Bauman (publicadas por Paidós no 2013), onde este último afirmaba:
«Case todos nós vivimos asoballados polas preocupacións que xorden das nosas relacións cotiás cos xefes, os compañeiros de traballo ou os clientes, e case todos nós cargamos con estas preocupacións —as levamos no nosos ordenadores e nos teléfonos móbiles— onde queira que vaiamos. E deste modo nos seguen ata o interior das nosas casas, nos nosos paseos da fin de semana, nos hoteis onde pasamos as vacacións. Nada nos separa da oficina, á que servimos de modo incondicional, pois a temos sempre a tiro dunha chamada de teléfono ou dunha mensaxe de texto. [...] Ás oficinas nunca chega a 'hora de peche'. A fronteira, antes sacrosanta, que separa o fogar da oficina, o tempo de traballo do 'tempo libre' ou do 'tempo de lecer', desapareceu por completo, e todos e cada un dos momentos da vida tornan en momentos nos que hai que estar a escoller. E é unha elección grave, unha elección dolorosa, e acotío fundamental, unha elección entre a carreira e as obrigas morais, entre os deberes profesionais e as demandas de todas aquelas persoas que precisan do noso tempo, compaixón, coidados, axuda e socorro.» 
A constante sensación de conexión, de necesidade de estar dispoñible as 24 horas polo que poida ocorrer (xa non só a nivel profesional, mais tamén persoal), acaba por reducir a nosa capacidade de atención e concentración, polo que, o que debería ser unha ferramenta que nos permita resolver problemas dunha maneira máis eficaz e eficiente (en tanto que está dispoñible en calquera lugar, en calquera momento) acaba por se converter nunha distracción, nun constante murmurio que gardamos no peto. O que provoca que un "estea na casa, pero non estea na casa", como afirma na reportaxe antes mencionada, unha antiga socia do Boston Consulting Group, onde reduciron drasticamente o uso do teléfono móbil da empresa e o correo electrónico da mesma por parte dos seus traballadores, tomando en serio esta grave adicción, e conseguindo, entre outras cousas, que o nivel de satisfacción dos seus empregados pasase dun 49 a un 70 por cento, e reduciran 11 horas de xornada laboral á semana, sen que isto afectase negativamente á produtividade.

Moito nos queda por aprender, reflexionar e aplicar. Polo momento, eu apago o ordenador, e silencio o móbil —a apagalo aínda non me atrevo, xa saben, polo que poida ocorrer—, a ver que pasa.


164

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...