Mostrando entradas con la etiqueta Galicia Confidencial. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galicia Confidencial. Mostrar todas las entradas

8.07.2014

«Fumar porros, abortar e darse polo cu»

Manifestación contra o matrimonio gay no 2011.
De cando en cando, nas ocasións que decido seguir lendo unha noticia, no apartado de comentarios, atópome con trols e egos frustrados. É máis, se teño un bo día, só teño que ir a calquera nova de contido sensible (nacionalismo, racismo, homofobia, aborto...) para que o sangue ferva, e estrague o resto da xornada pensando no ou na idiota (no sentido latino de ignorante, sen educación) que non ten máis remedio que ocupar as súas horas libres enchendo caixas de texto coa súa estupidez verborréica. Así, tras a lectura das reflexións ulteriores á publicación do último baremo do CIS sobre os partidos políticos, no Galicia Confidencial, eu, incauto, deixeime levar e acabei por atopar esta xoia:
«Cunha mocidade que tan só pensa en fumar porros, abortar e darse polo cu, non esperedes que vos voten, prefiren o podemos ese ou calquera outro vendedor de fume que logo non ten nin idea de xestionar nada.»
Asinado por televisión, en lugares de me provocar ira, provocou riso, e intentei por todos os medios non escribir nada sobre o mesmo, pero aquí estou. Pensei en convertelo no argumento central dunha diatriba en contra do vangloriado feedback instantáneo dos usuarios, que tantos profesionais e amateurs da información de publicación dixital loan. Pensei en comparar os comentarios incontrolados nas páxinas web, ás conversas de barra de bar de desinformados, que un escoita sen querer, mentres poñen na televisión a última rolda de prensa de Rajoi (rara avis). Quixen asimilalos a unha persoa berrando na rúa "sodes uns hippies, uns asasinos e uns sodomitas". Pero non me parecía xusto, pois hai quen escribe comentarios pertinentes (se o atopades, avisade por favor), lonxe do insulto gratuíto e do vómito ególatra de opinións des-enfundadas.

Por outra banda, de tomármonos en serio o comentario, reflicte perfectamente a axenda da dereita e extrema dereita española, que por doquier ve demonios con grinders e camisolas de follas de marihuana que veñen secuestrar aos seus fillos e fillas para convertelos ao homosexualismo, nunha sorte de xabarín vermello que aparece nas portas das escolas repetindo o mantra "e ti? xa eres do clube?", cheirando, claro está, a xofre, placenta e espermicida.

Se o comentarista anónimo en cuestión, tivera polo menos, algo de creatividade, tería incluído o fragmento que aparece no Novo Testamento da primeira epístola aos corintios —6:9-10— onde Pablo di:
«Ou é que non sabedes que os inxustos non herdarán o reino de Deus? Non vos enganedes! Nin luxuriosos, nin idólatras, nin adúlteros, nin afeminados, nin homosexuais, nin ladróns, nin avaros, nin borrachos, nin calumniadores, [...] herdarán o reino de Deus.»

Iso si que eran comentarios incendiarios, e non os de agora.

174

3.17.2014

Falemos de tecnoloxía, en galego

031
Demasiadas veces teño escoitado o de que "al niño le dan matemáticas en gallego", en boca de pais e nais preocupados por que os seus fillos, cando cheguen á universidade (se é que o fan) sufran dun déficit de coñecemento perante aos seus compañeiros, ou que non saiban defenderse en universidades españolas debido á barreira lingüística.

Porén, poucas nais se queixan de que, despois do famosos decreto do trilingüismo Feijóo, aos nenos de primaria, profesores de maxisterio na maioría dos casos, lles impartan materias en inglés, sen ter unha completa capacitación para facelo, atendendo entón a clases de ciencias naturais denominadas Science —o que na maioría dos casos trae de cabeza a nais e pais que non poden axudar a estudar ao seus fillos e precisan de clases particulares—. Aprender como funciona o sistema dixestivo en inglés, de boas a primeiras, é un pequeno escollo salvable, pois é un investimento no futuro do rapaz ou da rapaza, mais falar en galego da resolución do problema 'x', é unha abominación.

Por sorte, a idea abstracta, ás veces xeralizada, da in-competencia do galego como lingua vehicular no discurso tecnolóxico vai, pouco a pouco, sendo superada. En grande medida, grazas aos numerosos medios dixitais que falan sobre telecomunicación, bits, videoxogos e electrónica, e fano en galego.

Probablemente o medio máis coñecido e visitado é Código Cero, que leva máis dunha década informando verbo de noticias tecnolóxicas, que conta cun amplo número de seguidores no seu newsletter (máis de 3.000), e que ademais ten unha edición en papel. O seu traballo foi recoñecido en diferentes ocasións e foron un dos medios que asistiron ao I Encontros 2.0, organizado por Culturadeseu.

Recoñecementos outorgados a Código Cero.
Logo da web Memoria Pixelada. Por http://gonzalosardón.com/
Os amantes de videoxogos e plataformas dos mesmos poden pasarse por Memoria Pixelada, administrada por @DonSkaltum, @NetOverflow, @AmilGZ e @MouchoBranco que afirma na súa introdución persoal:
«Houbo dous comezos entre os videoxogos e mais eu. O primeiro remóntase a mediados-finais dos 80 e a un Amstrad, un monitor monocromo, e unhas cintas que tardaban o tempo xusto en cargar os xogos para facer a modiño un bocadillo de nocilla. Eran os tempos das quests deseperadas por moedas de 5 pesos co fin de rebentar algún arcade. Logo chegou a NES e a primeira era das consolas, que deixaría momentos gloriosos nos 8 e 16 bits. O segundo comezo foi coa era das tres dimensións e a chegada ás casas dos 32 bits. Foi entón cando comprendín que ao madurar non esquecería os videoxogos, senón que terían o bonito detalle de madurar comigo. E até hoxe seguimos madurando xuntos, (van gañando eles).»
Para información sobre o sistema Android temos Mallando no Android, iniciativa en galego que xurdiu tras a experiencia de Mallando na e-ira; para os usuarios ou amantes dos produtos de Apple, A Maceira é o seu sitio web, xestionada pola axencia Ganapán Comunicación, que quere dar voz na rede ás pequenas empresas e comercios da contorna:
«Ganapán está formada por un equipo multidisciplinar composto  por Agostiño Reigosa, Antía Paz e David Lamas. Aválanos a experiencia adquirida traballando en axencias de marketing dixital como Elogia ou Tuapli, clientes galegos coma R, Pizza Móvil ou a D. O. Rías Baixas e os espazos Mallando no Android, Galiloxía ou Vencello.»
Vencello.com defínese como a:
«Vencello é a primeira rede de blogues temáticos en lingua galega, nada a partir da unión dunha serie de blogues xa creados e doutros novos creados ex profeso, que tentan cubrir un abano amplo de temáticas co punto en común de estar escritos en lingua galega. 
Mais Vencello pretende ser ademais un ente impulsor de blogues de novas temáticas, que poña en relación a persoas con intereses comúns que buscan escribir sobre un tema e non poderían ou queren levar un blogue en solitario. Con esta vontade temos en marcha un proxecto de viveiro de blogues, A Incubadora.»
Na súa web podedes consultar todos os cadernos de bitácora electrónicos que formar parte do seu viveiro, aínda que non todos están en activo. Amais de medios especializados como Tecnoloxía.org, Praza Pública e Galicia Confidencial tamén publican información tecnolóxica, e medios dixitais como GCiencia que publica regularmente noticias relacionadas co ámbito científico.

De seguro que deixei moitas cousas no tinteiro, así que se sabedes ou consultades medios dixitais en galego, sodes libres de comentar e informarme deles.



2.14.2014

U-lo xornalismo de investigación?

001
Hai dúas semanas algúns dos lectores e subscritores da recentemente nacida Revista Luzes, congregámonos na libraría compostelá do Couceiro, por convocatoria dos seus responsables. Despois do repaso de rigor sobre os contidos do último número chegou a quenda das preguntas, e se ben a maioría foron loas, unha das asistentes queixouse da falta de xornalismo de investigación.

Xosé Manuel Pereiro, co-director de Luzes, tomou a palabra, e nun ambiente moi fraternal, confesou que, por moito que espremeran aos subscritores, non sería posible pagar un traballo xornalístico de investigación en condicións. "Menos, cando vas a Interviu e che pagan 1.500 euros", subliñou.


Carioca, Pokémon ou Gürtel, son nomes ben coñecidos. Pero ningunha destas tramas foron descubertas grazas ao xornalismo de investigación. Nos últimos anos, ou ben o traballo policial/xudicial é efectivo (o que non está de máis) ou se lles vai das mans aos delincuentes, ou ben hai alguén insatisfeito que quere tirar da manta:
José Luis Álvarez, el empresario asturiano que destapó el «caso Pokémon», continúa empeñado en tirar de la manta y sostiene que no va a «callarse nada» 
José Luis Peñas, exconcejal del PP en Majadahonda (Madrid), grabó secretamente conversaciones de Francisco Correa durante dos años.  Su denuncia dio origen al 'caso Gürtel'
Obviamente, temos máis exemplos de corruptelas (EREs, Nóos, Campeón, Bárcenas...), e se ben o traballo xornalístico pode axudar e axudou nos procesos de xulgamento dos culpables, non é unha parte determinante; publicar en portada uns papeis filtrados de forma exclusiva, non é xornalismo de investigación, é aproveitarse da conxuntura, para facer caixa.

Para empeorar a situación, son as propias empresas xornalísticas as que infravaloran o traballo do xornalista, xa sexa este de investigación ou de cobertura de zonas de conflito, ou simplemente de provincias. Ao respecto, conversaba a semana pasada cun importante fotógrafo galego que farto de que lle remaquearan en España a compra das súas fotografías (feitas en países en guerra, cunha alta probabilidade de ser secuestrado, ou morrer), vende a maior parte a diarios estranxeiros, que saben valorar o seu traballo, e non lle ofrecen unha miseria mentres o seu director xeral cobra trece millóns de euros anuais; ou mentres teñen a unha (unha soa!) correspondente traballando como freelance para toda África, á que nin lle remuneran as chamadas telefónicas internacionais.

Xornalismo en galego, e 2.0
David Lombao, director de Praza.com no Encontros 2.0 | Código Cero
Mais non todo está perdido, e a falta de cartos non é óbice para que se siga a practicar un xornalismo ético, honesto e de supervisión. Grazas ás novas tecnoloxías, (e sacrificando, por parte dos seus responsables moitas horas de tempo propio), medios como o Galicia Confidencial ou Praza Pública están a dar exemplo dun xornalismo de investigación a longo prazo, é dicir, fan unha labor de vixía dos estamentos públicos que, máis que necesaria, é fundamental. Son, como me dicía o xornalista Bru Rovira no 2006, a "mosca cojonera". Por que o traballo de periodista, é ese que todo o mundo critica, pero que ninguén quere facer, pois detrás de toda a pompa de catro pantalleiros que se alimentan de share, están o resto de persoas que deben cubrir sesións tediosas de control ao Parlamento e ao Congreso, xuízos escabrosos con familias destrozadas, miles de follas de sumarios xudiciais (que teñen que estar lidas para onte), eventos baleiros de contido patrocinados pola Consellería da Fraternidade, "convenios" con Deputacións, etc...

Mother Jones, verbo da austeridade nos EUA
As chaves para que o xornalismo poda actuar de forma independente e investigar viablemente, considero, que son aquelas que tratamos no primeiro dos Encontros 2.0 , e pasan por depender dunha publicidade selectiva non invasiva, o apoio dos lectores mediante doazóns e subscricións, o uso dos medios 2.0 para recadar informacións e actuar como supervisores do acontecer político, o crowdfunding e o coworking... Un exemplo paradigmático, e polo tanto a seguir, é para min a revista estadounidense Mother Jones. Este magazine, que comezou no 1976, caracterízase por publicar reportaxes de investigación minuciosas, que tratan tanto temas medio-ambientais, como alimentarios, políticos, económicos, sociais, científicos..., e depende de publicidade non invasiva —é dicir, son, polo menos no papel, empresas cuxos intereses comerciais non entran en conflito, nin realizan inxerencia algunha, nos contidos publicados—. Levo máis dun ano recibindo cada dous meses a revista na miña casa, e é unha desas lecturas que non te deixa impasible,  e que en certo modo, te leva a pensar que hai una alternativa, unha esperanza, e unha vía sustentable para o xornalismo de investigación e velaí para a profesión per se. 

Se á necesidade e predisposición de realizar xornalismo de investigación lle engadimos as novas tecnoloxías, a enorme cantidade de información á que podemos ter acceso (o que é, ao mesmo tempo, un pro e un contra), a labor que realizan organizacións como Wikileaks, e un hastío cada vez mais xeralizado cara uns medios de comunicación absortos na súa alter-realidade auto-feladora; pode, e digo, pode, que esteamos máis preto de deixar de gastármonos os cartos nas tendas de Inditex e comezar a invertir en investigación.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...