BRU ROVIRA - "El periodista es una mosca cojonera"
Para aqueles que
aínda non coñezan A Peregrina (da que falamos en edicións anteriores #2 e 5#) só teñen
que saber que é unha casa-taller na que os seus inquilinos só pagan dous euros
ao día para os gastos correntes. A cambio dispoñen de espazo suficiente para poder
crear. O Furancho de Arte Contemporánea (F.A.C.) é a estratexia que Ania González, Diego Vites e Olmo Blanco idearon para poder dar saída ao excedente
artístico da contorna galega de creación. Este Furancho, que foi inaugurado o
venres 23 de Marzo, é unha fiestra –nin
comercial, nin institucional, senón intermedia– non mediada por intereses
alleos aos da creación cultural, que pretende crear unha terceira vía
paralela a museos e galerías.
Callos,
mexillóns e sardiñas en lata, maridados cun bo viño do país, foron os
principais ingredentes que bautizaron o primeiro día de vida do F.A.C., que
inaugurou con F.A.C. OFF. Como obra
presentouse a intervención nos diferentes espazos da casa para reconvertilos
nun contenedor apropiado para creación cultural dos nosos días. O lugar estrela foi o galpón onde se
concentrou a maioría da xente, sentada nuns mobles estilo Bauhaus pero moi senlleiros, creados para a ocasión.
O galiñeiro, convertido nun cubo branco minimalista, foi o espazo perfecto para
a realización das entrevistas que Culturadeseu pon á vosa disposición na
video-reportaxe colgada nesta entrada. O
remolque sito en medio do bosque que vixía a parte traseira d’A Peregrina,
tamén foi transformado nun espazo de exposición. Habilitaron a corrente
eléctrica e colocaron un televisor e unhas fotografías amosando os traballos
realizados polos peregrinos fac’ers no arranxo das canalizacións da
casa e o avituallado do lugar nunha obra denominada F.A.C in Shit.
Eu, con Ricardo
Saavedra ao micrófono, e Elena Cancelas, que se convertiu inesperadamente en
fotógrafa de Culturadeseu, estiven pululando durante unhas cantas horas polo
Furancho adiante. A ocasión serviume
para falar cos integrantes de Baleiro, aos que espero adicarlle unha entrada en
poucas semanas; con antigos entrevistados coma Trini F. Silva (sempre
encantado de falar con ela e de que me arranxe o peiteado da forma máis
inesperada); amigos e familia dos peregrinos
fac’ers (algúns dos cales podedes ver na reportaxe); e con Ulobit, un grupo
galego de recente creación baseado na experimentación e na improvisación, que
combina sons electrónicos (Juan Gil), coa proxección de imaxes (Horacio
González) e a zanfoña (Ariel Ninas), e cuxo último proxecto incorpora os
descartes da obra de Xurxo Chirro, Vikingland –que por certo resultou gañador no Play Doc deste ano–.
A equipa de
Culturadeseu chegou de día e foise de noite no coche de Elena Cancelas (a
piques estiveron de deixarme atrás; enrédome coma unha silveira). Voltei a
Compostela contento e animado, e non só polo viño, senón pola enerxía que se
respiraba no F.A.C. e pola ilusión coa que os seus organizadores levaron
adiante o proxecto. En épocas de crise,
din, agudízase o inxenio, e ante a falta de solucións, propostas e das
infraestruturas precisas, A Peregrina semella erguerse coma dous signos de
exclamación nun mundo de puntos suspensivos.