103
Hoxe atopeime cunha monxa nun ascensor, no ambulatorio. Eramos moitos no reducido espazo de metal e todos estábamos a mirar para un pequeno, de case un ano de vida, que ollaba para nós con gran abraio, mentres tratábamos, sen éxito, que dixese algo. Para cando, na rolda de recoñecemento chegou á monxa, esta, consciente da súa diferencia (de roupa) non tardou en soltar ,"si, ya, yo soy diferente, que Dios te bendiga", sen parase a pensar que a que vía a diferencia era ela, non o bebé (miren vostedes que complexo de protagonismo tiña a muller, se o sabe a madre superiora...).
Pola miña parte, eu non teño nada en contra das monxas (o único, pena). Cando era moi novo ía a un colexio de monxas, e ata fixen a Primeira Comuñón (todo un beato). Se me poño a pensar cando matei a Deus, non podo pór data. Mais lembro os anos no que coñecín a Nietzsche (e aprendín a escribilo correctamente), que tivo que ser entre o 2004 e o 2005, durante o Bacharelato. Del gardo moitas incógnitas, pero tamén moitas citas (a que vén é do Ecce Homo):
«El ateísmo yo no lo conozco en absoluto como un resultado, aun menos como un acontecimiento: en mí se da por supuesto, instintivamente.»Eu non vivo como ateo, é dicir, non practico o ateísmo como activista, pero en diversas ocasións un lémbrase da súa condición de ateo. Isto ocorre por que se vive en Compostela e non se tivo que enfrontar en algún momento a situacións dominadas pola liturxia católica, é vostede unha rara avis. Para cumprir coa estatística non teñen máis que coller a liña 5 ou a 15 de autobuses urbanos, e chequear a súa condición de crente. Quizais, xa non a primeira vez, pero estou seguro de que nalgún momento, cando o autocar pase por diante do Convento do Carme, das Descalzadas, situado na rúa Santa Clara, alguén no seu interior se persignará (o condutor, por exemplo). Vin persoas correndo pola mesma zona que diminuían a marcha para render o seu respecto á Santa (ou a quen llo rendan, que eu disto, non teño moita idea).
Moléstame? Non, obviamente. Eles ao seu, e eu ao meu. Xa pasei varios anos coleccionando novas e artigos sobre os escándalos na Curia Vaticana, obsesionado coa maléfica caluga do Bieito XVI. Agora prefiro adicarlle máis tempo a ler o Anticristo, pois, como (de novo) dixo o filósofo alemán:
«No he reflexionado jamás sobre problemas que no lo sean —no me he malgastado.»
No hay comentarios:
Publicar un comentario