5.21.2014

Gloria from the Lake

096
Corre o ano 2214, os coches aínda non voan pero contaminan menos ca un fumador de Ducados. Centos de nenos chegan pola estrada ao seu primeiro día de instituto, nunha cidade da que coñecen só os centros comerciais cheos de marcas globais. Do autocar híbrido saen voces máis e menos maduras. Os primeiros en saír, os máis pequenos, falan en castelán; os últimos, sentados na parte traseira, falan en inglés, cun pronunciado acento manchego, e maquinan falcatruadas para lles dar a benvida aos novatos.


Douscentos anos de loita por manter o galego non serviron de moito. A maior parte da poboación da aldea global fala en inglés (cuestión de pragmatismo), e as políticas de eliminación dos idiomas minoritarios e minorizados non permitiron que en Galicia, se mantivera a través das xeracións, o trilingüismo cordial do que unha vez falara o Alberto Nuñez Feijóo; o galego perdeu a batalla contra o castelán. Agora nas vilas fálase castelán con acento galego, e nas cidades domina a escena un spanglish que gañou adeptos en cuestión de décadas.

Antonio conta con 12 anos. Sempre lle falaron o castelán, aínda que se pode defender perfectamente en inglés, pois os seus pais, aínda que traballadores do sector servizos, sempre tiveron tempo para llo ensinar, e que llo aprenderan como era debido.

Fala en castelán con normalidade, ninguén lle dixo que, ao chegar á súa nova clase, non o podía seguir facendo. Os alumnos sentan nas cadeiras. Diante deles, mesas verdes con pantallas táctiles aforran o papel e o lapis. A profesora entra na aula, di o seu nome, e comeza a pasar lista; quere que cada un dos rapaces e rapazas diga de onde é, e como é o seu pobo.

Antonio érguese ao chegar a súa quenda:

— Hola, soy Antonio Teijido Mejide, y vengo de Monfuerte.

A clase comeza a rir, non todos, pero unha gran parte. A profesora semella anoxada:

— Mister Teijido, you shall not talk in Castilian in class!

O rapaz, educado, descúlpase sen saber a razón.

— Perdón, Mrs Gloria from the Lake.

— ¿Cómo perdón? Sorry, you have to say sorry, you little hick!

A clase ri. Antonio non entendera a última das palabras, e a profesora viullo na cara.

— ¡Paleto!, señor Teijido, ¡es usted un paleto!

(Pequena historia inspirada pola nova do Galicia Confidencial, onde un grupo de membros de Galicia Bilingüe berrou "pueblerinos" e "gallegos de mierda" a doce persoas xulgadas polos altercados nunha marcha en defensa do galego; toda a nova aquí.)

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...