5.27.2014

A televisión, é cultura?

102
A pregunta que da título a este artigo é formulada no programa da canle catalá TV3, Alguna pregunta més?, aos convidados que toquen. O contido do APM consiste, esencialmente, en xuntar clips de vídeo doutros programas da grella estatal coa intención de provocar o riso. Da calidade do mesmo, non teño nada que dicir, pois son un dos seus seguidores; consegue o seu obxectivo: facer rir.

De se a televisión é cultura, pois, claro, non hai dúbida. Se comprendemos que cultura abrangue a "xestión do pensamento e comportamento humanos" (como dicía Bauman en Vida líquida, 2006) a televisión tanto coma invento, coma plataforma e vehículo emisor de mensaxes, forma parte inseparable da historia do ser humano. O uso que se lle dea logo é diferente, e a calidade dos contidos que a enchan, depende do criterio de quen os avalíe. Pois a cultura nace (podemos dicir no terceiro cuarto do século XVIII) de forma deliberada, coma unha declaración de intencións, xa que precisaban cultivar aos homes e ás mulleres que deixaran de ser tratados coma simples eslavóns que veñen ao mundo a vivir, sufrir e morrer. 

Podemos comparalo coa agricultura: os campos de labranza precisan ser cultivados, o que implica unha administración, unha xestión da terra, das sementes e dos froitos. Dependendo dos fertilizantes que usemos, do abono, da auga, e do coidado que teñamos, conseguiremos un resultado ou outro. Mais a idea de que a cultura a dominen por completo aos xestores da mesma — e viceversa, é dicir, de que os administrados administren—, resulta problemática, pois no momento en que uns toman o control, os outros se converten automaticamente no que os primeiros eran ao comezo. A imposibilidade do diálogo entre administradores e administrados non leva tampouco a bo porto; se cada un está na súa torre de marfil, non existe dialéctica construtiva, nin avance discursivo. 

Pero lonxe de quererme perder do fío argumental (senón o fixen xa) o que resulta interesante é que de considerares a televisión como cultura e aos seus xestores, como os administradores culturais, e comprendendo que os destinatarios dese cultivo somos os espectadores, que tipo de colleita esperan ou queren estes señores e señoras apañar no futuro? Ou é que non lles importa a mesma? Ou, é que no pensan no futuro? Pode o alto nivel educativo actual (e por alto, digóo comparado con corenta anos atrás) ter algo que ver coas actitudes inconformistas e rupturistas dunha boa parte da mocidade galega e española, e a desafección xa non só cara a política pero tamén cara a cultura denominada mainstream? Ou é que prefiren que esteamos pendentes de ser un dos seus produtos/celebrities en lugares de nos organizar e tratar de vivir dignamente?

Quizais debería deixar de intentar escribir algo coherente todos os días e comezar e pórme a falar do ben que xoga Cristiano Ronaldo, do último vestido da Letizia, e entrar cunha cámara na casa dun famoso para ver quen lle limpa a roupa interior.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...