5.03.2014

Tiven un soño

078
Non sei se provocado pola melatonina, o cansanzo ou os cambios de horarios laborais, pero hoxe tiven un soño. Non é que sexa a primeira que teño un soño. Din que sempre soñamos. Pero hoxe foi deses soños que vivimos, que para ben ou para mal nos afectan xa ben comezado o noso día. Desprezamos ou infravaloramos a capacidade de transcendencia que teñen os soños; despois de todo para o noso cerebro cando ocorren, son realidade. Son unha metarealidade.

Un terrible acontemento cósmico levaba ao planeta Terra cara a nós. Podía ver como un colosal orbe tinguido de azul e de luces de neón se achegaba perigosamente ao noso planeta fogar. Pois nada ha de ser lóxico nun soño; a realidade e coherencia dos mesmos obeceden a regras sui generis que nin nós podemos ás veces chegar a comprender (coma se non foramos nós quen soñamos, como se o noso pensamento se convertera nunha máquina creadora de monstros e historias kafkianas). O caso é que nós viviamos na Terra, e era tamén a Terra (unha outra Terra que escapou do continuo espazo-tempo do multiverso) a que nos ameazaba coa total aniquilación. O día converteuse en noite e vicerversa, en diversas ocasións, mentres eu corría polas rúas do meu pobo, escapando, non da colisión planetaria, mais dunha sorte de zombies creados pola inestabilidade do cosmos, que berraban cando se lles botaba auga bendita.

Adoito intentar comprender de onde veñen os soños. E neste en particular, coido que se misturaron Melancholia de Lars von Trier, con The Walking Dead e o coñecemento popular das lendas sobre vampiros ou quizais El Exorcista.

A ansiedade que espertan os soños, dentro dos mesmos, desaparece afortunadamente cando espertamos. É unha sensación estupenda de alivio.

Dicía Calderón de la Barca que La vida es sueño; se fóra verdade hai días nos que un preferiría espertar, e facelo nunha realidade non rexida pola obsesión compulsiva e compulsoria (obrigatoria) co beneficio mercantil, onde as viaxes vitais se ven destrozadas cara o final por unha vida que se baseou nun modelo que promete o descanso do retiro cando a saúde xa non da tanto como puido dar. Da decepción final. De cando un se da de conta de que todo o que fixo e todo o que traballou non serveu mais que para alimentar un modelo de produción que pon toda a énfase na rendibilidade das persoas como se foran elas meras máquinas, meros brazos robóticos sen aspiracións.

Semella, ou queren que semelle, que non todos podemos ser felices facendo o que mellor nos realiza; pois se somos animais racionais foi para buscar unha existencia que se afaste da única supervivencia física. De comer, reproducirnos e morrer.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...