5.19.2014

O froiteiro cheo de merda

Captura da reportaxe Galicia queda ás portas do top 10 de investigación
094
Un dos indicadores aos que podemos acudir para coñecer a situación da investigación, o desenvolvemento e consecuente innovación, é a creación de patentes. No 2011 realicei unha reportaxe verbo do mesmo que levou por títuo, Galicia queda ás portas do top 10 de investigación, onde a Universidade de Santiago de Compostela quedaba dentro do ránking estatal no posto 11. Hoxe deume por revisar este listado publicado cada ano por SCImago Research Group, e no seu contexto o CSIC segue á cabeza, mentres que a USC bailou un par de anos, ata manterse (segundo os últimos datos do 2013) no número catorce.


Parte do Ránking de Institucións realizado por SCImago // www.scimagoir.com

No contexto internacional a Investigación e o Desenvolvemento son coñecidos como Research and Development. Hai uns anos comezouse a falar dende o aparato político español, da necesidade de engadirlle unha letra ao acrónimo: a minúscula i, de innovación. No resto do mundo non foi realizado tal cambio aditivo. E non é que non se teña en conta este apartado, é que, como afirmaba un dos speakers no último congreso sobre Innovación Sanitaria en Galicia, un investiga e desenrola para innovar, non para conseguir votos coma o que bota beirarrúas nas zonas rurais, merca fontes de auga con cabaliños de mar ao redor, ou inaugura esqueletes de formigón en época electoral. E así pensamos que temos un Can Cerbero, tricabeza, punta de lanza, cando o único que conseguimos é ter un mundo de bocas ás que dar de comer do erario público, mentres deixan sen medios aos que investigan e desenvolven, forzándoos a terse que ir en busca dunha mellor vida adecuada aos seus coñecementos.

Pero gozamos de non mirar as cousas de preto, e toleamos coas maiúsculas e os anglicismos; así asistimos á época do couching, community management, crowdfunding, co-working, leadership, mobbing... para podermos esquecer que a maioría dos que nos licenciamos non traballaremos do que queremos, que teremos que aguantar a homes e mulleres de vestido rancio, mentres suxeitamos a bandexa con ambas as mans e resistimos a tentación de lle botar por riba o solombo con queixo de Arzúa a ese gordo, calvo e intruso ao que se enche a boca dicindo que fai máis cartos ao mes que todos os seus empregados xuntos.

Innovación? Si, innovaremos. Algún día, cando botemos ao lixo as mazás podres; que de nada serve comprar froita nova se está o froiteiro cheo de merda.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...