5.26.2014

O optimismo radical do Partido Popular


101
A señora Cospedal fixo onte gala da capacidade que os dirixentes do PP teñen para se evadiren da realidade, contar co que lles ten en conta, e marcar como propio o punto do equipo contrario. Dende o temerario Señor Iribarne meténdose nas augas de Palomares, ao ¡España va bien! de Joseph Mary Asnar, e sen esquecer aqueles hilillos de plastilina do que se casou na Igrexa das Cunchas da Toxa, nós, como votantes, cidadáns e espectadores do común, asistimos en diversas ocasións á negación vil dos feitos (xa non só, hai que dicilo, por parte dos populares, mais por varios Executivos ao longo desta democracia) nunha sorte de estratexia maquiavélica que pretende omitir a existencia dun problema polo método da negación continuada, a ignorancia con aleivosía, e a mentira repetida mil veces que aspira a converterse en axioma.

Deste modo queren atrasar o comezo da fin do bipartidismo e non prestar atención ao xurdir de partidos como Podemos, ou a forza que nos últimos anos gañou a Candidatura d'Unitat Popular en Cataluña, a cuxa representación no Parlament tratan como de coitadiños que non saben o que fan, coma quen vai a unha voda de chándal e non pode evitar ser observado polas miradas condescendentes dos que visten de chaqué.

Se para o Partido Popular esta posición mostrouse negativa nos últimos comicios europeos, o mesmo lles pasou aos socialistas, incapaces de lle chamar aos problemas da poboación polo seu nome, atados de mans por unhas estruturas organizativas, de representación e toma de decisión obsoletas e un discurso que quere abranguer o número máximo de votantes, sen meterse moito no mar, non vaia ser que se mollen as partes nobres.

Ou loitamos contra os desafiuzamentos ou non, ou denunciamos a intromisión do poder financeiro europeo e internacional no goberno estatal ou non, ou procuramos manter o que queda do sistema sanitario e educativo ou non, ou seguimos a tragar e a endebedarnos ou non, ou defendemos o dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo ou non; pero o que non podemos facer e dicirlle a opinión pública que a crise é cousa do pasado, que imos saír do pozo e etcétera, mentres deglutimos con pracer as hostias que nos dan do Vaticano, ceamos co Fondo Monetario Internacional e nos leva á casa un chófer nun coche de cristais escuros, mentres nos axeonllamos ante aos Bancos e logo lles lavamos a roupa interior a man e con xabrón de lagarto.

Unha cousa é ser optimista, e outra, un completo farsante.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...