5.23.2014

Jean Paul O'Sastre

098
Catro rapaces de case vinte anos sentan nas mesas compartidas dun tren de media distancia.

Falan demasiado alto, mentres xogan a partida cunhas cartas de póquer e apostan a ver quen é máis espelido. Conversan entre eles, mais sen esquecer que o vagón enteiro os está a escoitar, cheo de envexa pola súa inocencia, despreocupación e mocidade. No ir e vir das súas palabras, un deles —ao que lle treme algo a voz, e os seus compañeiros consultan que película ver na noite do venres—  tira dunha carpeta os apuntes impresos dunha materia, que probablemente teña que estudar ou estar a estudar xa. Le varios títulos, escóitase algo sobre socioloxía, e logo vén o famoso Jean Paul Sastre, a quen o rapaz impón a categoría de pavo de la hostia.

Perdo o interese, mais eles continúan cos seus naipes, os seus xogos de nenos, gastándolle bromas ao alumno do Sastre, incapaces de se decatar de que en realidade están a debullar relacións de poder entre eles, que as súas actitudes os encamiñarán en interaccións futuras, que quizais algún deles se sinta atraído, polo que sexa, por outro dos DELES. E mentres matino nestes pensamentos, falan da muller que lles vai todos os días a limpar a habitación e o baño. E póñome triste, e tendo a xeralizar a súa situación, e penso que así non imos a ningures. Que con estudantes que len ao Sastre mentres a asistenta lles limpa a merda, xa podemos ir todos a votar o domingo e levar a Europa a que nos pete; que ao final seguramente o noso candidato ou candidata (ou os que van por detrás ou diante) leu algunha vez ao Sastre, e tiña unha criada mentres xogaba á escoba cos seus colegas de carreira, e soñaba con beber licor café ata morrer ou acabar na costa da rúa de Fonte Sequelo, de costas, cun cubata na man, e mirando como saía o sol.



No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...