5.13.2014

Ante todo, coherencia

088
Achéganse as eleccións europeas e as rúas xa non só acubillan carteis de concertos, clases particulares, festas comerciais e anuncios falaces, mais tamén agora temos a fortuna de ver caras rodeadas de cores que nos falan mediante slogans directos do que nos debería preocupar, nunha apelación intencionada para pedirnos o noso voto, e convertérense asi en parte dese lugar afastado onde todos falan a través de intérpretes do futuro dos estados membros.

751 serán os selecionados, os eurodeputados, cun soldo medio de 7665,71 € mensuais. Temos que decidir, polo tanto, a quen lle imos pagar esta cantidade, como mínimo (hai dietas e subvencións aplicables por motivos varios como o desprazamento, vivenda...) cada mes, para que durante a súa xornada laboral defenda os intereses dos que o votaron (ou de todos?) en base aos programas electorais que presentan á cidadanía na súa campaña de colección de puntos. A maioría serán escollidos por votantes que descoñecen o que escollen. A súa decisión vai ter moito que ver coa cor do cartaz, e, xa algo menos, coa frase que resuma sucinta e vilmente toda unha ideosincrasia.

Eu non son escéptico; quizais un pouco. Pero comprendo a desafección que existe dentro da poboación, no que se denomina en xeral. Só temos que botar un ollo aos xornais para atopar polo menos dúas ou tres razóns polas que non apoiar aos grandes partidos políticos. Só temos que vivir en Santiago de Compostela e ter unhas cantas amizades para saber dos problemas que están a ter os pequenos partidos para poder, primeiro, pórse de acordo, segundo, para amosar coherencia, e terceiro, para organizar a campaña electoral das europeas. Despois de todo, a precariedade afecta a máis xente que á metade dos mozos e mozas do Estado español.

Onde quero chegar con estes argumentos? A ningures. Votade se queredes votar. Non votedes senón queredes votar. Porén, en calquera dos casos, nos vos esquezades de que a decisión é vosa, e con ela teredes que ser coherentes, a pesares de que os que resulten escollidos non gocen de tal capacidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...