O motivo da miña visita foron Suelen Estar Quartet. Eles son Macarena Montesinos (1982, Vigo) Saúl Puga (1982, Vigo), Elena Vázquez (1984, Santiago de Compostela), e María José Pámpano (1981, Santiago de Compostela). A súa formación musical clásica levounos a explorar derroteiros musicais exentos de trabas e limitacións. Hai pouco máis dun ano formaron o cuarteto, e dende entón, realizan música improvisada, o que segundo María José non é nada común, xa que os cuartetos, non adoitan contar con violín e máis viola, e normalmente decántanse polo clásico. Din, non son eles os pioneiros da música libre no país, pero si dos poucos cuartetos que contan con todo o rango de cordas e que apostan pola música improvisada.



Suelen Estar e a chispa da improvisación
Falando despois do concerto con Saúl, quen leva toda a vida adicándose á música, entereime de que lle puxeron Suelen Estar por que tiñan pensado outro nome pero non respondía ás regras de memorización do marketing, e ademais, o que finalmente escolleron, é totalmente acertado, pois eles adoitan estar aquí ou alá. Logo de coñecer no bar a un tuno (un home con moita retranca por certo) que bailara con Celia Cruz na Praza do Obradoiro no ano 93, fun a por Elena, que estaba na porta d'El Puente e interrogueina mentres fumábamos un cigarrito. Ela formouse, coma o resto dos compoñentes do grupo, desde unha base clásica, pero un día un amigo introduciuna no mundo da improvisación e da experimentación musical a través da O.M.E.G.A. (que terá un espazo propio en próximas edicións) e mergullouse neste universo sen pensalo.
O cuarteto non lles permite vivir de forma espléndida e acomodada e na maioría das ocasións sinten que infravaloran o seu traballo. Regatéanlle os prezos das actuacións coma se un cuarteto de corda fose un quilo de grelos na Praza de Abastos de Santiago. Teñen outros traballos, coma profesores de escola ou de clases particulares. Ao futuro miráno de reollo e as expectativas non van máis aló do curto-medio prazo. Non saben coma estarán en seis ou catro meses, pero Macarena afirma que "se está a formar unha chispa" e que cada vez –aínda que o público non está totalmente acostumado á música improvisada– hai unha maior educación ou sensibilización dos espectadores, e recorda con cariño a ovación que recibiron non hai moito, nunha actuación no Teatro Principal de Compostela: "cando rematamos fíxose un enorme silencio e logo todo o mundo comezou a aplaudir e a berrar" o que foi moi reconfortante pois non estaban seguros de que a súa música encaixara neste espazo.
Don't panic!
Coma Manu Mimé, protagonista de "A censura do porto santificado", coma os habitantes d'A Peregrina, e coma os traballadores de Vista Alegre, os grandes músicos que se deron cita na noite do xoves do 1 de Marzo do 2012 no bar El Puente, fan o que lles gusta, disfrutan profundamente co que fan, e iso nótase, por que ao tocar, ao pintar, ao crear, contaxian a un deste sentimento, e éntranche ganas de berrar, de cantar con eles, de pintar con eles. Pero, polo momento voume adicar a escribir, así que don't panic!.
P.D.: Aos compoñentes de Suelen Estar Quartet deixeinos gardando os istrumentos no coche, ían de volta para Vigo. Eu volvín aquí a Pexigo de Arriba e prometin n'El Puente que me deixaría caer por alí de cando en cando; que iría rolando. E as promesas hai que cumprilas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario